Temas de Sociolingüística

You might also like

Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 8

TEMA 1.- Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos.

Os prexuízos lingüísticos son xuízos de valor que consisten en presentar trazos negativos sobre
unha lingua e os seus falantes e que teñen como obxectivo provocar o seu rexeitamento; son, xa que
logo,discriminatorios.

En Galicia é obvia a presenza de dúas linguas: unha, o galego, é a propia do país e outra, o castelán,
de fóra, imposta dende a Idade Media. Esta dualidade, presenta unha situación conflitiva e discriminatoria.
A situación lingüística en Galicia dende o século XVI está determinada pola coexistencia diglósica,
conflitiva e desequilibrada entre o castelán e o galego. O castelán substituíu o galego nos usos escritos e
formais relegándoo á comunicación oral e informal. Produciuse deste xeito unha especialización lingüística
e unha xerarquización que levou ao castelán á consideración de lingua alta, de poder e de prestixio e ao
galego a ser considerada a lingua baixa, de segunda clase, menosprezada e minorizada. En Galicia
durante moito tempo (quizais aínda hoxe) os que querían progresar utilizaban o castelán. Os rapaces
saían da casa falando galego, pero na escola atopábanse co castelán como única lingua de cultura. Os
emigrantes, que unha vez de regreso na casa, entendían que a súa situación social mellorara, falábanlles
aos seus fillos en castelán. Este factor psicosocial aínda segue a actuar no subconsciente de moitas
mentes galegas que consideran que o castelán é máis importante que o galego. Estes prexuízos teñen
unha repercusión clara nos usos lingüísticos do galego, lingua en proceso de normalización, que debe
superar estas dificultades para acadar o seu obxectivo.

Nestes momentos, a pesar de que existen disposicións legais que protexen e difunden o galego como
lingua oficial de Galicia; a pesar de que o galego é lingua vehicular no ensino, que está presente (de
desigual modo) nos medios de comunicación de masas; a pesar das campañas de normalización
lingüística, a lingua propia de Galicia segue a ser unha lingua de segunda, unha lingua de usos
restrinxidos. O pretendido bilingüismo harmónico, é dicir, a convivencia das dúas linguas en pé de
igualdade dentro de Galicia é probable que desemboque na substitución da máis feble.

É certo que o galego foi experimentando unha crecente presenza pública no seo da sociedade e que se
está a introducir en áreas e ámbitos de uso antes exclusivos do castelán. Aínda así, a existencia de
estereotipos e prexuízos lingüísticos determina que na práctica cotiá a situación do galego siga a ser
diglósica. A lingua galega, minorizada, vén arrastrando historicamente moitos prexuízos que xeran
actitudes de autoodio e desprezo do propio. Entre os prexuízos que existen sobre a lingua galega hai
algúns que xa veñen de vello: o galego é lingua de pobres, o galego é lingua de aldeáns, o galego non
serve fóra de Galicia, o galego é un idioma imposto…, pero hainos tamén modernos, resultado do proceso
de estandarización: o galego estándar é un idioma inventado, o galego dos libros non o entendo. Todas
estas ideas preconcibidas inflúen na percepción e nos usos lingüísticos dos cidadáns, que poden provocar
mesmo un complexo de inferioridade con respecto á súa lingua inicial (autoodio). Os prexuízos cumpren
unha función defensiva, xa que se utilizan co fin de xustificar e manter a posición dominante de certos
grupos sobre outros. Son ademais difíciles de detectar porque a xente intenta ocultalos ou polo menos
“disfrazalos”, sexa de xeito consciente ou inconsciente. O certo é que malia que a gran maioría da
poboación ten competencia lingüística en galego, usa cada vez máis o castelán.

