Universo GL

You might also like

Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 26

Ciencias Sociais

1. O universo e a
Terra

Para comezar
• Coñeces algún científico que estudase ou estude as
estrelas? Cal é o seu nome?
• Cres que o home sempre pensou que a Terra era redonda? 1—

O Sol é un planeta ou unha estrela? Coñeces outros


elementos do universo?
• Cal dá voltas, o Sol ou a Terra? Por que temos diferentes
estacións? Que cres que pasaría se o Sol deixase de
existir?
• Por que dicimos que a Terra é o planeta azul?

O universo
Desde sempre, o ser humano sentiu curiosidade polas estrelas
e os planetas. Xa desde tempos moi lonxanos e nas diferentes
culturas (exipcios, maias, celtas...), o home quixo achegarse
ao universo, saber da súa formación, dos elementos que
o conforman, da influencia dos astros nas nosas vidas (as
mareas…).
Nesta unidade imos coñecer un pouco mellor o universo e a Terra,
o noso planeta azul.
1. O reto: unha viaxe espacial

2—

Aldara acaba de cumprir 11 anos e quere ser astronauta, é unha das súas maiores ilusións. Por iso, le
moito sobre o universo e o seu pai acaba de regalarlle un telescopio.

Ela sempre está a soñar con grandes personaxes que, ao longo do tempo, influíron no estudo do espazo
exterior. Copérnico e Galileo son dous dos seus astrónomos favoritos, e sempre os ten na cabeza.

Pero, sen dúbida, o tema dos satélites é un dos que máis lle apaixona: as misións da NASA, da ESA ou
da RKA convértena, ás veces, nunha intrépida astronauta, e imaxina que é Iuri Gagarin, Neil Armstrong,
Pedro Duque ou Valentina Tereshkova. Non é raro o día no que se imaxina viaxando á Lúa nunha misión
espacial Apolo 11 ou indo nun transbordador cara a unha estación espacial para desenvolver nela as súas
investigacións.

Outras veces pensa nas sensacións que Laika puido experimentar na súa viaxe espacial.
Aldara proponvos un reto

A curiosidade de Aldara non ten límites e quere saber máis e máis. Sucédeche o mesmo?

Ao longo desta unidade poderás descubrir con ela grandes segredos do universo e da Terra.

Dividídevos por grupos e investigade quen foron as personaxes que Aldara ten como
referentes (Iuri Gagarin, Neil Armstrong, Pedro Duque ou Valentina Tereshkova).

Se descubrides algún outro personaxe, non dubidedes en situalo nunha liña de tempo onde
se inclúan todos cunha pequena referencia sobre o que fixeron.

Aquí tedes algúns enderezos web que vos dá Aldara e que poden servos de utilidade:
• NASA (http://www.lanasa.net/) 3—

• ESA (http://www.esa.int/ESA)
• Astronomía Educativa: Terra, sistema solar e universo (http://www.astromia.com/)
• A primeira muller astronauta (http://ies.davidbujan.climantica.org/2013/11/24/a-primeira-muller-astronauta/)

Para investigar
1. Durante anos os científicos experimentaron con animais para envialos ao espazo. Con que animais
traballaron e, finalmente, cal foi o primeiro que se mantivo en órbita no espazo?

2. Que coñeces do universo? Que outros elementos compoñen o universo, ademais dos planetas?
Buscade información sobre os satélites e explicade a súa importancia para a sociedade actual.

3. Por último, imos investigar sobre o satélite da Terra: a Lúa. Pescudade se puido haber vida na Lúa,
se algunha vez tivo auga, os seus movementos, a influencia sobre a Terra... Elaborade unha pequena
presentación coa información que consigades no voso grupo.

