Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 16

LÍNGUA GALEGA E LITERATURA

OPCIÓN 1
O próximo 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, volveranse escoitar cifras,
estatísticas e datos que non resultan sorprendentes. Nunca como agora se falou
tanto de discriminación das mulleres no traballo e do aumento da violencia
familiar. Pero non por iso son fenómenos recentes. As denuncias por
discriminación e agresións son xa moeda corrente nunha sociedade que comeza a
tomar conciencia da problemática da muller, pero só cando o bombardeo de
asasinos, malleiras e despedimentos improcedentes é tan grande fai imposible
pecha-los ollos e os oídos ante unha situación aberrante e inxusta.
A tópica discriminación laboral da muller non é un invento dos colectivos
feministas, anque si foron eles os primeiros en alza-la súa voz para denunciala.
Segundo datos do Instituto Nacional de Emprego, en 1996, os homes gañaban
unha media de 1.700 pesetas por hora traballada, mentres que no caso das
mulleres esta cifra a penas chegaba ás 1.250 pesetas. Máis datos: un estudio feito
por membros da Universidade Pompeu Fabra e da Universidade Politécnica de
Cataluña revela que o home gaña ó redor dun 20 por cento máis cá muller. (...) Un
dos datos máis curiosos deste estudio catalán é que as maiores diferencias entre
os salarios dun e doutro sexo se rexistra nas mulleres que posúen formación
universitaria.
Concepción Dancausa, directora do Instituto da Muller, considera que este
fenómeno responde á falla de convenios colectivos nas empresas que contratan
este tipo de persoal máis cualificado. Pola contra, nas fábricas e industrias, os
salarios adoitan presentar menos diferencias debido á presión dos sindicatos.
Así as cousas, o ensino parece se-lo eido no que as mullexes o teñen máis doado
á hora de logra-la igualdade. Mónica, unha funcionaria da Universidade
compostelá, di que no seu posto de traballo, quizais por ser público, “non hai
diferencias, tanto traballa un coma outro e todos cobrámo-lo mesmo”. Sen
embargo, para ela, a discriminación seguirá existindo durante varias xeracións,
porque, no fondo, “todo é un problema de educación”.
(Susana L. Carbia, 1998)
CUESTIÓNS
1. Resume brevemente o contido do texto e propón un título.
2. Fai un comentario crítico da seguinte frase do texto: “a discriminación seguirá
existindo durante varias xeracións, porque, no fondo, ‘todo é un problema de
educación’”.
3. Xustifica o acento gráfico das palabras que o levan no 3º parágrafo.
4. Conxuga o futuro do subxuntivo e o pretérito do subxuntivo de ser, ir, andar,
dicir e facer.
5. Expón a situación da lingua galega durante a ditadura do xeneral Franco
(1939-1975).
6. A literatura popular na historia da literatura galega.
OPCIÓN 2
“Querido Moncho (permíteme a cordial proximidade), quero que te convenzas
dunha cousa: non es ti só a sufrires neste mundo fracaso e incomprensión. Tamén
a unha se lle quixo impedir sempre o control e o goberno de si mesma; e

1
quíxoseme ver como problema cando só pretendía ser autónoma. Desde que
entrei na escola, trataron de fanarme a independencia; nunca fun ben mirada
porque nunca aceptei esa actitude falsa e aprobatoria do eterno lambecús, porque
nunca logrei comportarme nas aulas como eles esperaban. Aí tes a razón do meu
“fracaso”. ¿Ou non é tal fracaso, Profesor? Aprendín a me expresar dentro dunha
corrección, moitas veces hipócrita e ridícula; embutín polos apuntes amarelos
dalgún educador a Celestina e o Hamlet de Cunqueiro, pero de nada me servía
porque me desprezaron unha e outra vez o meu propio xuízo sobre as cousas,
como imposibilitándome de tomar por min calquera decisión para o futuro. Nunca
trataron de ensinarme a pensar, senón máis ben o que tiña que pensar. Mesmo
semellaba que me estaban a dicir constantemente: “Domestícate, Eva, sométete ó
que digo e terás boas notas, acadarás o éxito”. Quixo adestrárseme en que todo o
debía facer para os demais, para outra persoa, e case logran converterme en
inimiga de min mesma. Pero o medo e as ameazas non deron aniñado no meu
centro. Non sei explicar cómo, porque as únicas palabras que oín xa desde o
berce foron sometemento, conformismo, temor, docilidade, recompensa,
mandamentos humanos e divinos: esquécete de ti e do teu xuizo, non debes
apelar á túa conciencia... A cuestión,Guldrís amado, reside en gue non sexas
libremente”.
(Xesús Rábade Paredes: A palabra secreta)
CUESTIÓNS
1. Fai un resumo do contido do texto.
2. Redacta un comentario crítico sobre esta afirmación contida no texto: “Desde
que entrei na escola, trataron de fanarme a independencia; nunca fun ben mirada
porque nunca aceptei esa actitude falsa e aprobatoria do eterno lambecús, porque
nunca logrei comportarme nas aulas como eles esperaban”.
3. Indica o timbre (aberto ou pechado) de e e o tónicos nas seguintes palabras do
texto: quero (1. 1), cousa (1. 2), es (1. 2), só (1. 2), aprobatoria (l. 5), eterno (l. 6),
ben (l. 12), Eva (l. 13), persoa (1. 14), foron (1. 16)
4. Explica o significado das seguintes palabras ou expresións: fanarme (1. 4),
hipócrita (1. 8), berce (1. 16), apelar (1. 18)
5. Fai exposición da situación actual da lingua galega no ensino.
6. A narrativa galega nas dúas últimas décadas.
OPCIÓN 1
Aínda non reaccionei. Unha especie de angustia golpéame no cerebro cada vez
que percorro as liñas sobre papel periódico. En todo caso, coido que deberiamos
estar asustados, e moito. Algo funciona mal, e estanos levando cara á
autodestrucción. Por moito que fuxa do pesimismo, non quedan alternativas.
Menos a cada hora. ¿Como é posible que dous nenos, de once e trece anos,
vestidos con roupas de camuflaxe (¡!) entren nunha escola e masacren os
estudiantes e profesores sen pestanexaren? As cifras de violencia nos institutos e
en centros de primaria nos Estados Unidos tamén teñen miolo. En case o sesenta
por cento deles prodúcense a cotío pelexas con feridos, roubos e agresións. Nun
dez por cento destas debemos sumar, a maiores, medio Código Penal en versión
para todos os públicos: violacións, homicidios, torturas, tráfico de drogas, etcétera.
Tal é o grao de brutalidade que xa resulta habitual a instalación na entrada dos

