Professional Documents
Culture Documents
Literatura 1 Avaliacion
Literatura 1 Avaliacion
Literatura 1 Avaliacion
Na poesía dos primeiros anos do século XX déixase sentir o forte influxo dos grandes
autores do Rexurdimento: Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Así a obra poética
de Leiras Pulpeiro, recollida en Cantares gallegos, e a de Noriega Varela en Montañesas teñen un
claro carácter costumista e ruralista, na liña de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, co
predominio do popular, nos temas, na métrica e na linguaxe.
Porén na época das Irmandades da Fala algúns autores, sen romper coa propia tradición
poética, van ir incorporando elementos doutras literaturas, nalgúns casos innovadores: Antonio
Noriega Varela combina no seu libro Do ermo xunto ao tradicional elementos do Saudosismo
portugués e Ramón Cabanillas non só toma trazos do Saudosismo, senón tamén do Modernismo
hispano e do Simbolismo .
Xa nos anos vinte e trinta coa xeración das vangardas, atopamos movementos que manteñen
esa conexión coa tradición poética galega, como o Hilozoísmo de Amado Carballo (Proel), que
emprega a métrica tradicional xunto á imaxe innovadora das vangardas, e o Neotrobadorismo,
resultado da mestura do lirismo medieval galegoportugués e mais os novos trazos das vangardas.
Exemplo diso son as obras de Bouza Brey e Cantiga nova que se chama ribeira, de Álvaro
Cunqueiro. Mais ao carón destes, aparece unha tendencia renovadora que aposta pola ruptura coa
poesía galega anterior e a incorporación dos novos modelos literarios dos ismos europeos e
americanos (Futurismo, Surrealismo, Creacionismo...), representada pola obra de Manuel Antonio e
determinados libros de poemas de Álvaro Cunqueiro, como Mar ao Norde, e Manuel Luís Acuña.
A poesía da época das Irmandades, por unha banda, non renuncia ao legado dos grandes
autores do Rexurdimento, Rosalía, Curros e Pondal; mais, por outra, procura a renovación
incorporando influencias dos movementos poéticos europeos de fins do XIX e comezos do XX: o
Modernismo hispanoamericano, o Saudosismo portugués, o Simbolismo, entre outros. Os dous
poetas máis relevantes da época das Irmandades foron Antonio Noriega Varela e Ramón Cabanillas.
Antonio Noriega Varela (Mondoñedo, 1869Viveiro, 1947)
Antonio Noriega Varela foi autor dunha única obra que vai aumentando en sucesivas
edicións e cambiando tamén de título, Montañesas no ano 1904 e 1910. Posteriormente, no 1920
pasará a denominarse Do ermo, o que será o seu título definitivo, co engadido de trinta novos
poemas (a maior parte deles sonetos) influídos polo Saudosismo; será reeditada nos anos 1929 e
1946, sempre con algunhas composicións novas.
Na poesía de Noriega Varela distínguense dúas etapas:
A primeira etapa, que se corresponde co título de Montañesas (1904, 1910), chega ata a época da
creación das Irmandades da Fala (1916), onde o autor se mantén fiel á tradición poética
decimonónica co cultivo da temática costumista, que exalta a vida campesiña (a dureza do traballo,
as festas e tradicións) e a paisaxe agreste, mediante o emprego dunha linguaxe que tenta reproducir
a fala popular dos labregos.
A segunda etapa comeza coa incorporación de Noriega Varela ás Irmandades; entra en contacto cos
1
componentes de Nós e co saudosismo portugués. O seu poemario pasa a denominarse Do ermo
(1920, reeditado en 1926, 1929 e 1946). Agora xunto ao lirismo costumista, o poeta mariñao
incorpora á súa poesía trazos dos novos movementos poéticos de fins do século XIX e comezos do
XX, sobre todo do Saudosismo portugués nos seus sonetos, e incluso do Modernismo. Así mesmo,
engade composicións nas que segue o que se denomina estética franciscanista, onde canta os
elementos máis sinxelos da natureza (as flores, os paxaros...). Todo isto expresado nunha lingua
literaria moito máis culta e depurada, e, no que respecta á métrica, alterna o uso do soneto xunto ás
composicións breves.
Ramón Cabanillas (Cambados, 18761959)
LIÑAS TEMÁTICAS DO REXURDIMENTO NOVOS MOVEMENTOS POÉTICOS
poesía intimista (influxo de Rosalía de Castro) Modernismo hispano (Rubén Darío...)