A alternativa a esta situación conflitiva pasa necesariamente por un proceso de normalización


lingüística que restaure o unilingüismo natural eliminando as situacións diglósicas, o cal non debe ser
incompatible co bilingüismo ou trilingüismo que todo individuo debe procurar. A cidadanía debe aspirar a
un bilingüismo equitativo que permita o desenvolvemento da lingua propia. A diglosia continúa vixente e a
substitución lingüística, a pesar dos avances, aínda é unha ameaza. Por esa razón debemos propugnar o
monolingüismo defensivo dos galegofalantes como estratexia para acadar un bilingüismo igualitario.
TEMA 2.- Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e
desviacións da norma.

Todas as linguas presentan unha forte tendencia á diversidade, especialmente no plano oral. A
existencia dunha variedade estándar -a que se usa nos ámbitos formais, a que se describe nas
gramáticas- contribúe a frear esa dispersión.

Entendemos por normativización dun idioma a fixación dun código da lingua, é dicir, unha variedade
unificada, común a todos os falantes. O proceso de normativización ou estandarización lingüística ten a
súa plasmación concreta na determinación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario do idioma.

O galego, sometido dende o século XVI a unha situación diglósica que o reduciu a ser unha lingua oral,
experimentou un proceso de deterioro do seu sistema lingüístico, alterado pola intromisión do castelán e
asistiu a unha disolución da súa unidade básica ao carecer dun referente culto que servise como modelo
uniformizador. As consecuencias disto foron a castelanización e a dialectalización do idioma.

Cando no século XIX o galego gaña outra vez o espazo escrito, os seus cultivadores encóntranse cun
idioma fragmentado, rústico, de vocabulario limitado e que suplía as súas insuficiencias co modelo do
castelán. A pesar de estar xa presente dende os primeiros momentos a necesidade de lograr unha
unificación da lingua escrita, cómpre esperar ao século XX para que xurdan as primeiras propostas dunhas
normas comúns.

Os escritores do primeiro terzo do século XX superan o dialectalismo da época anterior en favor dun
supradialectalismo, cuxa tarefa principal é purificar o idioma eliminando castelanismos, para o que, se é
necesario, non dubidan en acudir ao portugués ou á tradición literaria. Isto dá lugar a aparición de moitos
lusismos e arcaísmos. Nese mesmo afán por diferenciarse do castelán aparecen os hiperenxebrismos e a
pseudoevolución. A consecuencia foi a configuración dun galego afastado da fala común, co que os
galegos, maioritariamente, non se identifican. A guerra civil puxo fin a todo este movemento.
Nos anos cincuenta a creación da Editorial Galaxia (1950) co obxectivo de divulgar poesía e
promocionar a narrativa, o ensaio e a prosa científica, provoca a elaboración dunhas normas de uso
interno coas que se lograba certa uniformidade na edición.
Nos anos 1970-71 a Real Academia Galega (RAG) fai públicas unhas Normas ortográficas e
Morfolóxicas que recollían gran parte das solucións que se xeneralizaran, máis ou menos
espontaneamente, no galego escrito. En 1971 créase na Universidade de Compostela o Instituto da
Lingua Galega (ILG) que publica os primeiros métodos de aprendizaxe do noso idioma. En 1980 a
Asociación Sócio-Pedagóxica Galega (AS-PG) edita as Orientacións para a escrita no noso idioma . No
ano de 1982, o ILG e a RAG elaboran as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, declaradas
oficiais pola Xunta. Dende aquela, estas normas foron actualizadas e revisadas en 1995 e en 2003.

