Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 41

ROBERTO VIDAL BOLAÑO

ANIMALIÑOS
O escenario está baleiro. Acéndese unha luz e tres personaxes aparecen na escena. Son O TIPO RARO e
O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece

VARIACIÓN I

A BREVE

O escenario está baleiro. Entra nel un tipo raro, vaise cara ao atril e instálase nel. O silencio é inmenso.
Busca coa mirada a complicidade dos presentes.

O TIPO RARO: Miñas donas, meus señores. Moi boas noites a todos. Teatro do Aquí vai ofrecerlles
Animaliños! Trinta e unha , ou trinta e dúas, variacións improbables arredor do céspede, das plantas
ornamentais e das pragas que, as veces, padecen. E de cómo acabar con elas para mellor gardar dos
nosos e vosos xardíns. Variación primeira. A Breve. O escenario esta baleiro. Entra nel un tipo ou tipa
normal, buscando a quen lle falar do seu desespero. ( Entra un tipo ou tipa normal) Vai cara a luz do
único foco prendido e instalase nela. ( O TIPO OU TIPA NORMAL fai exactamente iso) O silencio é
inmenso. Busca coa mirada a complicidade dos presentes e, nunha desas, vai e espétalles:

O TIPO OU TIPA NORMAL: Me cago nas herbas de Dios!

O TIPO RARO O TIPO OU TIPA NORMAL sae de escena . Escurece.

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?


O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece.

VARIACION II

HAI UN PARAISO AO FONDO

A escena volve estar baleira. Acéndese a luz.

O TIPO RARO: Variación dúas. Hai un paraíso ao fondo. Nun xardín de adosado de traballadió e
coidado céspede, un home e unha muller , embarullados nun tenro e cariñoso abrazo, a piques de alcanzar
o éxtase.

Un home e unha muller abrázanse.

ELA : (Índose nun suspiro) Aí! Aí o tes, meu amor cento dezaseis metros de paraíso. E para nos sos!

EL: Cento dezaseis metros, sen contar cos trinta que temos na zona común.

ELA:Sen contar con eses, claro. É tan bonito!

EL: É!

ELA: Viches que ben se deron as roseiras? Son tan fermosas! Habería que as podar antes de que lles
pase o tempo.

EL: Mentres ti as atendes a elas, eu limparei de malas herbas o céspede.

ELA: Ten conta da ciática. Ben sabes como te pos cando che aperta.

EL: Terei.

ELA adiántase e, dunha ollada, contempla extasiada todo o xardín.

ELA: (Suspira de novo) Ai! Sinto como se viñese de facerse realidade o máis fermoso dos meus soños.

EL: E así é. sempre quixeches ter un xardinciño francés coma este.

ELA: Foi a ilusión de toda unha vida de traballos e privacións.

EL: Pois aí o tes! Non é o de Versalles precisamente, pero en canto rematemos de pagar a hipoteca, será
noso.

ELA: E acabaremos algunha vez?

EL: As hipotecas acábanse de pagar cando menos o pensas.

ELA: Quedou precioso , non si? Notase que esta feito con amor.
EL: E con moi bo gusto.

ELA: E con moi bo gusto, si señor. E todo grazas a ti.

EL: Eu o máis que fixen foi seguir as túas instrucións. A creadora de tanta beleza fuches ti.

ELA:Eu e a nai natureza. Sen ela nada disto tería sido posible.

EL: Es feliz meu caravel?

ELA: Máis do que nunca pensei que se puidese chagar a ser! ( Ollando unha vez máis para o xardín) É
tan fermoso.

EL: É non si?

ELA: É!

O TIPO RARO: Volven mirar para o xardín de súpeto.

ELA ceiba un berro espantoso e bota as mans á cabeza abraiada polo que semella ver nunha das moitas
plantas do xardín.

Escurece.

VARIACION III

A escena volve estar baleira. Acendese a luz.

TRES: Chámome Mercedes. Teño trinta e seis anos, son empregada de banca e teño dúas fillas.

UN: As miñas fillas teñen ganado moitísimo en calidade de vida, eu non tanto.

DOUS: Hai que limpar moito e a casa é un pozo sen fondo que nunca acabas de ver ao teu gusto.

TRES: O mellor , de todos xeitos , é o xardín.

Escurece.

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!


O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece.

VARIACION IV

A DITOSA PRAGA

Un deles esta observando unha planta.

O TIPO RARO: Variación catro. A ditosa praga.

Un tipo e unha tipa observan unha planta.

O PRESIDENTE: Caracois?

A DE VENDAS: Caracois! Ve ese regueiro noxento? É baba de caracol. Saen pola noite. De aí que no os
vexamos. Malia o seu aspecto amable e toda esa literatura indixesta que se ten vertido arredor seu, son
dunha voracidade extrema. Fora de catro ou cinco especies que son carnívoras , a maioría son fitófagos. O
que quere dicir que se alimentan exclusivamente de vexetais.

O PRESIDENTE: Deus santo! Ou facemos algo ou acabarannos cos xardíns nun santiamén.

A DE VENDAS: Glufosintao de amonio.

O PRESIDENTE: Que?

A DE VENDAS: A ortodoxia di que o mellor para acabar con eles é saír pola noite con lanternas e ilos
collendo un a un, pero eu sosteño que é moito máis eficaz o glufosinato de amonio.

O PRESIDENTE: Nin falar. Os pesticidas entrañan moitos riscos.

A DE VENDAS: O glufosinato non é sintético, é un produto absolutamente natural. Foi illado por
primeira vez en cultivos recollidos no bosque tropical do Camerún.

O PRESIDENTE: Ten que haber outro xeito menos traumático de se librar deles. Son fonte de alimento
para os paxaros.

A DE VENDAS: Haberá que escoller: ou os paxaros ou o xardín.

O PRESIDENTE. ( collendo un caracol) É curioso !, din que están moi bos e , mesmo, hai lugares en
que os cultivan e outros en que se aledarían de ter unha praga coma a que temos nos.

A DE VENDAS: Aquí dannos noxo!

O PRESIDENTE: Aquí dannos noxo cousas que noutros lugares aprecian moito.
A DE VENDAS: E apreciamos cousas que a outros anoxan.

O PRESIDENTE: Por exemplo?

A DE VENDAS: A hipocrisía. Mire para o seu pe…. Onde o ten pousado?

O PRESIDENTE: No chan.

A DE VENDAS: Sabe cantos seres vivos pode haber debaixo dese pe?

O PRESIDENTE: Non

A DE VENDAS: Uns cinco mil. Cantos cre que veñen de morrer ao pousar vostede o pe ai? Cantos cre
que morren cada vez que o move? ( El move o pe instintivamente de sitio) acabe de cepillar uns tres mil.
E así cada vez que da un paso , tanto sobre herba coma sobre enlousado dun camiño ou dunha calzada
calquera. Non cre que é absurdo que lle importen unha ducia de caracoliños, so porque os ve, cando non
lle importa cinco mil vermes so porque son microscópicos? Canta vida pensa que quita cada vez que pon
a andar a lavadora ou o lavalouzas?

O PRESIDENTE: A que lava na casa é a miña muller.

A DE VENDAS. As veces hai que acabar co secundario para salvagardar o que importa. Unha boa dose
de glufosinato…

O PRESIDENTE: Para a miña muller?

A DE VENDAS: Non, para os caracois. Ese é o único xeito de acabar con eles antes de que eles acaben
con nos.

O PRESIDENTE: Pensei que so atacaban os xardíns, pero ….tamén corremos perigo nos?

A DE VENDAS: E que somos nos sen xardíns? Glufosinato de amonio. Poñereillo a moi bo prezo, por
tratarse da urbanización.

Escurece.