Poesía social ou cívica (elementos de Curros) Saudosismo portugués
Poesía patriótica e celtismo (Eduardo Pondal) Simbolismo (Baudelaire)
A maioría das súas obras publícaas no período anterior á Guerra Civil, a cal supuxo unha creba na
súa andaina literaria. Tamén tiveron un gran influxo na súa obra poética, nun primeiro momento, as
ideas agraristas, froito do contacto co líder do movemento Basilio Álvarez, e, posteriormente, as
nacionalistas de Risco a partir da súa incorporación ás Irmandades. Así na poesía social dos seus
primeiros libros amósanse as ideas agraristas, mentres que na poesía narrativa da obra Na noite
estrelecida descubrimos as influencias de Vicente Risco.
No conxunto da obra poética de Ramón Cabanillas poden sinalarse cinco núcleos temáticos:
Despois da Guerra Civil, Cabanillas retoma nos anos cincuenta a actividade literaria coa cre
ación dunha poesía máis persoal e intimista e, por veces, incluso existencialista (reflexións sobre o
paso do tempo, a vida e a morte...) . Desta etapa é o longo poema Samos (1958), ademais estuda e
recolle a lírica popular na obra Antífona da cantiga e reúne as súas traducións de textos doutras lite
raturas baixo o título de Versos de alleas terras e tempos idos (1955).
Outros poetas do período das Irmandades da Fala foron Gonzalo López Abente (Alento de
raza, 1918, e Do outono, 1924), e Vitoriano Taibo (Abrente, 1922).
TEXTO 3. MODELO DE EXAME DE SELECTIVIDADE
O NOSO SEÑOR SANTIAGO
O do bordón, das cunchas e da estrela,
Patrón da Terra nosa, aloumiñado
de saudosa paz, no esgrevio estrado
da enxebre catedral de Compostela!
Así te adora nosa fe sinxela:
no teu trono de prata encadeirado,
a man a benzoar, asosegado,
esquecido das loitas de Castela.
O teu cabalo branco como a neve,
a túa espada de rebrillos louros
e o relembro das tráxicas fazañas
que, arredado de nós pra sempre, os leve
o pobo que te alcuña matamouros,
a sanguiñosa xente das Españas!
Ramón Cabanillas, Da Terra asoballada (1926)
1) Indica a tema e a estrutura do poema.
2) Procura o significado das seguintes palabras: bordón, esgrevio, estrado, encadeirado, arre
dado.
3) Define os fonemas consonánticos presentes en cunchas e fazañas.
3
TEMA 2. A POESÍA DE VANGARDA. CARACTERÍSTICAS, AUTORES E OBRAS
REPRESENTATIVAS.
Nun tempo que se caracteriza, dende o punto de vista das correntes estéticas, por un
constante cambio ou unha rápida sucesión de movementos que tentan ser sempre o máis moderno, o
último do último, asistimos a unha progresión que nos leva, en só dúas décadas, dende o Futurismo
ao Surrealismo, pasando polo Dadaísmo, o Cubismo, o Creacionismo, entre outros.
Todos estes movementos ou ismos convértense en tentativas, tanto estéticas como sociais, de
romper cos modelos herdados, isto é, coa literatura anterior; do mesmo xeito que sucedía na
sociedade co progreso tecnolóxico cos distintos adiantos (a luz eléctrica, o avión, o helicóptero, o
submerxible, etc). A literatura pretende reflectir ese mundo en constante cambio, de
transformacións sen precedentes.
A incidencia deste ambiente xeral das letras europeas fíxose sentir en Galicia, sobre todo a
través das diversas revistas que van aparecendo (Cristal, Papel de color, Resol, Ronsel, ) e coa
chamada Xeración de vangarda (ou Xeración do 25 ou Novecentistas...), formada por autores
nados arredor do 1900. Non obstante, a vangarda galega tivo uns trazos propios e ademais foi menos
rupturista: coinciden no tempo co florecemento cultural das Irmandades e o Grupo Nós, co
espallamento da conciencia nacionalista e coa descuberta dos cancioneiros medievais; por outra
banda, na literatura galega aínda estaba relativamente recente o Rexurdimento vivido na última
parte de XIX, polo tanto existía un enorme repecto pola tradición coa que se pretendía romper...