2
colexios de detectores de metais para poder así confiscar pistolas ou navallas.
¿Onde poden estar as causas de sucesos como o que hoxe nos conmove? Temos
varias explicacións. Evidentemente, moitos rapaces aprenderon a comportarse de
xeito agresivo porque viron nos demais accións similares. Así, a violencia no fogar
ou os programas de televisión teñen parte desa responsabilidade. Os maltratos a
mulleres diante dos fillos e os propios castigos violentos a estes reprodúcense no
futuro. A televisión, pola súa parte, axuda con debuxos animados, especialmente ó
estilo manga, onde cada dez minutos de proxección, once son de loita. Nos EEUU
sumaremos como outro factor engadido a facilidade para a consecución de armas
de fogo, convertidas nun ‘xoguete` máis. Os pequenos son como esponxas e
desaprender o adquirido é difícil. Por iso non está de máis aquela máxima
pitagórica: educade os cativos para non terdes que castigar os maiores.
(Darío Janeiro, 1998)
CUESTIÓNS
1. Di cal é a idea principal deste texto e propón un título para o mesmo.
2. Comenta criticamente a frase: Os pequenos son como esponxas e desaprender
o adquirido é difícil. Por iso non está de máis aquela máxima pitagórica: educade
os cativos para non terdes que castigar os maiores.
3. ¿Hai no texto algún infinitivo conxugado? Se é así, indica o valor de número e
persoa gramaticais. ¿Pódense substituír por infinitivos conxugados os que non o
están no texto?
4. Autodestrucción (l. 3) e pesimismo (1. 4) son substantivos derivados. Analízaos
morfoloxicamente, segméntaos e explica o significado dos afixos (prefixos ou
sufixos). Pon un exemplo máis de cada un dos afixos.
5. A lingua galega na Idade Moderna.
CiUG
OPCIÓN 2
O pan e o viño dividen en mil anacos o carácter xeográfico e humano do chan
galego, non separados, senón penetrándose e dividíndose en complicadas figuras.
Para nós o pan é o centeo , e o viño, o da cepa vella , de cepa torta, coma osatura
dun patriarca. En Ourense inda miramos as “americanas” como un fato de
damiselas neuróticas, víctimas do surmenage e necesitadas de todas as drogas
para botar o viño. O centeo, cereal de inverno, pasa por tantas calamidades como
o paisano que o procura. Aguanta xiadas, neves, chuvias, nace entre il, se chove
moito, un lameiro de xaramagos, senradelas e gramas; cando está vizoso e alto,
tremando co vento en ondas conmovidas, o paisano, sempre pesimista, di: “pasa
moitas noites fora”. Recólleo con cariño especial, porque é o recurso da facenda
doméstica, xa polo gran que se garda na arca tradicional coma pola palla que
serve para tapar a chouza, anoar o fachico e facer o leito para a paridura da porca.
O paisano tenlle máis lei ao centeo que ao millo. Antes vivía de pan, castañas e
viño. As castañas e o pan caracterizan os altos chans graníticos, abertos, de
inverno duro, onde o cuco chega máis tarde, e a vida só vai ben na horta do cura
ou nos abrigos do pazo. O millo simboliza a alianza atlántica.
Petulante, guapo, co seu pompón dominador e a sua exaltación sexual, contrasta
coa castidade e modestia do centeo. É o presente das Américas ás terras húmidas
de Europa: o seu ouro parente daquil lendario asolagado nas augas de Vigo. O
labrego do pan e do viño son moi diferentes; a agricultura das cepas require unha

3
coñecencia fonda das leis atmosféricas, un enxeño e unha técnica oportunistas:
ao contrario do cultivo do centeo, máis suxeito a leis invariables.
(R. Otero Pedrayo, 1947 [La Noche, 23-XII-1947])
CUESTIÓNS
1. Ponlle ó texto un título que represente o seu tema principal.
2. Comenta criticamente as ideas presentes no texto.
3. Sinala polo menos dez adxectivos cualificativos distintos do texto. Explica o
significado de neuróticas (l.5) e vizoso (l. 8)
4. Conxuga o futuro do subxuntivo e o pretérito do indicativo de ter e anoar
5. Otero Pedrayo e outros narradores da súa época.
OPCIÓN 1.
Por mero accidente escornouse a vacua verba
contra a boca vacúa da atávica vaca,
o telúrico teto
que aleitou o alento ancestral
do noso sangue.
A vaca mesma, a vaca real,
a auténtica vaca,
a propia vaca, a vaca en si,
a vaca xénero e especie e individuo,
a vaca alindada
de lindo nome,
a épica vaca
de homéricos ollos,
a bucólica vaca
das humildes bocas
está morrendo na corte
esa mañá de domingo.
Sen vaca non habería verbo,
nin berce, nin verso
(os sucos do arado trazounos a vaca)
In articulo mortis faise evidente
que a vaca é entre todos o artigo primordial.
A vaca xunguida, a conxunción de todos;
a vaca no prado, o suxeito pacente;
o destino da vaca suxeito á xente.
E doe o seu refolgo substantivo
na hipotáctica corte
e resoa no sobrado e na eira adxectiva
a agonía adverbial da vaca,
o animal moribundo
morrendo nos pronomes
(e na memoria destes
os anos da fame).
Por iso non foramos á misa,
porque a vaca morrera na corte
tras unha fantasmal agonía