2. O universo
Grazas ao seu novo telescopio, Aldara pode ver as estrelas desde a súa fiestra. Está tan interesada
no tema que xa coñece algunha constelación. Ademais, non para de buscar no dicionario palabras
relacionadas co universo e xa sabe que o universo é o conxunto da materia que existe no espazo e no
tempo, particularmente referida aos corpos celestes e, en definitiva, conxunto de todo o que existe. Tamén
descubriu o que era o Big Bang (http://www.nationalgeographic.es/ciencia/espacio/origen-universo), unha enorme explosión
coa que se creou o universo hai uns quince mil millóns de anos.

O seu tío Sito, que é enxeñeiro, explicoulle que o universo está formado por todos os corpos celestes
ou astros, e o espazo que hai entre eles. Os astros máis importantes son: as galaxias, as estrelas, os
planetas, os satélites e os astros menores.
Galaxias
As galaxias son grupos de planetas, estrelas e astros. No universo hai máis de mil millóns de galaxias e
poden presentar forma de espiral, elíptica ou ser irregulares.

O noso planeta forma parte dunha galaxia: a Vía Láctea.

4—

A Vía Láctea.

Sabías que...?
Os maias eran uns astrónomos moi brillantes. Foron quen de facer predicións a moitos anos,
estudaban o Sol e a Lúa porque consideraban que influían moito nas súas vidas. Podían
calcular cando serían tanto as eclipses lunares coma as solares.

Grazas aos seus coñecementos sobre os movementos dos planetas e do universo, foron
capaces de elaborar un calendario moi especial. Os maias medían o tempo en 13 bloques de
400 anos chamados backtun. O final do último backtun rexistrado no seu calendario coincidiu
co 21 de decembro de 2012.

Fixeron moitos cálculos matemáticos que os levaron a un dominio moi complexo do universo.

As estrelas

5—

Constelación de Orión.

As estrelas son astros esféricos de gases incandescentes que producen moita enerxía que se emite como
luz e calor.

As estrelas teñen como característica a súa luminosidade, que é maior canta máis luz emiten. O brillo é a
[1]
luz que vemos nós desde a Terra. Para poder observar o universo e as estrelas contamos cunha serie de
aparellos como son os telescopios.

O Sol é unha estrela, a máis próxima á Terra. O seu tamaño é mediano, de cor amarela, con moita
luminosidade e brillante.
[2]
Un conxunto de estrelas formando figuras é o que desde a Antigüidade se denominou constelación .

Planetas e satélites
Os planetas son astros que xiran arredor dunha estrela e non emiten luz propia. Poden ser rochosos ou
gasosos. Teñen dous movementos: o de rotación e o de translación.

Os satélites son astros que xiran arredor dun planeta. A maioría dos planetas teñen un ou varios satélites.

6—

O planeta Xúpiter con algúns dos seus satélites.

Astros menores
No universo hai unha serie de astros de menor tamaño que os planetas e os satélites. Son os
denominados astros menores.

Os meteoritos son fragmentos dos cometas ou asteroides que chocan cos planetas ou cos satélites. Os
meteoritos de pequeno tamaño, cando entran na atmosfera, desintégranse formando estrelas fugaces.

Os asteroides son corpos irregulares e rochosos que xiran arredor das estrelas e planetas, ou viaxan polo
espazo en cintos formados por milleiros de asteroides.

Os cometas son corpos celestes do sistema solar, de pequenas dimensións, compostos de xeo, po
e gases que, cando se achegan a unha estrela, deixan tras de si unha cola luminosa de miles de
quilómetros.
Un reto antes de seguir

Que sabedes sobre as constelacións? Cantas hai? De que tipo?

Aldara dávos unha pista para resolver o segundo paso do reto:


• Guía de Astronomía ( http://ntic.educacion.es/w3/eos/MaterialesEducativos/mem2000/astronomia/chicos/estrellas/
index.html)

Cando busquedes, por quendas, facede unha exposición falando en público. Non esquezades
algunhas das claves para falar en público: preparar o tema do que ides falar, organizar
o discurso, dar información con exemplos, falar amodo, facer pausas, salientar as ideas
principais, non facer chistes fáciles ou previsibles…
7—

Actividades

↑ [1] Observar o universo


Os astrónomos estudan o universo dende a Idade Antiga (os gregos, os exipcios ou os
pobos precolombinos xa estudaban as estrelas e os planetas). Para poder desenvolver
a astronomía deseñáronse instrumentos que lles facilitasen ese estudo. O telescopio
foi un dos maiores avances. Tamén podemos observar o espazo exterior mediante os
observatorios astronómicos, cos telescopios espaciais ou a través dos satélites artificiais.

