Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 7

1

PABLO GUIMERÁNS SANJORGE

A VIDA DAS MULLERES NA GALICIA MEDIEVAL

INTRODUCIÓN

Antes de encamiñarnos a facer unha historia das mulleres na Galicia da Idade Media,
debemos de explicar certos puntos. En primeiro lugar, que cómpre falarmos de mulleres, en plural,
pola diversidade social que obviamente existe entre o sexo feminino. E en segundo lugar explicar a
necesidade de facer historia explicitamente de mulleres, punto este bastante discutido e con
diferentes visións dentro da historiografía actual. Non obstante, este deber noso de poñer á muller
en pé de igualdade vese con grandes atrancos polas dificultades da propia investigación e estudo
histórico. Hai unha inexistencia da muller no documento histórico, fonte que é sempre
androcéntrica e con claros prexuízos cara o sexo oposto (teríamos que esperar ao século XII para
ver un incremento na participación das mulleres -Cristina de Pizan). Este problema global da
historiografía temos que matizalo aínda máis no caso galego, pois aquí vemos a practica total
inexistencia de fontes, reducíndose estas ao ámbito legal e normativo.

CAPITULO I. O DEREITO E MAILA IGREXA.

A MULLER PERANTE AS LEIS:

Arrancamos dende o principio coa mala posición que ocupan as mulleres nos textos
normativos de Alfonso X (Las Partidas, El Fuero Real e El Espéculo). Nestes textos incídese
constantemente na inferioridade da muller no xeral, algo que se traslada a manifestacións concretas
tales como a imposibilidade de testificar ou de testamentar (a muller herdeira de Eva e o seu
engano). Tamén se incide na febleza da muller e na necesidade da titoría do sexo feminino (á
necesidade de casar con consentimento, etc...).

En canto á educación, a muller desempeñará funcións moi determinadas e sempre de acordo


ás etapas que se lle supoñen: a de virxe, a de casada e a de matrona (ligada esta última fase á
reprodución). Desta forma encontrámonos coas diferenzas ao vestir dependendo da etapa da vida

2
que ocupe unha muller (a cabeza cuberta como posesión do home, ou sen cubrir se está solteira). O
home debe amar, gardar e honrar á súa muller, pois esta é unha prolongación do propio home.

A MULLER VISTA POR PENSADORES E CANONISTAS

Existe neste punto a mesma inferioridade ca explicada anteriormente. Os canonistas e homes


da Igrexa farán unha interpretación das fontes bíblicas sempre tradicional e conservadora en canto
ao sexo feminino, tratando sempre a muller como posíbel herdeira de Eva (que non olvidemos,
sería creada cunha costela masculina). A lectura da igualdade que ofrece a biblia non ten
consecuencias inmediatas, e as propias mulleres serían excluídas da propia Igrexa como institución,
quedando sempre relegadas ao plano da clausura, da custodia (as mulleres son “mudables de corpo
e inquedas de alma”), o que implica perfilárense como seguidoras da Virxe María e da propia
virxindade, que é algo sagrado. Porén, hai que indicar que ademais destes dous posíbeis camiños, a
Igrexa tamén perfila a figura intermedia de Magdalena, unida intimamente ao purgatorio.

En canto a esta discriminación e a explicación da mesma, varios pensadores ofreceron


hipóteses como a da muller temida (Duby) ou a da impotencia masculina (Marta Madero).

A MULLER NA LÍRICA GALEGO-PORTUGUESA

Pese aos intentos de buscar semellanzas entre a lírica galego-portuguesa e a lírica provenzal,
neste punto debemos especificar determinadas diferenzas. A primeira é a inexistencia da muller
casada na cantiga de amor (posiblemente algo causado polo sistema de parentesco existente na
nosa terra). En segundo punto que nas nosas cantigas non existe o desafío e o duelo provenzal,
senón o xogo amoroso e mesmo a submisión do trobador ante a muller (que é tratada de senhor). O
terceiro punto é a existencia da coita, da dor de amor, fronte ao joi ou goce provenzal. A muller é
pois obxecto de dependencia, febleza e inferioridade.