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece
VARIACION V

A CONTEMPORANEA

O TIPO RARO: Variación cinco. A contemporánea. O escenario volve estar baleiro. Entra un tipo ou
unha tipa normal con expresión atormentada. O que a diferenza dos anteriores é que aqueles non tiñan
vontade de estilo e ela si. Ademais de deixar clariño o recado , busca facelo de xeito orixinal, moderno,
innovador , de aí que teña algo preparado para o efecto. A saber : entra unha música machacona. Compón
o corpo unha figura dinámica, entre patética e atlética. Bota a correr cara un dos lados da escena e bate na
parede bruscamente. Recua, tal que se rebotase co golpe, e sen descompoñer nin a expresión nin a figura,
vai bater contra a parede veciña. Alí o golpe é de tal envergadura que da con el no chan, medio atordado
sen forzas. Deslizase escenario a diante como levada pola musica ata chegar á luz do único foco prendido
e, unha vez alí, tal que nas dez ultimas, desfeitas polos leñazos e posuída polo noxo, ten aínda tempo de
escribir sobre o chan cos eu propio sangue:

O TIPO OU A TIPA NORMAL ESCRIBINDO NO CHAN CO SEU PROPIO SANGUE: Me cago


nos caracois e no euribor de dios!

O TIPO RARO: Antes de que a luz se esvaia, decátase alguén de entre o publico. Con frecuencia é a .
sen par, Elvira Souto, a nosa amiga, que casualmente asiste á representación. Achégase intrepidamente á
tipa normal e faille un par de sutís correccións lingüísticas. Tacha o ME, de ME CAGO e cambia a DIOS
por DEUS. O recado queda entón como segue.

O TIPO OU A TIPA NORMAL ESCRIBIRON NO CHAN CO SEU PROPIO SANGUE LOGO


DA INTREPIDA INTERVENCION LINGÜÍSTICA DA SEN PAR ELVIRA SOUTO: Me cago nos
caracois e no euribor de Dios Deus!

O TIPO RARO: O Público case que sempre aplaude con entusiasmos , non sei por que hoxe non. Elvira
Souto, ou sucedáneo , levita, como é de rigor, e vai bater no teito con suavidade. Queda alí aletexando, ata
que cae o pano ou se fai o escuro.

Faise o escuro.

VARIACION VI

DOUS: Chámome Nora. Teño dous anos. Eu aínda non fago absolutamente nada, pero encántame vivir
aquí.

TRES: Antes no piso, non me deixaban saír porque aínda non nacera, pero agora si e teño máis amigas.

UN: Xa subo e baixo as escaleiras eu soa, pero ata hai pouco miña nai tiña reixas por todas partes para
que non caese.

DOUS: O mellor é a piscina no verán. E que , ademais, podo facer festas no xardín.

Escurece

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS.
Din os seus textos recitando ou cantando.
O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece.

VARIACION VII

UN VEADO NA HERBA

Un tipo predicando verbo na herba

O TIPO RARO: Variación sete. Un veado na herba.

UN: Levo practicamente catro horas, vintecinco minutos e trinta e dous segundos dándolles voltas ás
poderosas razóns que , sen dúbida , ha ter vostede para facer o que fixo e non acerto a me explicar cal das
moitas que barallo puido ser a súas Por que?

OUTRO: Por que o que?

UN: O de maldicir as herbas

OUTRO: A vostede fanlle chiste?

UN: Iso non é o que importa agora, senón por que non lla fan vostede.

OUTRO: (Sinalando o céspede) Míreas. Vistas así, con figura de céspede do noso xardín, semellan
unhas ninguén, non si? Sabe que teñen instinto asasino?

UN: Nunca oíra semellante cousa.

OUTRO: Pois téñeno! Este é un val moi fértil. Un microclima. Tan fértil que xa era coñecido pola súa
fertilidade en tempos dos romanos. Aquí dáse de todo. E de que maneira!

UN: Mellor!

OUTRO: Mellor? Non diga estupideces! Mellor para quen? Para que? Todo o mundo preocupado por uns
caracois que non lle fan mal a ninguén cando o autentico problema é a herba. Os caracois pode acabar co
verde , pero as gramíneas poden acabar contigo. Experimentou algunha vez a sensación de que todo o
xardín estaba na súa a contra? As espiñas das roseiras, as estrugas, os mosquitos… Pero sobre todo ela…

UN: Ela quen?

OUTRO: A herba, coño , de quen estamos a falar? Ou botas a túa vida cortando na herba ou ves como
unha selva espesa, semellante á amazónica , vai cercando as ventás da túa casa e as portas e as saídas do
gas e é entón cando pensas , como pensaría calquera con posibles, en contratar alguén e entón descobres
que non hai , `porque hoxe ninguén quere dobrar de mais o espiñazo ou sacar uns extras destripando
terróns e, daquela , vas e proposlles por catro patacóns e que fose el quen segase a herba , como fan os
madrileños , os cataláns ou os franceses e así están de saúde eles e mais os seus xardíns. Sabe o que é ir
segando co maquinucho, run , run, run,… e sentindo como a herba vai medrando detrás de ti, chaf, chaf,
chaf de tal xeito que cando chegas á din do rego , a herba está máis crecida que cando comezaches a segar
nela e bótase a ti coa intención de paparte , polo que tes que volver empezar de novo, e así unha vez e
outra vez, ata o infinito?

UN: Iso é imposible

OUTRO: Aquí non. Aquí meu amigo , todo medra con máis liberdade da debida. E ningún exceso é bo. E
estes, menos.

Escurece

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece.

VARIACION VIII

A CHAMADA

A TIPA RARA: Variación oito. A chamada. O escenario volve estar baleiro…

Escoitase o timbre unh telefono.

A FILLA: Non collas. Pode ser miña nai.

O SEU HOME: Xa chamou dúas ou tres veces.

A FILLA: E que? Quere que a vaiamos buscar para levala ao hospital.

O SEU HOME: Tan mal se atopa?

A FILLA: E eu que sei!

O SEU HOME: Ninguén chama pedindo auxilio se se encontra ben.


A FILLA: Miña nai, si.

Escurece

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece

VARIACIÓN IX

A DOR E NOS

O TIPO RARO: Variación nove. A dor e nos.

Un home e unha muller ao pe dunha planta.

ELA: Mira para aí! Miñas pobres! Co traballiño que deu conseguir que prendésedes. O que han estar a
sufrir. E todo por causa deses bichos noxentos.

EL: Animaliños! Eles so fan por sobrevivir, como calquera. Que saberán os pobres do sufrimento que
causan?

ELA: Non vos veredes así por moito tempo! Poñerémoslle atallo a todo isto canto antes. Non queremos
que sufrades máis.

EL: Non lles fagas promesas que, se cadra , logo non podes cumprir. Non é tan doado acabar cunha
praga coma esta.

ELA: E pensar que ata hai uns anos non sabiamos que as plantas tamén tiñan sentimentos, que tamén
padecían ou gozaban. Deberiamos poñerlles musica ou lerlles un anaquiño. Marta , unha amiga que sabe
moito disto , di que algunhas cousas de Chopin, ou os adagios de KArajan, lles prestan especialmente.

EL: Eu oín que o que lles encantaba era que lles lesen cousas de Borges queres que lles lea algunha
cousa das súas Ficcións?
ELA: Quita de aí! A min as cousas dese pitoño xa nunca me gustaron demasiado pero lidas por alguén
sen acento arxentino deben ser unha cruz.

EL: En que lingua haberá que falarlles?

ELA: A que ?

EL: As plantas.

ELA: Será como a nos. Nunha que entendan. Ou sexa : a cada un na súa.

EL: E como saberei cal é a súa? As Camelias veñen do Xapón, por exemplo. E esta en concreto , é dun
enxerto que me trouxeron de non sei de onde.

ELA: Por como recende , debe ser de aquí.

EL: Pois acabas de librarme dunha boa preocupación. En que lle falo entón , en galego normativo, no de
mínimos , en galego reintegrado ou en español.

ELA. En calquera delas.

EL: E se ten postura e , en vez dunha alegría , lle das un desgusto?

ELA: Non te entendo.

EL: Imaxina que lle falas español e é do Bloque ou que lle falas en galego e resulta que é da Coruña?

Escurece.

VARIACIÓN X

UN: Chámome Ánxeles. Teño oitenta anos, vivo co meu fillo, coa miña nora cunha neta.

DOUS: Gústame vivir nun adosado porque non me molesta o veciño de arriba e podo saír á rúa cando
quero.

TRES: O peor é ir á compra ou ao hospital, porque está lonxe e non podo ir soa.