4
na noite hiperbólica.
E o predicador
(son moitos os que lembran
aínda hoxe o caso)
botara prestes (un dicir)
pola boca
contra aquela familia
de ateos
Gonzalo Navaza: Libra, 2000.
BLOQUE I
1. Ponlle título ó poema e fai unha síntese del.
2. Á luz do dito a partir do verso 34 fai, unha reflexión sobre o gusto das persoas
polas críticas ou xuízos pouco documentados.
BLOQUE II
3. Vacua (l.1) .que non mostra preocupación. e vacúa (l.2) .relativa á vaca ou ó
gando bovino. diferéncianse pola sílaba tónica. Indica outras catro parellas de
palabras nas que se dea esta diferencia e sinala o seu significado.
4. Busca no texto tres substantivos, tres adxectivos, tres artigos, tres verbos e tres
conxuncións
5. ¿Que clase de palabra é si (l.8)? ¿Cal é a súa función?
6. O marco legal da lingua galega.
BLOQUE III
7.A poesía galega a partir de 1975: tendencias, autores e obras.
OPCIÓN 2
Son o P. Sarmento. Co meu mestre e irmán maior Bieito Feixoo ando a parolar
moito polos recunchos do Olimpo sobre cousas galegas, e inda máis dunha vez os
dous, malados de saudade do verdecente país onde tivemos oriundez humana, ó
vermos o azul sen fin do infindo ceo (...) tentamos camiñar pola vía láctea cara a
Compostela (...) E hoxe teño un mandado que facervos. Xa sabedes que amei as
ciencias experimentais e a obxectividade histórica; combatendo, endebén,
prexuízos e fanatismos das xentes da nosa raza, ata o extremo que dixen da
crenza popular da Virxe Barca que non achaba misterio no caso, e que é
ignorancia maxinar alí milagre ningún (...). Trallei coa miña cultura, en asubíos de
carraxe, contra da ignorancia e as supersticións, pregoando que se creasen
bibliotecas públicas. Arreneguei das corridas de touros (...) e folgueime de que
Galiza non dera toureiros (...) E, consecuente co meu instinto humanitario, en
forma máis xurídica que teolóxica, fun o primeiro home do universo que deitou
unha protesta rexa contra da pena de morte. Téñome por devanceiro nisto de
tódalas escolas penalistas modernas. Emporiso vos aconsello, que nin
transitoriamente sequera, aceptedes os republicanos galegos que a República
hespañola volte ó bárbaro feito de reestrablecer a forca. Canda a miña verba van
xunguidas a de Concepción Arenal e a de Curros, que me escoitan. Estes dous
paisanos nosos deixaron na terra coma min, testemuños da súa inimiga ó
talionismo estatal. Todo o que fose exemplar na tarefa do verdugo resultaría
anticristián e contra natura. ¿quen é o home para ceifar vidas que deu Deus? ¿E
que autoridade ten, por outra banda, un estado coma o de Hespaña, para cinguir a
corda homicida ó pescozo de ninguén (...)? Antes de saber se os que rouban e

5
matan son merecentes da forca habería que asegurarse de que os que desexan
aplicárllela non os moveron a mataren e roubaren...
A. Villar Ponte: Pensamento e sementeira. 1971.
BLOQUE I.
1. Ponlle título ó texto e fai unha síntese del.
2. Nesta recreación que Vilar Ponte fai da figura de Sarmiento, este xustifica a súa
oposición á pena de morte. Dá a túa opinión razoada sobre o tema.
BLOQUE II.
3. Indica os femininos de cristián, irmán, ningún, touro e lacazán.
4. Explica o significado que ten no texto recunchos (liña 1), mandado (l. 5),
folgueime (l. 10), rexa (l. 12), pescozo (l. 20)
5. Busca as comparacións de igualdade do derradeiro parágrafo (liñas 14-22).
¿Cal é o seu nexo? ¿Pódese empregar outro?
BLOQUE III.
7. A literatura de época das Irmandades da fala.
OPCIÓN 1
Cando había eleccións o Antón, pai do Manueliño, ía sempre a votar. Antes das
eleccións no pobo falábase e discutíase. Antón era pouco amigo de discutir e
votaba sempre por aquel que o señor Manuel de Hortas lle dicía. O Antón pensaba
para si que, votase a quen votase, a súa sorte e a dos seus non ía cambiar en
nada. Facéndolle caso ó señor Manuel algo podía conseguir. Se algunha vez
precisaba algunha cousa,ou se vía nalgún apreto, o señor Manuel aínda lle
podería valer. E esto é o que podía gañar. Nos derradeiros tempos semellaba que
todo se complicara. Todo ía de mal en peor. Non había quen entendera nada. Na
casa de Hortas, despois de cear, o señor Manuel sentaba detrás do lume, no
escano de castiñeiro que había perto a lareira, sacaba con solemnidade os seus
anteollos de aramio e lía o xornal en alta voz para toda a familia. O xornal só traía
cousas desagradables: mortes, folgas, tiroteos nas rúas das cidades, discursos...
O xornal que lía o señor Manuel, que era ó que estaban suscritos os de Hortas e
que recibían tódolos días, era El Ideal Gallego, da Coruña. Ó Manueliño
quedábanlle na lembranza algúns nomes daquelas xentes das que falaba o papel:
Azaña, a Pasionaria, Gil Robles, Casares Quiroga, Prieto, Lerroux, Portela
Valladares, Calvo Sotelo... Castelao. Non sabía quen eran tales xentes aínda que
por Castelao, sen que soubese explicalo tiña unha fondísima simpatía. O único
que sabía era que todos eles eran políticos. Os de Hortas poñían polas nubes a
Gil Robles e a Calvo Sotelo. E falaban pestes de Azaña, de Prieto, da Pasionaria.
Azaña e a Pasionaria, polo visto, non ían á misa e non querían saber nada cos
cregos. Ós de Hortas isto semelláballes unha monstruosidade.
Manuel María: O xornaleiro e sete testimuñas máis. 1971
BLOQUE I
1. Fai unha síntese do texto.
2. Expresa razoadamente a túa opinión sobre o comportamento nas eleccións de
Antón, exposto no primeiro parágrafo (liñas 1-6).
BLOQUE II
3. Indica o valor especial do posesivo na expresión dos seus (l. 4) e sinala outros
tres valores ou usos especiais.

