Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 5

II. IDADE MODERNA. A AMPLIACIÓN DO MUNDO.

1. EXPLORACIÓNS XEOGRÁFICAS E DESCUBRIMENTOS.


Fronte o limitado coñecemento do mundo que tiñan os europeos (Europa, mediterráneo, norte de
África, India, China e Xapón), a finais do s. XV os avances técnicos que se producen nos
instrumentos de navegación (compás, astrolabio, ampoleta, portulanos e novos barcos, a carabela)
permitiron a Portugal e Castela lanzarse ao coñecemento doutras terras. Un feito empurra á aventura,
a toma de Constantinopla polos turcos (1453) cortando a ruta da seda, ruta comercial que desde a
lexana Asia traía ata os portos do Oriente próximo onde chegaban os comerciantes europeos, moitos
produtos exóticos, a seda e as tan necesarias especias, para ser levadas despois a través de rutas
terrestres e marítimas ata as principais cidades europeas. Chegar á India e as especias, abrindo unha
nova ruta polo oeste foi o obxectivo.

a. Portugal inicia as expedicións a principios do s. XV, gracias aos avances logrados a partir da
creación da Escola de Sagres (formaba aos marinos, traballaba en innovacións técnicas e
portulanos) polo infante Henrique o Navegante. Desde 1415 (toma de Ceuta) os portugueses
avanzaron mediante unha navegación de cabotaxe e o sistema de creación de factorias (enclaves
na costa onde se aprovisionaban os barcos e se comerciaba), polas costas de África ata alcanzar,
Bartolomé Díaz, o cabo de Boa Esperanza (1487) e abrir as portas ao océano Índico e á India, a
onde chega Vasco de Gama en 1498. En 1500, Álvares de Cabral, descubre Brasil “por accidente”
ao separarse da ruta cara a India.

b. De xeito similar e como consecuencia das ansias de expansión territorial, de expansión da fe


católica -fin do espíritu de cruzada tras o final da Reconquista contra os musulmáns-, Castela inicia
as exploracións.
• Os Reis Católicos (Isabel de Castela e Fernando de Aragón) financian o proxecto presentado
por Cristovo Colón, marino que afirma poder chegar á India navegando cara ao oeste e ao
que nas Capitulacións de Santa Fé, os reis conceden o título de almirante da Mar océana,
virrei e gobernador xeral, unha parte dos beneficios (1/10) obtidos no que se descubrira. Polas
mesmas capitulacións, os Reis Católicos resérvanse a soberanía das terras que se descubran
e outra parte dos beneficios.
• En agosto de 1492 parten de Palos da Fronteira, tres naves que tras recalar en Canarias e
aproveitando os ventos alisios para cruzar o Atlántico, volven ver terra o 12 de outubro de
1492.
• Colón pensa que ten chegado a Cipango/Xapón mais chegaran á illa de Guanahaní (no
Caribe) bautizada como San Salvador nun continente descoñecido ata o momento ou non...
Desde ela percorre as Bahamas, Juana (Cuba), a Española (Santo Domingo) para regresar a
España.
• Colón realizará catro viaxes coñecidas como “Viaxes maiores” pero morrerá pensando que
acadara Asia. A comezos do s. XVI, Américo Vespucio dará nome ao novo continente:
América.
• Viaxes maiores:
- 2ª viaxe: Explora as pequenas Antillas e crea asentamentos de colonos
- 3ª viaxe: Chega as costas da actual Venezuela.
- 4ª viaxe: Explora a parte máis occidental do Caribe.
Pero foi Colón e os castelás os primeiros en chegar a América? Realmente descoñecíase a
existencia dese continente? Colón era xenovés?
• O feito innegable é que estes descubrimentos dan lugar ao nacemento de dous grandes
imperios ultramarinos e provocan a rivalidade entre Portugal e Castela. Para solucionalo, en
1494 os Reis Católicos acuden ao papa -como mediador- para que determine a soberanía das
terras que se descobren. No Tratado de Tordesillas de 1494, establécese dividir o Atlántico
por un meridiano imaxinario a 370 leguas ao oeste das illas Azores. As terras ao oeste do
meridiano pertencerán a Castela e as situadas ao leste a Portugal, de aí que Brasil sexa
portugués.

c. Novas rutas e viaxes.