↑ [2] Constelación
Unha constelación é unha agrupación de estrelas que debuxan no ceo figuras que pola
noite podemos ver desde a Terra. Son creacións imaxinarias que desde hai miles de
anos serviron aos pobos para guiarse, orientarse ou simplemente para representar
deuses ou figuras mitolóxicas.

3. O sistema solar
Hoxe Aldara está de sorte. O seu tío Sito vainas levar a ela e máis á súa irmá á Casa das Ciencias (http://
[3]
mc2coruna.org/casa/planetario.html) na Coruña, e no planetario poderán descubrir máis cousas sobre o sistema
solar.
Cando chegan ao planetario, un astrónomo explícalles que un sistema planetario está formado por
unha estrela en torno a que xiran varios astros. A Terra encóntrase situada no sistema solar, que
está formado por un conxunto de astros (oito planetas, os satélites, os planetas ananos, os cometas e os
[4]
asteroides) e por unha gran estrela: o Sol.

O noso sistema solar forma parte dunha galaxia con forma espiral que se denomina Vía Láctea.

Os oito planetas que xiran arredor do Sol son: Mercurio, Venus, Terra, Marte, Xúpiter, Saturno, Urano e
Neptuno. Á súa vez, arredor dos planetas hai satélites, o noso planeta Terra ten un: a Lúa.

Os planetas realizan dous movementos, un de rotación, sobre si mesmos, e outro de translación, arredor
do Sol. O percorrido que fai cada planeta no movemento de translación denomínase órbita.

Os planetas ananos son os que están localizados máis alá da órbita de Neptuno. Plutón é o máis
coñecido, xa que ata hai pouco tempo se consideraba un planeta. Outros planetas ananos (http://es.wikipedia.org/
wiki/Planeta_enano ) son Ceres, Eris ou Haumea.

Entre as órbitas de Marte e Xúpiter hai un cinto de asteroides que rodea ao Sol.

8—

Sabías que...?
Durante séculos considerouse que a Terra era o centro do universo e que todo xiraba en
torno a ela. Esta idea baséase no chamado modelo xeocéntrico. Polo contrario, o modelo
heliocéntrico considera que o Sol é o centro do universo.
Na práctica 9—

A continuación, propoñémosvos que fagades o voso propio sistema solar.

Materiais necesarios
1. Cartolina negra e rotulador branco ou dourado para pintar sobre ela as órbitas dos
planetas.
2. Unha base de cortiza grosa ou porexpan do tamaño dun folio ou un pouco máis
grande.
3. Para facer os planetas precisarás 8 bólas de porexpan de catro tamaños diferentes.
Neste caso, tamén necesitarás pinturas e pinceis para darlles cor. Se o prefires, podes
modelar os planetas con plastilina. En calquera caso, intenta respectar o tamaño
proporcional de cada planeta.
4. Se usas bólas de porexpan, podes facer os aneis de Saturno cortando a pelota pola
metade cunha coitela (pide axuda a un adulto) e pegando entre as dúas metades un
CD.
5. Unhas tesoiras de punta roma e adhesivo sen disolvente, para que non destrúa o
porexpan.
6. Oito paus de madeira, dos de facer espetos.