6
4. Indica como é a vocal tónica de grao medio de sempre (l. 1),só (l. 10), sorte (l.
3), aquel (l. 2).
5. Sinala as preposicións e locucións preposicionais distintas que hai no segundo
parágrafo (l. 7-11).
BLOQUE III
7. A poesía galega na posguerra: orientacións, autores e obras máis
representativas.
OPCIÓN 2
Hai pouco falei das desgracias que trae consigo o xogo; pois as que trae a bebida
son máis negras e máis terribles. O borracho deixa de ser home para converterse
en animal: salta dende o alto posto da razón que Deus nos deu ata o fondo do
abismo escuro da nada: ata a loucura. Paso por alto o que se refire á cuestión de
cartos que se gastan neste vicio tan indecente que ó cabo da vida regular
significan un pico. Hai outras con seguridade peores que son consecuencia fatal
da borracheira: pérdese con ela o cariño, a familia, pérdese a consideración social
e, o que é peor, a saúde (...) O seu cheirume e o seu sabor fan o papel do canto
da serea mitolóxica que querendo atraelos barcos para os sitios perigosos para
que naufragasen, cantaba dunha maneira admirable e conseguía desa maneira
atraelos e que fosen ó fondo do mar. O papel do alcol ten moito parecido: atrae,
engana, ata que consegue penetrar no estómago coas súas garatuxadas. Dentro
xa, traballa como lle dá a gana: destrozando as nosas entrañas e roubándonos a
razón (...) Vou citar uns parágrafos de sabios coñecidos en todo o mundo para que
se vexa que non falo de memoria: .a sede grande, a perda de apetito, as
dispepsias, os cancros de fígado, moitas lesións do corazón e a loucura, son
froitos do alcoholismo. (Dr. Pou); .a bebida alcohólica é a vellez anticipada.
(Lanceraux); .o alcohol produce na actualidade máis desgracias cá peste, a fame
e a guerra. (Gladstone); .o alcohol non dá saúde, nin forza, nin calor, nin alegría: o
único que dá son enfermidades. (Tolstoy); .a terceira parte dos tolos que hai nos
manicomios, son tolos debido ó alcohol. (Sikorski) (...) (...) Quixera que fose
dalgunha utilidade canto levo dito e que os que teñen a desgracia de
emborracharse, procurasen emendarse. Para ter todas as malas condicións, este
vicio maldito ata ten a propiedade de non deixar a quen o ten, ata que o despacha
para a sepultura.
O Tío Pepe. 20.11.1913
BLOQUE I
1. Sinala a estrutura do texto.
2. Tendo en conta as opinións dadas no cuarto parágrafo (l.13-19), reflexiona
sobre os efectos do abuso das bebidas alcohólicas.
BLOQUE II
3. Máis (l.1), dá (l.17), é (l.6) e ó(l.10) levan til diacrítico. Indica as palabras das
que deben diferenciarse e sinala a categoría de todas.
4. Expresa o significado que posúen no texto as palabras serea (l.8), garatuxadas
(l.11), cancros (l.14), emendarse (l.21).
5. Segmenta as seguintes palabras e identifica os seus compoñentes: borracheira
(l.6), seguridade (l.5), naufragasen (l.9), quixera (l.20) .
6. O conflito lingüístico. Bilingüismo e diglosia.
BLOQUE III

7
7. A literatura no tempo das Irmandades da fala.