UN: Polo demais, quen me dera a min a oportunidade de ter vivido nun sitio coma este!

DOUS: O mellor, de todos os xeitos, é o xardín.

Escurece.

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!


O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece.

VARIACION XI

A MEMORIA

(Dous borrachos)

O TIPO RARO: Variación once. A memoria. Dous borrachos.

EL: Unha vez, hai unha chea de anos, nun xardín que tiñan meus pais, apareceu unha praga coma esta.

OUTRO: Nai que os botou!

EL: Aquilo si que era una cruz! E de que dimensións! Non amainou ata que a un tío meu… Bebía
cervexa como unha condena!

OUTRO: Que lle pasou a aquel tío teu?

EL: Que se lle ocorreu mexarlles enriba.

OUTRO: Mexarlles enriba?

EL: Mexarlles enriba.

OUTRO: E calmáronse con iso?

EL: O éxito foi tal que, de alí a poucos días, estabamos mexando todos. Pero xa nunca volveu pasar…

OUTRO: Nunca chove ao gusto de todos.

EL: Ninguén sabia exactamente a que se debía. Pero se non estaba el, de nada servían as nosas mexadas.

OUTRO: E que fixestes?

EL: Primeiro probar a mexar sen ter bebido ninguén.

OUTRO: E que?

EL: E nada.

OUTRO: E despois.

EL: Emborrachalo máis aínda!

OUTRO: E funcionou?
EL: Pois claro! El dicía ignoralo todo, pero nos sabiamos que non era certo. Algo debía haber nel que nos
non tiñamos. Ata que un día…

OUTRO: Foi e explicoucho?

EL: El non , a realidade.

OUTRO: Que era?

EL: Joder! Se eu che contase!

OUTRO: Non irás ter segredos agora?

EL: Non, pero…

OUTRO: Pois a min así non me deixas…

EL: Morreu aos catro meses. Tiña os miúdos completamente fodidos.

Faise un longo silencio.

OUTRO: Volviches mexar outra vez?

EL: Son un borracho, non un parvo.

Escurece.

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece.
VARIACION XII

A INTIMA

O escenario volve estar baleiro. O TIPO RARO ocupa, como sempre o seu lugar.

O TIPO RARO: Variación doce. A íntima. O escenario volve estar baleiro. Entra nel outro tipo ou tipa
normal. (Entra no escenario outro tipo ou tipa normal) Vai cara a luz do único foco prendido e… antes de
se instalar nela, atravesa coa súa mirada o conxunto de espectadores presentes e fica alí, no escuro aínda,
sen dicir nada. O silencio é atronador. Non sabe moi ben que facer. Asáltano as dúbidas máis espantosas.
Antes de se atrever a deixarse ver e a dicir nada, cavila para si:

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Me cag…! Díxencho! E ben clariño…! Estás
aí?

O TIPO RARO: E non había estar? As conciencias estamos sempre, aínda que non sempre chamen por
nos. Que queres?

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI.: Isto de falar en publico é máis difícil do que
eu pensaba.

O TIPO RARO: So no aparente. Todo depende do que lles teñas pensado dicir. Se é a verdade, é
certamente moi difícil. Se é unha mentira piadosa ou de comenencia , é moi sinxelo.

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Ese ó o problema…. Que non sei moi ben
que lles dicir.

O TIPO RARO: E por que pediches entón a palabra?

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Nunca me gustou quedar calado nas
xuntanzas de propietarios. É un xeito como outro calquera de lles dar a razón aos que falan.

O TIPO RARO: Pois dilles calquera cousa, á din e ao cabo só son os teus veciños.

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Estamos aviados, cando menos as
conciencias avogan pola mentira.

O TIPO RARO : Ninguén quere oír a verdade.

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Non se sabe de certo ata que se lles di. Esta
historia da relación por xunto coa xente é un misterio.

O TIPO RARO: Di o que queiras,pero di algo. Tes a palabra concedida dende hai varios segundos.
Acabarás por facer o ridículo como non lle botes peito.

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: E non llo botarei, xa verás. Non llo botei
nunca a cousa ningunha , así que moito menos a isto.

O TIPO RARO: Es demasiado cruel contigo mesmo.

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Cun mesmo nunca se é demasiado cruel.

O TIPO RARO: Digas o que digas non lle vai importar a ninguén.
O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Pois debería.

O TIPO RARO: Pois entón díllelo e que decidan eles.

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Así de fácil non?

O TIPO RARO: Así de fácil, si, señor!

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Que queres? Que me poña baixo a luz dese
foco, descubra que me están mirando todos e lles diga o que realmente penso?

O TIPO RARO: É o que realmente pensas, non?

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Si, pero un non pode andar por aí dicíndolle á
xente o que realmente pensa.

O TIPO RARO. Por que?

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Como que porque? Porque… porque…
Acabarías poñéndote nas súas mans. Saberían como es realmente.

O TIPO RARO: Tan pouco te gustas que non queres que saiban como es realmente?

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Non é iso.

O TIPO RARO: Entón que é?

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Están demasiado preocupados pola ditosa
praga como para lles espetar, así , sen máis aquel, que en realidade a min impórtame un carallo o que lles
pasa aos seus xardíns e que o único que me preocupa é o que me pasa a min , a miña muller e aos meus
fillos.

O TIPO RARO: E que vos pasa que eu non saiba?

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI. E que nos vai pasar! Que tampouco este mes
imos poder pagar a hipoteca.

O TIPO RARO: E van…?

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Catro meses.

O TIPO RARO: Tanto subiron os intereses e o euribor?

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Tanto baixaron os ingresos. Non se vende
nada e Facenda quere o seu o mesmo.

O TIPO RARO: Ti nunca lles dirías iso. Pensalo, pero nunca llelo dirías.

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Para que? Para dar pena?

O TIPO RARO: Non , para facerlles saber ata que punto é unha estupidez vivir angustiados porque o teu
xardín estea sendo asolado por unha praga de caracois.

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Tampouco hai que confundirse de inimigo.
Eles polo menos están aí, dándoche a oportunidade de lles dicir o que che veña a cabeza. O inimigo son
os outros. Os que nin tan sequera veñe…

O TIPO RARO: Pois veña , tío! Bótalle un par de collóns e dilles o que lles viñeches dicir! Sen medo.
O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI: Aínda que non me escoiten?

O TIPO RARO: Aínda que non te escoiten. Non merecen outra cousa e a ti asísteche ese dereito. Tiñas
pedida a palabra, vai e úsaa!

O TIPO OU TIPA NORMAL CAVILANDO PARA SI adiántase, con solemnidade, e deixa que o
bañe de cheo a luz do único foco prendido. Dende alí crucifica co mirar todos os presentes e espétalles:

O TIPO OU TIPA NORMAL: Eu creo que o mellor para acabar coa praga é facer o que decidamos
todos!

Aguanta o tipo , baixo o foco, e tantos se hai aplausos coma se non, non abandona a posición ata que cae
o pano ou baixa a luz.

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece.

VARIACION XIII

O SEN TEMPO

O TIPO RARO: Variación trece. O sen tempo.

O SEN TEMPO: A ver, un momentiño, perdoade, pero é que eu teño que marchar. Home, a min non me
parece mal, ningunha das… dos que falaron aquí, claro, tanta xente. Pero unha puntualización. Eu non
quero que pase como co das lámpadas. Se hai que poñerse todos de acordo, eu , por min, que quede claro.
Pero tampouco é cousa de que… Eu son como calquera, non? Se non, pois nada. Pero é que o asunto este,
polo que teño escoitado, a min dixéronme que habería que… claro, e eu son asmático e teño dous rapaces.
A ver se…. Non? Claro. Isto é un mundo, aquí hai xente que ten, xente que non…, non? Eu, como dixo
antes o compañeiro, creo que , como el dixo, aínda sabendo que de pouco vale matar o minotauro, eh?
Home , estamos aquí para falar, non? Este non é un asunto de Estado, pódese… ou sexa, que eu o que non
quero é que pase co gluosinético de amoníaco este o de cando chegou o tipo aquel ( fai varios xestos) ,
non? Eu, se hai que tal, pois si,se cadra. Pero home antes, podo, é que non sei, preguntar unha cousa. Ou
mellor dito , puntualizar unha cousa. Por un lado, os da…esta, como se…?os da humm! Os da
inmobiliaria algo tería que dicir sobre este asunto, non? E por outro eu quero preguntar por que poñedes
sempre as reunión a estas horas, porque eu teño que traballar, hai vinte minutos, e ademais, non sei se me
explico, eu non sei que pinto aquí, porque eu vivo na esquina de abaixo, eh? E eu non teño xardín.