Tendo en conta isto sóense distinguir dous tipos de correntes ou ismos:
1) As novas correntes autóctonas ou propias:
O Hilozoísmo, que se caracteriza pola animación ou personificación dos elementos da
natureza, vai ter como principal representante a Luís Amado Carballo, aínda que estará presente
nunha boa parte dos poetas da época, mesturado con elementos doutras vangardas. Nos poemarios
de Amado Carballo, Proel e O galo, tamén destaca a presenza de elementos da tradición poética
galega, como a métrica. Vencellado ao Hilozoísmo está o Imaxinismo, derivado do Simbolismo
francés, co cultivo da imaxe insólita na poesía de Cunqueiro e Aquilino Iglesia Alvariño.
O Neotrobarismo, xorde froito da fascinación polo mundo dos cancioneiros medievais,
daquela aínda recentemente divulgados, e dá un libro sobranceiro: Cantiga nova que se chama
ribeira, de Álvaro Cunqueiro. Os poetas do Neotrobadorismo son modernos no tratamento da
imaxe, ademais mesturarán os recursos literarios da lírica medieval, sobre todo refráns e
paralelismos, e os xéneros de amigo e amor, tamén a pastorela, para facer unha poesía moderna.
Xunto a Cunqueiro, destacan Fermín BouzaBrey, con Nao senlleira, e, xa despois da Guerra Civil,
Xosé María Álvarez Blázquez (Cancioneiro de Monfero).
4
2) A corrente máis rupturista coa tradición poética galega ou vangarda plena, que conecta
cos ismos vangardistas internacionais:
O Creacionismo foi o movemento de vangarda foráneo que tivo máis éxito na poesía galega,
cuxos cultivadores entre nós serán Manuel Luís Acuña e Manuel Antonio, autor do poemario máis
sobresaínte: De catro a catro, onde descubrimos símbolos innovadores (a noite, o ronsel, o reloxo, o
barco, etc.) e unha orixinal presenza do mar. Non obstante, non se pode esquecer que Manuel
Antonio é un poeta libre que non se somete totalmente a ningún movemento.
Manuel Antonio (Rianxo, 19001930)
Dende moi novo desenvolveu unha gran actividade política e cultural, fundamentalmente
dentro do nacionalismo. En 1922 asinou, en colaboración co artista plástico Álvaro Cebreiro, o
único manifesto vangardista galego ¡Máis alá!. Nel apostan pola renovación da literatura galega e a
ruptura total coa que se viñera facendo ata a data, en especial cos que eles denominan “vellos”, que
seguen a crear poesía costumista coma no XIX; fan unha defensa da lingua e dos escritores galegos
monolingües; aceptan as vangardas pero sen que o poeta perda a súa liberdade creadora e rematan
cun chamamento á mocidade galega para que rompese co pasado. As súas ideas renovadoras e
vangardistas seguiunas desenvolvendo nos anos seguintes en textos como “Prólogo dun libro de
poemas que ninguén escribeu”.
No 1928 saca á luz o seu mellor poemario, De catro a catro, a obra máis significativa da
vangarda galega e unha das que máis influirá na poesía galega de fins do XX e comezos do XXI. Co
subtítulo de “Follas sen data dun diario de abordo”, asistimos a unha navegación coa súa saída e o
seu regreso; polo tanto, a estrutura é circular. En todos os poemas destaca a presenza do mar visto
desde dentro, desde unha óptica completamente nova, só comparable á presente nalgunhas cantigas
medievais de Paio Gómez Chariño; un mar no cal descubrimos que nada avanza, nin o navío nin o
suxeito, que fica no extravío e mais na desolación, sen esperanza. Na forma, destacan o uso do verso
libre e ausencia de rima e da estrofa ao xeito tradicional; o deseño tipográfico á maneira dos
creacionistas (espazos en branco, ausencia de puntuación, uso das maiúsculas...). En canto aos
recursos literarios e á linguaxe, predomina a imaxe de corte creacionista; prodúcese unha ruptura
gramatical e semántica no poema de maneira que este presenta múltiples significados e resulta de
difícil interpretación, incluso ambiguo; utiliza un léxico novo na poesía galega: cultismos,
estranxeirismos, vocabulario do mundo do mar, código morse...
Ademais do Creacionismo, outros poetas incorporaron, nalgunha das súas obras, elementos
tirados doutros ismos europeos, entre os que destacan o Futurismo e o Surrealismo. O primeiro
(iniciado por Marinetti en Italia) déixase sentir tamén na obra de Manuel Antonio, que incluso
inclúe caligramas nalgún dos seus primeiros poemarios; na de Manuel Luís Acuña e Álvaro
5
Cunqueiro; e, finalmente, o Surrealismo, que percibimos en Poemas do si e non de Álvaro
Cunqueiro, iniciador desta corrente na tradición literaria galega.