OPCIÓN 1
No país dos ananos celebrouse
o Nadal con rebumbio
e o Ano Vello foi
Como non se viu outro.
Tódolos días do ano é Aninovo
se a esperanza vai connosco.
Tódalas noites do ano é Noiteboa
se a verdade descansa á nosa porta.
Falamos dun Nadal
farturento de pan.
E dunha Epifanía
coma un mencer de bandeiras erguidas.
A Paz é unha fonte
pra que beban os homes.
E pois que homes somos,
temos soños.
E sabemos cantar
e agardar. Que o tempo non é longo
se a esperanza vai connosco.
Nin a vida nos desacouga
se a verdade descansa á nosa porta.
Celso Emilio Ferreiro: Viaxe ao país dos ananos(l968).
PREGUNTAS
BLOQUE I
1. Busca un título que lle acaia ó texto e fai unha síntese del.
2. Comenta a seguinte afirmación: “a paz é unha fonte pra que beban os homes. E
pois que homes somos, temos soños” (I.14-17).
BLOQUE II
3. Indica, sen empregar sinónimos, o significado que ten no texto rebumbio (I.2),
farturento (I.11), mencer (I.13), desacouga (I.21), soño (I.17).
4. Analiza sintacticamente a seguinte oración: Tódalas noites do ano é Noiteboa
se a verdade descansa á nosa porta (I.8-9).
5. Sinala e clasifica os pronomes átonos do poema.
BLOQUE III
7. Celso Emilio Ferreiro e a poesía de posguerra (orientacións, autores e obras
máis representativos).
OPCIÓN 2
A victoria de lván Raña na Copa do Mundo de triatlón, que se desputou en Cancún
(México) o pasado 10 de novembro, confirma que o mozo de Ordes gañou o pulso
que iniciou contra as súas propias limitacións o día no que se meteu na máis dura
disciplina atlética con ánimo de facer historia. Des que volveu co diploma olímpico
de sydney 2000 non fixo máis que coleccionar medallas de ouro e prepara os
Xogos de Atenas do 2004 coa maior das confianzas e unha repercusión nos
medios de comunicación case descoñecida para todos aqueles deportistas que

8
non gañan a vida e a gloria dándolle pancadas a un balón. Iván Raña mereceu o
triunfo porque cabo das súas incríbeis cualidades físicas axuntou esforzo e
autoconfianza. Cando conversei con el para unha entrevista antes de que gañase
en Hungría o Campionato de Europa, confesábame que el sabía que estaba
renunciando a unha parte da súa xuventude, pero tiña claro que a recompensa
podía ser enorme. ‘A vida do triatleta é un sacrificio permanente pero non hai
satisfacción meirande que entrar de primeiro na meta, xa sen azos nin para falar,
pero feliz por facer o traballo ben feito’. Sempre bromea dicindo que vívíu dous
anos coma unha monxa, sen permitirse o luxo dunha noite de xolda nín o mínimo
exceso que prexudicase a sua preparación. Nunca se puxo límites, non falou de
terceiros ou cuartos postos. El quería, así o demostrou en México, ser o numero
un; recuperar a maxia para o deporte, aprenderlles aos rapaces que o admiran en
Ordes e en toda Galicia, que hai un xeito de se facer grande, de pasar á historia
de verdade a base de suor e orgullo por un mesmo. O noso campión é un
deportista literario. Mostrou publicamente que o seu xeito de facer triatlon ten a
épica das novelas decimonónicas (polo longas que resultan cada unha das súas
carreiras), e a eficacia dun soneto (onde cada verso queda rexistrado na estela
sobre a auga, nos pedais, no asfalto...).
César Lorenzo. A Nosa Terra (2002).
PREGUNTAS
BLOQUE I
1. Fai un esquema coas ideas principais e secundarias do texto.
2. Tendo en conta todo o que afirma o texto, fai unha reflexión sobre os esforzos e
renuncias que teñen que facer as persoas deportistas.
BLOQUE II
3. Fai a separación silábica de victoria (I.1), atlética (I.3), iniciou (I.2), súas (I.21)
coleccionar (I.5), dous (I.14), maior (I.5), gloria (I.7). rexistrado (I.22).
4. Busca e clasifica as conxuncións coordinantes do segundo parágrafo (I.8-13).
5. Indica os antónimos de grande (I.18), vivir(l.14), gañar(l.7), maior(l.5) mínimo (I.
15), iniciar (l.2), verdade (I.18), longas (I.21). eficacia (I.22), victoria (I.1).
6. As linguas minorizadas. A súa situación en Europa e en España. Extensión
mínima 15 liñas.
BLOQUE III
7. A Nova Narrativa Galega.
OPCIÓN 1
Centro comercial Camelias: Zara
E por último aquí está.
O modelo da industria
De mulleres
En cadea.
Un modo de producción
Sumamente rendible
Para a economía do país.
Mágoa que se axuste tan pouco
Ó producto autóctono
De carnes tradicionalmente alimentadas
Con botelos, touciños e lacón.

9
A revolución industrial.
As mulleres de talle 36
Embutidas no que antes
Utilizariamos
Para facer uns bos chourizos.
Todas ¡guais.
Unha por unha.
Unha producción ilimitada
Nun mercado mutilador.
Se cadra agora haberá que xustificar
Que se segue sendo humana
Mesmo se non se cabe
Na roupa de Zara.
María Reimóndez: Moda galega.
PREGUNTAS
BLOQUE I
1. Reescribe coas túas palabras as ideas expresadas pola autora.
2. Fai un comentario crítico sobre a situación descrita.
3. A sílaba tónica permite distinguir entre está (I.1) “verbo que indica presenza” e
esta “demostrativo que indica proximidade coa persoa que fala”. Busca no texto
tres palabras máis que se diferencian doutras só pola sílaba tónica. Explica o
significado de cada unha.
4. Recolle os adxectivos -excluídos os participios- que aparecen no texto.
5. Define os fonemas consonánticos de axuste (I.9), talle (I.14), chourizos (I.17).
6. O conflito lingüístico e as actitudes lingüísticas.
BLOQUE III.
7. A poesía galega de vangarda.
OPCIÓN 2
DE OVELLAS E LINGUAS
As xentes, que son moi súas, andan a falar e dicir cousas que mesmamente non
se teñen en pé. E é que o falar non ten cancelas e non hai maneira de telos
calados. Andan a dicir, maiormente os progresistas, que a Igrexa, o Vaticano, é
unha sociedade pechada, piramidal, que non é democrática. E non é certo. Na
Igrexa, como no partido socialista, existen as súas sensibilidades.
A saber: os bispos cataláns, pastores da súa grea, andan teimudos a pedir unha
conferencia episcopal catalana, lémbranlle ó seu rabaño que foron unha nación
libre e pregúntanlles ás súas ovellas, ateos incluidos “se cren que reflexionan
suficientemente sobre Catalunya”. E lémbranllelo e pregúntanllelo en catalán.
Os bispos galegos, pedir piden, pero o da conferencia episcopal galega chéiralles
a roxerío; lémbrannos que somos ovellas do seu rabaño, pero o de nación non lles
cabe no “oremus”; e en canto a preguntarnos se reflexionamos... ¡faltaría máis! E
todo iso nun elegante e fino castelán: e logo ¿as ovellas galegas non entenden o
galego?
Carlos Mella: Coa palleta distraída (1994)
PREGUNTAS
BLOQUE I
1. Sinala a estrutura do texto.