Escurece.

VARIACION XIV

TRES: chámome Xema. Teño dezaseis anos, estudo primeiro de bacharelato.

UN: Estou contenta. A casa é moito máis grande , podo ter animais e facer festas.

DOUS. No piso so podía saír cos meus pais, agora estou todo o día fora coas amigas na zona común.

UN: O peor é que miña nai mándame subir e baixar escaleiras para traerlle cousas.

DOUS: Os problemas veñen as fins de semana, á hora de saír pola noite. Ou me levan e me traen meus
pais ou teño que quedar a durmir na casa dalgunha amiga.

TRES: Aínda que iso só será asía ata que poida sacar o carné.

UN: O mellor, de todos os xeitos , é o xardín.

Escurece.

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece.
VARIACION XV

UNHA DE CARACOIS.

O TIPO RARO: Variación quince. Unha de caracois.

EL: Joder, aquí chega un calquera, ceiba un rollo e todo Dios , ala! , a escoitalo.

ELA: Mira que manda collóns!

ELES: E que agradabades? Eles son civilizados e nós os caracoliños.

ELA: E a foderse!

EL: Si, señor, e a foderse. Levan días peta que te petarás e total…

ELA: Se preguntasen!

ELES: Son tan diferentes a nos!

EL: Xa me dirás en que?

ELES: A min encántanme.

ELA: Polo que che zoscan?

ELES: E polo que me deixan de zoscar ( Mostrándolle un brazo= Mira. Viches como me puxo esa
pendanga?

EL: Que che pasou?

ELA: Pisárona. Ben se ve

ELES: Case me afoga. Pero fanmo con tanto agarimo!

EL: Ti tamén , é que te pasas ,tía…Es unha chulita. Hai que ter un pouco de humildade e apartarse do
medio cando ven unha desas.

ELA: Se soubeses cando veñen.

ELES: Chaman a traizón e non sempre se sabe.

EL: Hai que repoñerse e facer algo…

ELES: Si, xa! Pero …o que?

ELA: joder, se tivésemos resposta a esa pregunta …non eramos caracois.

EL:Pois sómolo, por máis que vos doia!

ELA: A min atacáronme cun pesticida. Tedes que ver o que fan!

ELES: E por se non o vimos, cas e descríbesnolo ti agora.

ELA: Con todo luxo de detalles , se queredes. Vin morrer moitos así.

EL: mira que manda collóns! E nos aquí, coma parvos, escoitándote.
ELA : Coma parvos non, como caracois.

Escurece.

VARIACION XVIA

A DIDÁCTICA.

O escenario está baleiro.

O TIPO RARO: Variación dezaseis a. A didáctica. O escenario volve quedar baleiro. Entran nel un tipo
ou unha tipa aparentemente normais.

Entra un tipo e unha tipa normais. Van ao centro do escenario.

O RESPONSABLE: Eiiiiii! Un momentiño, que estamos aquí!

A RESPONSABLE: Non podiades poñer un pouco máis de luz aquí?

O RESPONSABLE: Boas. Perdoade a demora.

A RESPONSABLE: Pero non demos chegado antes. Hai tanto tráfico!

O RESPONSABLE: Eu son o responsable da área de Cultura.

A RESPONSABLE: E eu a responsable da área de Educación.

O RESPONSABLE: Eu chámome Pepe.

A RESPONSABLE: Eu non. ( Ri a súa propia graza estupidamente. O natural sería que a rise ela e
ninguén máis, pero iso nunca se sabe) Eu chámome Antonia. Toña para os amigos, ou sexa, para todos
vós.

O RESPONSABLE: Ides asistir a unha representación de teatro.

A RESPONSABLE: Pero non dun teatro calquera.

O RESPONSABLE: De teatro noso, ou sexa, de Teatro Galego.

A RESPONSABLE: Teatro Galego é o que se fai aquí.

O RESPONSABLE: O que se fai aquí en lingua galega. Nun supoñer: esta peza a que ides asistir hoxe,
representada en Londres en Inglés , sería teatro galego ou non?

A RESPONSABLE: A pregunta en realidade debera ser: sería teatro? ( Ri unha vez máis) Eu é que,
francamente, creo que o teatro é outra cousa.

O RESPONSABLE: Ese é un tema apaixónate ao que non imos entrarlle hoxe.

A RESPONSABLE: Hoxe o que imos é asistir á primeira das moitas actividades programadas pola
Concellería de Cultura…

O RESPONSABLE: E pola de Educación….


A RESPONSABLE: Dentro do programa intitulado “ Hai outras alternativas ademais da litrona”

O RESPONSABLE: E non é que queiramos quitarvos de beber.

A RESPONSABLE: Cadaquén é libre de facer o que lle pete.

O RESPONSABLE: E nós nada temos contra o alcohol…. Sempre que sexa bo. (Volve rir
estupidamente)

A RESPONSABLE: Sempre que sexa bo e se beba coa debida moderación.

O RESPONSABLE: Pero hai outros xeitos de divertirse.

A RESPONSABLE: E o teatro é un deles.

O RESPONSABLE: Sobre todo cando é bo.

A RESPONSABLE: E o de hoxe éo.

O RESPONSABLE: Ou iso din. Aínda que co Teatro Galego pode pasar de todo.

A RESPONSABLE: Algo si sabemos de certo, é que aínda que a historia sexa tráxica, a representación
non o é . É de escarallarse coa risa.

O RESPONSABLE: Conta a historia dunha parella que vén de mercar un adosado con xardín e que,
nunha destas, descobre que o xardín está sendo asolado por unha praga de caracois.

A RESPONSABLE: Para máis INRI, a un dos propietarios, cando a praga vén de lle acabar co camelio
que lle regalara súa nai, véncelle un prazo da hipoteca e non ten con que o pagar.

O RESPONSABLE: Unha hipoteca , é de supoñer que o saberedes, é un préstamo.

A RESPONSABLE: A maior parte dos compradores dunha vivenda non dispoñen de diñeiro abondo
para facer fronte ao pago do seu prezo e recorren ais préstamos hipotecarios que conceden as entidades
financeiras.

O RESPONSABLE: Cando os condecen. Entidades financeiras chámaselles aos bancos e ás caixas de


aforros, porque son quen maiormente financian as hipotecas.

A RESPONSABLE: É unha obra dun único personaxe, pero no que , dalgunha maneira , estamos
representados todos.

O RESPONSABLE: Uns máis ca outros.

A RESPONSABLE: Eu sen ir máis lonxe, non me sinto identificada en absoluto coa tese desta obra. A
min os caracois encántanme e coa hipoteca que teño vaime que nin diola.

O RESPONSABLE: E agora xa, sen máis , con todos vós e formando parte dos actos programados pola
Concellería de Cultura…

A RESPONSABLE: E pola de Educación…

O RESPONSABLE: E pola de Educación…., dentro do programa “ Hai outras alterativas ademais da


litrona” , a compañía , agora non lembro o nome, coa obra antes mencionada da que é autor o noso
grandísimo dramaturgo Salvador García Bolaño e que leva por título “… non sei que do euribor de Dios”

A RESPONSABLE: Deus.
O RESPONSABLE: Deus. Que vos preste!

A RESPONSABLE: A nós tendes que desculparnos , pero dentro duns minutiños comeza no multiusos o
concerto de Dover e temos que estar alí.

O RESPONSABLE: Por certo , relémbrovos que a entrada para o concerto é tamén de balde.

A RESPONSABLE: Así é que , polo mesmo prezo, podedes escoller: Teatro Galego ou rock do mellor.

Rin os dous a súa propia graza estupidamente.

O TIPO RARO: Vanse coa mesma decisión con que viñeran , levando unha chea de espectadores con
eles.