TEMA 3 A PROSA DO PRIMEIRO TERZO DO SÉCULO XX: As Irmandades da Fala e o
Grupo Nós (narrativa, ensaio e xornalismo).
A narrativa galega dos primeiros anos do século XX continúa a liña ruralista e costumista
desenvolta na época do Rexurdimento, con creadores como Francisca Herrera Garrido, autora de
Néveda, e Manuel García Barros “Ken Keirades”, o cal relata as memorias dun rapaz labrego na
novela póstuma As aventuras de Alberte Quiñoi.
Coas Irmandades da Fala (1916), a prosa vai experimentar notables avances. Para comezar a
través das coleccións de narrativa das editoriais Céltiga e Lar vanse dando a coñecer novos
novelistas, entre os que vai sobresaír Xosé Lesta Meis, creador de dúas novelas realistas, con
elementos autobiográficos, onde se combinan os espazos da Galicia rural e a emigración: Manecho
o da rúa (1926) e Estebo (1927). Para continuar, na época das Irmandades prodúcese o
desenvolvemento da prensa, sobre todo co periódico A Nosa Terra, e do ensaio en galego, que se
converterá no privilexiado medio de difusión da ideoloxía das Irmandades. Entre os ensaístas máis
relevantes aparecen Johán Vicente Viqueira, que foi autor de numerosos artigos aparecidos sobre
todo no semanario A Nosa Terra; Ramón Villar Ponte, un dos máis brillantes ensaístas, como o
demostrou no libro Doctrina nazonalista, o primeiro tratado teórico sobre o nacionalismo galego; e,
finalmente, Antón Villar Ponte, quen escribiu numerosos artigos, discursos e ensaios, recollidos no
volume Pensamento e sementeira (1971), ademais foi unha das figuras máis destacadas dentro do
xornalismo da época, director do periódico A Nosa Terra e colaborador en moitos outros xornais,
ben como crítico teatral ben con artigos para o fomento da lingua ou a difusión das ideas
nacionalistas.
Xa nos anos vinte asistimos á consolidación e modernización da prosa galega, sobre todo co
Grupo Nós, un conxunto de autores, entre os que podemos destacar a Vicente Risco, Daniel
Rodríguez Castelao e Ramón Otero Pedrayo. Case todos eles descubriron Galicia e asumiron o
galeguismo despois dunha etapa caracterizada polo individualismo e o total afastamento da cultura
galega.
En canto á narrativa, os autores do Grupo Nós van incorporar novas técnicas narrativas
(monólogo interior, ruptura de secuencia temporal...) e diversificar a temática realizando narrativa
de corte fantástico, na que se inclúen algúns relatos e a novela de Castelao Un ollo de vidro,
memorias dun esquelete; narracións que tratan o tema do mundo dos mortos ou alén como Do caso
que lle aconteceu ao doutor Alveiros, de Vicente Risco, e O purgatorio de don Ramiro, de Ramón
Otero Pedrayo, xunto cunha parte dos relatos de Rafael Dieste incluídos no seu libro de contos Dos
arquivos do trasno; novela realista urbana, coma O porco de pé de Risco, onde se ofrece unha
visión crítica do mundo urbano que está a substituír a vella sociedade tradicional; e, en concreto, da
burguesía, a nova clase dominante; novela realista de análise da sociedade do Antigo Réxime e das
causas da súa decadencia: presente sobre todo nos relatos e novelas de Ramón Otero Pedrayo, como
O fidalgo e Os camiños da vida; novela psicolóxica , representada por Arredor de si de Otero;
novela histórica (A romería de Xelmírez, de Otero) e narrativa curta de índole máis
experimental, que tenta unha renovación formal e temática. como Dos arquivos do trasno, de
Rafael Dieste e Os ruíns, de Xosé María Álvarez Blázquez; mais a este experimentalismo tampouco
son alleos determinados textos de Otero Pedrayo (Fra Vernero), de Risco (O porco de pé) e
6
Castelao.
Os prosistas da época do Grupo Nós nas súas obras amosan diferentes perspectivas de
Galicia:
Vicente Risco céntrase na crítica da sociedade do seu tempo, sen que falte unha dose moi
particular de humor.
Otero Pedrayo reconstrúe momentos clave da historia do país, en especial a etapa da Idade
Media e mais a desaparición do Antigo Réxime no século XIX.
Castelao, pola súa banda, tenta a través dos seus relatos concienciar o lector sobre as
inxustizas sociais que sofren as xentes galegas.
