O proxecto do BNG para Centro de Alto Rendemento Deportivo
paralímpico, especializado en discapacidade, pretende facer do concello de Oleiros un referente internacional en materia deportiva, cun centro especializado único a nível internacional e localizado no contorno xeográfico de Bastiagueiro, e que ten como xerme a Facultade de Ciencias para o Deporte e a Educación Física de Galiza (INEF-UdC). Para este cometido, entendemos que son básicas as seguintes infraestruturas:
1) Residencia para Estudantes adaptada á mobilidade, sen barreiras
arquitectónicas, e situada no contorno do Pazo de Lóngora, pertencente á Universidade da Coruña, e que debe albergar entre 150 e 200 estudantes ou residentes do INEF e do futuro CARdis Galiza. Esta residencia poderá ser empregada tamén en período non lectivo para concentracións deportivas, encontros, xornadas e congresos. A residencia será pública, podendo participar da súa creación a Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galiza.
2) Instalación Deportiva cuberta anexa ao actual estadio de atletismo. Esta
instalación debe estar adaptada tamén, como todas as instalacións, a calquera discapacidade, e debe ter espazos para as distintas modalidades deportivas minoritarias, unha pista de atletismo homologada de 200 metros (non hai ningunha en Galiza), e todo aquel equipamento de investigación do rendemento deportivo vinculado ás discapacidades psíquicas e físicas. Na creación desta instalación poden participar a Consellaría de Cultura e Deporte e a Consellaría de Industria (I +D).
3) Eliminación de barreiras internas e externas en todo o contorno de
Bastiagueiro e nas actuais instalacións universitarias do INEF, así como os accesos á praia de Bastiagueiro, tanto para as persoas como para as embarcacións. Nestes investimentos podería participar a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
4) Construción anexa ao estadio de atletismo dunha piscina adaptada para
discapacidades de todo tipo, e, nomeadamente, para aquelas persoas con lesións medulares.
5) Creación de áreas de aparcamentos de autobuses, para vehículos normais e
adaptados.
6) Creación de pistas de paseo e campo a través, así como zonas de
exercicios ao ar libre no parque metropolitano de Bastiagueiro, con aparatos de exercicios externos adaptados tamén á discapacidade. Pode participar na adaptación dese contorno a Consellaría de Medio Rural.
7) Reserva de solo para o posterior deseño de infraestruturas en función das
necesidades que o CARdis-GALIZA poida xerar en función da actividade e da demanda real que se poida precisar no futuro.
8) Creación dun gabinete de xestión da investigación para a súa aplicación
no conxunto da sociedade (I+D+I) que pode estar situado nas actuais instalacións ou nunha ampliación das mesmas.
Todas as actuacións que propomos deben estar abertas á participación doutras
entidades e administracións como consellarías, ministerios, o COE (Comité Olímpico Español), asociacións sociais vencelladas á discapacidade física e psíquica, a ONCE a Universidade da Coruña como motor dunha grande área universitaria na zona, e o Concello de Oleiros como grande beneficiario dun proxecto ambicioso que fará do noso concello un referente internacional por albergar un centro de grande importancia tanto no rendemento deportivo como na investigación aplicada ao conxunto da sociedade.
Esta proposta é un esbozo do que pode ser un documento de debate no que
deben de participar as institucións mencionadas, e, polo tanto, este anteproxecto é mudábel, adaptábel e ampliábel en función do diálogo, a negociación e o posíbel consenso das diferentes administracións que participen do mesmo, e que definan dunha maneira concluínte:
1) as infraestruturas concretas.
2) a prioridade á hora de crear os diferentes equipamentos.
3) a porcentaxe de participación.
Este é un proxecto transversal, transparente, participativo e ambicioso.
Oleiros, a comarca, e Galiza, deben ser os beneficiarios dun proxecto global pensado en clave de país, sostíbel, orixinal e único, que nos porá no mundo como un modelo para a integración a través do deporte.