Fica alí sen dar creto ao que veñen ver os seus ollos e de oír os seus oídos, ata que a luz esmorece e se
fai o escuro ou cae o pano.

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece.

VARIACION XVIB

CONTINÚA A XUNTANZA DE PROPIETARIOS.

O TIPO RARO: Variación dezaseis be. Continúa a xuntanza de propietarios.

Entra unha muller e diríxese ao público.

A PROPIETARIA: Xa sei, xa sei que non está na orde do día, pero aproveitando que estamos xuntos….
Eu ben sei que a maioría de nós, en realidade, mercamos o adosado por estes cento e pico metros de
xardín e polos da zona común. Polos nenos, máis que nada. Aínda que nós non temos. Quen ten nenos
estando o mundo como está ou habendo unha praga no xardín como a que hai? Que satisfacción, non si,
ver medrar aquela primeira árbore que plantamos… e o estanque con chorriño que construímos coas
nosas mans durante aquela interminable fin de semana! Que saudable pasar a segadora de gasóleo no teu
día de descanso ou regar todas as tarde á posta do sol mentres cantas Las hojas verdes e gozas co cheiro a
terra mollada!! O xardín era o único polo que todo isto pagaba a pena. Mais que nada polos nenos . pero
isto non sempre foi así. Cando chegamos, non había chemineas nos salóns e os garaxes estaban abertos,
falámolo e, fora dalgún túzaro , que sempre ten que haber algún nunha destas merendas, hoxe a maioría
dos chalés teñen unha cousa e mais a outra. Unha preciosidade! Aínda que nos non temos coche e
chamarlles chalés a estas merdas ten collons… En realidade non pasan de ser un piso vertical. É o peor
dos adosados… que o que necesitas sempre está no piso de arriba. Ou no de abaixo se quen está arriba es
ti. Pero este pais é unha merda. Teño un sobriño que di que ten unha axencia de transportes e, en
realidade, o que ten é unha moto. Por non ser nin tan sequera son un piso, senón unha sucesión de
escaleiras. Tira para arriba, tira para abaixo. Pero era todo o que podiamos mercar. E nin iso. Temos
hipoteca para toda a vida. Así é que , se mo permitides e aínda que sei que non é o motivo desta xuntanza,
aproveitando a ocasión , quixera que volvésemos sobre o asunto dos ascensores. Cuns ascensores como
Deus manda todo isto sería outra cousa.

Escurece.

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS.
Din os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece

VARIACION XVII

OUTRA VEZ OS MILITARES

(De prácticas)

O TIPO RARO: Variación dezasete. Outra vez os militares. De prácticas.

O PROPIETARIO XEFE: Deberemos desprendernos dunha chea de sentimentalismos e a asumir como


naturais certas cuestións non sempre agradables. Teremos que ser como cirurxiáns dispostos a cortar polo
san para evitar males maiores. Estamos dispostos?

ELES: Estamos!!

O PROPIETARIO XEFE: Haberá que illar o xardín completamente. Cegalo co que sexa. Impedir por
todos os medios que entren as plantas dos xardíns veciños, poden ser portadoras de pragas ou de vermes.
Hai decisións que, por moito que doian, é necesario tomar, se non queremos vernos na necesidade de ter
que tomar logo decisións moito mías dolorosas.

ELA: Moito máis dolorosas, señor?

O PROPIETARIO XEFE: Moito máis dolorosas, señora.

ELA: Como queimalo todo con abrasivos?

O PROPIETARIO XEFE: Quen sabe! A información é fundamental. Como é posible que a esta altura
aínda non saibamos a quen temos de veciños?

EL: É importante?

O PROPIETARIO XEFE: Tal vez. Nunca se sabe. Hai pragas que xorden por causas naturais, outras
son inducidas ou chegan a través dos xardíns das urbanizacións veciñas. Aínda que o certo é que tanto os
dunha como os doutra están esplendorosos.

ELA: Ese cóidallo un xardineiro. E o outro cóidano eles mesmos. Teñen mans de santo! Os sábados ás
sete da mañá están aí, dálle que dálle coa tesoira e cos maquinuchos. Botan toda a fin de semana
traballando nel. E , claro, así o teñen!

O PROPIETARIO XEFE: Habería que saber máis cousas. Con esas non hai suficiente.

EL: E como espera que as descubramos?

O PROPIETARIO XEFE: Falando con quen as saiba. Ten que haber máis dunha latricas na
urbanización. Sería a primeira da que se tivese noticia que non contase cun medio de información así.
Quero sabelotodo. A que se dedican , para quen traballan. Todo, absolutamente to.

Escurece.

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece.
VARIACION XVIII

A TALENTOSA

O TIPO RARO: Variación dezaoito. A talentosa. O escenario volve estar completamente baleiro. Entra
nel un actor ou actriz facendo doutro, é dicir, facendo dun tipo ou tipa normais.

Entran un actor e unha actriz.

ACTOR: Quen o fai hoxe?

O TIPO RARO: Calquera, a min tanto me ten.

ACTRIZ: Que o faga el, eu estou coa regra.

A tipa sae e queda el.

O TIPO RARO: Segundo o establecido no peor dos teatros posibles, os tipos ou tipas normais
recoñécense porque teñen un aspecto normal e camiñan de xeito normal, o que o actor ou actriz nos fai
saber compoñendo un personaxe que viste e camiña absolutamente anormal.

O ACTOR fai todas as monadas que se reseñan.

O ACTOR OU ACTRIZ QUE FAI DUN TIPO OU TIPA NORMAL REFLEXIONADO EN VOZ
ALTA COMO SE TAL COUSA: A xente normal, cando ten que falar en público, é moi dada a facer
cousas raras. Tira insistentemente do puño da camisa, torce e endereita a gravata, afrouxa o colo ou tose
poñendo o puño diante da boca para non lle cuspir a ninguén, malia que, de común, teña a boca seca. E
cando os nervios son moitos, o que sucede case sempre, sen eles se decataren, botan insistentemente unha
man á entreperna e rañan como se aquilo fose aliviar a súa tensión ou calmar o escozor que a soidade e o
medo lle causan.

O TIPO RARO: Unha vez no medio e medio do escenario, o actor ou actriz que fai dun tipo ou tipa
normal, decátase de que todo o mundo está pendente xa, tose, pide desculpas e reflexiona en voz alta
como se tal cousa:

O ACTOR OU ACTRIZ QUE FAI DUN TIPO OU TIPA NORMAL REFLEXIONADO EN VOZ
ALTA COMO SE TAL COUSA: Eu podería entrar, buscar a luz do único foco prendido, asentarme nel
e cuspirlles coa voz engolada… Mecachis na mar salada e tal e que sei eu patatin patatan…Moi ben! E
que? E xa está? Non , señor! Eu creo que un actor ou actriz de hoxe en día debe ir máis alá. Debe tomar
partido. Posicionarse. Enriquecer o traballo do escritor ou do dramaturgo, aportándolle a súa experiencia
persoal, a súa creatividade. Sempre , por suposto, dende a disciplina e o respecto máis absoluto ao autor.
Mesmo cando se discrepa del, como é o caso. Esta peza é en si mesma unha terrible contradición. Ningún
tipo ou tipa normal se presentaría diante do publico e liquidaría este asunto botando esa ditosa maldición ,
así sen mais. Dunha porque se o fixese , deixaría de ser un tipo normal e pasaría a ser un tipo raro , un
tipo peculiar. Doutra parte os tipos normais non están tan radicalmente en contra dos créditos
hipotecarios, a menos que non llelos concedan se é que os piden. E por último porque, dóeme ter que o
dicir así , pero non hai teatro se non hai conflito e aquí non o hai. A lóxica dramática , natural no
tratamento dun tema coma este, esixiría, de primeiro, dúas personaxes e non unha nada máis. Dúas
personaxes que mantivesen posturas contrarias diante do tema que se vai tratar, e que , polo tanto , desen
lugar ao imprescindible conflito dramático. Ou sexa : Que?, podería dicir un. Que de que? , podería
responderlle o outro ou a outra. E velaí temos o conflito servido. Como que, Que de que? Si: Que de que,
de que? Ti saberás . Eu saberei? Pois non pretenderás que o saiba eu. E que hei saber? Home , está claro,
non? Claro teralo ti. Terás que saber o que hai que saber, digo eu. E que hai que saber? Non agardarás que
cho diga eu? Non coñezo máis ninguén que o saiba. Se o soubese, diríacho, pero non sei máis do que
sabes ti. E sabes abondo. Non sei nada. Non o sabe ninguén. Ti si. E dálle! Canto apostas? Nunca aposto.
Sorte que tes. Vedes? Aquí hai conflito. Aquí hai tensión dramática. Algo que non pode haber , por moito
que alguén , sexa home ou muller, cheo ou chea de rabia, entre aquí, busque a luz do único foco prendido
e vos cuspa a todos unha arrabaldeira e brutana barbaridade. Se aínda fosen varias. Unha tira delas, coma
cos chistes. Calquera cousa, antes de vir aquí e ceibar sen máis historias. “ Me cago nas pragas de
caracois e no euribor de dios! Un personaxe coma o meu nunca diría algo así. Dunha porque non se
arriscaría a que lle emendasen a plana ortográfica os reintegracionistas e de maldicir contra alguén de
arriba , faríao contra o Altísimo, contra Cristo ou contra o Noso Señor. E doutra porque as hipotecas non
son malas en si mesmas. Se o autor non ten talento, a algúns de nós sóbranos.

