Professional Documents
Culture Documents
INDIGNÁDEVOS!
STÉPHANE HESSEL
93 anos. Ven sendo a derradeira etapa. O final xa non está moi lonxe. Que sorte
poder aproveitala para lembrar o que serviu de alicerce ao meu compromiso político:
os anos de resistencia e o programa elaborado polo Consello Nacional da Resistenciai.
Debémoslle a Jean Moulin a reunión, no marco dese Consello, de todos os
compoñentes da Francia ocupada, os movementos, os partidos, os sindicatos, para
proclamaren a súa adhesión á Francia combatente e ao único xefe que esta recoñecía:
o xeneral de Gaulle. En Londres –onde me unira a este en marzo de 1941‐ eu
informábame de que o devandito Consello confeccionara un programa, que o
aprobara o 15 de marzo de 1944 e que propuxera para a Francia liberada un conxunto
de principios e de valores sobre os que repousaría a democracia moderna do noso
país.
A partir de 1945, despois dun drama atroz, as forzas presentes no seo do
Consello da Resistencia conságranse a unha ambiciosa reconstrución. Lembrémolo: é
entón cando se crea a Seguridade Social, como desexaba a Resistencia e estipulaba o
seu programa:
“Un plan completo de Seguridade Social, tendente a lles asegurar a todos os
cidadáns medios de existencia en todos aqueles casos nos que eles sexan incapaces de
os acadar por medio do traballo”.
As fontes de enerxía, a electricidade e o gas, as minas de carbón e a gran banca
son nacionalizadas. É o que preconizaba tamén este programa:
“ Volverlle á nación os grandes medios de produción monopolizados, froito do
traballo común, as fontes de enerxía, as riquezas do subsolo, as compañías de seguros
e a gran banca”.
“A instauración dunha verdadeira democracia económica e social que implica o
afastamento dos grandes feudos económicos e financeiros da dirección da economía”.
O interese xeral debe primar sobre o interese particular, o xusto reparto das
riquezas creadas polo mundo do traballo primar sobre o poder do diñeiro. A
Resistencia propón:
E o Goberno Provisorio da República toma o relevo das propostas.
“A liberdade da prensa, o seu honor e a súa independencia a respecto do
Estado, dos poderes do diñeiro e das influencias estranxeiras”
Hoxe estanse a cuestionar os alicerces todos das conquistas sociais da
Resistenciaii.
O motivo da resistencia é a indignación
Atrévense a dicirnos que o estado xa non pode afrontar o custe destas medidas
cidadás. Mais: como pode faltar hoxe diñeiro para manter e prolongar estas conquistas
cando a produción de riquezas aumentou considerablemente dende a Liberación,
período no que Europa estaba arruinada? Non é senón porque o poder do diñeiro, tan
combatido pola Resistencia, nunca foi tan grande, insolente e egoísta, tendo os seus
propios servidores até nas máis altas esferas do Estado. Os bancos, agora privatizados,
amósanse en primeiro lugar preocupados polos seus dividendos e polos altísimos
1
As persoas interesadas en coñeceren mellor as causas deste rexeitamento poden consultar en Internet
a carta dun profesor ao seu inspector educativo rexeitando aplicar as reformas:
http://www.scribd.com/doc/9674474/Lettre‐de‐refus‐dobeir‐face‐au‐projet‐de‐reforme‐Darcos‐
instituteur2008 (Nota do tradutor)
salarios dos seus directivos, non polo interese xeral. A distancia entre os máis pobres e
os máis ricos nunca tan importante foi, e a carreira polo diñeiro e a competición nunca
tan fomentada.
Deséxovos a todos e a cada un de vós que teñades o voso motivo de
indignación. É valiosísimo. Cando algo vos indigna, como a min me indignou o nazismo,
daquela un faise militante, forte e comprometido. Únese á gran corrente da Historia, e
a gran corrente da Historia debe proseguir grazas a cada un de nós. Esta corrente
camiña cara a unha maior xustiza e maior liberdade, mais non esa liberdade
incontrolada do raposo no galiñeiro. Estes dereitos, que en 1948 a Declaración
Universal recolleu en programa, son universais. Se vós atopades alguén que non goza
deles, compadecédeo e axudádelle a conquistalos.