Vicente Risco (Ourense, 18841963)
Afastado do galeguismo nunha primeira etapa da súa vida, manifesta logo unha evolución
ideolóxica, recollida no seu ensaio “Nós, os inadaptados” que o leva a abrazar a causa do
nacionalismo galego, do que foi un dos principais líderes e teóricos; aínda que sempre desde unha
perspectiva conservadora. Foi, ademais, un autor polifacético, que escribiu narrativa, ensaio e teatro.
A súa aportación á narrativa estará centrada nunha serie de contos alegóricos entre os que sobrancea
“A velliña vella” (A velliña como representación de Galicia); a novela curta Do caso que lle
aconteceu ao doutor Alveiros, onde trata o tema do mundo dos mortos, pero a súa obra máis
destacada é, sen dúbida, O porco de pé, considerada a primeira novela galega moderna, onde
mediante a hipérbole e metáforas extremas critica a sociedade burguesa, o capitalismo e a
burocracia, introduce personaxes representativos das clases medias e substitúe o espazo rural,
predominante na narrativa galega ata entón, polo urbano.
Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 18881976).
Otero Pedrayo foi o gran polígrafo da Xeración Nós: historiador e xeógrafo, novelista,
ensaísta, dramaturgo. Dentro do conxunto da súa narrativa, destacan as seguintes novelas: O
purgatorio de Don Ramiro (1926); Os camiños da vida (1928); Arredor de si (1930); Fra Vernero
(1934); A romaría de Xelmírez (1934); Devalar (1935); O mesón dos ermos (1936), O señorito da
Reboraina (1960); ademais tamén nos deixou varios libros de contos, como Contos do camiño e da
rúa (1932) e Entre a vendima e a castañeira (1957).
A prosa de Otero caracterízase pola combinación dun estilo lírico e barroco xunto a outro
máis dinámico onde predominan as frases curtas con elipses e asíndetos; con el o galego literario
acadou un nivel poucas veces igualado nas nosas letras. Nas súas narracións recrea unha boa parte
da historia de Galicia, comezando pola Idade Media (A romaría de Xelmírez) e centrándose sobre
todo na visión realista do século XIX (Os camiños da vida), aínda que tampouco se poden esquecer
os retratos que realiza da súa xeración, en Arredor de si, e da xeración posterior do Seminario de
Estudos Galegos, en Devalar; novelas definidas como culturalistas e psicolóxicas pois nelas as
accións externas e os personaxes pasan a un segundo plano en favor da exposición de ideas, as
referencias culturais e a evolución interna dos protagonistas. Delas, ten especial importancia
Arredor de si, no sentido de que a través do protagonista Adrián Solovio, o autor nos ofrece a súa
evolución ideolóxica cara ao galeguismo, semellante á dos demais compoñentes do Grupo Nós.
Afonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886Buenos Aires, 1950).
Castelao foi artista gráfico (debuxante e pintor) e escritor (narrador, dramaturgo e ensaísta),
7
pero toda a súa obra salienta pola súa orixinalidade e pola defensa da lingua e da cultura de Galicia.
A súa obra narrativa está composta polos libros: Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete
(1922); Cousas (19261929); Os dous de sempre (1934) e Retrincos (1934). As súas narracións
caracterízanse polo predominio da forma breve (o relato) e a aparente sinxeleza co obxectivo de
chegar a todo tipo de lectores. Non obstante, estamos ante unha prosa moi elaborada, froito dun
traballo minucioso na procura da palabra xusta. Mestura o humor, a ironía e a tenrura para
desvelarnos a realidade, moitas veces tráxica, de personaxes tirados da Galicia do seu tempo, sobre
todo as clases populares, isto é, aqueles que sofren as inxustizas sociais (campesiños, mariñeiros,
emigrantes, as mulleres, os nenos...). A estrutura do relato curto, mesmo do microrrelato, constitúe a
base do seu modelo de escrita, en ocasións complementado por ilustracións (Cousas); este modelo
mantense incluso cando se achega ao formato da novela (Os dous de sempre).
Máis novos cós autores do Grupo Nós son os narradores da xeración do Seminario de
Estudos Galegos, nados a comezos do século, e tamén os que se amosan máis ousados na
renovación dos temas e da forma dentro da nosa narrativa, entre os que sobresaen Rafael Dieste, co
libro de contos Dos arquivos do trasno; Xosé María Álvarez (Os ruíns) e Fermín BouzaBrey
(Cabalgadas en Salnés).
