Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 9

A SÍNTESE:

Para elaborar un esquema de ideas principais, resumir, analizar a estrutura ou comentar


un texto, debemos comezar SEMPRE polos pasos seguintes.

 Unha primeira lectura comprensiva do texto: faremos unha lectura para nos achegar ao
texto e resolver as posibles dúbidas de comprensión de vocabulario ou daqueloutros
aspectos que nos impidan unha comprensión do sentido xeral do texto

 Segunda lectura reflexiva. Neste caso trátase de facer unha lectura máis profunda, que
persegue detectar cales son as ideas que nel se tratan e como están presentadas.

 Subliñado das palabras clave (substantivos, adxectivos ou verbos) que encerren as


ideas principais, é dicir, as que nos indican de que se fala nese parágrafo. Logo
podemos anotar na marxe o seu contido. Faremos isto con cada parágrafo.

 A continuación, cunha cor diferente (ou con outro tipo de trazado), subliñamos en cada
parágrafo as ideas secundarias, é dicir, aquelas nas que se desenvolve ou se
complementa o que se quere contar.

CONSELLOS
 Subliña de maneira que ao leres, só co subliñado xa teña sentido.
 Evita subliñar liñas ou parágrafos enteiros (é preferible que lle poñas unha chave ou
unha chamada)
 Utiliza códigos de cores
O ESQUEMA

Realizar un esquema dun texto consiste en mostrar de maneira gráfica cales son as
distintas ideas tratadas e cal é a relación que se establece entre elas. A información, que xa
seleccionaramos na fase de subliñado, debemos agora redactala coas nosas propias palabras e
sempre en frases curtas.
É aconsellábel utilizarmos un esquema de números porque axuda a visualizar mellor a
xerarquización das ideas.
Deste xeito xa teremos claro cal (ou cales) é a idea principal e que outras ideas se
desenvolven para completalas. Pero ademais teremos tamén claro cal é a estrutura do texto:
cantas partes o compoñen e que relación se garda entre esas partes.

Vantaxes:
 Permite tomar conciencia da vertebración e xerarquización das ideas principais e
secundarias dun texto determinado (dá conta da súa coherencia estrutural).
 Axuda á comprensión de ideas.
 Facilita a memorización, ou sexa, a fixación, retención e evocación do contido.
 É útil para repasar.

Consellos:
 As ideas han estar enunciadas de xeito breve: unha palabra ou unha frase curta.
(Máximo unha liña)
 As ideas han de estar enunciadas no esquema con concisión, precisión e rigor. Un golpe
de vista debe abondar para ter unha visión completa e xeral do tema .
 Non cometas o erro de establecer moitas ideas (non deberías pasar de 5) con excesivas
subdivisións.
 Para que o esquema de ideas sexa completo e reflicta de forma coherente a información
do texto, é preciso extraer deste, polo menos, dúas ideas principais.

Esquema numérico :Existen varias maneiras de realizar os esquemas, pero a máis empregada
é o esquema de numérico.

No esquema numérico, dous números separados por puntos indican: o primeiro a que
apartado se fai referencia, e o segundo a idea importante nese apartado.
O sangrado (separación da marxe esquerda) indica a importancia das ideas: canto máis á
esquerda a idea será máis importante e xeral; canto máis á dereita, menos importante e
concreta.

1. Idea principal
1.1. Primeira idea secundaria subordinada á principal
1.2. Segunda idea secundaria subordinada á principal
1.2.1. Primeira idea terciaria (detalle)
1.2.2. Segunda idea terciaria (detalle)
2. Idea principal
2.1. Primeira idea secundaria subordinada á principal
2.2. Segunda idea secundaria subordinada á principal
2.2.1. Primeira idea terciaria (detalle)
O RESUMO

O resumo non é copiar anaquiños do texto senón trasladar á túa linguaxe o esencial que di
o texto de forma reducida. Consiste en explicar de xeito breve cal é o contido do texto. Para isto
o máis cómodo é desenvolver o esquema, pero centrándonos só nas ideas principais. Aínda que
non sempre ten que coincidir a orde que se segue no resumo coa que presenta o texto.

Como o facemos?
Debemos comezar sempre pola fase previa de lecturas, subliñado, anotación á marxe e (de ser
preciso) esquema.
Podemos anotar nun papel á parte de que trata o texto; cantas partes ten e a idea principal de
cada unha delas. Ordenamos o apuntado e despois redactamos, expresándoo coas nosas propias
palabras.

