10.2. A Guerra Civil

You might also like

Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 10

A GUERRA CIVIL

1. O INICIO DA GUERRA CIVIL

1.1. A CONSPIRACIÓN MILITAR

A chegada ao poder da Fronte Popular puxo en marcha diferentes conspiracións


que implicaban a sectores tradicionais e da dereita, alarmados pola recuperación das
reformas do primeiro bienio e o carácter esquerdista do goberno. Este reaccionou con
demasiada lentitude, infravalorando a capacidade do exército para preparar con éxito
unha sublevación.
Na primavera de 1936 confluíron varias tramas paralelas que implicaban aos
monárquicos de Renovación Española, os tradicionalistas, a Falanxe e a Unión Militar
Española, organización que reunía a oficiais descontentos coa reforma militar. Tras o
relevo de xenerais realizado polo goberno de Azaña, o xeneral Mola unificou todos estes
plans para trazar unha única trama golpista dirixida por militares. O xeneral Sanjurjo,
exiliado en Lisboa, debía encabezar unha insurrección planificada desde Pamplona por
Mola, alcumado o Director, que logrou implicar a varios xenerais, a pesar de que aínda
había moitos indecisos, entre eles Franco.
A insurrección pretendía acabar coa República, á que consideraba a un réxime
revolucionario e comunista, substituíndoa por un Directorio militar similar ao de Primo de
Rivera, baseado na defensa da unidade da patria e valores como a orde e a relixión; pero
non había unanimidade entre os implicados, porque os conservadores querían volver á
monarquía tradicional e os fascistas, implantar un Estado corporativo.
1.2. A SUBLEVACIÓN
O asasinato de Calvo Sotelo o 13 de xullo de 1936 puxo en marcha o golpe de
Estado, cuxo éxito dependía de contar con xenerais comprometidos en cada División
Orgánica; algúns dos máis destacados eran Queipo de Llano (Sevilla), Cabanellas
(Zaragoza), Varela (Cádiz) ou Fanjul (Madrid). Estaba previsto que Goded, unha vez a
sublevación triunfara en Mallorca, se dirixise a Barcelona, Franco voase de Canarias a
Marrocos e Mola, tras sublevar Navarra, controlase Burgos.
A sublevación iniciouse o 17 de xullo coa rebelión da guarnición de Melilla; Ceuta
e Tetuán tamén se levantaron e o día 18 todo o protectorado estaba en mans de Franco,
que se trasladara desde Canarias para poñerse á fronte do exército de Marrocos. Entre os
días 18 e 19 o levantamento estendeuse á Península. En Galicia a sublevación comezou o
día 20 nos cuarteis de A Coruña e Ferrol, pero os mandos seguiron leais á República, polo
que o golpe foi protagonizado por oficiais de media gradación. As organizacións obreiras,
que contaban con escasa forza, pediron ás autoridades a entrega de armas, pero estas se
negaron, de forma que o 26 de xullo a rebelión conseguiu impoñerse tras ser sufocados
os focos de resistencia de Vigo e Tui.
A sublevación triunfou en Galicia, Castela a Vella, Navarra, Araba, parte de
Aragón, Cáceres, Oviedo, Andalucía occidental, Toledo, as illas e Marrocos, pero fracasou
na cornixa cantábrica, o resto do País Vasco e Aragón, Cataluña, Levante, Murcia, Castela
a Nova, Madrid e parte de Estremadura, Andalucía oriental e Menorca.
O sublevados non se fixeron co control de todo o territorio español, polo que pode
considerarse que o golpe de Estado fracasou, pero a reacción tardía do goberno, que se
negou nun primeiro momento a entregar armas ás organizacións obreiras, evitou que a
sublevación fora sufocada e desembocou nunha guerra civil.
A consecuencia foi a división de España en dous bandos:
Os sublevados recibiron o apoio das zonas conservadoras, tanto daquelas nas que
abundaba a pequena e mediana propiedade agrícola e se mantiña o caciquismo como das
que tiñan fondas raíces católicas, dado o firme apoio da Igrexa ao “Alzamento”. Este
mapa coincidía coas áreas onde en febreiro do 36 gañaran as dereitas (CEDA,
monárquicos, católicos, tradicionalistas e falanxistas). Contaban coa adhesión dos oficiais
de media gradación do exército de Terra, os mandos da Mariña e a Garda Civil. Este
bando definiuse como “nacional” porque defendía a unidade de España e consideraba a
ditadura militar como unha fórmula de transición cara á restauración da monarquía ou o
establecemento dun réxime fascista (en función dos intereses de cada sector).
A lealdade á República mantívose nas rexións industriais e mineiras e as de
predominio do latifundismo, onde as organizacións obreiras tiñan moitos afiliados; o peso
que socialismo, comunismo e anarquismo tiñan nestas zonas fixo que os sublevados os
denominaran “roxos”. Parte das clases medias e a burguesía ilustrada tamén eran
republicanas, igual que a maioría dos xenerais do exército de Terra, os mariñeiros, que se
amotinaron contra os seus mandos, a Aviación e a Garda de Asalto.

