Fernando VII

You might also like

Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 4

I.E.S.

MURALLA ROMANA
Dpto.: Xeografía e Historia

COMPOSICIÓN HISTÓRICA: O REINADO DE FERNANDO VII

O conxunto de documentos que se nos presentan fan referencia a dous textos histórico-
xurídicos, caso dos I e III, e a un texto histórico-circunstancial, o II. Ademais, ámbolos tres
presentan unha temática de carácter político, sendo extraídos de cadansúa fonte primaria.

A súa vez, encádranse dentro da etapa histórica da Idade Contemporánea, concretamente nos
primeiros compases do século XIX español. Unha época que se iniciou cunha situación de
decadencia e descomposición no seo da monarquía borbónica, liderada por Carlos IV e o seu
ministro, Manuel Godoy. A isto contribuíu a crecente oposición que se foi xestando na Corte
real á figura deste último, en prol de Fernando VII. Así pois, a situación acabou por estoupar
en marzo de 1808, cando un grupo de aristócratas asaltou o palacio real e obrigou ao monarca
a ceder a Coroa ao seu fillo. Unha crise que se viu agudizada pola ocupación de España por
parte das tropas de Napoleón, nese mesmo ano, valéndose da súa intención primaria de
anexionar Portugal, co beneplácito de Godoy (Tratado de Fontainebleau: 1807). Esta foi
contestada polas masas populares, dirixidas pola Xunta Suprema (posterior Consello
Supremo de Rexencia), que pasou a asumir a soberanía, convocando Cortes xerais e
extraordinarias, en Cádiz, no 1810. Iniciábase unha guerra pola independencia, que se
prolongou até 1814, con éxito.

Do mesmo xeito, o seu núcleo temático xira arredor do reinado de Fernando VII, facendo
mención cada un deles a un feito concreto deste e que darán pé ao inico e fin das distintas
etapas nas que se divide a súa monarquía, que se prolongou desde 1814 até 1833.

Un reinado que comezou a fraguarse xa en decembro de 1813, cando o emperador francés


asinou o Tratado de Valençai, mediante o cal lle devolvía o trono a Fernando VII e llo
arrebataba ao seu irmán, Xosé I. Así, en abril de 1814 regresaba a España, desembarcando no
porto de Valencia, onde foi recibido por Bernardo Mozo de Rosales, quen lle entregou un
documento, o Manifesto dos Persas, asinado por 69 deputados, no que lle amosaban os seus
desexos de que voltase a actuar como monarca absoluto, restablecendo as estruturas do
Antigo Réxime. Unhas peticións que foron atendidas coa publicación do Decreto de
Valencia, o 4 de maio de 1814, que é o que se nos amosa no documento I. Con el comezaba o
Sexenio Absolutista (1814-1820). Precisamente, as súas primeiras accións estiveron
encamiñadas a atacar ás Cortes de Cádiz e toda a súa labor lexislativa, entre as que se
salientou a Constitución de 1812, inspirada nos principios liberais, coa proclamación da
soberanía nacional fronte á soberanía real. Así pois, afirma non ter intención de “xurar nin

1
I.E.S. MURALLA ROMANA
Dpto.: Xeografía e Historia

acceder á dita Constitución nin a decreto das Cortes xerais e extraordinarias”, senón que
pretende “declarar aquela Constitución e tales decretos nulos e de ningún valor nin efecto”.

Ao mesmo tempo, emprendeu a persecución e represión das principais figuras liberais, sendo
encarceladas ou véndose obrigadas ao exilio. No entanto, os partidarios do liberalismo non
renunciaron a reverter a situación e comezaron a conspirar, dende a clandestinidade, coa
formación de sociedades secretas. En calquera caso, o seu mecanismo fundamental de loita e
oposición foi o recurso do pronunciamento, é dicir, o levantamento dunha parte do exército
que se pronuncia, mdiante a toma das armas, a favor do sistema liberal. Deste xeito, ao longo
dos seis anos houbo non poucos intentos, mais todos remataron en fracaso. Un dos máis
destacados foi o que aconteceu no 1815, cando o xeneral Porlier se pronunciou, na Coruña,
co obxectivo de que o rei permitise a convocatoria de Cortes e que estas tivesen liberdade
para facer na Constitución de Cádiz os cambios que fosen precisos.

Houbo que esperar ao 1 de xaneiro de 1820 para que unha destas accións desen o seu froito.
Foi a protagonizada por Rafael del Riego, recolléndose esta no documento II. Este militar
asturiano pronunciouse en Cabezas de San Xoán, Sevilla, cando se dispoñía a partir cara a
América para combater os movementos independentistas que se iniciaran, no 1808, nas
colonias americanas, valéndose da convulsa situación política española. Unha marcha que se
reflexa cando di: “que se vos afaste da vosa patria”. Igualmente, no seu discurso define a
Fernando VII como un rei que exerce un “poder arbitrario e absoluto”, mentres que cualifica
A Pepa como “xusta e liberal”. É por iso que exixe “que o rei xure e respecte esa
Constitución de 1812”. E, finalmente, ante a extensión da súa acción a outras áreas de
España, Fernando VII acatou a norma constitucional, comezando a segunda fase do seu
reinado, o Trieno Liberal (1820-1823).