CAPITULO II. AS OPCIÓNS DE VIDA DAS MULLERES

O MATRIMONIO

Son fundamentalmente tres: o casamento, o convento ou a instalación na marxinalidade.


Para o casamento, institución primordial para o mantemento das sociedades e do seu propio

3
autogoberno, era necesario cumprir cun dote necesario. A partir do s.XIII é licito falar dun modelo
matrimonial cristián que continuaría vixente ata entrada a Idade Moderna, no que a procreación
ocupa a posición nuclear do mesmo, e o reparto de papeis se asemella a unha relación feudal de
vasalaxe. Temos que indicar tamén a existencia de dous tempos no matrimonio: o contrato de
casamento e as vodas, así como a confirmación do matrimonio como un instrumento de troco e
alianzas entre grupos familiares. O camiño da anulación e a posibilidade de novas nupcias estaba
reservado á incapacidade de procrear, mais a existencia das relacións extraconxugais era obvia e
algo posíbel, sempre nun claro contexto de desigualdade entre sexos. Así pois, o matrimonio, o
adulterio e o amancebamento serían os marcos de relación de parella nos que a muller sempre vai
ocupar unha clara posición de inferioridade.

O CONVENTO

Ante a imposibilidade de casar (ben pola falta de dote ou outras causas) a solución fronte á
non desexada solteiría será o ingreso no convento, ante o que tamén se necesita un dote, pero máis
sinxelo de reunir (nos conventos entraban as mulleres das clases máis favorecidas burguesas, e
raramente pobres e mozas humildes). Cómpre dicir, ante todo isto, que non sempre a opción
conventual é unha elección non desexada, pois moitas veces o móbil desta escolla e a verdadeira
vocación relixiosa. En canto ás regras polas que se rexían, facer fincapé no gran interese por
garantiren o illamento do grupo monástico e evitar o contacto do exterior (algo só excepcional e
sempre a través dun torno na porta), aínda que na realidade o intento de enclaustrar as mulleres non
tería gran éxito ata chegado o século XVI.

A MARXINACIÓN

En canto as concubinas, soldadeiras e prostitutas, dicir que estarían obviamente na posición


da marxinalidade dentro destes tres posíbeis destinos aos que terían “acceso” as mulleres. En canto
á prostitución non temos en Galiza moita información, posibelmente porque esta foi pouco
abundante, mais eran toleradas pola sociedade e consideradas un mal necesario. A súa distribución
nas cidades e vilas galegas facíase posiblemente a través de casas na cidade sen control público, ou
por molleres del partido que ían dunha poboación a outra. Sobre as concubinas dos cleros
(chamadas criadas), dicir que serían condenadas a partir do século XIII, mais non con moito éxito.

4
CAPITULO III. O PESO DAS MULLERES NA ESFERA DO PRIVADO

Dentro dos marcos sociais e de ocupación dos espazos na vida cotiá, á muller encargaríaselle
a actividade interior, na casa, mentres que ao home a proxección pública e exterior. A muller tería
unha situación de inferioridade segundo Georges Duby pola propia misión única da muller, a
procreación, e pola asignación do papel de coidadora dos membros da familia, dende a vida que
xesta no embarazo ata a morte dese e doutros individuos. O deber do home é alimentar á muller,
mais o papel desta na casa non é valorado nin recoñecido, imputándolle á ama moitas veces falta de
capacidade e vontade. A esfera doméstica era da muller, mais ao mesmo tempo zona de convivencia
e polo tanto de conflito entre esta e o home, isto é, unha zona propicia para a guerra de sexos. De
todas formas, a existencia de traballos extradomésticos por parte do sexo feminino é algo cotián nas
cidades medievais. En canto ás criadas e serventas (moitas de 12 e 14 anos), indicar que levaban
unha vida moi dura, aínda máis ca das súas amas.