2. A DIMENSIÓN INTERNACIONAL DO CONFLICTO

Nunha Europa baixo a ameaza do fascismo, ao que se opuñan tanto as


democracias parlamentarias como o comunismo soviético, a Guerra Civil española
adquiriu unha gran importancia e incluso é considerada un antecedente ou un ensaio
xeral da II Guerra Mundial. Na opinión pública europea produciuse unha fractura: os
sectores conservadores e os fascistas xustificaban o golpe como un intento de frear a
revolución comunista, mentres que os máis progresistas e os partidos obreiros o
consideraban un atentado fascista contra unha República democrática.
As democracias occidentais, en especial Francia, cun goberno da Fronte Popular
presidido polo socialista Léon Blum, non colaboraron coa República, senón que, baixo a
presión da dereita francesa e o goberno conservador británico, preferiron unha política
de neutralidade por medo ao avance soviético e para non romper relacións cos réximes
fascistas, a pesar da ameaza do expansionismo alemán. A intención era illar o conflito
español para evitar que a guerra se estendera por Europa.
O 1 de agosto de 1936 constituíuse en Londres o Comité de Non-Intervención,
integrado por 27 países que se comprometeron a non enviar homes nin armas a ningún
dos bandos contendentes. Sen embargo Alemaña, Italia e Portugal incumpriron o acordo
e apoiaron os rebeldes; o comité non puido evitalo, pero en cambio impediu a mediación
da Sociedade de Nacións.
Os sublevados contaron con numerosas axudas:
• Alemaña. Desde os primeiros días Franco e Mola enviaron emisarios a Roma e
Berlín para acadar axuda, que foi recibida de xeito inmediato: barcos que
permitiron cruzar o Estreito e máis tarde bloquear os portos republicanos, así
como numerosos carros de combate e artillería. A achega máis importante foi a
Lexión Cóndor, que incluía pilotos, instrutores, bombardeiros, cazas e baterías
antiaéreas, e resultou decisiva nos bombardeos de Guernica, Madrid, Barcelona…
A cambio Franco asinou un acordo con Alemaña que lle vai obrigar a enviar
alimentos e materias primas cando se inicie a Segunda Guerra Mundial. Isto
contradí a idea de que a axuda dos fascismos foi desinteresada.
• Italia. A axuda italiana foi máis numerosa, aínda que de menor importancia.
Mussolini enviou supostos voluntarios integrantes do Corpo di Truppe Volontarie.
A intervención italiana permitiu a toma de Santander ou Málaga, pero fracasou na
batalla de Guadalaxara e nos bombardeos a Barcelona.
• Portugal. A ditadura profascista de Salazar facilitou as comunicacións exteriores e
a chegada de armas e alimentos a través da fronteira portuguesa, ademais de
enviar un reducido continxente de voluntarios, os Viriatos.
A axuda ao bando republicano foi máis desigual e sen continuidade:
• Unión Soviética. A pesar de asinar o Acordo de Non-Intervención e de que Stalin
pretendía achegarse ás democracias occidentais para frear o fascismo, o envío de
axuda alemá e italiana aos sublevados decidiuno a proporcionar armamento,
alimentos e conselleiros militares á República. Esta axuda foi de gran importancia
na resistencia de Madrid e na batalla do Ebro; o goberno republicano tivo que
pagala coas reservas de ouro do Banco de España (o chamado “ouro de
Moscova”). Tamén foron acollidos na URSS para afastalos do perigo do conflito
nenos de familias republicanas: os chamados “nenos da guerra”.
• Francia. Nun primeiro momento o goberno de Léon Blum accedeu ás peticións
republicanas, pero ante a presión da dereita decidiu conxelar a axuda e pechar a
fronteira, que non se reabriu ata marzo de 1939 para acoller os exiliados. Esta
actitude non evitou que se efectuasen envíos de contrabando.
• México. O goberno de Cárdenas, afín á República, enviou armas, pero foi unha
axuda máis simbólica que efectiva. Tivo máis transcendencia a súa política de
acollida de exiliados unha vez rematada a contenda.
• As Brigadas Internacionais. Eran voluntarios de máis de 50 países que chegaron a
España para loitar contra o fascismo, seguindo o chamamento da Internacional
Comunista. Uns 40.000 brigadistas combateron de outubro de 1936 a decembro
de 1938, cando o Comité de Non-Intervención forzou a súa retirada. Algúns
quedaron integrados nas milicias populares, mentres que outros formaron
brigadas propias que eran adestradas en Albacete. Entre os brigadistas
atopábanse intelectuais, periodistas, obreiros… Contribuíron á defensa de Madrid
e, sobre todo, ao mantemento da moral dos republicanos.
EE.UU. adoptou unha postura ambigua. Non asinou o Acordo de Non-Intervención,
pero decretou un embargo que impedía exportar armas a España. Porén, non puxo
obstáculos para que empresas privadas puideran mandar petróleo e vehículos aos
sublevados, aínda que tamén facilitou a saída de brigadistas.