Dúas visións da Historia
Cando eu intento comprender cal foi a causa do fascismo, a causa de que nos
invadira este e o réxime de Vichy, dígome que os acaudalados, co seu egoísmo,
tivéronlle un medo terríbel á revolución bolxevique. E deixáronse conducir polo seu
medo. Mais se, hoxe coma entón, se ergue unha minoría activa, ha ser abondo,
teremos o fermento para que a pasta levede. De certo que a experiencia de alguén
moi vello coma min, nacido en 1917, é diferente da experiencia dos mozos de hoxe.
Con frecuencia pido aos profesores de secundaria que me deixen intervir ante os seus
alumnos, e dígolles: Vós non tedes as mesmas razóns evidentes para vos
comprometerdes. Para nós, resistir era non aceptar a ocupación alemá e a desfeita.
Era relativamente sinxelo. Sinxelo como o que veu despois: a descolonización. E
despois, a guerra de Alxeria. Cumpría que Alxeria fose independente, era unha
evidencia. Canto a Stalin, todos nós aplaudimos a vitoria do Exército Vermello sobre
dos nazis en 1943. Mais xa cando coñeceramos os grandes procesos stalinistas de 1935
–e mesmo se cumpría prestar un ouvido ao comunismo para contrapesar o capitalismo
americano‐ a necesidade de se opor a esta forma insoportábel de totalitarismo
impuxérase como unha evidencia. A miña longa vida deume unha sucesión de razóns
de me indignar.
Estas razóns naceron menos dunha emoción ca dunha vontade de compromiso.
O normalien2 mozo que eu era viuse moi influído por Sartre, condiscípulo máis vello. A
náusea e O muro – non O ser e a nada‐ foron moi importantes na formación do meu
pensamento. Sartre aprendeunos a nos dicirmos: “Vós sodes responsábeis en tanto
que individuos”. Era unha mensaxe libertaria. A responsabilidade do home que non
pode remitirse nin a un poder nin a un deus. Ao contrario: é preciso comprometerse
en nome da propia responsabilidade de persoa humana. Cando en 1939 entrei na
École Normale Supérieure da rue d’Ulm, en París, entraba nela como férvido discípulo
do filósofo Hegel e asistía ao seminario de Maurice Merleau‐Ponty. O seu ensino
exploraba a experiencia concreta, a do corpo e a das súas relacións co sentido,
relevante singular fronte ao plural dos sentidos. Pero o meu optimismo natural que
quere que todo o que é desexábel sexa posíbel, levábame máis cara a Hegel. O
hegelianismo interpreta a longa historia da Humanidade como dotada de sentido: é a
liberdade do home que progresa de etapa en etapa. A Historia esta feita de choques
sucesivos, é a asunción de desafíos. A historia das sociedades progresa e, ao cabo,
acadada polo home a liberdade completa, temos o Estado democrático na súa forma
ideal.
Existe, claro, outra concepción da Historia. Os progresos feitos pola liberdade, a
competición, a carreira cara a “sempre máis”, poden ser vividos coma un furacán
destrutor. É así como a representa un amigo de meu pai, o home que compartiu con el
a tarefa de traducir ao alemán Á procura do tempo perdido, de Marcel Proust. É o
filósofo alemán Walter Benjamin. El tirara unha mensaxe pesimista dun cadro do
pintor suízo Paul Klee, o Angelus Novus, no que a figura do anxo abre os brazos como
para conter e rexeitar unha treboada que el identifica co progreso. Para Benjamin, que
se suicidará en setembro de 1940 para fuxir do nazismo, o sentido da Historia é o
camiñar irresistíbel de catástrofe en catástrofe.
A indiferenza, a peor das actitudes
É certo, as razóns de se indignar poden parecer hoxe menos nidias, ou o mundo
complexo de máis. Quen manda? Quen decide? Non sempre é doado distinguir entre
todas as correntes que nos gobernan. Non temos xa diante unha pequena elite da que
entendemos claramente o xeito de actuar. É un vasto mundo que percibimos como
interdependente. Vivimos nunha interconectividade moito máis grande do que
endexamais existiu. Mais neste mundo hai cousas insoportábeis. Para velo cómpre
2
Alumno ou ex‐alumno da École Normale Supérieure. Durante moitas décadas, a da rue d’Ulm, en París,
foi a única existente en Francia. A súa fundación remóntase a 1794, época da Convención. Esta escola é
un dos máis prestixiosos centros universitarios de Europa e nela –tras unha rigorosa selección‐
estudantes de todas as materias, humanísticas ou científicas, reciben unha formación moi cualificada.
