Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 3

LITERATURA - TEMA 8

O teatro galego entre 1936 e 1975: A Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia

1.- INTRODUCIÓN. A PRIMEIRA POSGUERRA


A Guerra Civil española e a posterior ditadura tiveron importantes repercusións culturais, xa que
supuxeron un freo á actividade literaria galega e ó teatro en particular. Esta paralización cultural
tivo como excepción, nos anos 40, a formación de coros populares, que representaban
manifestacións folclóricas que non resultasen politicamente perigosas e que se achegaban máis ao
xénero lírico que ao dramático.

Moitas das obras dos primeiros anos da posguerra eran textos que conseguían o riso a través da
ridiculización de tipos paifocos e rústicos, ou a través da deformación da propia lingua.

Antes de 1949 só se publicou a zarzuela de José Trapero Pardo ¡Non chores, Sabeliña“ (1942).
Ata a recuperación cultural que iniciou o grupo Galaxia, non existiu a vontade de recuperar a
dramática galega. Na escasa produción dos anos 50, podemos diferenciar tres liñas:
A liña vangardista de preguerra: continuación do iniciado antes do conflito; destacan Otero
Pedrayo (O desengano do prioiro) ou Ánxel Fole, con Pauto do demo.
O vello teatro rexionalista (folclorismo, ideais do rexionalismo, etc.): destacan Trapero Pardo,
Leandro Carré Alvarellos (Meiguerías) e Uxío Carré Alvarellos (Desalento).
O teatro da angustia existencial, a cargo, entre outros, de Xosé Luis Franco Grande (Vento
choído), e Manuel María (O auto do taberneiro), cuxas obras se caracterizan polo predominio o
simbólico e da reflexión sobre a acción.

A situación comezou a mellorar nos anos 60. A pesar da represión, a preocupación polo teatro
levou a celebrar en 1960 o “I Certamen del Miño”, que gañou Cunqueiro con A noite vai como un
río. Este certame abre a década na que de novo se ía poñer en marcha o teatro galego.
Ademais, paralelamente á reorganización clandestina do nacionalismo, iníciase a recuperación do
teatro, plataforma ideal para reivindicar un ideario, polo que xorden iniciativas que apostan por un
teatro en galego e fórmanse grupos como O Facho e Teatro Circo. Con estas e outras iniciativas
constitúese a etapa do “Teatro Independente”, que provocou a renovación estética e temática do
teatro galego.

No paso da dramaturxia de preguerra ao novo Teatro Independente dos anos setenta que
levaría a cabo o Grupo Abrente, destacan unha serie de autores que serviron de enlace ou ponte.
Neste grupo inclúense, entre outros, os seguintes autores e obras:

Otero Pedrayo: Teatro de máscaras (escrita ao redor de 1934, pero viu a luz en 1975)

1
Cunqueiro: destaca a recreación persoal do tema de Shakespeare en O incerto señor don
Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958), ou Palabras de víspera (1974), onde aparece a raíña
Urraca namorada do seu irmán, o rei Afonso VI de León.
Marinhas del Valle: aínda que se inicia na liña vangardista de preguerra, publica nos anos 60
teatro menos festivo, de temática social e política. Nos 70 produce obras sobre cuestións morais
como Dúas pezas de teatro inerte, que o converte nun referente do teatro de preocupación
ontolóxica.
Carvalho Calero: na súa obra dramática destaca a experimentación formal e temática,
dominando a peza simbolista. O máis destacado da súa produción é o drama Os xefes, que
presenta unha estrutura semellante a Os vellos non deben de namorarse, de Castelao.

En 1973 a agrupación cultural Abrente convoca en Ribadavia a I Mostra e o I Certame


Abrente de Teatro Galego, que se seguen celebrando na actualidade e que supuxeron unha enorme
inxección de vitalidade para o teatro galego. Arredor destas mostras aparece o “grupo Abrente“,
dramaturgos que concibiron o teatro galego de xeito profesional. Destacan os seguintes autores:

Manuel Lourenzo. A súa obra desenvolve varios ciclos temáticos. Dentro do teatro mítico
(denuncia do presente por medio da mitoloxía clásica) destaca O perfil do crepúsculo; na liña de
teatro infantil salientamos Forno de teatro fantástico; finalmente, temos o “ciclo de teatro
urxente”, no que elimina da escena todo o que non é esencial, como en Veladas indecentes.
Euloxio Rodríguez Ruibal. Nas súas primeiras obras amosa unha visión cruel por medio de
técnicas expresionistas e cinematográficas, como en O cabodano (1976); na súa etapa de
madurez a ollada é máis sobria e irónica, en ton de denuncia, como en Azos de esguello (1989).
Roberto Vidal Bolaño. Un dos dramaturgos galegos máis importantes. Comeza con obras de
crítica social, como Laudamuco, señor de ningures. Logo, pasa á critica sociocultural (Saxo
tenor). Finalmente, mostra unha visión desencantada e pesimista en obras como Días sen gloria.

Por outra parte, aínda que a literatura do exilio é un tema independente, cómpre citar os
exemplos máis representativos do seu teatro, onde se escribe e fai teatro desde os anos 30 coa
intención de manter nos emigrantes a conciencia de seren galegos. Ademais, o teatro dos exiliados
incorpora as técnicas dramáticas máis modernas da época.
Castelao. A súa obra Os vellos non deben de namorarse combina elementos populares con
outros das vangardas artísticas, como o deseño das máscaras. Está estruturada en tres lances e
trata o tema dos amores serodios, que teñen como castigo a morte.
Luís Seoane é autor de tres obras: A soldadeira (1956), no contexto das loitas irmandiñas da
Idade Media, pero actualizada coa presenza de tres labregos contemporáneos; O irlandés
astrólogo e Esquema de farsas, de teatro documental.

2
Eduardo Blanco Amor dirixiu diferentes grupos teatrais e a súa obra recompilouse en Galicia
en dous volumes: Farsas para títeres e Teatro prá xente. Unhas son obriñas de realismo
costumista, pensadas para a xente do pobo; outras son farsas, non realistas, cheas de elementos
fantásticos e satíricos, pensadas para un público culto.

En definitiva, o teatro galego, iniciado con forza polas Irmandades e o Grupo Nós, foi o xénero
que se recuperou máis lentamente despois da Guerra Civil. As primeiras producións teatrais de
posguerra limitábanse a manifestacións folclóricas e populares e nos anos 60 comeza a vincularse
este xénero cos obxectivos nacionalistas, pero non será ata os anos 70, arredor das mostras de teatro
de Ribadavia, cando o teatro galego acade certo punto de consolidación e madurez.

You might also like