Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 8

1 O ARTIGO

Un artigo é unha palabra que determina a un substantivo e nos indica o seu xénero (masculino
ou feminino) e o seu número (singular ou plural). Clasifícanse en artigos determinados e artigos
indeterminados.

O artigo determinado

As formas do artigo determinado en galego son as seguintes:

Singular Plural
Masculino o os
Feminino a as

Ademais destas formas, o galego posúe unha variante alomórfica que se utiliza en certos
contextos:

Singular Plural
Masculino lo los
Feminino la las

Esta segunda forma do artigo é obrigatorio representala na escrita coa preposición por (Vou a
diario pola facultade; Mira polos libros na biblioteca) e co adverbio interrogativo u (U-lo libro; U-la
biblioteca?).

Con todo, existen outros contextos onde esta segunda forma tamén se pode grafar na escrita,
aínda que o seu uso non é obrigatorio:

1 Despois das formas verbais que rematen en –r ou en –s: Entendíche-la teoría que explicou o
profesor?; Mandounos realiza-lo exame con bolígrafo azul.

2 Despois dos pronomes enclíticos nos, vos e lles: Comentóuno-lo resultado do traballo; Tróuxovo-los
certificados que pedistes; Envióulle-los exercicios por correo electrónico.

3 Despois dos pronomes tónicos nós e vós seguidos dunha precisión numérica: Fostes vó-los tres
os elixidos; Nó-los catro faremos o traballo conxuntamente.

1
Nestes tres casos a segunda forma do artigo represéntase con guión, mentres que nos casos
que citamos a continuación vai unido á palabra.

4 Despois de ambos, entrambos e todos, cos seus femininos: Ámbalas alumnas reclamaron a revisión
do seu exame; Realizaron o informe entrámbolos dous; Tódalas facultades recibirán esas axudas.

5 Despois da preposición tras: O documento caeu tralo armario.

6 Despois da conxunción copulativa (e) mais: Veu o decano e maila xefa do departamento.

En todo caso, esta variante do artigo só se representa na escriba obrigatoriamente detrás da


preposición por e do adverbio u. Ademais, os criterios lingüísticos da UDC recomendan limitar
o uso desta forma só aos casos obrigatorios e, para os demais contextos, utilizar sempre a
primeira forma.

Non obstante, a única pronunciación que se recomenda na fala é a que reproduce a segunda
forma en todos os contextos sinalados. Por tanto, escribiremos: Todas as persoas interesadas poden
realizar o curso; mais debemos ler: [Tódalas persoas interesadas poden realiza-lo curso].

As contraccións do artigo determinado

En galego o artigo determinado contrae coas preposicións a, con, de e en. Vemos as


contraccións no cadro seguinte:

O A OS AS
A Ao (ó) á Aos (ós) Ás
CON co coa cos coas
DE do da dos das
EN no na nos nas

O encontro da preposición a co artigo masculino pode resolverse de dúas formas: ao/ó, aos/ós.
Neste caso, os criterios da UDC decántanse pola forma ao/aos. De todos os xeitos, igual que
ocorría coa segunda forma do artigo, só existe unha única pronuncia correcta que é a dun o
aberto [ɔ]. Por tanto, escribiremos: Todas as persoas interesadas deben ir ao Rexistro buscar a solicitude;
pero debemos ler: [Tódalas persoas interesadas deben ir ó Rexistro busca-la solicitude].

2
En boa parte do territorio galego a contracción da preposición con e mais o artigo feminino
resólvese en ca, mais a forma elixida para o estándar é coa: *A conferencia rematou ca intervención
do reitor > A conferencia rematou coa intervención do reitor.

Cómpre ter en conta que cando un topónimo leva artigo e vai precedido dalgunha destas
preposicións debemos realizar a contracción correspondente: Universidade da Coruña; Viaxou ao
Carballiño; É do Courel.