Normaliens e normaliennes forman parte da elite do profesorado universitario, da investigación e dos
corpos da Administración do Estado. (N. d. t.)
ollar e buscar ben. Eu dígolle aos mozos: Buscade un pouquiño e habedes atopar. A
peor actitude é a indiferenza, dicir: “Eu non podo facerlle nada, eu voume apañando”.
Ao vos comportardes así, perdedes unha das compoñentes esenciais que caracterizan
ao ser humano: a capacidade de indignación e o compromiso que se deriva dela.
Podemos xa identificar dous novos grandes desafíos:
1.‐ A inmensa distancia que existe entre os moi pobres e os moi ricos, que non
cesa de aumentar.
É unha innovación dos séculos XX e XXI. Os moi pobres, no mundo de hoxe,
gañan a penas dous dólares por día. Non podemos permitir que esta distancia siga a
aumentar. Esta sinxela constatación debe suscitar o compromiso.
2.‐ Os dereitos humanos e o estado do planeta.
Eu tiven a sorte, despois da Liberación, de estar asociado á redacción da
Declaración Universal dos Dereitos Humanos, adoptada pola Organización das Nacións
Unidas o 10 de decembro de 1948 en París, no Palacio de Chaillot. En calidade de xefe
do gabinete de Henri Laugier –secretario xeral adxunto da ONU‐ e secretario da
Comisión dos Dereitos Humanos, participei, xuntamente con outras persoas, na
redacción desa declaración. Non podo esquecer na súa elaboración o papel de René
Cassin ‐ Comisario Nacional de Xustiza e Educación do goberno da Francia Libre en
Londres en 1941, que foi premio Nobel da Paz en 1948‐ nin o de Pierre Mendès‐France
no seo do Consello Económico e Social ao que os textos que nós elaborabamos eran
sometidos antes de seren examinados pola Terceira Comisión da Asemblea Xeral,
encargada das cuestións sociais, humanitarias e culturais. Formaban parte dela os
cincuenta e catro estados que entón eran membros das Nacións Unidas e eu
desempeñaba a función de secretario.
Debémoslle a René Cassin o termo de dereitos universais e non internacionais
como propuñan os nosos amigos anglosaxóns. Porque era xustamente iso o que estaba
en xogo ao saírmos da Segunda Guerra Mundial: emancipármonos das ameazas que o
totalitarismo fixo pesar sobre a Humanidade. Para nos emanciparmos delas, cómpre
conseguir que os estados membros da ONU se comprometan a respectar eses dereitos
universais. É unha maneira de desmontar o argumento da soberanía plena que un
estado pode facer valer mentres comete crimes contra a Humanidade no seu solo. Foi
o caso de Hitler, que se consideraba o amo do seu país e autorizado a provocar un
xenocidio. Esta Declaración Universal débelle moito á revulsión universal ante o
nazismo, o fascismo e o totalitarismo, e mesmo –a través da nosa presenza‐ ao espírito
da Resistencia. Eu sentía que había que facer as cousas rapidamente, non ser inxenuo
coa hipocrisía na adhesión proclamada polos vencedores a estes valores que non todos
tiñan a intención de promover lealmente e que nos tratabamos de lles imporiii.
Non resisto a citar o artigo 15 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos:
“Todo individuo ten dereito a unha nacionalidade”. E o artigo 22: “Toda persoa, en
tanto que membro da sociedade, ten dereito á seguridade social; esta fúndase para
lograr a satisfacción dos dereitos económicos, sociais e culturais indispensábeis para a
súa dignidade e para o libre desenvolvemento da súa personalidade, grazas ao esforzo
nacional e á cooperación internacional, considerada a organización e os recursos de
cada país.” E se esta declaración ten un alcance declarativo e non xurídico, non por iso
deixou de desempeñar un importante papel dende 1948; houbo pobos colonizados
que se aferraron a ela na súa loita de independencia. A Declaración fecundou as
mentes no seu combate pola liberdade.