3. A EVOLUCIÓN DO CONFLITO

3.1. CARACTERÍSTICAS
A Guerra Civil presenta unha serie de trazos que a caracterizan:
- Ambos bandos considerárona unha guerra ideolóxica e utilizaron a
propaganda para difundir os seus ideais. Para os republicanos era unha loita da
democracia contra os fascismos e os sublevados presentábana como unha
cruzada do cristianismo contra os comunistas e infieis. Tamén mostra
características dunha loita de clases: obreiros e xornaleiros enfróntanse a
patróns e propietarios.
- É unha guerra total, trazo que caracteriza a toda as guerras civís, que implican
ao conxunto da poboación. No bando nacional a dirección da guerra estivo nas
mans do exército; pola contra no republicano foron as organizacións obreiras
as que se fixeron cargo da mobilización popular. A muller participou de forma
activa, pero xogando un papel diferente en cada bando: no republicano as
milicianas loitaban na fronte e no nacional traballaban na retagarda (servizo
social, atención ao feridos, confección de uniformes...).
- Está a medio camiño entre a guerra tradicional e a moderna, convivindo
formas de combate arcaicas con outras novidosas. Fronte a loita corpo a
corpo, a ocupación de terreo palmo a palmo, os escasos medios e as
trincheiras, introdúcense os tanques, a aviación e os bombardeos á poboación
civil, formas de loita que serán habituais na II Guerra Mundial.
- O exército sublevado estaba dirixido por militares profesionais e tamén
organizaba a vida civil; o exército da República dependía do goberno e
resentiuse pola falta de mandos intermedios, os enfrontamentos políticos e a
escaseza de medios, polo que tivo que recorrer ás milicias populares.
3.2. FASES DO CONFLITO
A) Primeiros combates e batalla de Madrid (xullo de 1936-marzo de 1937)
Tras o traslado do exército de Marrocos á Península, iniciouse a guerra de
columnas. As columnas nacionais, formadas por membros do exército regular, tiñan
como obxectivo avanzar ata Madrid desde o norte e o sur. As que partiron de Sevilla
tomaron Mérida e Badaxoz, onde realizaron unha sanguenta represión. En vez de dirixirse
directamente cara Madrid, Franco decidiu desvialas para liberar o Alcázar de Toledo,
perdendo a posibilidade de tomar a capital. No norte Mola avanzou desde Navarra e ata
ser freado na serra de Madrid; outras columnas tomaron Irún e San Sebastián.
As columnas republicanas, formadas por milicianos, pretendían rexeitar o avance
nacional e recuperar algúns territorios: o anarquista Durruti intentou tomar as capitais
aragonesas e conquistar Baleares, pero fracasou. Na serra madrileña os republicanos
foron quen de deter os nacionais.
A mediados de outubro iniciouse a batalla de Madrid. Co exército nacional ás
portas da cidade, o goberno republicano trasladouse a Valencia, deixando en Madrid
unha Xunta de Defensa presidida polo xeneral Miaja, con Vicente Rojo como Xefe do
Estado Maior. Combatíase nos arredores da cidade (Casa de Campo, Cidade Universitaria,
onde morreu Durruti), mentres no interior a chamada “quinta columna” axudaba ao
bando nacional. As milicias populares e as Brigadas Internacionais contiveron aos
sublevados baixo o lema “Non pasarán”.
Franco detivo entón o ataque á capital e os nacionais optaron por illar Madrid,
cortando as comunicacións coa serra e as cidades de Barcelona e Valencia; son as
chamadas batallas de envolvemento:
▪ Batalla da estrada da Coruña para cortar a estrada que levaba á serra norte.
▪ Batalla do Xarama, que non logrou interromper a comunicación con Valencia,
nova sede do goberno.
▪ Batalla de Guadalaxara, onde as tropas italianas foron derrotadas, quedando
libres as comunicacións entre Madrid e Barcelona.
B) A guerra do norte (abril-novembro de 1937)
Para evitar o desgaste da campaña de Madrid e controlar as rexións industriais e