Para a selección desta variedade estándar e supradialectal tivéronse en conta os seguintes factores:
- A maior extensión xeográfica.
- O número de falantes.
- O uso na literatura.
- A harmonía coas demais linguas romances, especialmente co portugués.
Existen dúas grandes tendencias no que se refire á normativización do galego. A tendencia
reintegracionista postula a aproximación do estándar galego ao do portugués de Lisboa. Fronte a esta
postura, os partidarios da normativa oficial, sen negaren a existencia dun estreito parentesco e dunha fase
común galego-portuguesa, defenden a identidade do galego como lingua autónoma e independente do
portugués e toman como punto de partida o galego oral, depurado dos elementos alleos provocados pola
convivencia desequilibrada co castelán.
A normativa representa o galego común ou estándar, que a través dunha gramática e dun dicionario
normativos, fixa uns usos apropiados da lingua e exclúe as chamadas interferencias e desviacións da
norma.
Os hipergaleguismos ou hiperenxebrismos son formas creadas artificialmente por reacción
diferencialista con relación ao castelán. Consiste en galeguizar aínda máis aquelas palabras que o galego
comparte co castelán en virtude de falsas analoxías. É o caso de primaveira (por primavera), humán (por
humano), gasoliña (por gasolina), labourar (por laborar),por exemplo.

Os vulgarismos afectan case sempre á fonética e son propios do galego oral. Consiste na alteración
do vocalismo ou consonantismo das palabras por adición, supresión ou cambio dun fonema. É o caso de
marmurar (por murmurar), probe (por pobre), espranza (por esperanza), arrodear (por rodear)…

Os arcaísmos son o resultado de querer depurar a lingua botando man de formas medievais para
substituír palabras plenamente galegas, aínda que idénticas ou parecidas ao castelán. Algúns arcaísmos
son: vegada (por vez), nascer (por nacer), tíduo (por título),conquerir (por conseguir)...

Por outra banda, as linguas adoitan incorporar ao seu léxico termos procedentes doutras, que se
coñecen por ese motivo co nome de préstamos. Hainos necesarios e aceptables que cobren lagoas
léxicas que van xurdindo. Pero hai outros que son innecesarios porque para o seu significado xa existe
unha palabra propia na lingua receptora. Estes últimos son os que se denominan interferencias e son
debidos á presión sociocultural dunha lingua dominante. Na nosa lingua a maior parte das interferencias
proceden do castelán (castelanismos), aínda que tamén veñen do inglés (anglicismos) e do portugués
(lusismos).

A peculiar convivencia, de matices diglósicos, entre galego e castelán determina que esta última se
vexa máis protexida que o galego fronte ás interferencias e poida manter mellor a súa identidade
lingüística. O grao e intensidade das interferencias varía segundo os individuos e as situacións, mais
poden afectar a todos os planos da lingua: fónico, ortográfico, morfosintáctico e léxico. Son castelanismos
parexa (por parella), conexo (por coello)… boda (por voda), atmósfera (por atmosfera)… a leite (por o
leite), o calor (por a calor)… o sentía na alma (por sentíao na alma), vou a contar un conto (por vou contar
un conto)… escoba (por vasoira), grifo (por billa)…

Dende o momento en que existe a variedade estándar dun idioma, esta adoita converterse na variedade
de máis prestixio e, xa que logo, influirá nas distintas variedades tradicionais (xeográficas e sociais). As
dúas variedades poden coexistir sen problema nunha distribución axeitada de funcións. Mentres as
tradicionais se utilizan en situacións comunicativas informais, á variedade estándar correspóndenlle as
funcións públicas e formais e, por suposto, as escritas.
TEMA 3.- O galego, lingua en vías de normalización.