Constato con pracer que no decurso das últimas décadas se multiplicaron as
organización non gobernamentais, os movementos sociais como Attac (Asociación pola
taxación das transaccións financeiras), a FIDH (Federación Internacional dos Dereitos
Humanos), Amnistía Internacional… que son activas e acadan resultados. É evidente
que hoxe, para ser eficaz, é preciso actuar en rede, aproveitar todos os medios
modernos de comunicación.
Aos mozos dígolles: ollade arredor de vós, habedes atopar aí os temas que
xustifican a vosa indignación: o trato dado aos inmigrantes, aos sen‐papeis, aos
romanís. Habedes atopar situacións concretas que vos leven a exercer unha rexa
acción cidadá. Buscade e habedes atopar!
A miña indignación a propósito de Palestina
Aínda máis que as destrucións materiais como a do hospital do Crecente
Vermello polo Chumbo endurecido, remanecen na nosa memoria o comportamento
dos gazauís, o seu patriotismo, o seu amor polo mar e as praias, a súa constante
preocupación polo benestar dos seus fillos, innumerábeis e riseiros. Impresionounos a
súa enxeñosa maneira de afrontar todas as penurias que lles son impostas. Vímolos
fabricar ladrillos, a falta de cemento para reconstruír os milleiros de casas destruídas
polos tanques. Confirmáronnos que houbera no campo palestino mil catrocentos
mortos (incluíndo mulleres, nenos e vellos) no decurso desta operación Chumbo
endurecido efectuada polo exército israelí contra só cincuenta feridos por parte israelí.
Comparto as conclusións do xuíz surafricano. Que uns xudeus poidan pola súa parte
perpetrar crimes de guerra é insoportábel. Infelizmente, a Historia fornece poucos
exemplos de pobos que tiren leccións da súa propia historia.
Ben o sei: Hamás, que gañara as últimas eleccións lexislativas non puido evitar
que se lanzasen mísiles contra as vilas israelís en resposta á situación de illamento e de
bloqueo na que se atopan os gazauís. Evidentemente, penso que o terrorismo é
inaceptable, mais cómpre recoñecer que cando estades ocupados con medios militares
infinitamente superiores aos vosos, a reacción popular non pode ser só non‐violenta.
Seica beneficia a Hamás lanzar mísiles contra a vila de Sdérot? A resposta é
“non”. Non beneficia á súa causa, mais pódese explicar este xesto pola desesperación
dos gazauís. Na noción de desesperación cómpre entender a violencia coma unha
lamentábel conclusión de situacións inaceptábeis para os que a sofren. Daquela,
pódese dicir que o terrorismo é unha forma de desesperación. E que esta
desesperación é un termo negativo. Non habería que des‐esperar, habería que
esperar. A desesperación é unha negación da esperanza. É comprensíbel, e eu case
diría que é natural, mais non por iso é aceptábel. Porque non permite lograr os
resultados que pode eventualmente producir a esperanza.
A non‐violencia, o camiño que debemos aprender a seguir
Estou convencido de que o porvir pertence á non‐violencia, á conciliación das
culturas diferentes. Por este vieiro debe a Humanidade franquear a súa próxima etapa.
Niso únome a Sartre: non podemos desculpar aos terroristas que poñen bombas,
podémolos comprender. Sartre escribe en 1947: “Recoñezo que a violencia, en
calquera forma que se manifeste, é un fracaso. Mais é un fracaso inevitábel porque
estamos nun universo de violencia. E se é certo que o recurso da violencia contra a
violencia corre o risco de a perpetuar, tamén é certo que é o único xeito de a facer
rematariv”. Ao que eu engadiría que a non violencia é un medio máis seguro de a facer
rematar. Non podemos apoiar os terroristas, como fixo Sartre en nome deste principio
durante a guerra de Alxeria ou cando do atentado cometido nos xogos de Munich, en
1972, contra atletas israelís. Non é eficaz e o propio Sartre acabará por se interrogar ao
final da súa vida sobre o sentido do terrorismo e a dubidar da súa razón de ser.
Dicirnos “a violencia non é eficaz” é moito máis importante ca saber se debemos
condenar ou non os que a utilizan. O terrorismo non é eficaz. Na noción de eficacia,
cómpre unha esperanza non violenta. Se existe unha esperanza violenta é na poesía de
Guillaume Apollinaire (“Que l’espérance est violente3”) non en política. Sartre , en
marzo de 1980, a tres semanas da súa morte, declaraba: “Cómpre tentar de explicar
por que o mundo de agora, que é horríbel, non é senón un momentiño no longo
desenvolvemento histórico, que a esperanza sempre foi unha das forzas dominantes
das revolucións e das insurreccións e o moito que eu sinto aínda a esperanza como
concepción miña do porvirv”.