Os autores da época do Grupo Nós axeitaron o idioma para a expresión científica e
abrangueron todas as áreas do saber: política, historia, literatura, etnografía, arte, entre outras. Ao
tempo que coa revista Nós (19201936) integran a tradición galega coa modernidade europea, pois
crean unha publicación monolingüe en galego na que podían lerse traballos de investigación
científica, recensións e críticas de libros, traducións literarias dos máis diversos autores europeos ...
Vicente Risco atopa no ensaio o seu mellor medio de expresión, así no ano 1920 dá a
coñecer Teoría do nacionalismo galego, un dos textos políticos máis influíntes no século XX en
Galicia onde expón os trazos diferenciais que lle dan a Galicia o status de nazón, polo que se
converteu no ideario do nacionalismo na época das Irmandades e o PG. En Nós, os inadaptados, de
1933, explica a súa formación e a evolución ideolóxica que o levou ao galeguismo. Mitteleuropa
(1934), é unha crónica da súa viaxe de estudos pola Alemaña anterior á Segunda Guerra Mundial;
nela descubrimos o seu afastamento do galeguismo e o medo ao comunismo. Nos anos sesenta a
Editorial Galaxia reúne nun volume titulado Leria unha serie de ensaios e artigos xornalísticos da
súa etapa galeguista.
Otero Pedrayo foi autor de excelentes artigos xornalísticos e sobre todo dunha obra
ensaística de temática moi diversa, que vai desde o ensaio xeográfico ata os de evocación biográfica
ou baseados en experiencias persoais. Unha das obras esenciais da época é o seu Ensaio histórico
sobre a cultura galega (dirixido inicialmente a un público non galego), onde realiza unha
interpretación integral do país e da súa cultura dende as orixes ata os nosos días, centrándose nos
que el considera os grandes momentos da súa historia: a cultura castrexa, o románico, o barroco e o
romanticismo. Esta obra compleméntase con outras , como por exemplo Morte e resurrección, onde
afonda na esencia do ser galego. Outro dos temas que máis o atraían era o da paisaxe galega,
tratado en traballos como “Ensaio sobor da paisaxe galega”. Pelerinaxes e Polos vieiros da saudade
recollen as súas experiencias das viaxes a Santo Andrés de Teixido e Arxentina, respectivamente.
Para concluír, entre de evocación biográfica destaca o Libro dos amigos, onde, entre outros, lembra
os seus compañeiros galeguistas asasinados polo franquismo (Alexandre Bóveda, Ánxel Casal,
Roberto Blanco Torres...) e mais os que se viron obrigados a exiliarse, coma Castelao.
8
Afonso Daniel Rodríguez Castelao deixounos o texto ensaístico de maior importancia, pola
súa influencia nas xeracións posteriores: Sempre en Galiza, publicado no exilio de Bos Aires en
1944. No libro reúne artigos, ensaios, conferencias e discursos xunto a material pensado
especificamente para a obra. O limiar (“Adro”) e a primeira parte foran publicados anteriormente no
voceiro das Irmandades A Nosa Terra e mais noutras publicacións de fóra de Galicia (Nova Galiza)
xa durante a Guerra Civil. O resto foi realizado no exilio. En Sempre en Galiza Castelao expón o seu
pensamento político, as súas reflexións sobre temas como o autogoberno, o exilio, o sentimento de
Galicia e sobre todo a defensa do idioma. Outros ensaios de Castelao son Diario, 1921, que recolle
as súas impresións sobre a arte, a literatura e o teatro logo da súa viaxe por Europa; e As cruces de
pedra na Bretaña e As cruces de pedra na Galiza, onde analiza os cruceiros das dúas terras.
Ao igual que fixeran Vicente Risco no ensaio Nós, os inadaptados e Otero na novela
Arredor de si, Florentino Cuevillas nun breve ensaio titulado Dos nosos tempos fai unha análise da
súa evolución intelectual, semellante á dos demais compañeiros do grupo ourensán Nós.
TEXTOS:
Era un cabalo sumarísimo, sen máis órganos que os estritamente indispensables para a
locomoción, sen ningún de nutrición, que sen dúbida perdera por lle non seren útiles, por seren se
cadra indignos de cabalo perfecto, que nin debe comer, nin arder, senón somentes correr: un
cabalo reducido a unha soa función, un cabalo rigorosamente científico.