O galego, un idioma que nunca perdeu a súa condición de lingua maioritaria no seu territorio,
padeceu durante séculos unha marxinación que o mantivo afastado dos usos institucionais e oficiais,
relegado á condición de lingua oral familiar, situación que o converteu en lingua minorizada.
O conflito lingüístico que se produce pola primacía social entre un idioma hexemónico e unha lingua
minorizada soamente coñece dúas saídas posibles: a substitución lingüística ou a normalización
lingüística, é dicir, o establecemento de medidas políticas, legais, sociais e lingüísticas para a
recuperación do idioma marxinado dentro da súa propia comunidade.
Denominamos, polo tanto, normalización lingüística o proceso de adquisición por parte do galego
de funcións e ámbitos de uso e recuperación daqueles que lle foron usurpados polo castelán. A
normalización pretende restaurar na sociedade o unilingüismo natural eliminando as situacións diglósicas.
Normalizar o galego significa, pois, recuperar a súa presenza exclusiva en todo tipo de ocasións e
actividades da vida social, cultural, comercial, administrativa, de relación…
O novo marco político deseñado a partir da Constitución de 1978, do Estatuto de Autonomía de
Galicia (1981), da Lei de normalización lingüística de 1983 e das demais disposicións e decretos que a
desenvolven provocaron importantes avances cualitativos no seu prestixio e recuperación social en terreos
ata entón pouco propicios: actuación política institucional, ensino, medios audiovisuais… Porén, hai quen
entende que este proceso é aínda minoritario e pouco cristalizado xa que se dá unha certa reticencia e
resistencia, cando non oposición frontal, en relación ao galego.

Para conseguir o éxito destas accións, é necesario un proceso de dinamización co obxecto de


favorecer comportamentos positivos cara ao idioma que impliquen a colectivos e individuos a través de
medidas que promovan o uso da lingua e conciencien e sensibilicen os axentes sociais, na procura dun
cambio de actitude na sociedade.

O galego chega ao século XXI con presenza en todos os ámbitos e emprego real en todas as
funcións da sociedade que constitúe o seu espazo cultural natural. Mais polo de agora non podemos
considerar rematado o proceso de normalización lingüística xa que existen actitudes que seguen a
considerar o galego como unha lingua máis acaída para falar cos amigos e familiares, na aldea e coa
xente de máis idade; e o castelán a lingua que debe empregarse de maneira preferente no comercio, na
igrexa, no xulgado, na universidade e, en xeral, nos intercambios sociais máis formalizados.
Segundo os datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia, a porcentaxe dos que falan galego decrece
drasticamente conforme diminúe a idade das persoas. Desta maneira, de non mudaren os indicadores, a
situación evolucionaría de maneira moi negativa para o galego, xa que un descenso tan severo do número
de falantes podería mesmo facer perigar a propia supervivencia da lingua. Aínda que estudos máis
recentes confirman un estancamento desa tendencia de diminución, a creba do proceso que transmitía o
idioma de pais a fillos segue a constituír unha seria ameaza para o futuro da lingua. Se esta dinámica
continúa, a medio prazo, o galego pode converterse nunha lingua “ritual”. Só a lealdade lingüística, froito
dun compromiso individual, pero tamén económico e social, poderá evitar que siga o proceso .
TEMA 4.- O galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas
fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

O comezo do século XX significou outro avance cualitativo importante na recuperación do galego.


Neste período, que vai dende o 1900 ata a Guerra Civil de 1936/39, continúase o labor dignificador da
lingua galega iniciado no século anterior. Lembremos que en 1906 se funda na Coruña a Real Academia
Galega (RAG), con dous claros obxectivos: a elaboración dun dicionario e unha gramática.

As Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e a Xeración Nós reivindicaron a nosa


lingua como medio natural de expresión dos galegos en todas as facetas da vida e, no eido cultural,
fixérona saír do reducido ámbito da lírica para proxectarse con brillantez na novela, no teatro, no ensaio,
no xornalismo, nos actos públicos… Serán as Irmandades da Fala e a Xeración Nós os principais
impulsores da demanda da cooficialidade dos idiomas galego e castelán, mais tamén reivindicarán a
implantación dunha cátedra de lingua e literatura galegas, a introdución do galego no ensino e a
elaboración dun dicionario e unha gramática. O que implicou a presenza dun novo discurso reivindicador e
da lingua.