Cómpre entender que a violencia vira as costas ao esperanzamento. Cómpre
preferir a esperanza, a esperanza da non‐violencia. É o camiño que debemos aprender
a seguir. Tanto pola banda dos opresores como pola dos oprimidos, cómpre chegar á
negociación para facer desaparecer a opresión; iso é o que permitirá que non haxa xa
violencia terrorista. Por iso cómpre non deixar que se acumule demasiada xenreira.
A mensaxe dun Mandela e dun Martin Luther King atopa toda a súa pertinencia
nun mundo que superou a confrontación das ideoloxías e o totalitarismo conquistador.
É unha mensaxe de esperanza na capacidade das sociedades modernas para superar
os conflitos a través da comprensión mutua e a paciencia vixiante. Para acadalo
cómpre fundamentarse nos dereitos, e a violación destes –sexa de quen for a autoría‐
debe provocar a nosa indignación. Sobre estes dereitos non se transixe.
Por unha insurrección pacífica
Eu sinalei –e non fun o único‐ a reacción do goberno israelí confrontado ao
feito de que cada venres os cidadáns de Bil ’id van, sen lanzaren pedras e sen utilizaren
a forza, até o muro contra do que protestan. As autoridades israelís cualificaron esta
marcha como “terrorismo non‐violento”. Non está mal… Cómpre ser israelí para
cualificar como terrorista a non‐violencia. Mais sobre todo cómpre sentirse alterado
pola eficacia da non‐violencia, que reside en que suscita o apoio, a comprensión e o
sostemento de todos aqueles que no mundo son adversarios da opresión.
3
Alusión a un verso do coñecido poema Le pont Mirabeau. (N. d. t.)
Mais segue a ser certo que se teñen feito importantes progresos dende 1948: a
descolonización, o remate do apartheid, a destrución do imperio soviético, a caída do
muro de Berlín… Pola contra, os dez primeiros anos de século XXI constituíron un
período de recuamento. Este recuamento explícase, ao meu ver, pola presidencia
americana de George Bush, polo 11 de setembro e polas consecuencias desastrosas
que del tiraron os Estados Unidos, como esa intervención militar en Irak. Tivemos esa
crise económica mais non fomos quen de encetar unha nova política de
desenvolvemento. Coa mesma, o cumio de Copenhague contra o quecemento
climático non permitiu emprender unha verdadeira política de preservación do
planeta. Estamos nun limiar: entre os horrores da primeira década e as posibilidades
das décadas seguintes. Mais cómpre ter esperanza. Cómpre ter sempre esperanza. A
década anterior, a dos anos 1990, orixinara grandes progresos. As Nacións Unidas
souberon convocar conferencias como a de Río sobre o ambiente, en 1992, e a de
Pequín sobre a muller, en 1995. En setembro de 2000, por iniciativa do secretario xeral
das Nacións Unidas, Kofi Annan, os 191 países membros aprobaron a declaración sobre
os “Oito obxectivos do milenio para o desenvolvemento” pola que se comprometen
nomeadamente a reducir á á metade a pobreza no mundo de aquí a 2015. A miña
grande tristura é que nin Obama nin a Unión Europea se teñan manifestado aínda co
que debería ser a súa achega a unha fase construtiva alicerzada nos valores
fundamentais.
A aqueles que construirán o século XXI dicímoslle co noso afecto
“CREAR É RESISTIR.
