Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 3

::: Estíbaliz...

Espinosa Río
escritora | comunicación en ciencia |
poesía | música | astronomía

Curiosidade é nome de constelación

Curiosidade, Aira Editorial, Allariz, 2017


Estíbaliz Espinosa. Ilustracións de Celsius Pictor

1
Canto hai que non ves a Vía Láctea? Se non o sabes, non a viches. A nosa
galaxia, esa escuma branca a pixelar o ceo de parte a parte: estrelas, gas e e po
interestelar, un halo de materia escura por explicar, exoplanetas quizais con
ollos á espreita... Vivimos de aluguer nela sen sermos moi conscientes; a
meirande parte do tempo, a menos que te arredes a un lugar moi escuro, non
se ve. Pero cando a ves, non a esqueces.

Contemplar o noso propio arrabalde galáctico e decatarmos de ser parte dese


brazo espiral. A partir de aí todo son preguntas.

É tan vertixinoso escribir sobre a propia poesía como asombrarse polo coágulo
de astros no que vivimos escritas, como caracteres dunha novela branca. Que é
a curiosidade? Por moito tempo pregunteimo. Unha pulsión, unhas das forzas
elementais do universo, a 5ª? Non, un púlsar non parece intrigarse por nós. Pero
nós por ese violento obxecto de radiación, si.

2
Pensei que a curiosidade era unha pulsión moi humana, moi animal [e quen
sabe, igual tamén vexetal e protista] común a poesía e ciencia. Hai pouco, nun
obradoiro de secundaria, unha rapaza preguntábame: que ten que ver a poesía
coa astronomía? Respondinlle o máis breve [a ciencia tamén funciona con
linguaxe, metáforas, sinestesias; a ciencia nutre a empatía, a literatura tamén],
pero o certo é que non sei. Seica na teima en preguntas sen resposta. Seica no
mecanismo de artellar as preguntas axeitadas. Seica na mutación da linguaxe –
esa tecnoloxía corporal– e con ela cerebro e consciencia.
A curiosidade é unha forza brutal, en aparencia liviá, que nos move a pescudar.
É o asombro da oceanógrafa Rachel Carson pero tamén o ut sum satis curiosa
da viaxeira Exeria, a thaumazein [admiración] aristotélica, o pulo polo
coñecemento nos mitos de Eva ou Pandora, pexorativo por seren mulleres. Igual
saiume un libro spinoziano [como me advertiu amablemente María do
Cebreiro], de paixón alegre. Un libro luminoso, malia todo.

3
Fixei o título Curiosidade en 2014 e pendurei unha versión na miña web durante
meses. O poemario descargouse bastante. O contido foi considerado, pero o
soporte non. Como libro, ou coñecía o papel ou nunca existiría. Non sería con-
siderado [que significa «observar estrelas»]. Por moito que discrepe, son as
regras do xogo arestora.

O flamante selo Aira cruzouse no camiño; eu procuraba unha edición coidada e


debuxada para un artefacto con varias texturas [textos curtos de Twitter,
poemas con fragmentos documentais interpolados, algo de prosa poética...], e
César Lorenzo tivo iniciativas brillantes, entre elas contar co esplendor das
ilustracións de Celsius Pictor. Así se publicou.

4
Dende os 6 anos escribo, o formato tanto me ten. Os poemas deixan unha
escuma transversal que fura a linguaxe de parte a parte, como unha galaxia de
signos na que vivimos. En poesía procurei esa perspectiva, ese zoom dende o eu
poético a un nós como especie ou colectivo, as preguntas mutantes. En
realidade, coido que *s poetas non facemos bos selfies da nosa escrita, de aí
que tratar sobre un libro propio me resulte alieníxena.

Hai un halo de materia escura no que escribimos mantendo unida esa galaxia
sen saber cómo. Non sei por qué escribo como escribo, nin do que escribo.
Sospéitoo dende espazos remotos, a golpearme como un meteorito na fronte.
Son introvertida. Sei que me interesa o perspectivismo, certo humor, o estilo
como un ceo negro no que escintilan puntiños, suspensivos, que enlazan a
ciencia, a linguaxe, o social, o invisible... co que se di e faise visible: coa paixón
arroutada de dar coa palabra. Cientificamente: de curiosear dicindo.

Estíbaliz...Espinosa
Escritora | astrónoma afeccionada | músico

You might also like