Un triunfo que, de forma paralela, estimulou, durante 1820, toda unha serie de vagas
revolucionarias liberais por Europa, como foi o caso de Portugal, Francia ou Rusia. Estas
tiñan como finalidade romper coa restauración do absolutismo que se impuxera no vello
continente, após da derrota de Napoelón, e que quedara sancionada no Congreso de Viena
(1814-1815), onde as principais potencias absolutistas, lideradas polo chanceler austríaco
Mettenrich, acordaran o restablecemento do absolutismo como forma de goberno, así como a
prestación de axuda mutua en caso de verse este ameazado, creando para elo un corpo militar
propio, a Santa Alianza.

2
I.E.S. MURALLA ROMANA
Dpto.: Xeografía e Historia

Desta forma, en España, os liberais voltaron, de novo, ao poder, mais pronto comezaron a
aparecer disensións internas no seu seo, dividíndose en dúas faccións. Por unha banda, os
moderados, que se amosaban partidarios de emprender reformas de xeito gradual e
progresivo, e , por outra banda, os exaltados, defensores dunha ruptura radical co Antigo
Réxime. Con todo, estas discrepancias á hora de como levar a cabo o proceso de
contrarreforma, acabou por xerar unha situación de fonda inestabilidade política, que foi
aproveitada polos sectores tradicionais. Ademais, estes últimos, en virtude dos acordos antes
referidos, recibiron a axuda dos seus aliados europeos, tal e como se expresa no documento
III, cando di que: “Europa enteira ... determinou poñer fin a un estado de cousas que era o
escándalo universal”, que non era máis co seu cativerio por parte dos liberais. Por tanto, no
Congreso de Verona, de 1822, acordouse o envío a España dos 100000 fillos de San Luis, un
corpo militar francés, que desembarcou nas terras peninsualres, dirixido polo Duque de
Angulema, sometendo, de forma rápida, aos liberais.

Unha vez máis, no 1823, Fernando VII volvía a actuar como monarca absoluto, “sentado xa
outra vez no trono de San Fernando pola man sabia e xusta do Omnipotente”. Unha última
etapa, a da Década Ominosa (1830-1833), que se caracterizou por configurarse como un
período de terror, con execucións das máis senlleiras personalidades liberais, ao igual que
pola intensa depuración levada a cabo nas estruturas do exército e da administración.
Igualmente, o Desexado declarou “nulos e de ningún valor todos os actos do goberno
chamado constitucional”.

Así a todo, os anos finais do seu reinado estiveron marcados pola cuestión sucesoria. Neste
senso, comezou a agromar con forza o desexo de Carlos María Isidro, seu irmán, e alentado
por sectores radicais, de convertirse no herdeiro ao trono. Unha intención que se vía
respaldada pola vixencia da Lei Sálica, implantada, no século XVIII, por Felipe V, e que
impedía a herdanza do cargo real ás mulleres. A este respecto, no 1829, Fernando VII, xunto
con María Cristina, acadou descendencia, co nacemento de dúas fillas. A primoxénita foi
Sabela e para garantir que fose ela a súa sucesora, no 1830, publicou a Pragmática Sanción de
Derrogación da Lei Sálica. Tres anos máis tarde, no 1833, Fernando VII falecía e desatábase
unha crise dinástica, ao reclamar Carlos María Isidro, coa publicación do Manifesto de
Abrentes, os seus dereitos sucesorios. Xurdía o carlismo, co lema “Deus, patria e foros”, e
con el as guerras carlistas, que se prolongarán, con ínterims, ao longo de todo o século XIX.
Emporiso, Sabela foi recoñecida como raíña, mais como consecuencia da súa curta idade, 3

3
I.E.S. MURALLA ROMANA
Dpto.: Xeografía e Historia

anos, foi súa nai, María Cristina, a que asumiu a Coroa, como raíña rexenta, aproximándose
aos liberais moderados para salvagardar esta.

Para rematar, podemos concluír que as primeiras décadas do século XIX español, así como
euroepo, foron tempos de loita constante entre os núcleos tradicionais e os simpatizantes dos
novos aires liberais, que sumiron a España nun clima de fraxilidade institucional. Así, se ben
Fernando VII logrou restaurar o sistema do Antigo Réxime, durante boa parte do seu reinado,
finalmente, os liberais acabaron por impoñerse, facendo valer a obra das Cortes de Cádiz e a
súa Constitución, poñendo fin, de forma definitiva, ao primeiro. Porén, unha vez asentados no
poder, os liberais emprenderon un camiño de confrontacións, que deron lugar en España a un
estado de constantes cambios de goberno e constitucinais, dirixidos polos espadóns de turno,
caso de Narváez, botando man para elo dos pronunciamentos, un mal endémico da época.

You might also like