Malia todos estes esforzos, o proceso de castelanización continuou avanzando durante as primeiras
décadas do século XX. O español estendeuse como lingua de relación habitual entre un número cada vez
maior de falantes das máis diversas capas sociais. En numerosos ámbitos como a igrexa e o ensino, a
exclusividade do español foi case absoluta. Os currículos escolares ignoraban a existencia da lingua e
literatura galegas, ningunha materia se explicaba en galego. Cómpre lembrar tamén que a emigración
levou fóra de Galicia nestes anos arredor de 70.000 persoas. O trasvasamento demográfico do espazo
rural ao urbano provoca que moita xente chegada da aldea ceda á presión diglósica das vilas.

A Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) supón un novo atranco para o galego. Dítanse normas
que prohíben o uso da bandeira galega e outros símbolos, e imponse o emprego do castelán na
documentación oficial.

Coa instauración da República (1931), o galeguismo vaise reagrupar en torno ao Partido Galeguista
que pretenderá conseguir a autodeterminación política para Galicia, materializada na elaboración do
Estatuto de Autonomía do 1936, que recollía no seu articulado a cooficialidade de galego e castelán na
Administración e un ensino bilingüe nas escolas primarias. Por vez primeira, despois de catro séculos, o
galego parecía recuperar algunhas cotas de oficialidade.

Desta etapa podemos destacar algúns estudos lingüísticos, entre outros: Dicionario galego- castelán
(1928) de Leandro Carré Alvarellos e Gramática do idioma galego (1922) de Manuel Lugrís Freire.

Non obstante, esta rehabilitación social do idioma coincide cunha perda porcentual de falantes
monolingües en galego e o inicio dunha extensión social da diglosia. Por unha banda, o sistema de ensino
emprega o castelán como lingua única e que reprime o galego; por outra banda, a sangría da emigración
levou fóra de Galicia milleiros de persoas que tiñan o galego como lingua inicial. Estas circunstancias,
xunto co transvasamento demográfico do rural ao urbano, provocan que o proceso de recuperación de
ámbitos de uso iniciados a principios de século se vexa seriamente danado.

A nivel lingüístico atopámonos cunha situación moi desigual: o castelán como lingua superior,
usada na comunicación formal, mentres que o galego aparecía subordinado a aquela e empregábase
unicamente en situacións informais e coloquiais. A aplicación do galego a novos ámbitos de cultivo e usos,
tanto escritos como orais (textos de ensaio, científicos, xornalísticos, mitins, etc.) facía necesario dotalo
dun nivel de elaboración, tanto na súa unificación ortográfica como no enriquecemento do seu vocabulario.
A ideoloxía nacionalista provocou que os escritores das Irmandades, o Seminario de Estudos Galegos e a
Xeración Nós intentasen buscar un idioma máis puro, no sentido de afastalo das interferencias do
castelán, porque a intención dos escritores é marcar a diferenza, deixar patente que son dúas linguas
independentes. Á hora de cubrir lagoas léxicas acudían preferentemente ao portugués ou ao galego antigo
dos que tomaron numerosos arcaísmos, lusismos, hipergaleguismos…; dese xeito crearon un galego
afastado da práctica falada normal, arbitrario, que continuará con certa vixencia tras a Guerra Civil. O
galego desta época coñécese co nome de enxebrista ou diferencialista.