Construción
1. Debuxa a órbita de cada planeta do sistema solar na cartolina negra. Recorda que as
órbitas de Neptuno e de Marte son máis ovaladas. Cando remates, pega a cartolina
sobre a base de cortiza ou porexpan.
2. Se prefires a plastilina, modela os planetas e clávaos sobre os paus de facer espetos.
Se vas usar bólas de porexpan, clávaas primeiro nos paus e, despois, dálles cor.
Procura representar a cor e as manchas típicas de cada planeta (fai clic aquí (https://
www.astrobitacora.com/el-autentico-color-de-los-planetas/)para velos). Lembra que debes cortar pola
metade a bóla de Saturno (con axuda dun adulto) para poder poñerlle os aneis. Cada
vez que remates un planeta, colócao na órbita que lle corresponda.
10 —

Non poñas límites á túa creatividade!

Se queres, podes representar os planetas con botóns, materiais reciclados, doces, anacos de
froitas... Tamén poderías probar a colgar os planetas con fío transparente da parte superior
dunha caixa, para que queden suspendidos no espazo. Investiga e avalía diferentes opcións.

Actividades

3. Buscade información sobre os oito planetas do sistema solar. Despois, presentade os resultados
mediante unha aplicación informática.

↑ [3] Planetario
Un planetario é un lugar dedicado á presentación de recreacións do ceo nocturno desde
diferentes lugares da Terra. Está composto por unha pantalla de proxección en forma
de cúpula e un proxector planetario móbil desde o que se proxectan as posicións das
estrelas e dos planetas.

↑ [4] Sol
O Sol é a estrela sobre a que xira o noso planeta Terra e os outros sete que compoñen
o sistema solar. É unha estrela de tamaño medio, con forma esférica que emite
constantemente luz e calor. A traxectoria que describen os astros que xiran arredor del
denomínase órbita.
4. A Terra
Na visita ao planetario, Aldara descubriu algunha que outra curiosidade. A distancia entre a Terra e o Sol é
de aproximadamente uns 150 millóns de quilómetros.

A Terra é un planeta rochoso e ten a meirande parte da súa superficie cuberta por auga, sete de cada dez
partes son auga.

Ao igual que o resto de planetas, a Terra realiza dous movementos, o de rotación e o de translación.

11 —

A Terra.

O movemento de rotación: o día e a noite


O movemento de rotación prodúcese cando a Terra xira sobre si mesma, arredor dun eixe imaxinario
denominado eixe de rotación. Cada 24 horas, a Terra dá unha volta sobre si mesma. Este movemento
orixina os días e as noites, debido a que unha metade do planeta está iluminada polo Sol e a outra, non.
12 —

O movemento de rotación é o responsable do día e da noite.

O movemento de translación: as estacións


O movemento de translación da Terra é o que dá lugar ás estacións do ano. A Terra tarda 365 días, 5
horas e 48 minutos en dar unha volta completa arredor do Sol. Por iso, cada catro anos temos un ano
bisesto, é dicir, febreiro ten ese ano 29 días e non 28, como é habitual.

Cando no hemisferio norte é verán, no hemisferio sur é inverno, e ao revés. Tamén ocorre coa primavera e
o outono, cando nun hemisferio é primavera, no outro é outono, e viceversa.
O movemento de translación é o responsable das estacións.
13 —

Sabías que...?
A primavera dá comezo o 20 de marzo co equinoccio de primavera. Ese día hai as mesmas
horas de luz que de escuridade.

O verán comeza o 21 de xuño co solsticio de inverno. Durante ese día hai máis horas de luz
solar que de escuridade.

Cada 23 de setembro chega o outono propiciado polo equinoccio de outono. Igual que no
equinoccio de primavera, as horas de luz e de escuridade son as mesmas.

A partir do 21 de decembro comeza o inverno co seu solsticio. Ese día ten máis horas de
escuridade que de luz solar.

Actividades
1. Despois de estudar este apartado, es quen de explicar por que hai días e noites?

2. Fai no teu caderno un debuxo que explique o movemento de translación da Terra. Explica despois que
son os equinoccios e os solsticios. Representa estes fenómenos no teu debuxo.

5. A Lúa
No planetario, Aldara tamén descubriu que no universo hai satélites naturais e artificiais (creados polo ser
humano). A Lúa é o único satélite natural que ten a Terra. É un corpo rochoso que non ten luz propia.