Regras:
 Non debemos usar literalmente as palabras do texto.
 Cómpre sermos claros e fieis ao texto: debemos asegurarnos de que reproducimos o
que di no texto.
 A redacción debe facerse coa nosa propia linguaxe (mais utilizando un nivel formal de
lingua!!)
 NON debe incluír ningún tipo de valoración persoal.
 Nunca empregaremos a 1º persoa nin o estilo directo
 Non debe ter máis dun terzo da lonxitude do texto inicial, senón non resumimos,
reproducimos.
 Convén sinalar a intención comunicativa do texto (unha crítica, unha información,
unha opinión, unha demanda, unha achega, etc..).

Debemos evitar:
 Os coloquialismos e vulgarismos. Usa un galego culto.
 A pedantería.
 A redacción de móbil e as abreviaturas.
 As frases feitas (amplo abano, un longo etcétera, brillar pola súa ausencia…)

Erros
Aquí van algúns erros e como podemos facilmente evitalos:

1. Evita os verbos en pasado. É un erro moi común contar un resumo en lugar de explicalo.
Os alumnos cometen con frecuencia o erro de querer contar ou narrar un resumo en lugar de
explicalo e este é un erro que debe evitarse. Os resumos non se narran, explícanse . Quizais che
sirva pensar que lle estás dicindo oralmente o resumo a alguén de viva voz.

NON: Un señor paseaba polo parque da cidade


SI: O texto describe o paseo dun home pola cidade

2. Evita o uso da primeira persoa. Outro erro moi frecuente é confundir a opinión coa información.
Nun resumo non se pide a opinión do texto que se leu, senón a explicación do que se leu, para que
outra persoa que non o fixo se faga unha idea do mesmo.
É por iso que debemos evitar o uso da primeira persoa e usar exclusivamente a terceira persoa do
singular.

NON: Eu creo que o artigo fala sobre a manipulación dos medios de comunicación
SI: O artigo trata a manipulación dos medios de comunicación
3. Evita as subordinadas adxectivas. Aquí non podemos falar dun erro, senón dun aspecto para
mellorar. É frecuente abusar das subordinadas de relativo que non fan máis que retardar o ritmo do
resumo e en nada facilitan a axilidade do mesmo.
Pódense substituír facilmente por un adxectivo ou por un participio. Se se evitan estas
proposicións o resumo faise máis ameno e a comprensión máis fácil.

NON: O artigo explica a historia dunha nena que estaba enferma.


SI: O artigo explica a historia dunha nena enferma.

4. Evita copiar frases literais do texto. Este é outro dos erros que se comenten con asiduidade.
Resumir non é copiar, senón captar o esencial dun texto. Cando se copia unha frase literal dun
texto demóstrase que non se entendeu o lido, ou ben non se ten o vocabulario necesario para
expresalo con palabras propias. Este é un dos apartados máis difíciles de conseguir e que máis
custa aprender.
NON: Na actualidade os nenos pasan moitas horas diante dos televisores dos seus fogares
SI: O texto explica a problemática de sedentarismo dos nenos

5. Evita as enumeracións. Outro aspecto que debemos coidar á hora de escribir un resumo é o uso
das enumeracións. Normalmente as enumeracións que aparecen nun texto pertencen a un campo
semántico. Pois ben, se somos quen de identificar o campo semántico poderemos substituílo pola
enumeración do texto e así dará axilidade ao resumo.

NON: O autor explica a importancia para comer noces, abelás, améndoas e anacardios
SI: O autor explica a importancia para comer froitos secos

6. Usa conectores textuais. O uso de conectores textuais nun resumo é fundamental para dar unha
maior coherencia e cohesión ao texto que se resume. Un resumo sen conectores textuais en moitas
ocasións carece de sentido completo e dificulta a comprensión do mesmo.
Basta lembrar entre cinco ou dez conectores, non fan falta moitos máis para un bo resumo. Algúns
exemplos: tamén, ademais, por último, e, por outra banda.

NON: O texto trata sobre o problema do alcol entre os mozos. O autor critica a falta de
información nas escolas
SI: O texto trata sobre o problema do alcol entre os mozos e critica…

7. Evita as citas textuais. Nalgunhas ocasións non atopamos con textos que nos que aparecen citas
textuais doutros autores. É conveniente evitar copialas no texto. O importante é captar a esencia da
frase e utilizar nosas propias palabras para explicala.

NON: Aristóteles di: “A intelixencia consiste non só no coñecemento, senón tamén na destreza de
aplicar os coñecementos na práctica”
SI: Aristóteles reflexiona sobre a importancia da intelixencia e a súa aplicación práctica?