mineiras, Franco trasladou a guerra ao norte, unha zona que resultaba máis débil tras
perder o contacto coa fronteira francesa. Destacan os bombardeos da Lexión Cóndor
sobre Durango e Guernica; Bilbao caeu en xuño, días despois da morte de Mola.
Nun intento de reducir a presión, os republicanos emprenderon as batallas de
diversión ou alivio para obrigar aos nacionais a retirar tropas do norte: a batalla de
Brunete (Madrid), para deter o avance sobre Santander, e a batalla de Belchite, nas
proximidades de Zaragoza, que non evitou a caída de Xixón, último foco de resistencia da
zona norte. Nese momento o goberno republicano de Negrín trasladouse a Barcelona.
C) Avance cara o Mediterráneo (decembro 1937-novembro 1938)
A ofensiva republicana sobre Teruel quería evitar un ataque dos nacionais sobre
Madrid e frear o avance cara o Mediterráneo. Teruel foi a primeira capital de provincia
conquistada polos republicanos, que só a mantiveron un mes no seu poder.
A partir dese momento desenvolveuse a batalla de Aragón, coa que Franco
pretendía alcanzar o Mediterráneo e romper a unidade da zona republicana, ao tempo
que bombardeaba Barcelona. Alcanzou o mar en Vinaroz, dividindo a zona republicana en
dúas partes, pero a resistencia do xeneral Miaja evitou o avance cara Valencia. Franco, en
lugar de atacar Cataluña, levou a guerra ao sur para non achegarse á fronteira de Francia
con tropas alemás e italianas, algo que podía provocar a intervención francesa.
O 25 de xullo de 1938 os republicanos lanzaron un ataque sobre o Ebro para frear
o avance nacional sobre Cataluña e Valencia ou, polo menos, para conseguir unha paz
negociada. A batalla do Ebro foi o enfrontamento máis duro de todo o conflito e produciu
cerca de 50.000 baixas. A mobilización dos reforzos nacionais e o apoio da aviación e a
artillería alemá e italiana permitiron a Franco cruzar o río a mediados de novembro,
deixando libre o camiño de Cataluña e Valencia.
A Conferencia de Múnic de setembro de 1938 supuxo un acordo entre
democracias e fascismos, afastando a posibilidade dunha guerra en Europa, única
esperanza que lle quedaba á República. Foi entón cando o Comité de Non-Intervención
ordenou a retirada das Brigadas Internacionais, que se completou a finais de ano.
D) Fin da guerra (decembro 1938-abril 1939)
Para a campaña de Cataluña os nacionais contaron con novas axudas de Hitler e
Mussolini, mentres a República carecía case de aviación; sucesivamente caeron
Tarragona, Barcelona e Girona. Esta ofensiva deu lugar ao inicio do exilio a Francia: o 5 de
febreiro abandonaron España as autoridades republicanas, encabezadas polo presidente
Azaña, e moitos outros tomaron o camiño do exilio para evitar represalias. Negrín
marchou a Toulouse, pero regresou de seguido para reactivar a guerra no centro e sur.
Francia e Gran Bretaña recoñeceron o goberno de Franco o 27 de febreiro; era o
fin da República. Ao día seguinte Azaña renunciou á presidencia, sendo substituído por
Martínez Barrio. Había dúas posturas enfrontadas entre os republicanos: resistencia a
ultranza (Negrín e os comunistas) ou unha rendición pactada. O coronel Casado, un
anticomunista oposto a Negrín, encabezou esta opción, sublevándose contra o goberno
co apoio de republicanos, socialistas e anarcosindicalistas. Emprendeu negociacións con
Franco para alcanzar unha rendición con condicións, conservando emprego e cargos dos
militares que capitularan, aínda que Franco nunca contemplou respectalas. O 28 de
marzo Casado entregou Madrid.
Franco iniciou a denominada ofensiva da Vitoria para ocupar o territorio que
restaba e o 1 de abril deu por concluída a guerra co “parte da Vitoria”.
4. EVOLUCIÓN POLÍTICA DA REPÚBLICA DURANTE A GUERRA