A Lúa, ao igual que a Terra, realiza dous movementos, o de rotación e o de translación que duran
aproximadamente o mesmo: 28 días.
14 —

Os movementos de rotación e translación da Lúa duran exactamente igual: 28 días.

As fases da Lúa
A Lúa móvese e, polo tanto, vai modificando a súa posición con respecto ao Sol. Por iso desde a Terra
vemos ao noso satélite con formas diferentes, son as fases da Lúa:
• Lúa nova ou novilunio: non a podemos ver xa que a Lúa se sitúa entre o Sol e a Terra.
• Cuarto crecente ou abalo: vemos un cuarto da Lúa.
• Lúa chea ou plenilunio: vemos a metade, é dicir, unha cara da Lúa totalmente iluminada.
• Cuarto minguante ou devalo: ao igual que no abalo, vemos un cuarto da Lúa.

As eclipses e as mareas
A Lúa inflúe na Terra: a gravidade da Lúa atrae ao mar e orixina as mareas. As eclipses teñen lugar a
consecuencia dos movementos da Terra e da Lúa.

As eclipses teñen lugar cando tres astros se aliñan e un deles oculta ao outro.

A eclipse solar sucede cando a Lúa se interpón entre o Sol e a Terra e non podemos ver o Sol.
15 —

Eclipse solar.

Non obstante, a eclipse lunar prodúcese cando é a Terra a que se interpón entre a Lúa e o Sol.

Eclipse lunar.
A Lúa atrae á Terra e provoca subidas e baixadas periódicas do nivel do mar. Estas constitúen as mareas.

Cando o nivel da auga chega ao nivel máis alto prodúcese a preamar, e cando chega ao seu nivel máis
baixo ten lugar a baixamar.

O último paso do reto

Que proxectos espaciais están en marcha na actualidade?

Investigade sobre esta cuestión e facede un debate na aula con argumentos a favor e en
contra da investigación espacial. Podedes poñer enriba da mesa temas como o investimento
necesario para este tipo de viaxes espaciais, a súa duración, os beneficios que teñen para o
home…
16 —

Aldara dávos esta pista:


• Viaxe ás estrelas (http://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1288079134/contido/
viaxe_estrelas/index.html)

Lembrade as regras básicas do debate na aula: agardar quendas para falar, expoñer os
argumentos de maneira breve e ordenada, non interrumpir a quen fala…

Actividades
1. Debuxa as fases da Lúa.

2. Explica que son as mareas.

3. Explica as diferenzas entre os distintos tipos de eclipse que coñeces.

4. Busca información sobre a primeira viaxe do home á Lúa e elabora un texto no que se explique esa
parte da conquista espacial na que estamos inmersos.

6. As partes da Terra
Xa estamos chegando ao final desta unidade sobre o universo e a Terra. Vimos moitos temas da man de
Aldara, pero a súa cabeza nunca para e agora está dándolle voltas ao feito de que a Terra sexa o único
planeta do sistema solar no que se dan as condicións idóneas para que exista vida.

A temperatura da Terra, as características da atmosfera e a presenza de auga son as principais causas de


que sexamos un planeta con vida.
As capas da Terra
A Terra divídese en diferentes partes:

A atmosfera é a capa de aire que envolve á Terra. Está composta por diferentes gases e ten un espesor
duns 1.000 quilómetros.

A hidrosfera é a capa de auga que cobre as dúas terceiras partes da superficie terrestre, é dicir, o
conxunto das súas augas (oceános, mares, ríos, lagos e augas subterráneas).

A xeosfera é a parte rochosa do planeta. Ten forma de esfera e o seu radio é de 6.371 quilómetros.
Consta de tres capas:
• A codia é a capa externa e fina. Está formada por materia sólida e o seu espesor pode variar.
• O manto é a capa intermedia da xeosfera. Está formado por materiais sólidos e fluídos. Ten uns
2.900 quilómetros de espesor.
• O núcleo é a capa interna da Terra. A súa temperatura é moi elevada. Está formado por ferro e
outros materiais. Ten dúas partes: o núcleo externo, que se atopa en estado líquido; e o núcleo
interno, en estado sólido.