RESISTIR É CREAR”
NOTAS DA EDICIÓN ORIXINAL ELABORADAS DE ACORDO CO AUTOR
i
Creado clandestinamente o 27 de maio de 1943 en París polos representantes dos oito grandes
movementos da Resistencia, dos dous grandes sindicatos de antes da guerra ( a CGT e a CFTC ou
Confederación Francesa de Traballadores Cristiáns), e dos seis principais partidos políticos da Terceira
República (entre eles o PC e a SFIO ou partido socialista), o Consello Nacional da Resistencia mantivo a
súa primeira xuntanza ese mesmo día baixo a presidencia de Jean Moulin, delegado do xeneral de
Gaulle que quixo constituír este Consello para facer máis eficaz a loita contra os nazis e reforzar a súa
propia lexitimidade ante os aliados. De Gaulle encarregoulle a este Consello a elaboración dun programa
de goberno en previsión da liberación de Francia. O programa fixo varias viaxes de ida e volta entre o
CNR e o goberno da Francia Libre, a un tempo en Londres e Alxer, antes de ser aprobado o 15 de marzo
de 1944 polo plenario da asemblea do CNR. Este programa foille entregado solemnemente ao xeneral
de Gaulle polo CNR o 25 de agosto de 1944 na Casa do Concello de París. Reparemos en que o decreto
sobre a prensa foi xa publicado o 26 de agosto. Un dos principais redactores do programa foi Roger
Ginsburger, fillo dun rabino alsaciano que naquel momento era –baixo o pseudónimo de Pierre Villon‐
secretario xeral da Fronte Nacional pola independencia de Francia ‐movemento de resistencia creado
polo Partido Comunista Francés en 1941‐ que el representou no seo do CNR e da súa comisión
permanente.
ii
Segundo estimacións sindicais, pasouse de o importe das pensións representar o 75‐80% do ingreso a
aproximadamente un 50%, en cifras globais. Jean‐Paul Domin, profesor de Economía na Universidade de
Reims‐Champagne‐Ardennes, redactou en 2010 un informe para o Instituto Europeo dos Salarios sobre
“O seguro médico complementario”. Nel revela que o acceso a un complementario de calidade é nestes
momentos un privilexio determinado pola xerarquía laboral, que os máis febles renuncian a algúns
tratamentos por falta de seguros complementarios e pola importancia da diferenza a pagar, que a orixe
do problema está en non ter feito do salario a base dos dereitos sociais , punto central dos decretos do
4 e 15 de outubro de 1945. Estes instituían a Seguridade Social e colocaban a súa xestión baixo a dupla
autoridade dos traballadores e do Estado. Dende as reformas de Juppé en 1995, promulgadas por
decreto, e despois, en 2004, a lei Douste Blazy (doutor en Medicina), só o Estado xestiona a Seguridade
Social. Por exemplo, é o Xefe do Estado quen nomea por Decreto o director xeral da Caixa Nacional do
Seguro de Enfermidade (CNAM). Xa non son sindicalistas –como nos días seguintes á Liberación‐ as
persoas que están á fronte das caixas primarias departamentais (4) senón o Estado ao través dos
prefectos. Os representantes dos traballadores só teñen nelas un papel consultivo.
iii
A Declaración Universal dos Dereitos Humanos foi aprobada o 10 de decembro de 1948 en París pola
Asemblea das Nacións Unidas, por 48 estados dun total de 58. Oito abstivéronse: África do Sur, a causa
do apartheid que a Declaración condenaba de feito, Arabia Saudita, polo mesmo, a causa da
desigualdade entre homes e mulleres, a Unión Soviética (Rusia, Ucraína e Bielorrusia), Polonia,
Checoslovaquia e Iugoslavia, por estimaren pola súa banda que a Declaración non avanzaba de abondo
nos dereitos económicos e sociais nin nos dereitos das minorías. Repárese, con todo, que Rusia en
concreto opúxose á proposta australiana de crear un Tribunal Internacional dos Dereitos Humanos
encarregado de examinar as peticións dirixidas ás Nacións Unidas. Cómpre lembrar aquí que o artigo 8
da Declaración establece o principio do recurso individual contra un Estado no caso de violación dos
dereitos fundamentais; este principio sería aplicado en 1998 coa creación do Tribunal Europeo dos
Dereitos Humanos permanente que garante ese dereito ao recurso a máis de 800 millóns de europeos.
iv
Sartre, J.‐P.: Situation de l’écrivain en 1947, in Situations II, París, Gallimard, 1948.
v
Sartre, J.‐P.: Maintenant l’espoir…(III) in Le Nouvel Observateur, 24 de marzo de 1980.
vi
Os asinantes do chamamento do 8 de marzo de 2004 son Lucie Aubrac, Raymond Aubrac, Henri
Bartoli, Daniel Cordier, Philippe Dechartre, Georges Guingouin, Stéphane Hessel, Maurice Kriegel‐
Valrimont, Lise London, Georges Séguy, Germaine Tillion, Jean‐Pierre Vernant e Maurice Voutey. Este
chamamento tivo un gran eco nas xeracións mozas, igual que o discurso improvisado por Stéphane
Hessel o 17 de maio de 2009 na chan de Glières, con ocasión da xuntanza anual “Palabras de
Resistencias” convocado por iniciativa da asociación “Cidadáns Resistentes de Onte e de Hoxe”.