- En 1519, Fernando de Magallanes parte de Sevilla para atopar un paso entre o Atlántico e o
Pacífico e chegar as Molucas (illas das especias). Tras bordear América do sur, alcanzan as
Filipinas onde morre Magallanes. Xoán Sebastián Elcano ponse ao fronte da expedición e
despois de bordear África chega a España en 1522, tendo conseguido dar a primeira volta
ao mundo.
- A comezos do s. XVI, os españois ocupan xa as illas do Caribe pero ante a falta de
resultados -non obteñen os beneficios esperados-, lánzanse á conquista do continente;
primeiro cara a América central (Hernán Cortés conquista o Imperio Azteca, 1521 tras
conquistar Tenochtitlán, cidade construida no centro do lago Texcoco e vencer a Moctezuma
despois da Noite Triste, 1520) e despois cara a América do sur (Pizzarro conquista o
Imperio Inca, 1533 onde tras apresar e executar a Atahualpa faise coa capital Cuzco).
- Desde as bases do conquistado lánzanse novas expedicións tanto ao sur como ao norte de
México: Almagro inicia a conquista Chile (1535), rematada por Valdibia. Vasco Núñez de
Balboa descubre o Pacífico. Ponce de León ocupa Florida. Cabeza de Vaca, o
Mississipi, Orelllana percorre o Amazonas, Legazpi conquista Filipinas.
- Todas as expedicións seguen as capitulacións de conquista. Son expedicións dirixidas por
particulares que reciben do rei unha autorización para recrutar un exército e conquistar un
determinado territorio. Os gastos corren a cargo do conquistador que recibe o título de
gobernador ou capitán, terras e botín, pero o territorio pasa ao rei.

d. Causas da rápida conquista de territorios:


Os españois conquistan en poucos anos extensos territorios e someten a grandes
civilizacións. As causas foron:
- A superioridade do armamento español. Os indíxenas non coñecían as armas de fogo, os
cabalos e as armaduras.
- As crenzas indíxenas falaban da chegada de deuses procedentes do mar e así chegaron os
españois.
- As rivalidades entre pobos indíxenas e imperios non favorecía amosar unha fronte común
ante os españois quenes moitas veces aproveitaron as rivalidades entre eles para gañar
apoios.
- Os indios foron diezmados polas novas enfermidades transmitidas polos españois.

e. A América precolombina:
Os territorios ocupados polos españois estaban xa habitados por pobos cun elevado
desenvolvemento, nalgúns casos, e que foron chamados pobos precolombinos: maias, aztecas,
incas.
- Os maias poboaban a península de Iucatán e zonas de México, Guatemala, Honduras e o
Salvador. Tiveron o máximo esplendor entre o s. IV-X mais a partir dese momento entraron en
decadencia polas loitas internas e contra outros pobos da zona. Estaban organizados en
cidades independentes (Palenque, por exemplo) gobernadas por xefes supremos e cunha
sociedade dividida en nobres, sacerdotes, artesáns, campesiños e escravos. A súa economía
baseábase no cultivo do millo, algodón, cacao, tomate e na artesanía, produtos que
favorecían un activo comercio. Eran politeístas e acadaron un elevado desenvolvemento nas
matemáticas, astronomía, arquitectura (edificaron pazos e templos con forma de pirámide
graduada) e escultura; tiñan escritura.
- Os aztecas, pobo guerreiro que ocupaba o val de México desde o s. XII e que se impuxo a
outros pobos da zona a quen cobraban tributos e/ou convertían en escravos. Formaron unha
confederación de tres cidades (Tenochtitlán, Texcoco e Tlacopán) gobernada por un
emperador, con poder político e relixioso. A sociedade organizábase en tribus divididas en
grupos: nobres (xefes guerreiros, altos cargos do goberno, terratenentes e sacerdotes),
comerciantes, campesiños, artesáns e escravos. A principal actividade económica era a
agricultura pero tamén destacaron na cerámica e na ourivería de ouro e prata. Eran politeístas
e facían sacrificios humanos ao deus Sol. Grandes arquitectos, as súas cidades estaban
amuralladas e os pazos e templos tiñan forma piramidal.
- Os incas, formaron un inmenso e importante imperio na zona andina (Perú, Bolivia, Ecuador
e Chile) tendo que salvar con gran inxenio e acerto as adversas condicións físicas da zona -
cultivaban en socalcos pataca e millo, e tenderon un magnífico sistema de canalizacións para
obter auga e camiños para comunicar tan basto imperio empregando as llamas-. Estaban
gobernados polo inca, considerado fillo do Sol. A sociedade estaba dividida en nobres, pobo
(artesáns ourives e campesiños), servos e escravos. Politeístas, entre os deuses principais
estaban Viracocha, deus creador, e Inti, deus Sol. As súas construcións eran de grandes
proporcións, moitas veces realizadas en difíciles emprazamentos como a do Machu Picchu.

f. Organización territorial, política, social e económica das Indias.