10
2. Fai un comentario crítico sobre o contado por Carlos Mella.
BLOQUE II
3. Explica o significado das seguintes expresións non se teñen en pé (I.2-3); ser
moi súa (I.2); o falar non ten cancelas (I.3).
4. O feminino de catalán (I.7) é catalá (I.8). Indica o feminino de ferrolán, alemán
musulmán, curmán, aldeán, testán, san, capitán, lacazán, cirurxián.
5. Reescribe a oración Lémbranlle ó seu rabaño que foron unha nación libre,
colocando no seu inicio as formas nunca, disque, agora, tamén e enriba.
6. O galego na Igrexa.
BLOQUE III (3 PUNTOS)
7. A literatura na época Nós: Castelao e Dieste.
OPCIÓN B
Aprendeu a escribir no servicio militar.
A raia da súa sinatura
Risca como unlla que suca o xeo
No parabrisas dun tractor.
Pono nervioso o teléfono,
Ese estraño que entra sen chamar á porta,
Con zapatos de cidade,
E que o can non cheira.
Falar fala moi pouco.
A vida comeulle as palabras
Ao tempo que agrandaba as mans.
Esas mans cavaron pozos e sostiveron tellados.
Nesas circunstancias cómpre ter a boca ben pechada.
Pero nin sequera así é capaz de ver matar o porco,
A única carne que lle gusta, mellor se está torrada.
O viño ten que ser barato,
E entón, cando o bebe en longos grolos,
Penso que lle axuda a tragar
Unha historia que xamais contará.
Cando mira o lume das achas na cheminea,
Vai nun tren que atravesa a neve.
Colleríao da man, porque é o meu pai,
Pero abráiano tanto as mostras de agarimo
como o aire dun lobo.
Manolo Rivas. 1996
BLOQUE I
1. Ponlle un título que lle acaia ó poema e fai unha síntese del.
2. Á vista do texto fai unha reflexión sobre a vellez e a situación dos vellos e
vellas na sociedade actual.
BLOQUE II
3. Escribe o significado, sen empregares sinónimos, de unlla (l. 3), grolo (l. 17),
achas (l. 20), suca (l. 3) , agarimo (l. 23).
4. Analiza sintacticamente a oración “a raia da súa sinatura risca como unlla
que suca o xeo” (l. 2-3).
5. Busca as formas verbais do poema e indica o seu tempo, modo e persoa.

11
6. Bilingüismo e diglosia. Definición, causas e consecuencias.
BLOQUE III
7. Tendencias actuais da lírica, da narrativa, da dramática e da ensaística.
OPCIÓN 1
Ti que voltas, que desandas o camiño do mar, que vas para o recanto onde
naciches, vai ver a meus pais, que alá quedaron roendo broa e partindo cadullos.
Vainos ver pero non lles digas que caín dun tranvía e ando coxo; nin que agatuño
cada día sobre unha morea de cisco e paso dez horas por xornada remexendo e
entrecollendo porcalladas que bota a cidade; nin que vivo nun chafarís de
casqueiros sen luz e sen auga de tubaxe; nin que lavo a miña roupa; nin que se
me acabaron festas e domingos. Non lles digas do esforzo que me custa reunir os
pesos para o xiro mensual da ‘axuda familiar’, nin que era unha trola eso de facer-
a-américa e de que os cans andaban amarrados con trenlas de longaínzas. Non
lles digas dos meus apertos, inda que son os de moitos, deses moitos coma min
que tamén calan e acochan os seus fracasos. Que pensen que isto é de ouro e
que os emigrantes somos felices.
Ou... se ben o cavilo case é mellor que lles digas a verdade. Eu nada explico nas
cartas, pero ti, como cousa túa... Que se decaten do que é dar ó zoco polo mundo
adiante e mastigar o pan que amasou o demo. Ti que voltas, que vas alá, di o que
queiras. O que che pete. Que o saiban todo.
Xosé Neira Vilas. 2003
BLOQUE I
1. Ponlle título ó texto e fai unha síntese del.
2. Á luz do dito na narración, fai un comentario sobre os éxitos e fracasos da
emigración. (
3. BLOQUE II
3. Sen empregares sinónimos, indica o significado que teñen no texto recanto
(l. 1), agatuñar (l. 3), morea (l. 3), remexer (l. 4), xiro (l. 6).
4. Clasifica os que do derradeiro parágrafo (l. 11-13) segundo sexan pronomes
ou conxuncións.
5. Naciches (l. 1) é a segunda persoa do pretérito de nacer. Escribe a mesma
forma e dos verbos varrer, andar, rir, facer, andar, poder, cavilar, ter, dicir,
remexer.
6. O galego entre o 1936 e o 1975. Niveis de comunicación e uso nos distintos
contextos.
BLOQUE III
7. Tendencias da narrativa galega de posguerra. Autores e obras.