8. Evita empezar cunha preposición. Outro erro moi fácil de evitar cando se escribe un resumo é
empezalo cunha preposición, sobre todo, a preposición en en castelán e no ( en + o ) en galego. É
algo moi fácil de evitar e permitiranos non empezar cun complemento circunstancial, senón cunha
frase nominal que será o suxeito da cláusula. Desta maneira o resumo é moito máis natural e
seranos máis fácil continualo. En moitas ocasións o máis difícil dun resumo é a primeira oración.

NON: Neste texto o autor...


SI: O autor deste texto…
9. Evita a descrición.
Con frecuencia o resumo pertence a un texto descritivo. Se é así, é frecuente que en lugar de
explicar un texto o describamos, e iso é un erro. Ademais se describe é moi posible que use o
verbo en pasado, concretamente en pretérito imperfecto e volveremos caer no erro de describir en
lugar de explicar. Para iso só hai que empregar o verbo “describe” como verbo da oración simple.

NON: A moza tiña o pelo longo, louro e ondeaba ao vento


SI: O texto describe o pelo dunha moza

10. Usa o suxeito elíptico a partir da segunda oración. Despois de usar o suxeito na primeira
oración, para dar unha maior axilidade ao mesmo, é recomendable eliminar o suxeito expreso polo
suxeito omitido ou elíptico. Trátase de evitar no posible a redundancia e repetir ideas ou palabras
aparecidas anteriormente.

NON: O texto trata sobre o problema do alcol entre os mozos. O autor critica...
SI: O texto trata sobre o problema do alcol entre os mozos e critica...
A ESTRUTURA

A estrutura é a organización dun texto en partes, entre as que habitualmente pode


establecerse unha orde ou xerarquía. A estrutura externa atende á disposición dos enunciados
dun texto en capítulos, apartados e parágrafos. A estrutura interna atende á distribución e
xerarquización das ideas na mensaxe.

Determinar a estrutura interna dun texto equivale a establecer unha división en partes,
desde o punto de vista do seu contido. Non obstante, a estrutura externa pode ser de grande
utilidade, xa que adoita existir unha correspondencia entre división en parágrafos e estrutura
interna, organizativa, do texto. Se este non se divide en parágrafos, o labor é máis complexo.

Antes de proceder á división dun texto en partes, cómpre recoñecer os distintos tipos de
textos e estruturas que os caracterizan segundo a organización do seu contido:

Narrativos: relatan sucesos reais ou ficticios. A estrutura responde á intención de


relatar feitos e acontecementos que se producen no tempo. Adoita organizarse de acordo
cunha forma na que os feitos se presentan ordenados cronoloxicamente. A estrutura
máis habitual neste tipo de textos é presentación, nó e desenlace.

Descritivos: reproducen e detallan as características de obxectos, persoas, animais,


épocas, sentimentos, etc. Na estrutura predomina a organización espacial, e
distinguimos os seguintes tipos:

- Estrutura de descrición típica: expóñense as calidades dun ser ou un obxecto.


Empréganse conectores espaciais (detrás, dentro, ao redor, enriba de, á
dereita…).

- Estrutura de comparación / contraste: propia de textos que presentan


semellanzas e diferenzas entre dous seres ou obxectos. Utilízanse conectores que
manifestan paralelismo (así mesmo, igualmente, do mesmo xeito…) ou contraste
(pola contra, non obstante…).

- Estrutura de enumeración: propia de textos nos que se presentan seres,


obxectos, etc., que comparten características. Úsanse conectores distributivos
(por unha parte, por outra…) e tamén de paralelismo e contraste.

Dialogados: representan o intercambio verbal de dúas ou máis persoas. A estrutura


adoita responder ás seguintes partes: apertura ( saúdos ) > orientación ( introdución do
tema ) > desenvolvemento ( intercambio comunicativo ) > conclusión ( indicacións de
remate ) > peche ( fórmulas de despedida ).

Expositivos: ofrecen unha información ou explicación obxectiva sobre un tema.