Lembrando que “o motivo da Resistencia” fora “a indignación”. Hessel clamou: “Atopade os vosos
propios motivos de indignación, unídevos a esta gran corrente da Historia!”. Recollida polo cineasta
Gilles Perret para o seu filme Walter, regreso á resistencia, esta intervención foi o punto de partida do
texto aquí publicado. Pódese consultar con proveito o sitio Internet da asociación: www.citoyens‐
resistants.fr
(4) Delegacións locais da devandita Caixa Nacional do Seguro de Enfermidade –unha das seccións
da Seguridade Social‐ que en xeral teñen ámbito departamental, equivalente ao da “provincia”
española. A autoridade que representa o Goberno do Estado nos departamentos é o prefecto,
cargo similar ao antigo “gobernador civil” en España. (N. d. t.)
POSFACIO DA EDICIÓN ORIXINAL
Stéphane Hessel naceu en Berlín en 1917, de pai xudeu, escritor e tradutor,
Franz Hessel, e de nai pintora e melómana, Helen Grund, tamén escritora. Seus pais
establécense en Paris en 1924, cos seus dous fillos: Ulrich, o máis vello, e Stéphane.
Grazas ao ambiente familiar, os dous frecuentan a vangarda parisiense, como o
dadaísta Marcel Duchamp e o escultor americano Alexander Calder. En 1939 Stéphane
entra na Escola Normal Superior da rue d’Ulm, mais a guerra interrompe os seus
estudos. Nacionalizado francés dende 1937, é mobilizado e coñece a drôle de guerre
(5) e ve o mariscal Pétain vender a soberanía francesa. En maio de 1941 únese á
Francia Libre do xeneral de Gaulle, en Londres. Traballa no Servizo de Contra‐
Espionaxe, de Información e Acción (BCRA). Nunha noite do final de marzo de 1944
desembárcano clandestinamente en Francia có nome en código de Greco e a misión de
entrar en contacto coas diferentes redes parisienses e de atopar novos lugares de
emisión para transmitir a Londres as información recibidas orientadas ao desembarco
aliado. O 10 de xuño a Gestapo aprésao en París por unha delación (“Non hai que
perseguir a alguén que falou baixo torturas”, escribirá el nun libro de memorias,
Bailando co século, en 1997). Despois de varios interrogatorios baixo torturas –a
“bañeira”, especialmente, mais desconcerta ao torturadores falándolles en alemán, a
súa lingua natal‐ é enviado ao campo de concentración de Buchenwald, en Alemaña, o
8 de agosto de 1944, é dicir, uns días antes da liberación de París. O día anterior ao que
ía ser aforcado, logra in extremis trocar a súa identidade pola dun francés falecido de
tifo no campo. Baixo un novo nome, Michel Boitel, de oficio fresador, é transferido ao
campo de Rottleberode, próximo á fabrica dos trens de aterraxe dos bombardeiros
alemáns Junker 52, mais felizmente –a súa eterna sorte‐ destínano ao servizo de
contabilidade. Evádese. Capturado, trasládano ao campo de Dora, no que se fabrican
os foguetes V‐1 e V‐2 cos que os nazis esperan aínda gañar a guerra. Enviado á
compañía disciplinaria, evádese de novo, esta vez definitivamente; as tropas aliadas
estanse achegando a Dora. Finalmente regresa a París e se reúne coa súa muller, Vitia,
a nai dos seus tres fillos, dous rapaces e unha rapaza.