O artigo indeterminado

As formas do artigo indeterminado son as seguintes:

Singular Plural
Masculino un uns
Feminino unha unhas

Estas formas contraen coas preposicións con, de e en:

UN UNHA UNS UNHAS


CON cun cunha cuns cunhas
DE dun dunha duns dunhas
EN nun nunha nuns nunhas

Se a preposición non forma parte da mesma frase que o artigo, non se realiza a contracción:
De un alumno ter ese problema, que se dirixa ao noso servizo ( = De ter ese problema un alumno, que se dirixa ao
noso servizo).

Cando un/s, unha/s son indefinidos ou numerais e actúas como adxectivos realizan as mesmas
contraccións que o artigo indeterminado: Estivemos nuns lugares marabillosos; O prazo para a
reclamación será dun mes.

Cando se utilizan como pronomes, adoitan representarse as contraccións con de e en: A resposta
hai que buscala nun mesmo; Sempre contan cousas dun e non sempre son certas. Pola contra, non se realiza

a contracción coa preposición con: Quere falar con un ou co outro; Abóndame con un.

3
2 O DEMOSTRATIVO

Os demostrativos indican a distancia (lonxe ou preto) no espazo ou no tempo respecto da cousa


de que fala o emisor. Cando acompañan un substantivo, teñen función de determinante (esta
facultade; aquel ano; esa alumna), cando substitúen un substantivo dicimos que realizan a función
de pronome (Este é o informe que estabamos esperando).

O paradigma dos demostrativos en galego vémolo no seguinte cadro:

PROXIMIDADE NÚMERO MASCULINO FEMININO NEUTRO/


INVARIABLE
I SINGULAR este esta isto
PLURAL estes estas
II SINGULAR ese esa iso
PLURAL eses esas
III SINGULAR aquel aquela aquilo
PLURAL aqueles aquelas

Cómpre destacar as formas do masculino plural estes e eses que, a miúdo, por interferencia
do castelán, se escriben incorrectamente como *estos e *esos: *Estos exames deben corrixirse antes
do luns > Estes exames deben corrixirse antes do luns; *Esos cursos realizaranse ao longo deste ano > Eses
cursos realizaranse ao longo deste ano.

Reparamos nas formas do demostrativo neutro que se escriben cun i: isto, iso, aquilo. Aínda
que na fala se utilicen, son incorrectas na escrita as formas con e: *esto, *eso, *aquelo. Así
mesmo, a forma neutra *elo tampouco é correcta en galego, debemos substituíla por un
demostrativo neutro: *Estou nelo > Estou niso; *Grazas a elo resolveuse o problema > Grazas a iso resolveuse
o problema.

Estas formas só poden desempeñar a función de pronomes: Isto non é aceptable; Aquilo débese
arranxar.

As contraccións do demostrativo

Os demostrativos contraen coas preposicións de e en:

4
M F M F M F Neutro
este, -s esta, -s ese, -s esa, -s aquel, -es aquela, -s isto iso aquilo
DE deste, -s desta, -s dese, -s desa, -s daquel, -es daquela, -s disto diso daquilo
EN neste, -s nesta, -s nese, -s nesa, -s naquel, -es naquela, -s nisto niso naquilo

*A empresa ofertará unha de estas prácticas en aquelas facultades que o soliciten > A empresa ofertará unha
destas prácticas naquelas facultades que o soliciten.

O demostrativo de alteridade

As formas masculinas e femininas do demostrativo poden combinarse coas do indefinido


outro(s)/outra(s), dando lugar á formación dunha palabra nova, xa que só o segundo elemento
admite o morfema de xénero e de número.

PROXIMIDADE NÚMERO MASCULINO FEMININO


I SINGULAR estoutro estoutra
PLURAL estoutros estoutras
II SINGULAR esoutro esoutra
PLURAL esoutros esoutras
III SINGULAR aqueloutro aqueloutra
PLURAL aqueloutros aqueloutras

Malia estas seren as formas máis habituais, existen tamén as formas plenas, que son as únicas
posibles para o neutro: Paréceme máis adecuada esoutra/esa outra programación; Iso outro non se
menciona no obxectivos do curso.

Estas formas tamén contraen coas preposicións de e en: destoutro, destoutra; nesoutro, nesoutra;
daqueloutro, naqueloutra...