4.1. O GOBERNO DE GIRAL: A DESINTEGRACIÓN DO PODER (XULLO-SETEMBRO 1936)


O goberno de Casares Quiroga reaccionou con pasividade ante o golpe militar e
desoíu as advertencias de Indalecio Prieto, que tiña noticias da sublevación. Cando esta
foi un feito, Casares Quiroga dimitiu e fíxose cargo do goberno Martínez Barrio,
presidente das Cortes, quen intentou un goberno de concentración e recibiu o encargo de
negociar cos sublevados, pero as súas xestións con Mola fracasaron. Tivo que dimitir por
non querer entregar armas ao pobo a través das organizacións obreiras, algo que si fará o
novo presidente, o tamén republicano José Giral.
Este goberno tivo que afrontar dous graves problemas. O primeiro foi a
fragmentación do poder coa aparición de múltiples consellos, comités, xuntas e comunas
nos municipios. Estes poderes populares quedaron, segundo as zonas, en mans dos
anarquistas da CNT-FAI (caso do Comité de Milicias Antifascistas de Cataluña), os
socialistas ou os comunistas e encargáronse de organizar a vida na retagarda
(abastecemento, transportes, orde pública...) e as milicias populares, que tamén se
fixeron cargo da represión contra os sospeitosos de desafección, o que deu lugar a
detencións, xuízos sumarísimos, sacas, execucións sen xuízo (a de José Antonio Primo de
Rivera, os fusilamentos do Cárcere Modelo de Barcelona ou as execucións de Paracuellos
do Xarama) e outros abusos. Para evitalos o goberno creou os Tribunais Populares.
Outro problema do goberno de Giral foi a posta en marcha da revolución
socioeconómica, que foi unha resposta á sublevación e consistiu na supresión de
institucións económicas opresoras e a incautación de bens dos desafectos. As
expropiacións de terras, industrias de importancia vital e servizos (banca, transportes,
auga, teléfono...) eran levadas a cabo polos anarcosindicalistas, a UXT e o POUM.
Esta cuestión orixinou dúas posturas antagónicas. A burguesía republicana, a ala
moderada dos socialistas e os comunistas pensaban que tiña prioridade gañar a guerra e
despois xa se afrontaría a revolución, pero os anarquistas da CNT-FAI, o POUM e a UXT
insistían na necesidade de facer de forma simultánea guerra e revolución para gañar o
conflito. Esta diferenza de posturas orixinou un enfrontamento entre comunistas e
anarquistas durante toda a guerra e debilitou o bando republicano.
4.2. O GOBERNO DE LARGO CABALLERO (SETEMBRO 1936-MAIO 1937)
Giral non puido facer fronte a estes dous problemas e dimitiu. Foi substituído por
Largo Caballero, líder da UXT, que formou un goberno de concentración de esquerdas
contra o fascismo, moi semellante á Fronte Popular. Estaba integrado por seis socialistas
(catro próximos a Caballero e dous moderados), tres republicanos, dous comunistas e
dous nacionalistas. En novembro incorporáronse catro anarquistas nas carteiras de
Industria, Comercio, Xustiza e Sanidade (Federica Montseny, primeira muller ministra en
España). A prioridade era recuperar o control do poder e os sectores produtivos e unificar
a dirección da guerra mediante unha política centralizadora:
▪ Centralización política. Os Consellos Provinciais integraron a todos os organismos
revolucionarios (xuntas, comités...). En Cataluña a Generalitat recuperou o control
e as Cortes reiniciaron as sesións e aprobaron o Estatuto vasco en outubro.
▪ Centralización militar baixo a autoridade do Estado Maior do Exército e a
unificación e militarización das milicias, que poñía as bases do Exército Popular.
▪ Centralización económica. Nacionalizouse a banca e as industrias estratéxicas
para a marcha da guerra (armamentos, electricidade, estaleiros...), provocando
enfrontamentos entre comunistas e anarquistas, políticos e sindicalistas e incluso
entre os socialistas moderados de Prieto e a UXT de Largo Caballero.
A crise do gabinete precipitouse cos denominados sucesos de Barcelona de maio
de 1937. Os anarquistas e o POUM controlaban desde o principio da guerra servizos e
institucións básicas. Para limitar o seu poder, a Generalitat ordenou a ocupación do
edificio de Telefónica; a resistencia anarquista provocou un enfrontamento armado que
durou varios días e só se solucionou coa mediación de dous ministros anarquistas e a
intervención da Garda de Asalto. Estes sucesos provocaron a caída do goberno de Largo
Caballero e o fortalecemento dos comunistas.
4.3. O GOBERNO DE NEGRÍN (MAIO 1937-ABRIL 1939)
O 17 de maio o socialista Juan Negrín formou un novo goberno de concentración
con socialistas, republicanos e comunistas (que tiñan un gran peso debido á axuda
recibida da URSS e o control que exercían sobre o exército), pero sen anarquistas. Unha
decisión polémica foi o traslado do goberno a Barcelona en outubro de 1937.
O fortalecemento da autoridade estatal continuou durante este período, coa
posta en marcha dunha economía de guerra, na que todos os sectores produtivos se
puxeron ao servizo do esforzo bélico e o abastecemento do exército, e a consolidación do
Exército Popular, que integrou os mandos das milicias, como o comunista Enrique Líster
ou o anarquista Cipriano Mera, e permitiu realizar as ofensivas de Teruel e o Ebro.
Os comunistas, maioritarios no goberno, pensaban que a sorte da República
estaba ligada ao inicio en Europa do conflito entre democracias e fascismos, por iso a súa
postura era a de resistencia a ultranza. Aínda así Negrín presentou en maio de 1938 os
Trece puntos, un programa de goberno que propuxo aos sublevados; pretendía un fin
negociado da guerra, pero non tivo ningunha repercusión. Tamén fracasou na busca de
apoios internacionais, fracaso que se evidenciou trala Conferencia de Múnic, na que Gran
Bretaña e Francia volveron a ceder ante o expansionismo de Alemaña para evitar a guerra
en Europa; a República perdía a única oportunidade que lle quedaba. Ademais a axuda
soviética quedaba inmobilizada na fronteira francesa, que non se abriu ata as últimas
semanas da guerra para deixar pasar os refuxiados.
A situación desesperada da poboación e a oposición política fixeron proliferar as
conspiracións ata que finalmente o coronel Casado se impuxo e entregou Madrid. (3.2.D)
5. EVOLUCIÓN DO BLOQUE SUBLEVADO