A biosfera é o conxunto de seres vivos que habitan no noso planeta. 17 —


As capas da Terra.

Actividades
3. Ao longo desta sesión traballamos as capas da terra, cada unha delas moi diferente ás demais. Nesta
actividade podedes ampliar os vosos coñecementos cunha busca de información sobre as distintas partes
da Terra, para despois poñelas en común entre todos. Por exemplo, podedes profundar nas características
da biosfera.

7. Ao peche

Que aprendiches?
Copia e completa no teu caderno unha táboa como esta e valora o teu traballo.
18 —

Que aprendín sobre o universo?

Que aprendín sobre o sistema solar?

Que aprendín sobre a Terra?

Que aprendín sobre a Lúa?

Que aprendín sobre as partes da Terra?

Avalíate
A continuación, mostrámosche algunhas actividades para avaliarte. Dispós de tres intentos para superar
cada actividade.

Reforza

Amplía
1. Investiga sobre as características de cada planeta do sistema solar e fai un cadro resumo cos datos
máis importantes de cada un deles. Por exemplo, a distancia ata o Sol, o número de satélites que teñen, o
diámetro do planeta, a duración dos seus movementos de translación e de rotación...

2. Investiga sobre os satélites artificiais que o home enviou e envía ao espazo exterior: tipos,
funcionalidade, utilidade para o ser humano...
Fai unha pequena redacción sobre o tema, explicando toda a información que atopes ao respecto.

19 —

Glosario
Ano lunar
Período de tempo en que a Lúa completa 12 voltas arredor da Terra.

Ano luz
Unidade de medida equivalente a 9,46 billóns de quilómetros, que é o espazo percorrido
pola luz durante un ano, a razón de 300.000 km por segundo.

Ano solar
Espazo de tempo que tarda a Terra en dar unha volta enteira arredor do Sol.

Asteroide
Corpo celeste de características rochosas e pequenas dimensións, que gravita arredor
do Sol.
Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipisicing elit, sed do eiusmod tempor 20 —

incididunt ut labore et dolore magna aliqua. Ut enim ad minim veniam, quis nostrud
exercitation ullamco laboris nisi ut aliquip ex ea commodo consequat.

Astro
Calquera corpo celeste, como o Sol, as estrelas, os planetas ou os cometas.

Astronomía
Ciencia que estuda os astros, a súa formación, evolución etc. , e o espazo en que se
moven.

Astrónomo
Persoa que se dedica á astronomía.

Atmosfera
Capa de aire que rodea á Terra.

Baixamar
Nivel máis baixo que acada a marea.

Big Bang
Teoría cosmolóxica máis aceptada para describir a orixe e evolución do universo.

Biosfera
Zona que rodea á Terra, onde habitan os seres vivos.

Cometa
Corpo celeste que orbita arredor do Sol constituído por un núcleo de xeo e rochas e unha
cola formada por gas e po.
Constelación
Conxunto de estrelas próximas dispostas dunha determinada forma á que
convencionalmente se lle asocia unha figura que lle dá nome.

Corpo celeste
Todos os obxectos naturais pertencentes ao espazo fóra e dentro da nosa galaxia.

Eclipse
Fenómeno que consiste en quedar oculto á vista un astro, total ou parcialmente, por
quedar tapado por outro.

Eclipse lunar
Prodúcese cando a Terra se coloca entre a Lúa e o Sol.

Eclipse solar
Prodúcese cando a Lúa se interpón entre a Terra e o Sol. 21 —

Ecuador
Liña imaxinaria que rodea á Terra e que a divide en dúas partes iguais, os hemisferios.

Equinoccio
Cada un dos dous instantes do ano en que o Sol está exactamente sobre o ecuador
celeste e que se corresponden cos días en que o día e a noite teñen igual duración.

