Xesús González Gómez, Mirbeau, Un Dramaturgo Rebelde en Galego

You might also like

Download as doc, pdf, or txt
Download as doc, pdf, or txt
You are on page 1of 3

XESÚS GONZÁLEZ GÓMEZ

Mirbeau, un dramaturgo rebelde en galego

Primeira edición francesa de Os malos pastores

Octave Mirbeau é un excelente escritor case descoñecido fóra de Francia, onde


tampouco é moi lido. Talvez a súa obra máis coñecida sexa Journal d’une femme de chambre
(Diario dunha criada), debido á adaptación sulfúrica que fixo Luis Buñuel. Mais Mirbeau,
dramaturgo, novelista, xornalista, crítico, é deses autores cuxa visita é sempre recomendábel.
Amigo e asiduo de Mallarmé, de Rodin, de Goncourt, de Monet, de Renard, foi bonapartista á
caida do Imperio en 1872, escribiu artigos antisemitas polos que demandou anos despois
perdón (foi drefuysista de primeira hora e sobre o “affaire” Dreyfus escribiu un libro),
dereitista cando os republicanos tomaron o poder, e a partir de 1884, anarquista,
anticolonialista, pacifista en xullo de 1914. Camarada de Maupassant, rexeitou toda
vinculación ao naturalismo de Zola, de quen sospeitaba aspiraba á aburguesarse. Abondo
afastado do simbolismo, saudou a Maeterlinck como un novo Shakespeare. En pintura, elixiu
a Monet, Degas, Gauguin e Van Gogh; o seu escultor preferido era Rodin, e o seu músico
Debussy.

Nas súas novelas, nas súas crónicas, nos seus contos, Mirbeau (“fillo da revolución”,
como gustaba nomearse: nacera en 1848, ano en que se produciron en Francia dúas
revolucións: a de Febreiro, realizada pola burguesía con axuda do proletariado; a de Xuño: a
burguesía esmagou e masacrou os obreiros cando estes se rebelaron diante da traizón
burguesa; morreu en 1917, cando outra revolución, finalmente traizoada, comezaba) e dos que
olla e recorda. A súa mocidade estivo chea de desastres: estudos de dereito notarial que
odiaba, derrota militar en 1870, amores deplorábeis, visitas a prostíbulos. Despois de amores
tormentosos cunha muller chamada Judith, casou cunha actriz, Alice, cuxa vida particular era
seguida de cerca pola policía antivicio. Alice acabou como dama da caridade e vinculada ao
nacionalismo, como convén a certas damas. Á morte do escritor, en 1917, fixo aparecer un
testamento intelectual no que Mirbeau chamaría a proseguir a guerra até a aniquilación de
Alemaña: demostrouse que fora redactado polo renegado Gustave Hervé, socialista até 1912,
logo nacionalista e compañeiro do fascismo nos anos 1920.

Nas súas obras teatrais, narrativas ou artigos pinta ao vitriolo os políticos corrompidos,
os militares colonialistas e amantes dos masacres, a pequena nobreza arruinada e preguizosa,
os campesiños bretóns, a toda Francia. Pódese afirmar que estes traballos de entomoloxista do
odio e da parvada culminan nunha estraña novela, que apareceu en 1899: Le Jardin des
supplices. Logo apareceu a devantida Journal d’une femme de chambre, e en 1907 La 628-
E8, que Marinetti colocaba como texto precursor do futurismo (narra unha viaxe en
automóbil), da que tivo que retirar o capítulo dedicado á morte de Balzac, e que só en 1939 se
publicaría integramente.

Como autor teatral, talvez a súa mellor obra sexa Les affaires sont les affaires (1903),
que continúa a ser representada constantemente en Francia: a obra é dun humor devastador e
rabioso; outra das súas mellores obras é L’Épidemie, unha forte sátira que o mozo Gramsci
propuña en 1918 aos directores de compañías. E a de máis éxito en vida, pero da que Mirbeau
"nunca estivo satisfeito (...) e tería desexado suprimila da listaxe da súa produción literaria. A
obra ten, de feito, varios treitos enfáticos, impostos por Sarah Bernhartd...”, Os malos
pastores, que acaba de ver luz en galego, na Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado
Mayor, nunha boa tradución e ao coidado de María Obdulia Luis Gamallo.

A obra foi estreada pola compañía da Bernhardt no teatro Renacemento, o 14 de


decembro de 1897, con Lucien Guitry no papel de Jean Roule, segundo nos recorda a
tradutora e prologuista. Por certo, Guitry, pai do dramaturgo e cineasta Sacha Guitry,
afirmaba, maliciosamente, que Mirbeau sufría por ter que agachar a súa alma de conservador.

Os malos pastores, como afirma María Obdulia Luis Gamallo, non é unha obra de
propaganda –a trama da obra é unha folga obreira que desemboca nunha matanza: como na
maioría do drama realista francés, sucesor da defunta traxedia e do efémero drama romántico,
o pesimismo naturalista, a rozar o nihilismo, atravesa esta peza. No drama realista, a
burguesía francesa triunfante da segunda metade do século XIX achou un xénero á súa imaxe
e á medida das súas preocupacións, aínda que os seus cultores fosen anarquistas ou
socialistas: as pezas de Henri Becque, esta de Mirbeau, mesmo as dese feroz polemista que
era Georges Darien, ou a de moitos autores anarquistas ou socialistas, hoxe esquecidos como
Jean Contri e Jean Gallien, ou a de militantes que tomaron a pluma e escribiron pezas teatrais
como Charles Malato, Henri Ghesquière, Vera Starkoff, ou a grande Louise Michel, talvez a
única que non fai unha mínima concesión á burguesía (véxase: Au temps de l’anarchie, un
théâtre de combat (1880-1914), textos escollidos, estabelecidos e presentados Jonny Ebstein,
Philippe Ivernel, Monique Surel-Tupin e Sylvie Thomas, prefacio de Alain Badiou, Paris,
Éditions Séguier Archimbaud, 2001, 3 tomos. 126 euros os 3 volumes), se ben foron
interpretadas en círculos obreiros, e mesmo ás veces con éxito, non lograron romper co drama
burgués nin co teatro de bulevar, do que eran herdeiros e continuadores, sen, digamos,
«ruptura» ; e esa foi a súa «traxedia»: ese traballo o estaba a cumprir, neses mesmos anos,
Alfred Jarry (anarquista, por certo).

A Nosa Terra, Vigo, 27/12/2010

You might also like