Canto á elaboración dunha norma unificada, serán as Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos
Galegos os encargados desta tarefa. Así temos Algunhas Normas Pra a Unificazón do idioma galego,
1933, e Engádega ás Normas Pra Unificazón do Idioma Galego, 1936.
TEMA 5 O galego de 1936 a 1978: características lingüísticas fundamentais. Contexto
histórico e situación sociolingüística.
A partir do ano 1939, finalizada a guerra civil, iníciase en Galicia, unha vez máis, un período de
interrupción das actividades culturais e lingüísticas propias. A nova orde imposta caracterízase pola
represión de todo aquilo que supoña un feito diferencial tanto a nivel político, como cultural ou lingüístico.
A igrexa, a escola, a administración pública, os medios de comunicación… van empregar exclusivamente
o castelán. Galicia somérxese nun silencio profundo e o galego convértese nunha lingua clandestina e
pouco a pouco vai ir perdendo prestixio social e, por suposto, ámbitos de uso que non sexan os
exclusivamente familiares.
Prosegue o proceso de substitución lingüística durante os anos da ditadura a pesar da superioridade
demográfica da lingua galega, pois a maioría da poboación segue a ser monolingüe en galego ou bilingüe
galego-castelán. Non obstante, vanse afianzando os prexuízos lingüísticos que levarán ao galego á
consideración de lingua inferior.
Na sociedade galega prodúcese un empobrecemento da economía, o que obrigou a fortes procesos
migratorios do campo á cidade, feito que repercutiu na perda de falantes do galego a favor do castelán.
Outros factores que inflúen neste descenso de falantes son a extensión da escolarización (exclusiva en
castelán) e dos novos medios de comunicación audiovisuais. Este acoso ao galego por parte do castelán
provoca que os galegofalantes enchan o seu galego, identificado coa ignorancia e o ruralismo, de
interferencias do castelán. Como estratexia de adaptación ao novo contexto sociolingüístico, moitos pais
van educar os seus fillos en castelán, o que quebrou a transmisión familiar da lingua. Esta ruptura
terminará por converterse nunha das ameazas máis serias para a supervivencia do galego.
A partir dos cincuenta comeza a producirse un proceso lento de recuperación de ámbitos de uso e
prestixio para o galego. A iniciativa máis destacada vai ser a fundación da Editorial Galaxia, que supón
unha canle de publicación de libros en galego. O importante labor de Galaxia compleméntase coa edición
da revista cultural Grial. A reaparición de obras en galego provoca un novo proceso de reivindicación
dunha norma para a nosa lingua. Por iso Galaxia imporá unha tendencia marcada pola simplificación do
galego escrito, elimando os apóstrofos e simplificando os guións e os diferentes tipos de acento. Tamén se
estende a necesidade dunha depuración léxica (eliminar arcaísmos e hipergaleguismos, e adaptar a nosa
lingua ao ámbito urbano coa incorporación de neoloxismos).
A década dos sesenta supón a revitalización da actividade cultural coa aparición de varias
asociacións culturais en toda Galicia (O Galo –Santiago-, O Facho – A Coruña-…). Aparecen
organizacións políticas clandestinas como son O Partido Socialista Galego ou a Unión do Pobo Galego
que empregan o galego como lingua dos seus panfletos, manifestacións … . A actuación destes partidos
políticos recupera de novo o idioma para os usos públicos orais e acaba contaxiando o seu emprego aos
outros partidos contrarios á ditadura, aínda que alleos ao nacionalismo. Deste xeito, o idioma galego
acabaría asociado á oposición franquista.
En 1963, co gallo do centenario da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, a Real
Academia Galega institúe a efeméride das Letras Galegas cada 17 de maio. No ano 1965 a lingua e
literatura galegas entran nos plans de estudo da Universidade de Santiago, sendo o primeiro catedrático
Ricardo Carvalho Calero, quen publica en 1966 o importante estudo lingüístico Gramática elemental del
gallego común. De significación semellante é o Diccionario galego- castelán (1968) de Xosé Luís Franco
Grande. En 1971 créase o Instituto da Lingua Galega, organismo universitario que irá participando
activamente na definición da norma culta do galego moderno.
No camiño de busca dunha norma culta, dámoslle a este período o nome de protoestándar. Nel
aumenta a conciencia da súa necesidade, e podemos caracterizalo polo desexo de simplificación
ortográfica (eliminación de guións e apóstrofos) e de depuración léxica (rexeitamento de castelanismos,
incorporación de neoloxismos e cultismos...).
TEMA 6.- O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas
fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

Morto Franco (1975) e instaurada, despois da transición política, unha democracia parlamentaria
(Constitución de 1978), Galicia dótase dun Estatuto de Autonomía (1981) e de institucións propias como a
Xunta de Galicia e o Parlamento. A situación do idioma vai estar, a partir de aí, definida polo marco
xurídico-legal que emana da Constitución, do Estatuto e das leis do Parlamento de Galicia.

