04 o Teatro Do Primeiro Terzo Do S XX

You might also like

Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 2

LGL 2º BAC Literatura Tema 4

O TEATRO DO 1º TERZO DO XX (IRMANDADES, VANGARDAS E GRUPO NÓS)


Durante o período de entre os dous séculos, o teatro galego atópase, en liñas xerais, nunha
situación de precariedade marcada polo escaso cultivo e a falta de autores e compañías. A
ambientación era rural, os temas costumistas, os diálogos chocalleiros e os pesonaxes tópicos
labregos.
Coa aparición das Irmandades, o teatro foi considerado como o mellor método de propaganda
lingüística para educar as masas. Xurdiron dúas liñas estéticas, unha conservadora e outra
renovadora cuxas polémicas remataron co proxecto máis interesante deste período, o
Conservatorio da Irmandade coruñesa. A corrente conservadora centrábase en temas rurais ou
medievais e tiña unha intencionalidade humorística e intrascendente. Pola contra, os
defensores da tendencia renovadora e, asemade, impulsores do Conservatorio Nazonal do Arte
Gallego (CNAG), querían un teatro culto e moderno, superador dos moldes costumistas e
ruralistas. Entre estes últimos destacan Antón Villar Ponte, Ramón Cabanillas, Xaime
Quintanilla, etc.
Con todo, as propostas anovadoras non foron moi ben valoradas e ficaron en moitos casos en
teatro para ler e non para ser escenificado. As pezas dos conservadores tiveron un éxito maior
de representacións.

Principais autores da época das Irmandades:


Antón Villar Ponte. É unha das figuras fundamentais da cultura, a política e o xornalismo desa
época. Foi actor e crítico teatral alén de tradutor de numerosas obras doutras literaturas: do
inglés Shakespeare, do francés Molière, do irlandés Yeats... Escribiu entre outras A patria do
labrego, drama anticaciquil a favor da emigración, Entre dous abismos e Almas mortas,
recollidas pola editorial Nós nun só volume titulado Tríptico teatral. Compuxo xunto con
Cabanillas O Mariscal e deixou inacabadas, cando menos dúas obras máis.
Ramón Cabanillas. Escribiu a comedia A man de Santiña na que aborda a necesidade de
prestixiar o uso do galego póndoo en boca de personaxes de distintas categorías sociais. Tamén
asina xunto a Villar Ponte a obra cumio desta etapa, O Mariscal. Trátase dunha traxedia
histórica en verso que manifesta unha clara intención política e ideolóxica ao interpretar en
clave nacionalista o episodio da execución do mariscal Pardo de Cela por orde dos Reis
Católicos. Tamén elaborou varios libretos de ópera.
Outros autores importantes desta época son Xaime Quintanilla ou Carré Alvarellos.
O teatro da Xeración Nós
Os membros desta xeración asumiron nos seus primeiros tempos as ideas defendidas polas
Irmandades e no seu afán de dignificar a lingua, cultivaron todos os xéneros prosísticos. As
obras teatrais enmárcanse pois dentro desta liña de conferirlle á literatura galega unha
dimensión que non tivera até entón. Desde estilos moi singularizados, son os creadores da
moderna prosa galega e, particularmente, os renovadores do teatro.
Vicente Risco. É autor da peza O bufón de El-Rei , drama que desenvolve a súa acción na época
medieval, con diversas mencións á materia de Bretaña. O bufón aparece caracterizado como
un ser deforme que medita sobre a súa propia condición maléfica. A obra é unha reflexión
acerca das relacións entre a deformidade física e a deformación moral seguindo a liña da súa
novela O porco de pé.
Ramón Otero Pedrayo. Comparte cos demais membros das Irmandades o interese por crear un
teatro nacional. Porén, o seu é un teatro peculiar, máis apropiado para a lectura que para
as representacións escénicas. Escribiu A lagarada na cal desenvolve un drama rural
ambientado na época da vendima. Os personaxes son labregos e no fondo da historia xorden a
cobiza e a luxuria. Otero afástase do teatro realista anterior introducindo digresións líricas e
elementos simbólicos. Ademais hai que salientar títulos como Teatro de máscaras (pezas
breves editadas en1975) , Rosalía ou O desengano do prioiro (estas últimas escritas na
posguerra).
Tendo en conta as puntualizacións feitas sobre Castelao no tema de narrativa en canto á súa
vinculación co grupo Nós, inclúese ao escritor rianxeiro neste apartado.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A única peza teatral escrita por este autor é Os vellos non
deben namorarse, estreada en Bos Aires en 1941. Trátase dunha farsa dividida en tres lances
de estrutura paralela e complementados cun prólogo e un epílogo. En cada lance hai un vello
namorado dunha moza en tanto que un mozo representa o papel de rival do vello nas súas
pretensións amorosas. Tamén aparece a morte como un personaxe que avisa aos vellos das
consecuencias do seu namoramento. No Epílogo os tres vellos, no cemiterio, láianse do seu
imprudente namoramento e tamén sabemos do destino final das mozas.
Os personaxes principais son arquetipos e todos levan careta, o que infire a cada escena unha
gran carga simbólica. Castelao dá diversas indicacións sobre os elementos escenográficos para
conseguir uns determinados efectos estéticos : a luz, o decorado, a vestimenta, o deseño das
caretas...

O teatro nas Vangardas


O teatro foi un xénero pouco cultivado polos escritores vangardistas (anos 20-30) debido á falta
de compañías teatrais, ao rexeitamento estético dos novos escritores aos moldes e temas do
teatro galego precedente e ao problema de difusión de obras en galego durante a ditadura de
Primo de Rivera. Como acontece coa prosa, os membros da Xeración do 25 acabarán
cultivando teatro na posguerra, ben no exilio, ben na Galicia franquista (Blanco Amor,
Cunqueiro, Fole...) A obra máis salientable deste período é A fiestra valdeira de Rafael Dieste.
Foi aplaudida unanimemente pola súa novidade formal e temática, afastándose do costumismo
tradicional e do teatro propagandístico propio das Irmandades. A acción transcorre na pequena
vila mariñeira de Rianxo, aínda que os tres lances desenvólvense nunha sala da casa do indiano
Don Miguel. A acción enfronta o pasado humilde e mariñeiro do protagonista, defendido polos
seus amigos da infancia e o presente máis próspero, defendido pola familia de don Miguel. Este
enfrontamento xorde cando o indiano decide retratarse e uns prefiren un fondo mariñeiro e
outros un xardín fidalgo.
A peza agocha unha crítica ás deformacións morais que causan o desexo de diferenciación
social e a teima por ocultar as raíces propias cando estas son humildes.

You might also like