Análise e Comentario de Textos

You might also like

Download as doc, pdf, or txt
Download as doc, pdf, or txt
You are on page 1of 2

ANÁLISE E COMENTARIO DE TEXTOS (6)

O COMENTARIO CRÍTICO (1)

O obxectivo fundamental deste exercicio consiste en xulgar as ideas expostas nun texto
polo seu autor e elaborar unha valoración persoal razoada das mesmas.

Non se debe confundir o comentario crítico cun comentario


literario ou lingüístico; xa que logo, as análises lingüísticas,
literarias ou estruturais están de máis.

Trátase basicamente de expresar a nosa conformidade, desconformidade ou de


realizarmos as oportunas matizacións acerca das ideas expresadas, así como destacar
a oportunidade, a orixinalidade e/ou o interese das mesmas.
Debemos manifestar, de xeito ordenado, os nosos puntos de
vista sobre o tema, contrastando os coñecementos que achega o
texto cos nosos propios coñecementos. É o momento para a
reflexión e a asociación de ideas.

O texto nunca debe ser un pretexto para elaborar un discurso


alleo ao tema ou para expresar opinións non pertinentes.

Aínda que se trata dun comentario persoal, debemos evitar o


excesivo subxectivismo, desterrando os prexuízos e fuxindo da
polémica gratuíta ou dos comentarios extremistas e agresivos.

O comentario crítico abórdase despois de ter realizado o resumo, establecido o tema e


revelado a estrutura do texto. Iso proporcionará unha valiosa información moi
aproveitable, pero débese evitar volver repetir o que xa quedou exposto neses
apartados.
O esquema das ideas básicas do texto coa súa acertada
disposición estrutural servirache para a elaboración do teu
comentario.

O comentario crítico é un texto orixinal do alumno ao que lle acae a estrutura


expositiva-argumentativa; en consecuencia, resulta moi recomendable que o
estruturemos en tres partes:

1. INTRODUCIÓN.
2. CORPO ARGUMENTATIVO.
3. CONCLUSIÓN.
É conveniente a elaboración dun esquema/borrador previo xa
que nos permitirá seguir unha orde e ser rigorosos.

Débense evitar os defectos formais: pobreza expresiva,


reiteracións, faltas de ortografía, uso impropio do rexistro
idiomático, limpeza. etc.
ACTIVIDADES
Coincide o Rexurdimento cos movementos denominados Rexionalismo e Federalismo, mediante os que o
pensamento galeguista coñeceu unha notable maturidade técnica e ideolóxica. É imprescindible ter en
conta estes fenómenos extraliterarios, sobre todo nestes momentos de despegue da cultura, pois a
aparición de determinados temas, tons, actitudes, etc., é posible que só teñan unha explicación
achegada ó obxectivo se consideramos a literatura galega como formando parte dun programa de
descolonización que, sendo eminentemente cultural, nos momentos que estamos a considerar, non o foi
exclusivamente, e hoxe en día sábese da existencia de certas constantes que ofrecen as literaturas en
formación daqueles países, secularmente colonizados, que accederon á súa independencia. Non se trata,
dende logo, de facer un paralelismo estreito entres estas literaturas e a literatura galega, porque en
moitos casos aquelas teñen que formarse co idioma metropolitano e esta posúe idioma de seu; nin entre
a situación de colonialismo interior (segundo a expresión de Robert Lafont), que, sen dúbida, sufriu
Galicia secularmente, e a colonialista pura das colonias clásicas do Terceiro Mundo, por moitas razóns.
Pero o certo é que a actitude lírica, como primeiro xesto de expresión da propia fronte dos valores
impostos pola metrópole (como xa detectara J. P. Sartre na poesía negra); a valoración do natural,
fronte á civilización colonial; a creación de mitos “compensadores da indixencia cultural propia”, en
expresión de Fernando Morán; a procura dun pasado precolonial autóctono en que asentar un prestixio e
unha xustificación da liberdade, autonomía ou dignificación que se reivindica; o ton optativo, de arenga,
aleccionando a sentir orgullo de ser diferente e mesmo superior ó pobo colonizador; a invitación, en fin,
a conservar o propio como única salvación colectiva; todos estes fenómenos, no seu conxunto
(separadamente poden darse tamén en momentos determinados de culturas non colonizadas), son
comúns ás literaturas de descolonización e a unha literatura que, como a galega, tivo que colaborar na
reconstrución dunha idea de Galicia e sobrevivir no medio doutras literaturas moi poderosas e
competitivas, dende unha sociedade indiferente, cando non belixerantemente hostil.

Doutra banda, sería pouco rigoroso e inxenuo non enfocar o proceso de formación da literatura galega
dende perspectivas diferentes ás dunha programación colectiva, explícita ou tácita. Tan importante coma
ese enfoque é o que permite observar os fenómenos literarios como produtos que responden a unha
expresión individual, a unha necesidade de explicar(se) o mundo por parte de persoas concretas,
interesadas en desenvolver o seu particular programa vital. Esta perogrullada sería inaceptable no
contexto dunha literatura normalizada, pero a súa repetición imponse decote no caso que nos ocupa,
toda vez que obviala levou a moitos desaxustes críticos e á promoción, con cirúrxica férula de
patriotismo, de produtos impresentables que pouco favor fan á causa que presuntamente defenden.

Anxo Tarrío, Literatura Galega. Aportacións a unha Historia crítica.Xerais, 1994.

Cuestións:
1. Resume o contido do texto.

2. Realiza un esquema das ideas expostas no texto ordenándoas xerarquicamente.

3. Ponlle título ao texto e expresa da maneira máis sintética posible cal é a tese fundamental
defendida polo autor.

4. Tenta explicar que se entende por: Rexionalismo (l.1), Federalismo (l.1), colonialismo interior
(l.11), metrópole (l.14), literaturas de descolonización (l.21).

5. ¿Cales son as semellanzas e as diferenzas que presenta a literatura galega con relación ás
chamadas literaturas de descolonización?

6. Explica e comenta o contido do seguinte fragmento do texto (achega algúns exemplos


ilustrativos dos fenómenos mencionados tirados da literatura galega): Pero o certo é que a
actitude lírica, como primeiro xesto de expresión da propia fronte dos valores impostos pola
metrópole (como xa detectara J. P. Sartre na poesía negra); a valoración do natural, fronte á
civilización colonial; a creación de mitos “compensadores da indixencia cultural propia”, en
expresión de Fernando Morán; a procura dun pasado precolonial autóctono en que asentar un
prestixio e unha xustificación da liberdade, autonomía ou dignificación que se reivindica; o ton
optativo, de arenga, aleccionando a sentir orgullo de ser diferente e mesmo superior ó pobo
colonizador; a invitación, en fin, a conservar o propio como única salvación colectiva; todos
estes fenómenos, no seu conxunto (separadamente poden darse tamén en momentos
determinados de culturas non colonizadas), son comúns ás literaturas de descolonización e a
unha literatura que, como a galega, tivo que colaborar na reconstrución dunha idea de Galicia e
sobrevivir no medio doutras literaturas moi poderosas e competitivas, dende unha sociedade
indiferente, cando non belixerantemente hostil.

7. Explica e comenta a circunstancia á que alude o autor no 2º parágrafo do texto.

You might also like