O fracaso do golpe militar impediu a formación do Directorio militar previsto na


conspiración e a morte de Sanjurjo nun accidente aéreo o 20 de xullo privou os
sublevados dun líder carismático e un mando único. A falta de unidade política converteu
o exército no aglutinante da zona sublevada. O 24 de xullo formouse a Xunta de Defensa
Nacional, unha especie de presidencia colexiada da que Franco non formou parte ata o
mes de agosto.
As funcións da Xunta era tres:
- Asumir a dirección da guerra, coordinando a actuación das columnas tanto
militares como civís (o requeté carlista e as milicias falanxistas).
- Desempeñar as funcións de goberno. A Xunta levou a cabo unha
contrarrevolución que anulaba as disposicións do goberno republicano, prohibía
as organizacións políticas e sindicais, suprimía a reforma agraria, devolvendo as
fincas ocupadas, e depuraba os funcionarios non afectos.
- Iniciar a represión contra as autoridades republicanas, as organizacións obreiras e
elementos “perigosos” como mestres, intelectuais ou nacionalistas, denominados
“roxos”. Foron habituais os “paseos” e os xuízos sumarísimos. En moitos casos as
execucións respondían máis a vinganzas persoais que a motivos políticos.
Pero a Xunta era unha solución transitoria e era preciso establecer un mando
único antes da probable caída de Madrid. Franco foi perfilándose como o candidato ideal
por varias razóns: as xestións cos alemáns e italianos para conseguir axudas despois do
levantamento; os éxitos militares en Estremadura e Toledo, que contrastaban co fracaso
de Mola na toma de Madrid; a morte de Sanjurjo (posteriormente tamén lle beneficiarían
as de José Antonio Primo de Rivera en novembro e Mola en xuño de 1937), que lle
deixaba o camiño libre. Grazas ás xestións do seu cuñado, Ramón Serrano Súñer, próximo
á CEDA e á Falanxe, o 28 de setembro os mandos militares nomearon a Franco Xefe do
Goberno do Estado español e Xeneralísimo das forzas nacionais.
Franco tomou posesión dos cargos o 1 de outubro e na súa primeira lei creou a
Xunta Técnica do Estado, que funcionaba como goberno, e na que o cuñado de Franco se
encargaba da propaganda e as relacións co exterior. En decembro Franco comezou a
denominarse Caudillo, termo similar aos de Duce e Führer.
O seguinte paso na concentración de poderes foi o Decreto de Unificación de abril
de 1937: ante o perigo que representaban os partidos que apoiaran a sublevación e
aproveitando a debilidade dos novos líderes da Falanxe e o carlismo (Hedilla e Fal Conde),
Franco decidiu unificalos nun partido único, seguindo o modelo fascista, que integrou
tamén o resto das forzas nacionais (monárquicos, CEDA). Naceu así Falanxe Española
Tradicionalista e das XONS, que logo se denominará “Movemento Nacional”, do que
Franco ostentaba a Xefatura Nacional, asistido por unha Xunta Política e un Consello
Nacional. As milicias carlistas e falanxistas pasaron a chamarse Milicias Nacionais.
Franco establecía deste modo as bases dun Estado totalitario, inspirado en
principios fascistas, católicos e conservadores, que terá un slogan plaxiado do lema
alemán: “unha Patria, un Estado, un Caudillo”. Para lexitimar este proceso, en 1937 a
Igrexa xustificaba o alzamento como unha cruzada contra o comunismo e identificábase
cos ideais do novo réxime; incluso o papa Pío XI amosou o seu apoio. De aí nacerá un dos
fundamentos ideolóxicos do franquismo, o nacionalcatolicismo.
Franco levou a cabo unha auténtica contrarrevolución, derrogando toda a
lexislación social e laboral da República, os estatutos de autonomía vasco e catalán e a
reforma relixiosa; suprimiu o matrimonio civil e o divorcio e restableceu a Compañía de
Xesús, o orzamento do clero e a exención da contribución territorial para os bens da
Igrexa, que recuperaba o control do ensino e a súa influencia política e social.
A institucionalización do novo Estado comezou xa durante a guerra. En xaneiro de
1938 promulgouse a Lei de Administración Central do Estado, que especificaba os
poderes ostentados por Franco: xefatura do Estado e do goberno, poder lexislativo,
xefatura do exército e do partido único, consolidando un réxime ditatorial. Tras disolver a
Xunta Técnica, Franco formou o seu primeiro goberno con, entre outros, catro militares,
un só falanxista, un carlista e dous monárquicos. Esta composición marcará a tónica dos
seus futuros gabinetes: mesturar elementos de diferentes procedencias dominados polo
exército para non dar preponderancia a ningunha das tendencias que apoiaran a
sublevación.
O Consello Nacional de FET-XONS redactou o Foro do Traballo (marzo de 1938), a
primeira das Leis Fundamentais do réxime, que creaba o sindicato vertical, unha
institución que encadraba a patróns e obreiros para organizar as relacións laborais,
prohibindo as folgas e manifestacións. Tamén se restableceu a pena de morte (xullo de
1938) e a censura das publicacións mediante a Lei de Prensa e Imprenta. A Lei de
Responsabilidades Políticas (febreiro de 1939) permitía perseguir a todos os que se
consideraran sospeitosos de apoiar á República e tiña carácter retroactivo ata 1934.
Con todas estas leis implantaba un Estado totalitario que se vai manter unha vez
rematada a guerra e só sufrirá certas modificacións ao longo do período que estivo
vixente a ditadura de Franco.

You might also like