Sae de escena como entrar, ou sexa, andando como un tipo ou tipa rara. O natural sería que o fixese cun
aquel de satisfacción ou de fachenda convencido de que vén de facer un bo traballo.

VARIACION XIX

MEMORIA

DOUS: Chámome Dolores, teño corenta e tres anos e dous fillos.

TRES: Dedícome aos meus labores. Somos catro na casa e un piso facíasenos pequeno.

UN: Aquí temos todos máis liberdade. Non te tes que preocupar tanto dos nenos.

DOUS: Vólveste máis preguiceira para saír, porque te sentes a gusto.

TRES: E cando o fas , estás desexando volver.

UN: O mellor, de todos os xeitos, é o xardín.

Escurece.

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?


O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece.

VARIACIÓN XX

O QUE SE FOI CO VENTO

O TIPO RARO: Variación vinte. O que se foi co vento.

A DONA: Aí o ten. Leva aí toda a semana. So baixa do cabalo ao atardece. Xusto cando o sol comeza a
poñerse, vaise ao linde do xardín, bota un exabrupto e logo vai durmir.

O SECRETARIO: E mentres tanto que fai?

A DONA: Nada.

O SECRETARIO: Boas!

O DO CABALO: Se vostede o di.

O SECRETARIO: Impórtalle que o moleste?

O DO CABALO: Depende de para que.

O SECRETARIO: É por algo relativo á praga e aos xardíns. Mándanme da dirección da asociación de
propietarios para que , como secretario, lle pregunte..

O DO CABALO: Por que non fai nada?

O SECRETARIO. Exactamente!

O DO CABALO: Quere unha resposta tranquilizadora ou quere a verdade?

O SECRETARIO: Quixera unha resposta… cal delas, tanto me ten. Con que achegue datos…

O DO CABALO: Odio os xardíns. En realidade odio as plantas ornamentais todas, en especial as


aromáticas.

A DONA: Di que non soporta ese cheiro a…

O DO CABALO: A palabra é puta.

A DONA: Non llo teña en conta, sempre foi un mal falado.

O DO CABALO: Levo media vida soñando con ter a miña propia finca. Unha finca grande dabondo
como para a poder recorrer dacabalo, pero a ela non lle gustan os cabalos.

A DONA: Caín dun de pequena. Danme medo.

O DO CABALO: Caeu dun de pequena e danlle medo, así que vai e determina que, en vez dunha leira ,
sexa unha hortiña o que merquemos e ti vas e aceptas, aínda que co único cabalo co que se poida recorrer
sexo o de xoguete dos rapaces. Mais adiante a horta volvese xardín

A DONA: Porque é pouca cousas para horta, pero está ben para xardín.
O DO CABALO: E nunha destas sobrevén o dos caracois e… que pretende? Que me sinta compunxido?
Bastante fago con non alegrarme.

A DONA: Ti o que querías era ser dono de Tara, pero nin eu son Vivien Leigh nin ti Clark Gable.

O DO CABALO: Eu só quería unha leiriña en que montar a cabalo ou unha leiriña en que sementar
patacas, leitugas, tomates, cebolas, allos…

O SECRETARIO: E pementiños de Herbón.

O DO CABALO: E pementiños de Herbón. Como o sabe?

O SECRETARIO: O dos pementiños?

O DO CABALO: Si, que son de Herbón. O habitual é que a xente fale sempre dos pementos de Padrón.
O cal é inexacto , xa que os pementos famosos son os de Herbón,

O SECRETARIO: Hoxe en día hai que saber de todo. Por certo , vostede como adiviña se van picar ou
non?

O DO CABALO: Esa é unha boa pregunta, si , señor. Desculpe, pero vai poñerse o sol e chegou a hora…

El monta no cabalo de cartón, galopa un cacho de xardín adiante, descabalga e vai mirar o horizonte
protexendo os ollos coas mans ou mirando por uns prismáticos. Anícase, colle un puño de terra e olla
cara ao ceo tal que en éxtase.

O DO CABALO: Xuro por Deus Noso Señor que algún día hei ter horta abondo para plantar patacas e
leitugas de cebolas e pementiños de Herbón!

Escurece.

VARIACION XXI

(Os nenos)

UN:Temos que facer algo!

DOUS: E quedarías todo contento? Algo de que?

TRES: Algo de algo , digo eu.

UN: Ten que se saber agora?

TRES: Algo que os bote de aquí.

DOUS: A quen? A eles ou aos nosos pais?

UN: A quen vai ser? Eles fixéronche algo?

TRES: Non, pero…nunca se sabe.

DOUS: Mentres isto siga así, non ai quen poida facer gran cousa. Nin sequera os caracois.
UN: Refírome aos nosos pais, a quen vai ser!

TRES: Ben , iso habería que pensalo.

DOUS: Á miña nai os pesticidas encántanlle… Cando vai ao salón de peiteado ao saír, recende a froita e
a…

TRES: Non estaría mal, certo…, pero tería que ser despois de que teñan feita a comida

UN: Home claro, non imos quedar sen comer por unha liada destas.

DOUS: A min o de comer ou non comer non é o que máis me importa , pero se, ademais diso, logo
temos que facer a cama nós, cociñar, pasar a aspiradora,iso xa é outra cousa.

TRES: E tanto.

UN: Temos que facer algo!

DOUS: E quedarías todo contento? O que?

TRES: Algo de algo, digo eu.

UN: Ten que se saber agora?

Escurece

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece.

VARIACIÓN XXII

A CHAMADA

O TIPO RARO: Variación vinte e dúas. A chamada.

A FILLA: Non collas, ha ser algún pelma.

O SEU HOME: E se é túa nai? Onte estaba moi mal.


A FILLA: Está ben, colle, pero se é ela, dille que a chamarei logo.

O SEU HOME: É!

A FILLA: É ,que?

O SEU HOME: Que é a túa santa nai.

A FILLA: Non te metas con ela! Unha cousa é que o faga eu e outra que o fagas ti ( Collendo o telefono)
Que queres mamá? Agora mesmo estou moi ocupado. Non te preocupes. Non ha ser nada. Se ves que che
sobe de corenta, métete na ducha, coa auga morniña, e se aínda así non che baixa… Ben, ben, non te
poñas nerviosa… vese que che repetiu o ataque … chama ao cero sesenta e un e que te leven por
urxencias. Iremos en canto poidamos , mamá, pero compréndeme ti a min, teño o xardín cheo de
caracois. Teño que colgar, mamá. Chama en canto chegues ao hospital. Adeus.

O SEU HOME: Pásalle algo?

A FILLA: O de sempre. Reuma.

O SEU HOME: Non sabía que a reuma dese febre.

A FILLA: A dela ,si. De feito existe un tipo de febre que se chama así, febre reumática.

O SEU HOME: Esa é unha febre que produce reuma , non unha reuma que produce febre.