CAPÍTULO IV. A PROXECCIÓN SOCIAL DAS MULLERES: O TRABALLO

O MUNDO CAMPESIÑO

Ademais do traballo doméstico anteriormente mencionado, as mulleres desenvolvían un


traballo activo e constante nos campos, que cómpre recordar eran de pequena explotación e ligada
estruturalmente a un grupo doméstico e familiar. Neste eido, as mulleres teñen unha importancia
que parece comparable á dos homes, cando menos nos contratos de aforamentos e regulacións de
vasalaxe. En canto ao papel económico hai unha distribución de labores producida pola esixencia
ou non dunha maior forza física, tocándolle ás mulleres o traballo na horta, coidado de aves,
sementeira, seitura e vendima. Distinción nos traballos e tamén nos salarios, xa que as mulleres
adoitaban percibiren menos da metade do salario dun home.

O TRABALLO DAS MULLERES NAS CIDADES

A incorporación da muller ao traballo como algo suplementario ao traballo doméstico é algo


claro dende o século XIII. Non quedan pois relegadas ao ámbito doméstico, aínda que este sexa un
espazo exclusivo delas. Partindo da educación limitada e a dependencia do marido coa que contan,
as mulleres desempeñan un papel de liberdade e autosuficiencia subliñábel, administrando moitas
veces na práctica patrimonios, propiedades e mesmo testamentos.

5
CAPÍTULO V. A PROXECCIÓN SOCIAL DAS MULLERES. O PODER E A CULTURA

Nada impide nun principio á muller o acceso á función pública, mesmo por herdanza, aínda
que non encontremos grandes figuras femininas nos oficios da coroa durante a Idade Media (salvo a
raíña Urraca, con contrastes memorables entre a súa actuación política e os xuízos que mereceu).
Non é así no amplo campo do señorío, no que encontramos oficios de goberno administrados por
mulleres, salientando aquelas que teñen que facerse cargo deste papel pola ausencia do seu marido.

En canto ao acceso á cultura das mulleres, debemos sinalar que á altura do século XIII este
parece un ben particularmente escaso. Encontramos grupos de monxas como asinantes (o que se
explica por seren de extracción social máis alta e por pertenceren ao mundo eclesiástico), e tamén
temos indicios do acceso de mulleres nobres á lectura e á escritura. En canto ao mundo urbano dicir
que as mulleres aparecen excluídas do oficio intelectual (excepto nos oficios de boticaria e
carteira). No mundo campesiño, a información neste ámbito é inexistente.

CONCLUSIÓN

O estudo e investigación sobre a historia das mulleres é un feito notable na historiografía


moderna e dos últimos anos. Nace esta especialidade ao carón do movemento feminista e do
chamado estudo de xénero (relativo non só a muller, senón tamén a identidade masculina e á
orientación sexual), mais non debemos confundir o seu nacemento como unha cuestión de
separación, exclusión ou como apoloxía feminista radical, senón como unha cuestión de
investigación e tamén xustiza para un 50% da poboación que foi históricamente discriminada. É por
tanto que non poderemos nunca entender os tempos pasados (por moito que estes foran
androcentricos) sen entender a historia da muller, como suxeito responsable do seu destino e da
propia sociedade.

Nesta recensión relativa á situación das mulleres na Idade Media púidose comprobar a
situación de marxindade legal e social que sufrían. Porén, esta situación non cambiaría ao longo dos
séculos e aínda hoxe a discriminación sexual é un problema grave e non solventado. A muller real
na Idade Media era marxinada nos diversos corpus legais e en diferentes institucións do momento
como a Igrexa, mais pese a todo, e na práctica, gozaba dunha relativa liberdade e mesmo
responsabilidade familiar e comunitaria.

6
ESTA É UNHA OBRA PRODUCIDA POR

PABLO GUIMERÁNS
www.pabloguimerans.com

You might also like