“Esta vida restituída cumpría comprometela”, escribe o veterano da Francia
Libre nas súa memorias. En 1948, despois de ter aprobado o concurso de entrada ao
Ministerio de Asuntos Exteriores, Stéphane Hessel convértese en diplomático. O seu
primeiro destino é nas Nacións Unidas onde ese ano Henri Laugier –secretario xeral
adxunto da ONU e secretario da Comisión dos Dereitos Humanos‐ lle propón ser o seu
secretario de gabinete. En calidade de tal únese á comisión encarregada de elaborar o
que será a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Considérase que dos seus
doce membros, seis desempeñaron un papel fundamental:
‐Eleanor Roosevelt. Viúva do Presidente Roosevelt (falecido en 1945).
Feminista comprometida. É a presidenta da comisión.
‐o doutor Chang (da China de Chiang‐Kai‐Chek, non da de Mao).
Vicepresidente da comisión. El afirmou que a Declaración non debía
reflectir unicamente as ideas occidentais.
‐Charles Habib Malik (Líbano). Relator da comisión. Cualificado con
frecuencia como a “forza impulsora” xuntamente con Eleanor Roosevelt.
René Cassin (Francia). Xurista e diplomático, presidente da Comisión
Consultiva dos Dereitos Humanos ante o Ministerio de Asuntos Exteriores
francés. A el se lle debe a redacción de varios artigos e ter sabido conciliar o
acordo esguellando os temores de varios países (incluída Francia) que vían a
súa soberanía colonial ameazada por esta declaración. Tiña unha
concepción esixente e intervencionista encol do Dereitos Humanos.
‐John Peters Humphrey (Canadá). Avogado e diplomático. Estreito
colaborador de Laugier. Escribiu o primeiro esbozo, un documento de 400
páxinas.
‐Stéphane Hessel (Francia). Diplomático. Xefe de gabinete de Laugier. O
membro máis novo da comisión.
Vese o moito que o espírito da Francia Libre inspirou esta comisión.
A Declaración foi aprobada o 10 de decembro de 1948 polas Nacións Unidas en
París, no Palacio de Chaillot.
Coa afluencia de novos funcionarios –moitos deles en procura dun posto ben
remunerado e “que illan aos marxinais que perseguen un ideal”, segundo o propio
comentario de Hessel nas súas memorias‐ abandona as Nacións Unidas.
Durante a guerra de Alxeria, milita a prol da independencia alxeriana.
En 1977, coa complicidade do secretario xeral do Elíseo (6), Claude Brossolette
(fillo de Pierre, antigo xefe do BCRA), o Presidente Giscard d’Estaing proponlle o posto
de embaixador ante as Nacións Unidas, en Xenebra.
Non agacha que de entre todos os estadistas franceses, aquel do que máis
próximo se sentiu foi Pierre Mendès France (7), ao que coñeceu en Londres no tempo
da Francia Libre e volveu a atopar nas Nacións Unidas en 1946, en Nova York, onde
Mendès France representaba a Francia no seo do Consello Económico e Social.
Deberalle a súa consagración como diplomático a “esa modificación no goberno
de Francia que constitúe a chegada de François Mitterrand ao Elíseo”, en 1981,
segundo el escribe. “Esta converteu un diplomático de especialización bastante estreita
na cooperación multilateral, a dous anos do retiro, un embaixador de Francia.”
Afíliase ao partido socialista. “Pregúntome por que. Primeira resposta. O shock
do ano 1995 (8). Non podía imaxinar os franceses imprudentes de abondo como para
levar a Jacques Chirac á presidencia”.
Ao dispor a partir dese momento dun pasaporte diplomático, viaxa en 2008 e
2009 coa súa nova muller á banda de Gaza e ao seu regreso testemuña sobre a
dolorosa existencia dos gazauís. “Eu sempre me situei no lado dos disidentes”, declara
nese mesmo momento.
É, de certo, ese o que fala aquí, aos 93 anos.
Sylvie Crossman
(5) “A guerra estraña”. Así se chama popularmente en francés ao primeiro período da guerra de 1939‐
45, caracterizado por unha estraña tranquilidade na fronte. (N. d. t.)
(6) O palacio do Elíseo é a residencia do Presidente da República Francesa. (N. d. t.)
(7) Importante político francés que constituíu un referente ético da esquerda. (N. d. t)
(8) Co enfrontamento dos dous líderes da dereita francesa (Balladur e Chirac) nas eleccións presidenciais
de 1995 ten lugar unha agre campaña na que saen ao coñecemento público distintos escándalos
políticos e económicos nos que estaría implicado Chirac. (N. d. t.)