A FILLA: Quérelo deixar xa? É miña nai, non? Ela nunca abandonaría a perruquería antes de que a
rematasen de peitear se ti ou eu estivésemos morrendo. Así que aquí mingúen vai deixar de sulfatar por
moito que a ela lle repetise o ataque. Sulfata.

Escurece

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

VARIACIÓN XXIII

OS REZOS.

O TIPO RARO : Variación vinte e tres. Os rezos.


EL:Intentei crer en Deus, padre pero El non demostrou ningún interese en convencerme de que existía,
así que non tiven máis remedio que seguilo ignorando.

O PATER: Pero algo sabe verbo del: sabe que cando quixo facerlle notar o seu descontento ao pobo
exipcio polo trato que lles estaba a dar ais xudeus, mandoulles unha praga coma esta.

ELA: Unha non, foron sete.

EL: Non todos. Wody Allen cáeme estupendamente.

O PATER: Verá, meu amigo, os cans aseméllanse aos seus donos no externo, nos xestos. Os xardíns,
pola contra, son un espello en que se reflicte a alma de quen os ten. Un xardín enfermo, polo común ,é o
síntoma dunha familia ou dunha parella enferma.

ELA: Nós estamos perfectamente sans.

O PATER: Ás veces o enfermo é o último en sabelo. Sobre todo tratándose de enfermidades do espírito.
Lévanse ben?

EL: Que se nos levamos ben?

O PATER: Si, que se se levan ben.

ELA: Levámonos estupendamente.

EL: Temos as nosas cousas, como todo o mundo, pero nada máis.

O PATER: Que cousas?

EL: Non pretenderá que nos poñamos a contarllas así, sen apenas coñecernos.

O PATER: Iso é exactamente o que pretendo.

EL: Non vimos a confesarnos, padre, vimos falar de propietario a propietario.

ELA: Que ten que ver que nos levemos ben ou non coa praga de caracois?

O PATER: As pragas son un misterio.

ELA: Son cousas sen a menos importancia.

EL: Hainas que algunha importancia teñen. Pero o mellor é non menealo. Son feridas vellas, andar
remexendo nelas pode facelas rebrotar. E ninguén quere, non si?

ELA: A que feridas te refires? Non me irás saír outra vez con aquela ditosa historia…

EL: Sabes perfectamente a que me refiro.

ELA: Non sei, non, señor! Como nunca falas con claridade. Ao meu marido encántalle facerse a vítima,
non hai nada que o satisfaga plenamente.

EL: Sería absurdo. Non hai nada hoxe en día capaz de satisfacer así a ninguén intelixente.

ELA: O teu é de relatorio nun congreso. O que non sei é se de psiquiatras ou de mártires, en calquera
caso de bichos raros. Se lle regalas roupa, diche que po que non lle regalas libros, cabréase e diche : Isto
que é ? Una indirecta?, estasme a dicir que necesito ler máis para estará túa altura?

O PATER: é a fe.
EL: Que pasa coa fe?

O PATER: Que ao non ter fe en Deus, tampouco a teñen un no outro. Da ausencia de fe aprovéitanse os
caracois.

ELA: Aliméntanse diso?

O PATER: Metaforicamente. Deberían facer o que fago eu: rezar.

EL: E canto máis reza menos caracois ten?

O PATER: Non o sei , pero estou a ben con Deus e rompo menos a cabeza. Axeonlládevos comigo e
oremos. No nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo.

EL: Veña pater, menos cachondeos!

Escena

VARIACION XXIV

No xardín dun adosado. Apenas ten alborexado, tras o mesto nubeiro da mañá vai xurdindo a figura
inquietante e témera dun home con aspecto de astronauta. Cruza dun lado ao outro do xardín fumigadora
ao lombo, acabando con toda canta vexetación atopa ao seu paso. Algo entre a follaxe dun camelio
semella arrepoñérselle. Fumiga unha e outra vez con insistencia pero vese que non consegue o seu
obxectivo. Leva a man ao cinto pausadamente, tira de automática, e sen pestanexar sequera, cúspelle a
aquel camelio o cargador enteiro. Co derradeiro tiro medra a néboa e a figura desaparece.

ELA: ( Persignándose ) Loado sexa Deus! Era absolutamente necesario?

O PERITO: Non. Podemos deixar que nos acaben co xardín ou , se che parece máis humanitario, botalos
nos xardíns da urbanización veciña. Mira que manda collóns!

Escurece.

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?


O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece.

VARIACION XXV

PRÁCTICAS

(Outra vez os militares)

O TIPO RARO: Variación vinte e cinco. Prácticas. Outra vez os militares.

O PERITO: Acabarán odiándome, seino. Pero non darei por cumprida a miña misión ata que me odien
tanto coma a miña muller e os meus fillos. Un xardín fai que te manteñas en forma. Manterse en forma é
fundamental. Un corpo enfermo non pode manter un xardín san. Pero acabar coa praga non é o problema.
Poderiamos acabar con ela nun santiamén. O problema é erradicala, evitar que poida repetirse.
Poderiamos pillar outra en canto nos librásemos desta e nos confiásemos. Hai que ir ao celme da cuestión.
Alí e onde de verdade se cocen estas agresións, estas traxedias modernas. Hai que gardarse delas a diario,
permantemente, sen cuartel, sen tregua. Veña! Ao labor que somos?

ELES: Propietarios.

O PERITO: Para que estamos aquí?

ELES: Para adestrarnos.

O PERITO: Para que sagrada misión?

ELES: Para mellor gardar o noso xardín!

O PERITO: Que perigos o ameazan?

ELES: Todos!

O PERITO: Como nos enfrontaremos a eles?

ELES: Sen lles dar cuartel!

O PERITO: Para conseguir que obxectivos?

ELES:Para eliminar as malas herbas, acabar coas enfermidades,as pragas e as envexas.

O PERITO: De cantos tipos de armas imos dispoñer para ese labor?

ELES: De tres, fundamentalmente.

O PERITO: A saber?

ELES: As naturais, as mecánicas e as químicas.

O PERITO: Cales son as naturais?

ELES: A mangueira, as tesoiras de podar, a aixada a pa e o restrelo.

O PERITO: Cales as mecánicas?


ELES: Os motocultores, os tractores, os remolques, as motoserras,as perfiladoras e as segadoras.

O PERITO: E cales as químicas?

ELES: Os pesticidas e os funxicidas.

O PERITO: Cal é a arma fundamental para a súa aplicación?

ELES: A mochila de fumigar.

O PERITO: De quen depende a eficacia da nosa misión?

ELES: De nos!

O PERITO: Dicide comigo ( Cantando ) Para gardar do teu xardín!

ELES: Para gardar do teu xardín!

Escoitase ladrar un can ao lonxe.

O PROPIETARIO XEFE: É de alguén desta urbanización?

ELA: Quen?

O PROPIETARIO XEFE: Ese can que ladra ao lonxe.

EL: Non. É desa de en fronte.

O PROPIETARIO XEFE: Téñeno encadeado ou anda ceibo?

ELA: Anda ceibo.

O PROPIETARIO XEFE: Vén por aquí?

ELA: Ás veces.

O PROPIETARIO XEFE: Mal asunto. Isto complicase a cada pouco.

ELA: É un can moi mansiño, non lle fai mal a ninguén.

O PROPIETARIO XEFE: Por favor, señora. Non insulte a miña intelixencia. Os cans, moi ao seu
pensar ou aos dos seus donos, son como cabalos de Troia. Cada un deles é quen de transportar dun xardín
a outro larvas ou fungos abondos como para acabar con todo o verde da urbanización.

ELA : Que habería que facer?

O PROPIETARIO XEFE: O que haxa que facer, farase!

Escurece.
Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece.

VARIACION XXVI

UNHA VOZ AO LONXE

(Danos colaterais)

O TIPO RARO: Variación vinte e seis. Unha voz ao lonxe. Danos colaterais.

VOZ AO LONXE: Desgraciados! Fillos de puta!

EL : Pobre home. Queríalle tanto a ese can.

ELA : Como se pode ser tan cabrón?