Estación
Cada unha das catro partes en que se divide o ano.

Estrela
Corpo celeste con luz propia.

Estrela fugaz
Pegada luminosa que deixa un meteoro ao entrar na atmosfera terrestre.

Fase lunar
Diferentes iluminacións que presenta o noso satélite no curso dun mes.

Galaxia
Cada un dos sistemas constituídos por un vasto conxunto de estrelas, outros astros e
materia cósmica, de que consta o universo.

Hidrosfera
Conxunto das partes líquidas (mares, océanos, ríos etc.) da superficie terrestre.
Latitude
Distancia angular que hai dun punto da superficie terrestre ao ecuador, que se mide en
graos e se expresa dicindo que o punto en cuestión está a tantos graos de latitude norte
ou sur.

Lonxitude
Distancia en graos que hai desde un punto da superficie terrestre ao meridiano cero,
medida no ecuador.

Lúa
Satélite da Terra, visible desde esta só en parte e baixo formas distintas, chamadas
fases, segundo a posición que teña respecto á Terra e o lado por onde reciba a luz do
Sol.

Lúa chea
Fase da Lúa na que se ve iluminada a totalidade do disco lunar.
22 —

Lúa crecente
Primeira metade do ciclo lunar, desde o novilunio ata o plenilunio.

Lúa minguante
Segunda metade do ciclo lunar, desde o plenilunio ata o novilunio

Lúa nova
Fase da Lúa na que esta é iluminada polo Sol na cara oposta á Terra e, polo tanto, non
se ve.
Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipisicing elit, sed do eiusmod tempor
incididunt ut labore et dolore magna aliqua. Ut enim ad minim veniam, quis nostrud
exercitation ullamco laboris nisi ut aliquip ex ea commodo consequat.

Luminosidade
Cantidade total de enerxía emitida por un astro nun tempo determinado.

Marea
Movemento periódico de ascenso e descenso das augas do mar causado pola forza da
atracción do Sol e da Lúa.

Meridiano
Cada un dos círculos imaxinarios que pasan polos dous polos da Terra

Meridiano de Greenwich
É o meridiano de referencia que divide o planeta Terra en dous hemisferios
diferenciados.
Meteorito
Fragmento dun corpo celeste que atravesa a atmosfera terrestre e alcanza a superficie
da Terra.

Movemento de rotación
Movemento que realiza un planeta arredor do seu eixe e que dá orixe, no caso da Terra,
ao día e á noite.

Movemento de translación
Movemento da Terra ou doutro planeta arredor do Sol.

Órbita
Curva pechada descrita por todo corpo celeste que gravita arredor doutro.

Paralelo
Cada un dos círculos imaxinarios da esfera terrestre paralelos ao ecuador. 23 —

Planeta
Astro con movemento independente pero sen luz propia.

Planeta anano
É todo corpo celeste que orbita arredor do Sol, ten superficie masa para que a súa
gravidade supere as forzas do corpo ríxido e non limpe a vecindade da súa órbita.

Planeta exterior
Planeta do sistema solar que está máis lonxe do Sol que da Terra.

Planeta interior
Planeta do sistema solar que está máis preto do Sol que da Terra.

Polo
Cada un dos dous extremos do eixe imaxinario de rotación da Terra (Polo Norte e Polo
Sur) ou doutra esfera calquera.

Preamar
Nivel máis alto que acada a marea.
Lorem ipsum dolor sit amet, consectetur adipisicing elit, sed do eiusmod tempor
incididunt ut labore et dolore magna aliqua. Ut enim ad minim veniam, quis nostrud
exercitation ullamco laboris nisi ut aliquip ex ea commodo consequat.

Rotación
O movemento que fai un astro sobre si mesmo, dando voltas arredor dun eixe.

Satélite
Corpo celeste que xira arredor dun planeta.
Sistema solar
Conxunto formado polo Sol e os corpos celestes que orbitan ao seu arredor.