Era un cabalo pantasma, tan lixeirísimo na súa masa coma nos seus movementos. Sostíñase
nas súas catro patas por un verdadeiro milagre de levitación, e tan pouco pesaba que non deixaba
na terra a marca das pisadas. Voaba como unha palla no vento…
Moralmente era un asceta o cabalo do médico de Abrantes. Pode que antes tivera pecado
moito, mais de tódolos xeitos, Abrantes foi para el unha Tebaida expiatoria e santa. Facer, fixo
méritos de abondo para conquerir un ceo, ou polo menos un limbo axeitado á súa alma de besta
padecente. Era un faquir que vivía do xaxún, única mantenza que lle daba a Providencia, que o que
é o médico non lle daba senón traballo.
Aquela besta heroica viviu en Abrantes a epopea da fame, sen protesta, sen unha queixa, sen
rincho nin couce…Ningún soubo apreciar as virtudes excelsas daquel ser singular.
Vicente Risco: Os europeos en Abrantes (1927)
CUESTIÓNS:
1. Sinala a estrutura do texto, indicando os núcleos de contido de cada unha das partes.
2. Indica, de maneira xustificada, cal cres que é o punto de vista que adopta o autor na
descrición do cabalo: a) obxectivo e realista; b) subxectivo e idealizado; c) irónico e
humorístico.
3. Elabora un breve relatorio expoñendo o cambio nos usos do cabalo…
4. Indica se son abertas ou pechadas as vogais tónicas das seguintes palabras: sen, órganos,
perfecto, vento, asceta, méritos, ceo, abondo, besta, padecente, excelsas, ser.
5. Define os fonemas consonánticos: ningún, fixo, conquerir, rincho. Identifica as dúas
seguintes construcións sintácticas e responde:
a) Sen máis órganos que os estritamente indispensables.
b) Tan lixeirísimo na súa masa coma nos seus movementos.
Sería posible que aparecesen en vez de que e coma outros nexos? Cales? Xustifica a
resposta.
6. Identifica as preposicións e conxuncións presentes no primeiro parágrafo.
9
TEMA 4: O TEATRO DO PRIMEIRO TERZO DO SÉCULO XX
Nos inicios do XX domina aínda o denominado Teatro Rexionalista, o cal a partir do 1903,
coa creación da Escola Rexional de Declamación, vai presentar unha maior dimensión social, de
maneira que ao carón do costumismo e mais a recreación do pasado, vanse expoñer algúns dos
problemas da Galicia da época. Entre os autores, destaca Manuel Lugrís Freire, creador de dramas
como A ponte, exemplo dese teatro máis reivindicativo pois nela denuncia o caciquismo.
As Irmandades da Fala, constituídas en 1916 como plataformas para a concienciación do país
a prol do uso da lingua galega, orientaron cara ao xénero teatral unha parte importante das súas
actividades. Así naceu o Conservatorio Nazonal de Arte Galega (1919), que, a partir de 1922,
pasa a denominarse Escola Dramática Galega. Programábanse actuacións por todo o país. Moitos
escritores, entre eles Cabanillas, crearon obras para representar, sobre todo nas cidades e vilas. Se
ben vai seguir existindo neste período a dramaturxia máis tradicional, Co Conservatorio Nazonal de
Arte Dramática o teatro galego vai coller un novo rumbo:
Téntase romper co teatro máis tradicional e costumista, de ámbito rural e mariñeiro.
Renóvanse os temas (reivindicación social, dignificación da lingua e a cultura, recreación
de episodios senlleiros da nosa historia...) e as formas, coa introdución de elementos das tendencias
do teatro europeo (simbolismo, modernismo, expresionismo).
Inclúense personaxes do mundo urbano.
Créase un modelo de lingua máis coidado, libre de dialectalismos, vulgarismos e
castelanismos.
Ramón Cabanillas foi o autor da obra coa que bota a andar o Conservatorio Nazonal en
1919: A man de Santiña, unha comedia burguesa de temática amorosa, desenvolta nun ambiente de
clases altas. Ademais Cabanillas creou xunto con Antón Villar Ponte O Mariscal (1926), obra
cumio do teatro galego desa época, centrado na figura do mariscal Pardo de Cela que os autores van
converter no símbolo da resistencia galega ao poder centralista dos Reis Católicos.
Armando Cotarelo Valledor foi un continuador da liña realista do teatro anterior (drama
rural: Trebón; drama de ambiente mariñeiro: Beiramar; comedia sentimental: Sinxebra; traxedia
histórica: Hostia); as súas pezas caracterízanse polo gran dominio da técnica, os logrados retratos
psicolóxicos e a riqueza lingüística.