OPCIÓN 2
Aproveitando o bo día, e aproveitando que o meu compadre vai á Arousa, decido
ir canda el e botar a fin de semana cos meus pais. No coche soa Paulina Rubio,
repetidamente. Sorpréndome ante os gustos musicais dun ghicho que adora o
country e o blues. Dime que a gravou para os seus fillos pero que, no fondo, non
lle desagrada. É unha desas perversións musicais que todos temos e que nos
custa ás veces confesar. Falabámolo onte Marta, a de Teis, e mais eu, neste caso
sorprendida ela de que a min me gustasen Guns and Roses. Martiña, a mesma

12
que nun dos momentos máis amolados que eu vivín me dixo: “Espabila, ghicha,
non parece que vivises en Vigho”.
Pola noite, encerrados na cociña, os meus pais e mais eu falamos. Fóra comeza a
zoar o vento. Mamá dime que teñen medo vivindo eles sós.
-De día non, de día vivimos coma reis, non precisamos de nada. É de noite, que
non sabes quen che pode entrar na casa.
Ós meus pais, coma a outros matrimonios do rural, aconteceulles que se criaron
rodeados de xente, vivindo avós, pais e fillos na mesma casa e nunca pensaron
que a súa vida había ser distinta e cústalles afacerse á soidade das noites na
aldea. Creo que lles gustaría máis ternos ós fillos alí que ciscados por Galicia
adiante, ternos onda eles para mirarmos pola súa vellez.
Comezo a soñar con asasinos en serie, non dos de rifle e tirofixo na fronte, senón
dos de serra mecánica.
Anxos Sumai. 2003
BLOQUE I
1. Sinala a estrutura do texto.
2. Fai un comentario persoal sobre o afirmado no cuarto parágrafo (l. 11-15).
BLOQUE II
4. Busca as palabras do texto que pertencen ó campo semántico de familia e
engade outras cinco.
5. Analiza sintacticamente a oración pola noite, encerrados na cociña, os
meus pais e mais eu falamos
5. Define os fonemas que aparecen en coche (l. 2), quen (l. 11), dixo (l. 7).
6. O conflito lingüístico. Definición, causas e consecuencias.
BLOQUE III
7. O teatro galego do século XX. Tendencias, autores e obras.
OPCIÓN 1

A guerra é a salvación da Humanidade


fai avantar a Ciencia, desenrola
ao pobo, crea industrias importantes
e potentes, fai florecer a Economía
dun xeito case milagroso, asegura
a paz, é construtiva, sirve
de inspiración aos cantos épicos,
fabrica heroes inmortais e lexendarios.
Na guerra un pode demostrar o seu
valor e o seu valer, gañar ascensos,
acadar condecoraciós moi prezadas,
brillantes e honrosísimas. En tempo
de guerra todo é progreso, ledicia
e máis fartura. Mísiles, tanques,
fusiles, pistolas, metralletas,
escuadras, canóns aéreos e antiaéreos,
bombas atómicas, de mao e de napalm
erguen unha música doce e harmoniosa
que a xente escoita compracida

13
e enlevada. Todos van á morte
moi felices, os feridos teñen nos beizos
a fl or dunha sorrisa. Non se derrama
sangue, ¡ai, eso non!. Os campos
bombardeados e incendiados
seméllanse aos xardíns e ás máxicas
fogueiras do San Xohan.
Os homes esquécense de odiar
e aprenden a amarse de verdade.
Manuel María, 1972.
BLOQUE I
1.- Indica cal é o tema do texto e fai unha síntese del.
2.- Expón a túa opinión sobre as ideas que o autor pretende transmitir co texto.
BLOQUE II
3.- Define os fonemas vocálicos das seguintes palabras: guerra (liña 1), flor (liña
22), homes (liña27).
4.- Indica un sinónimo e un antónimo do significado que no texto teñen as
seguintes palabras: crea (liña 3), potentes (liña 4), gañar (liña 10), (liña 10),
progreso (liña 13), amarse (liña 28).
5.- Localiza as formas se do texto indicando o valor de cada unha delas.
6.- A diversidade plurilingüe e pluricultural de España. Identificación das linguas,
territorio que ocupan e marco legal no que se desenvolven.
BLOQUE III
7.-. Tendencias da lírica na segunda metade do século XX. Grupos de poetas.
OPCIÓN 2
Como na escola nos ensinaron a identificar unidade política europea con idioma
nacional (“para España o español, para Italia o italiano, para Francia o francés,
etc.”), o multilingüismo segue a ser unha realidade pouco explorada, considerado
como un problema que precisa solución en lugar dunha riqueza da que gabarse.
Pero o monolingüismo non é a realidade normal, nin sequera é unha realidade
desexable, inevitable ou sufi ciente. Fóra dese reducionismo escolar, na maioría
das rexións do mundo os individuos desenvolven as súas vidas mediante o uso de
varias linguas. As contas saen de xeito ben doado: temos unhas seis mil linguas e
uns douscentos cincuenta estados ou territorios independentes; xa que logo, as
linguas teñen que solaparse, compartir territorios e mesmo instalarse á vez nas
mentes dos individuos. E o reparto non é equitativo e resiste a calquera análise
simplificadora. De entrada hai linguas que gozan de excelente estado de saúde.
(...) No outro extremo, a maior parte das linguas da humanidade subsisten en
precario: sen posibilidade de acceder aos grandes modelos de prestixio simbólico,
sen presenza efectiva nos medios de comunicación, na ciencia ou na arte, as máis
das veces mesmo sen existencia por escrito. Como calquera outro reparto de
riqueza, o das linguas é problemático pola parte que a todos nos toca de
culpabilidade no asunto.
Teresa Moure, 2003.
BLOQUE I
1.- Fai un esquema coas ideas principais e secundarias do texto.