Valores especiais do demostrativo

Á parte das funcións que mencionamos con anterioridade (determinante e pronome), o


demostrativo posúe outros valores especiais:

5
1 A forma aquel/a pode usarse con valor substantivo como palabra comodín con distintos
significados segundo o contexto: Co aquel (=motivo, pretexto) suspendéronse a clases; Ten moita aquela
(=habilidade) para a investigación.

A partir deste substantivo, créanse formas verbais derivadas como aquelar, aqueloutrar,
desaquelar ou desaqueloutrar: Suspendeu o exame e anda todo aquelado (= desgustado).

De todos os xeitos, aínda que estas formas son moi habituais na fala, debemos desbotalas
nunha linguaxe formal e culta e procuraremos utilizar sempre o termo máis preciso a cada
contexto.

2 A contracción daquela pode ter dous valores distintos:

 Pode equivaler a un adverbio co significado de «entón», «naquel momento»: Daquela o


departamento contaba con menos medios.
 Pode equivaler a unha conxunción con significado de «por tanto», «xa que logo»: Non
houbo xente abonda, daquela tivemos que adiar a asemblea.

3 As contraccións nisto, niso, naquilo, nestas, nesas e a locución con estas empréganse con
valor adverbial co significado de «entón», «nese momento», «de repente»: Estabamos rematando
a exposición e nestas interrompeunos o profesor.

6
3 O POSESIVO

Os posesivos expresan unha idea de posesión ou pertenza en sentido amplo que vai referida
ás persoas gramaticais. Igual que os demostrativos, poden ter función de determinante cando
acompañan un substantivo e de pronome cando o substitúen: Deulle os seus apuntamentos; Deulle
os seus.

Deseguido, amosamos as formas do posesivo en galego:

Singular Plural
Persoa Masculino Feminino Masculino Feminino
1ª sing. meu miña meus miñas
2ª sing. teu túa teus túas
3ª sing. seu súa seus súas
1ª pl. noso nosa nosos nosas
2ª pl. voso vosa vosos vosas
3ª pl. seu súa seus súa

Cómpre ter en conta que, en galego, as formas do posesivo van acompañadas do artigo
determinado: A súa dedicación á tese permitiulle obter a mellor cualificación; O noso profesorado conta con moi
boa valoración.

Debemos fixarnos especialmente en que, cando ao posesivo o precede unha preposición,


debemos realizar a contracción correspondente: *Contratárono debido a súa experiencia > Contratárano
debido á súa experiencia; *Acudiron a súa aula en sinal de protesta > Acudiron á súa aula en sinal de protesta;
*Grazas a túa investigación, descubriron unha vacina para esa enfermidade > Grazas á túa investigación,
descubriron unha vacina para esa enfermidade.

Existen algúns casos onde o artigo non precede o posesivo:

1 Nos vocativos: Meus compañeiros, estas son as conclusións do meu estudo.

2 Con algúns nomes de parentesco: Súa irmá foi a encargada de facerlle a homenaxe.

3 Con algunhas formas de tratamento de respecto como Súa Maxestade, Súa Ilustrísima, Súa
Excelencia, Noso Señor, Nosa Señora.

4 Nalgunhas expresións fixadas como meu dito, meu feito; a meu parecer; a meu entender, a seu favor...

7
Formas especiais do posesivo

O galego posúe dúas formas especiais para o posesivo:

1 O posesivo masculino singular precedido da preposición de adquire o valor de pertenza


exclusiva: No departamento temos material de noso; ou tamén dunha calidade que é propia por
natureza: A Administración é lenta de seu.

2 O posesivo distributivo cadanseu/s, cadansúa/s empréganse para lle adxudicar un obxecto a


cada persoa, dentro dun grupo; ou cando se lles quere distribuír un número igual ou semellante
de obxectos a varias persoas. Vai sempre ao lado do obxecto que se distribúe e nunca da
persoa: Entregueilles cadanseu exame ao alumnado; Colleron cadansúa tarxeta.

You might also like