O habitual é que este tipo de texto estea formado por tres partes:
 Introdución: (10% do texto) Nela xeralmente explícase cal é o tema que se
vai abordar.
 Desenvolvemento: (80% do texto) É a parte onde se achegan as explicacións
sobre o tema. Pode estar dividido en apartados cos seus respectivos títulos e
subtítulos.
o Analizando as causas polas que algo ocorre e logo analizando as
consecuencias ou as solucións que pode ter (por exemplo cando
explicamos as causas que levan á creación dun movemento literario, ou a
repercusión que o movemento tivo na literatura posterior…).

o Enumerando as características ou as propiedades que posúe o


obxecto ou a idea do que estamos tratando (por exemplo, ao citar as obras
dun autor/a ou ao explicar as temáticas da súa obra).

o Describindo as características que posúe aquilo do que estamos


falando (isto é o que facemos ao explicar as características dunha obra
literaria, do estilo do autor/a...)

o Enunciando os acontecementos de maneira cronolóxica, é dicir,


segundo van acontecendo no tempo (é o normal cando se fala das
distintas etapas da obra dun autor/a ou da súa vida).

o Facendo unha comparación entre distintas ideas ou aspectos dun


mesmo tema (por exemplo se analizamos a obra de dous períodos
diferentes dun autor/a, ou contrapoñemos a literatura de dous autores
explicando as semellanzas e diferenzas...).

Conclusión: (10% do texto) Resumo breve dos aspectos máis importantes tratados. Pode
incluír unha reflexión sobre a actualidade ou cara ao futuro. A súa extensión limítase a un
parágrafo

Argumentativos: dan razóns para defender ou refutar unha idea, tese ou


formulación.
A maior parte dos textos argumentais presentan unha estrutura baseada en tres partes:

o Introdución (10%): Preséntase o tema sobre o que se vai falar


(motivacións, interese que presenta...) e conclúese definindo a opinión ou
a postura que o emisor ten ao respecto, é dicir, enúnciase a tese. O seu
obxectivo básico é enunciar o tema do discurso e atraer a atención do
lector. Pode presentarse de distintas maneiras: cunha afirmación,
formulando unha pregunta, cunha cita, cunha anécdota, con exemplos,
etc.
Pode estar formada por un ou varios parágrafos.

o Desenvolvemento (80%): comprende as seccións nas que se


desenvolven as ideas e conceptos por medio de definicións, argumentos e
exemplos. O habitual é que nos parágrafos de desenvolvemento dun
concepto se expoña unha idea principal, que se vai reafirmando mediante
razoamentos e exemplos que constitúen ideas secundarias e mesmo
terciarias. Para iso o autor pode valerse do emprego de definicións,
enumeracións, comparacións, citas, etc.

o Conclusión (10%): o parágrafo ou parágrafos que conclúen o escrito.


Adoitan resumir ou salientar os principais argumentos utilizados no
texto, e así reafirmarse na tese sostida dende o principio; aínda que
tamén poden conter prognósticos de futuro ou interrogantes abertas en
relación ao tema exposto.

Trátase da estrutura dedutiva ou analítica; existen ademais estoutras estruturas:

- Indutiva (sintética): iníciase a argumentación con feitos concretos para


chegar a unha norma xeral que os explique (vai do particular ao xeral).
Exemplo 1
Exemplo 2
Exemplo 3
IDEA PRINCIPAL (tese)

- Encadrada: deféndese unha tese inicial e apóiase coa conclusión final


(reafirmación da tese inicial).
TEMA, TESE, IDEA PRINCIPAL
Exemplos , datos, feítos
TEMA, TESE, IDEA RINCIPAL
- Paralela: deféndense varias teses.
TESE 1
Argumentos
TESE2
Argumentos
TESE3
Argumentos
De todos os xeitos, a meirande parte dos textos están estruturados de xeito similar. Réxense
polo esquema clásico organizado en tres partes: introdución, desenvolvemento e conclusión.
O TEMA
É a exposición breve da idea central, recolle o fundamental do texto. Responde á pregunta: Cal
é o obxectivo do texto?

Consellos
 Extensión: arredor de 10 palabras
 Comeza cun substantivo abstracto que indique a intención do autor: crítica, defensa…
 Se é posible que non haxa verbo en forma persoal.

O TÍTULO
Un título é o enunciado do contido dun libro ou doutro escrito que se coloca ao comezo del.
Debe presentar de modo obxectivo, agradable e sintético a información que vén no texto.

Características:
- Breve (non máis de seis ou oito palabras).
- Preciso e exacto en relación co contido esencial do texto.
- Adecuado ao sentido e á intención do texto.
- Orixinal e atractivo.

Os títulos case sempre carecen de verbos e adoitan presentar a idea central do texto ao que se
refiren. Algúns dos esquemas máis empregados para os títulos son os seguintes:
- Frase nominal cuxo núcleo é un substantivo abstracto: A revolta irmandiña.
- Frase nominal, seguida dunha aposición explicativa: A revolta irmandiña: xénese e
desenvolvemento.
- Título bimembre: Xénese e desenvolvemento da revolta irmandiña.

You might also like