Sol
Estrela que dá luz e calor á Terra, que se ve desde esta en forma de disco luminoso.

Solsticio
Cada un dos dous instantes do ano nos que o Sol deixa de apartarse do ecuador celeste
e comeza de novo a aproximarse.

Telescopio
Instrumento óptico destinado á observación de obxectos a gran distancia, que se
emprega para o estudo dos astros.

Terra
Planeta do sistema solar, terceiro en proximidade ao Sol, que xira arredor deste e arredor 24 —

de si mesmo e sobre o que existe vida.

Transbordador espacial
Vehículo espacial que pode transportar a súa carga ata o espazo e logo regresar á Terra
para volver realizar outra misión.

Translación
Movemento dun corpo no cal todos os seus puntos seguen unha dirección constante. No
caso dos planetas, esa dirección é ao arredor do Sol; e no dos satélites, ao arredor do
planeta do que son satélites.

Universo
Conxunto da materia que existe no espazo e no tempo, particularmente referida aos
corpos celestes e, en definitiva, conxunto de todo o que existe.

Vía Láctea
Galaxia á que pertence o planeta Terra.

Xeosfera
Capa rochosa da Terra que abarca desde a superficie sólida ata o centro do planeta.

Ligazóns
espazoAbalar (http://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/)
Do sistema solar ao noso planeta (http://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/
espazoAbalar/files/datos/1285568484/contido/index.html)
A Lúa. Movementos e fases (http://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/
espazoAbalar/files/datos/1290772075/contido/index.html)

A Terra (http://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/
datos/1290758726/contido/index.html)

Un paseo polo espazo (http://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/


files/datos/1287143581/contido/astronomia/index.html)

Viaxe ás estrelas (http://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/


datos/1288079134/contido/viaxe_estrelas/index.html)

Recursos complementarios
Astronomía para nenas e nenos (http://ntic.educacion.es/w3/eos/
MaterialesEducativos/mem2000/astronomia/chicos/index.html) 25 —

Observacións e modelos en Astronomía (http://ntic.educacion.es/w3/eos/


MaterialesEducativos/mem2003/astronomia/)

O sistema solar (http://www.xtec.cat/~rmolins1/solar/es/sistema.htm)


O universo (http://www.tinglado.net/?id=el-universo)
Secuencia didáctica: a Lúa (http://recursostic.educacion.es/multidisciplinar/itfor/web/
sites/default/files/recursos/laluna/html/index.html)

Secuencia didáctica: o sistema solar (http://recursostic.educacion.es/


multidisciplinar/itfor/web/sites/default/files/recursos/elsistemasolar/html/index.html)

A Terra a vista de satélite (http://concurso.cnice.mec.es/cnice2006/material121/


index.htm)

Mirando ás estrelas (http://www.educa.jcyl.es/educacyl/cm/gallery/Recursos


%20Infinity/aplicaciones/astronomia/index.html)

Astronomía en primaria (http://www.educa.jcyl.es/educacyl/cm/gallery/Recursos


%20Infinity/aplicaciones/astronomia/FWK_astronomia_primaria/index.html)

XTEC. Recursos (http://www.xtec.cat/web/recursos/ccnn/astronomia)

Créditos
© Netex Knowledge Factory S.A. 2019 (http://www.netexlearning.com/editoriales/)
Contidos licenciados para o proxecto e-dixgal.
Todos os dereitos reservados. Non está permitida a reprodución total ou parcial desta
publicación nin o seu tratamento informático, nin a transmisión de ningunha forma ou
por calquera medio, xa sexa electrónico, mecánico, por rexistro ou outros medios, sen o
permiso previo e por escrito dos titulares do copyright.
Os titulares non se responsabilizan da persistencia ou da exactitude dos enderezos
URL dos sitios web de terceiros mencionados nesta publicación, nin garante que estes
contidos se manteñan, sexan precisos ou axeitados.
Autor dos contidos: Santiago Sobrino Josenje.
Quinta edición: setembro de 2019.

26 —

You might also like