Os descubrimentos, posterior conquista e colonización farán necesario a organización destes
territorios tanto desde América como desde Castela.
- En América aplicaranse as leis de Castela ata 1512 ano en que se publican as Leis de
Indias. O territorio divídese en virreinatos cun virrei (Nova España e Perú) que foron
ampliándose co tempo, divididos en gobernacións ou capitanías gobernados por un
gobernador con poder administrativo, xudicial e militar, e en correximientos presididos por un
correxidor. Nas principais cidades había audiencias cuxa función era impartir xustiza.
- En Castela creouse o Consello de Indias (1524) que atendía ao goberno, administración,
xustiza, guerra e relixión relacionada con América e a Casa de Contratación (1503)
establecida ata o s. XVIII en Sevilla para pasar a Cádiz con Filipe V, e encargada de todos os
asuntos relacionados co comercio entre España e América. A coroa de Castela en función da
soberanía que exercía sobre os territorios americanos cobraba o quinto real de todas as
mercadorías deste comercio.
- A explotación económica destes territorios basouse na extración de ouro e prata, nas
minas de Potosí e Zacatecas, onde se aplicaba o sistema da mita (traballo obrigatorio dos
indíxenas) xa practicado polo inca antes da conquista española, e nas grandes facendas
agrícolas e gandeiras de tabaco, millo, cacao, cana de azucre,...que eran explotadas polo
sistema da encomenda, mediante a cal o rei concedía un grupo de homes e terras a un
encomendeiro para traballar as terras a cambio de darlles protección e educalos na fe
cristiana. Obviamente os abusos estiveron a orde do día, derivando nun sistema de servidume
que provocou, entre outras razóns, a diminución dramática da poboación indíxena e, co
tempo, as protestas de freis, misioneiros e outros personaxes como Bartolomé de las Casas
ou Montesinos, que consiguen a publicación das Leis Novas de Indias (1542), lexislación
que, en teoría, protexía os dereitos dos indios e prohibía a encomenda.
- O comercio era monopolio da coroa e regulado desde a Casa de Contratación de Sevilla.
Realizábase en convois -galeóns- escoltados por barcos de guerra, a frota de Indias, para
protexerse dos ataques dos piratas holandeses, ingleses e franceses. Dúas veces ao ano,
desde Sevilla, e logo a Cádiz (1717), único porto ata o s. XVIII que podía comerciar con
América onde os representantes reais cobraban o quinto real (imposto dun 20% sobre os
metais e produtos manufacturados e esclavos) para dirixirse a Veracruz (México) e a
Sudamérica (Cartagena de Indias e Panamá); a volta as dúas rutas confluían en A Habana
para volver a España. Cara a Filipinas, o comercio realizábase no galeón de Manila, onde se
cambiaban produtos chinos por plata mexicana, para transportalos ao porto de Acapulco.
Desde alí, por rutas terrestres, uníase a Veracruz e volvían a Sevilla.
- A organización social estableceuse en base a criterios raciais o de castas. No cume estaban
os españois e os seus descendentes, os crioulos que controlaban o comercio, tiñan terras e
ocupaban os cargos da administración. Por debaixo, os mestizos, fillos de español e india; os
indios, que realizaban os traballos agrícolas e gandeiros e vivían nun estado de
semiescravitude, e no escalafón máis baixo, os escravos negros levados desde África para
realizar as tarefas máis duras e que reportaron un xugoso comercio. A “pureza de sangue”
garantizaba a maior xerarquía social do individuo, poder herdar as encomendas do pai, ter
formación académica ou ocupar cargos públicos. Na práctica, as unións entre españois e
crioulos ou entre negros e mulatos, indios e mestizos, mulatos e mestizos foron habituais.

You might also like