Outros moitos autores contribuíron a renovar a escena galega ao longo do período. Da
extensa nómina cabe salientar cando menos ao xa mencionado Antón Villar Ponte, Os evanxeos da
risa absoluta (1934) e Almas mortas (1928), onde expón o ideario galeguista e problemáticas como
a da emigración e o caciquismo.
Vicente Risco deixounos unha peza simbolista O bufón dEl Rei. Destaca o personaxe do
bufón, por unha banda, representa a ironía e a intuición fronte ao Rei, que encarna o poder e da
razón; por outro lado, desenvolve a idea de Risco da relación entre a aparencia física e a conduta
10
moral.
Ramón Otero Pedrayo presenta na obra A lagarada, 1928 unha traxedia rural na Galicia en
transformación do XIX. Un labrego mata a un fidalgo por razóns amorosas e convértese en
foraxido. Na peza O desengano do prioiro identifica a vida co mundo tradicional, mentres que o
mundo moderno representa a morte. Finalmente, en Teatro de máscaras atopamos as súas creacións
máis vangardistas.
Afonso Daniel Rodríguez Castelao desenvolve na súa única obra Os vellos non deben de
namorarse a súa concepción do teatro como espectáculo total ou integral, froito da unión do texto
literario con elementos como a música, a danza, a luminotecnia, a escenografía ou o vestiario.
Trátase de levar ao escenario aquilo que a propia cultura popular, a través dos seus propios festexos
e celebracións, considera espectacular. Deste xeito Castelao pon sobre o escenario o pobo a falar a
través dun tema igualmente tomado da literatura oral: os amores entre vellos e mozas. Os tres lances
da peza reiteran a mesma estrutura, mais con diferentes alternativas. Os tres vellos atópanse ao final
no outro mundo e relatan cales foron as consecuencias das súas decisións.
En canto ao teatro das vangardas, a figura máis destacada é Rafael Dieste, quen bota man do
Simbolismo na obra A fiestra baldeira para amosarnos unha interesante reflexión sobre a identidade
do individuo e tamén sobre as diferenzas entre o mundo real e a súa representación ou
interpretación. Un vello indiano (don Miguel), de pasado mariñeiro, encarga un retrato de si mesmo
e cando o pintor o representa de costas a unha ventá pola que se ven imaxes mariñeiras xorde o
debate ou conflito xa que a familia, avergoñada polo pasado popular, pretende pór no lugar un
xardín fidalgo; mais isto tampouco lles gusta aos seus amigos mariñeiros e ao pintor. A peza, que
segue o esquema da comedia tradicional (presentación, nó e desenlace), ten un remate ledo ao
asumir a familia o pasado de don Miguel.
Outro dos dramaturgos vangardistas foi Xaime Quintanilla, que creou un teatro ousado
tanto nas formas coma nos temas en obras como Alén (1921).
TEXTO:
DON MIGUEL: Escoita, Balbina. Eu xa vos teño dito que son moi rudo de entendemento. Eu sei
que dúas e dúas son catro, pero se para mo dar a entender vos contentades con chiscarme un ollo,
abofé que non entendo lisca. Son moi rudo.
DONA BALBINA: Raposón! Vai, ti queres ou non que lle quiten a fiestra ao cadro?
DON MIGUEL: Donosiña non me falou de lle quitar a fiestra.
DONA BALBINA (Fuxindo de preitos): Supoñamos que non. Fáloche eu. Canto mellor non lle
quedaría un fondo de xardín fidalgo ou cousa de xeito semellante! Ademais esa fiestra, véndose as
lanchas, o peirán, as redes...
DON MIGUEL: Gústame moito.
DONA BALBINA (Seria, reconcentrada e agarimosa): Porque tes os ollos pechados. Ninguén, non
sendo ti que se non es rudo, es confiado de máis ignora o que o pintor vén dicindo con esa fiestra.
DON MIGUEL: E que vén dicindo?
DONA BALBINA: (Reprochadora e cariñenta): Babián, babián...Vía, dunha vez: vén dicindo que
fuches mariñeiro. Iso é.
DON MIGUEL (Moi abraiado pola dialéctica, pero comprendendo): E non o fun? E non o son
aínda por dentro?
DONA BALBINA: Contigo non hai quen poida. Mellor verías a casa asolagada polas bágoas de
Donosiña que darlle gusto en cousa tan pequena (Fiducial). Ti coidas que sería ben, cando deamos o
consentimento para que Mariñas entre na casa, o lle mostrar ese retrato con esa fiestra que o está
11
dicindo todo? Ben é certo que Mariñas está perdido pola nosa nena, pero as cousas...
Rafael Dieste: A fiestra baldeira.
12