O PROPIETARIO XEFE: Quen ten un can hoxe en día sabe que, cedo ou tarde , isto pode acabar por
pasarlle.

EL : Non tería algo que ver no asunto?

O PROPIETARIO XEFE: Ese singular é un tanto comenenciudo, non cre? Aínda habendo unha autor
material, esa pregunta pode non ter resposta. Quen é o responsable dunha execución, quen a ordena ou
quen a executa?

Escurece.

VARIACION XXVII

UN: Chámome Porfirio. Teño corenta e seis anos, dou clases na universidade teño tres fillos.
DOUS: Desde que vivo aquí, aparco no meu propio garaxe e teño o meu propio xardín para facer
barbacoas cos amigos.

TRES: A única pega que lles vexo aos adosados é que vivir neles sae máis caro que un piso. Os gastos
multiplícanse: o gas, a luz, a auga, todo é o dobre e tes que pagalo ti so.

UN: Pero compensa, aínda que so sexa por ver os teus fillos rodeados de amigos.

DOUS: E iso non cho dá un chalé para ti só.

TRES: O mellor , de todos os xeitos, é o xardín.

Escurece.

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece.

VARIACION XXVIII

MORREU MAMÁ

(A chamada -3)

O TIPO RARO: Varición vinte e oito. Morreu mamá. A chamada tres.

ELA: ( Ao teléfono) Si? Si, son eu. Téñennos que perdoar , pero nin o meu home nin eu puidemos ir con
ela ao hospital, porque….si, si, xa sei, sempre que vai, vai por iso e non obstante…..( Escoita sen dicir
nada un bo cacho) Moitas grazas!

EL: Quen era? Quen era?

ELA: Era por miña nai.

EL: Xa está ben?

ELA: Morreu.
Escurece.

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece.

VARIACION XXIX

POLOS NOSOS FILLOS.

O TIPO RARO: Variación vinte e nove. Polos nosos fillos.

O PERITO: Con eles non se ven os métodos tradicionais. Son caracois, collóns, non razona.

EL: Queixámonos da inmigración, da avalancha de pateiras no estreito…, pero o certo é que a un


moracho , en canto o pillas, dáslle algo de comer, méteslle un par de valiums en ve, devólvelo á casa e
acabouse o invento. Ese non volve…

O PERITO: Todo se reduce a unha elección : ou eles ou nós. Se queremos manter sans os nosos xardíns,
temos que recorrer ao que faga falla, gústenos ou non. Non hai outra elección , fora da de escoller que
método usar.

ELA: E son tan específicos que, ás veces, nin esa elección che queda.

EL: Aquí, neste pequeno xardín, a decisión, aínda que tamén é dura, é posible. Podemos decidir deixar
morrer o xardín , porque non? Pero nunca poderiamos deixar morrer a colleita de toda unha rexión da
India, da que depende a alimentación e , polo tanto, a vida de millóns de homes e mulleres.

O PERITO: Non hai peor inimigo para a saúde dun xardín que a falsa piedade dos seus donos. “ As
plantas tamén senten” “ Ese camelio foi un regalo de miña nai” … Parvadas!

TODOS: Ese camelio está nas últimas, acabar con el é un acto de piedade.

O PERITO: O benestar da humanidade pode depender deste puto xardín. Unha praga con esta
capacidade devastadora pode nacer aquí e estenderse como unha maldición polo universo mundo.
EL: Habería que acabar con ela!

TODOS: Habería!

ELA: Por nós e polos nosos fillos.

TODOS. Por nós e polos nosos fillos!

Escurece.

Un punto de luz ilumina un grupo de tres tipos. Son O TIPO RARO e O TIPO E A TIPA NORMAIS. Din
os seus textos recitando ou cantando.

O TIPO RARO: Que somos?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Propietarios!

O TIPO RARO: Para que estamos aquí?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para adestrarnos!

O TIPO RARO: Con que sagrada misión?

O TIPO E A TIPA NORMAIS: Para mellor gardar o noso xardín!

Escurece.

VARIACION XXX

E QUEDAN, NON?

O TIPO RARO: Variación trinta. E quedan non?

O ESPECIALISTA:Non sabía que tivesen fillos.

EL: E nos temos, non.

ELA: Se os tivésemos todo sería diferente.

O ESPECIALISTA: Os fillos xustifican moitas cousas.

ELA: En nome deles está permitido case que todo.

O ESPECIALISTA: Deberían telos. Con fillos todo o mundo comprendería certas cousas.

ELA: Quedamos en volver intentalo un día destes, pero…

EL: E dálle! Nin que fose eu o culpable?

ELA: Foi no que quedamos.

EL: A min tamén me tarda velos correr xardín adiante e escoitalos dicir “ papá” por primeira vez…
ELA: Xa. Pero antes haberá que os facer.

EL: Haberá, pero cando teñamos tempo. Agora mesmo con isto dos caracois…

ELA: As cegoñas hai que as chamar e París queda moi lonxe. Ás veces hai que as chamar con insistencia.

EL: E aínda así non hai garantía de que escoiten.

O ESPECIALISTA: Unha muller insatisfeita é unha bomba que pode estoupar cando menos se pensa.

EL: Aquí insatisfeitos estamos todos.

ELA: Pero iso é polos caracois.

EL: E por que todo o mundo dicía que isto quedaba a menos de vinte minutos?

TODOS. E queda, non?

Escurece.

VARIACIÓN XXXI

PUNTO E Á PARTE

(Aquí todo medra demasiado)

O TIPO RARO: Variación trinta e un. Punto e á parte. Aquí todo medra demasiado.

EL: Pensaches algunha vez qué sería de todos nós se non tivésemos esta praga de caracois?

ELA: Pois , francamente, non.

EL: Non o penses.

ELA: Por que?

EL: Non o penses.

Pausa longa.

EL: Que vos dixen? Aquí todo medra máis do debido.

ELA: En realidade, sexamos sinceros, o mellor que lles podería pasar aos nosos xardíns é que os cegasen
con cemento.

EL: E se hai algún sentimental por aí adiante, que vaia e o pinte de verde.

Escurece e cae o pano.

FIN.
APENDICE

Nunha primeira redacción, o desenlace tería lugar na Variación XXXII, o texto da cal se reproduce a
continuación.

VARIACION XXXII

TODO COMEZA DE NOVO

O TIPO RARO: Variación trinta e dúas. Todo comeza de novo.

O PROPIETARIO XEFE:Que somos?

ELES: Propietarios.

O PROPIETARIO XEFE: Para que estamos aquí?

ELES: Para adestrarnos.

O PROPIETARIO XEFE:Para que sagrada misión?

ELES: Para mellor gardar o noso xardín!

O PROPIETARIO XEFE:Que perigos o ameazan?

ELES: Todos!

O PROPIETARIO XEFE:Como nos enfrontaremos a eles?

ELES: Sen lles dar cuartel!

O PROPIETARIO XEFE:Para conseguir que obxectivos?

ELES:Para eliminar as malas herbas, acabar coas enfermidades,as pragas e as envexas.

O PROPIETARIO XEFE: De cantos tipos de armas imos dispoñer para ese labor?

ELES: De tres, fundamentalmente.

O PROPIETARIO XEFE:A saber?

ELES: As naturais, as mecánicas e as químicas.

O PROPIETARIO XEFE: Cales son as naturais?

ELES: A mangueira, as tesoiras de podar, a aixada a pa e o rastrelo.

O PROPIETARIO XEFE: Cales as mecánicas?

ELES: Os motocultores, os tractores, os remolques, as motoserras,as perfiladoras e as segadoras.

O PROPIETARIO XEFE: E cales as químicas?

ELES: Os pesticidas e os funxicidas.

O PROPIETARIO XEFE: Cal é a arma fundamental para a súa aplicación?

ELES: A mochila de fumigar.


O PROPIETARIO XEFE: De quen depende a eficacia da nosa misión?

ELES: De nos!

O PROPIETARIO XEFE: Dicide comigo ( Cantando ) Para gardar do teu xardín!

ELES: Para gardar do teu xardín!

O PROPIETARIO XEFE: Tes que vir detrás de min..

ELES: Tes que vir detrás de min…

Saen correndo e cae o pano ou a luz.

You might also like