O galego incorpórase ás máis variadas funcións: xornais e revistas (divulgativas, científicas ou culturais),
ensino, radio e televisión, libro didáctico (filosofía, matemáticas, xeografía…); é empregado na
Universidade, na Administración, na Igrexa, na publicidade… Mais a pesar desta presenza, semella que
aínda se está lonxe de conseguir a recuperación total do idioma.

A calidade de utilización do galego mellorou moito a partir dos anos setenta. Ademais de iniciativas
anteriores, a creación do Departamento de Lingüística e Literatura Galegas na Universidade, así como a
publicación de gramáticas e manuais de aprendizaxe, os cursos de galego promovidos por diferentes
entidades e, en xeral, a maior preocupación tanto individual como colectiva pola calidade do galego
empregado, contribuíron notablemente a aumentar o nivel de corrección da lingua.

En 1982, froito do acordo entre a Real Academia Galega e mais o Instituto da Lingua Galega, publícanse
as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego que definen o estándar da lingua contemporánea
e que a Xunta de Galicia adoptou como oficiais. Malia que a aceptación desta normativa non foi unánime e
existe por parte de determinados colectivos unha oposición que se traduce na aparición doutros sistemas
ortográficos e morfolóxicos de carácter reintegracionista, o certo é que dende a revisión das normas no
2003, este rexeitamento é minoritario.

No ano 1983 promúlgase a Lei de Normalización Lingüística, que vai a supoñer entre outras cousas a
incorporación da Lingua Galega ao sistema educativo oficial, o cal supón un fito histórico xa que por vez
primeira os galegos comezan a ser alfabetizados sistematicamente na propia lingua. No ano 2004
apróbase por unanimidade no Parlamento galego o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega,
documento que deseña actuacións de promoción e defensa do idioma para o converter en lingua de uso
normal en Galicia.

Cualitativamente está hoxe presente en ámbitos anteriormente impensables: é moi utilizado nas
actividades políticas, institucionais, universitarias e culturais. Mesmo parece que o seu uso comercial
comeza a ser economicamente rendible e prestixia certos produtos. Neste século XXI temos que ter en
conta o seu uso na internet pois a lingua que quede fóra dela non ten futuro. Hai redes sociais, webs,
foros, chats, blogs nos que é frecuente o galego. Temos o Open Office e outros programas en galego,
ademais dos correctores ortográficos adecuados. Dispoñemos xa de tradutores gratuítos en liña para case
todos os idiomas. As compañías de telefonía móbil xa ofertan terminais en galego. Facebook e Twitter xa
están en galego.

Tocante ao plano cuantitativo, a realidade é, porén, cada vez máis negativa: a perda do número de
falantes iniciais e habituais segue acelerándose, malia a incorporación de neofalantes. Se ben se recoñece
que o seu uso é, en xeral, maioritario, todas as enquisas indican que este uso decrece segundo é menor a
idade dos entrevistados. Ata hai pouco tempo era a lingua exclusiva no ámbito rural, pero xa non o é. Nas
pequenas e grandes vilas, así como nas cidades, cada vez é máis minoritaria. Tampouco consegue
desterrar vellos e novos prexuízos lingüísticos negativos que fan que o seu uso habitual, sobre todo nos
máis novos, diminúa. O galego abálase hoxe entre o positivo dos avances que se acadaron e a
preocupante persistencia de síntomas moi negativos para o futuro da lingua. Na situación de conflito
lingüístico que aínda estamos a vivir, de non cambiaren as tendencias, o galego pode chegar a
desaparecer. Mais a nosa lingua xa superou ao longo da súa historia outras situacións desfavorables máis
complexas.

You might also like