14
1.- Partindo do que se di entre as liñas 2 e 4 (desde o multilingüismo ata gabarse),
expón a túa opinión persoal sobre as vantaxes e inconvenientes do multilingüismo.
BLOQUE II
3.- A forma segue (liña 2) está en Presente de Indicativo. Conxuga completo o
Presente de Indicativo deste verbo e fai o mesmo cos verbos conducir, tusir,
advertir e discutir.
4.- Indica o significado que no texto teñen as seguintes palabras: gabarse (liña 4),
reducionismo (liña 5), doado (liña 7), solaparse (liña 8), precario (liña 11). Non son
válidas as definicións só con sinónimos.
5.- Analiza sintacticamente a seguinte oración: Hai linguas que gozan de
excelente estado de saúde.
6.- O galego entre 1936 e 1975.
BLOQUE III
7.- O teatro galego do século XX. Tendencias. Autores e obras.
OPCIÓN 1
O mozo maldiciu, ergueuse furioso e tirou a banqueta dunha patada. O home de
pelo cano, ao falarlle, miraba na camiseta, coa lenda de Iron Maiden, o espectro
monstruoso que suxeitaba coas mans os extremos dun cable de alta tensión e
lostregaba polos ollos. O pelo do espectro era moi longo e dun branco de neve.
¿Que fas?¡Pon a banqueta dereita! Estaban vendo o partido televisado. O rival
metera o gol do empate e alonxábanse as posibilidades de que o Deportivo da
Coruña acadara o campionato. Só faltaban cinco minutos para terminar o
encontro. Ao fondo da cociña, palillaba fl ores de encaixe a nai. Aquel son
industrioso pertencía á orde natural da casa. Facíase notar cando non existía. A
culpa é del, dixo o mozo con resentimento. ¿De quen? Tamén o home de pelo
cano se sentía molesto. ¿De quen vai ser? ¡Mira que é burro! ¿Por que lle chamas
burro? ¡Non sabes nin de que falas! Estabamos gañando, estabamos gañando e
vai e cambia a un dianteiro por un defensa. Sempre recúa. ¿Non te das conta de
que sempre recúa? ¿Está el no campo? Dime. ¿Está el no campo? ¿Non hai once
tipos que xogan? ¿Por que lle botades a culpa a el? ¡Porque a ten! ¿Por que non
saca a Claudio? ¿A ver? ¿Por que non? Iamos gañando e vai e cambia a Salinas.
¡Todo ao carallo!
Manuel Rivas, 1995
BLOQUE I
1.- Indica cal é o tema do texto e fai unha síntese del.
2.- Expón a túa opinión persoal sobre a importancia que se lle dá ó fútbol na nosa
sociedade.
BLOQUE II
3.- Indica se é aberta ou pechada a vogal tónica das seguintes palabras: mozo
(liña 1), home (liña 1), extremos (liña 3), pelo (liña 3), metera (liña 6).
4.- Indica o significado que teñen no texto as seguintes palabras: cano (liñas 1 e
11), lostregaba (liña 3), rival (liña 6), resentimento (liña 10), recúa (liña 15). Non
son válidas as definicións só con sinónimos.
5.- Indica os valores dos que resaltados no texto (en negriña e subliñados).
6.- A normalización lingüística do galego. Estado actual e perspectivas da lingua
galega.
BLOQUE III

15
7.- Os modelos narrativos de finais do século XX. Características. Autores e obras.
OPCIÓN 2
Hai un fenómeno relativamente recente e progresivo que, nacido nos centros da
sociedade industrializada, está chegando agora ás periferias: o ocultamento da
morte. Fronte aos cortexos fúnebres nas rúas, aos vestidos de loito, aos veciños
desfi lando pola casa do fi nado, todo se desenvolve agora “na máis estrita
intimidade”. A morte de ser un feito público retírase á esfera do privado. ¿Como
valorar isto? A sociedade vitoriana poñíalles fundas ás patas das mesas porque
lles recordaban as pernas das mulleres. A sociedade moderna ponlles muros aos
cemiterios pola mesma razón que as avestruces meten a cabeza na area cando
pensan non poder seguir fuxindo do seu perseguidor. A morte é o novo tabú que
substituíu o sexo, até o punto de que case é de pouco gusto falar dela. Máis os
medos non se disolven fuxindo, senón enfrontándose e aprendendo a convivir con
eles.(...) Portela, inspirándose na memoria cultural de Galicia, onde o adro da
igrexa era a un tempo cemiterio e campo da festa, racha con esta privacidade
malsá e recupera os mortos para o espazo público. As “casas” dos mortos
bordean formando grupos, como os “lugares” das nosas aldeas, o camiño normal
polo que pasan e pasean os vivos.
Marcial Gondar (adaptado), 2000.
BLOQUE I
1.- Fai un esquema coas ideas principais e secundarias do texto.
1.- Expón a túa opinión persoal sobre o que se di nos dous primeiros parágrafos
do texto
BLOQUE II
3.- Sinala os sufixos das seguintes palabras e indica o seu valor: relativamente
(liña 1), progresivo (liña 1), industrializada (liña 2), intimidade (liña 4), perseguidor
(liña 7).
4.- Pernas (liña 6) e cabeza (liña 7) pertencen ó mesmo campo semántico. Indica
outros 5 elementos que pertenzan a este mesmo campo semántico.
5.- Analiza sintacticamente a seguinte oración: A morte é o novo tabú que
substituíu o sexo.
6.- A diversidade plurilingüe e pluricultural de España. Identificación das linguas,
territorio que ocupan e marco legal no que se desenvolven.
BLOQUE III
7.- A xeración Nós. Características. Autores e obras.

Máis información e modelos nesta páxina

16

You might also like