Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 2

LGL 2º BAC Literatura Tema 1

A POESÍA DAS IRMANDADES DA FALA. CARACTERÍSTICAS, AUTORES E OBRAS


REPRESENTATIVAS.
A principios do século XX, a literatura galega vivía un momento crítico. A calidade dos textos era inferior
aos escritos no Rexurdimento, imitados até o tópico nas súas liñas temáticas básicas: costumismo ruralista,
historicismo profético, reinvindicación social e anticaciquil. O idioma vincúlase neste comezo de centuria
case exclusivamente coa edición poética e cos subtítulos de viñetas humorísticas que aparecían nos xornais
publicados en castelán. Narrativa e teatro seguían a ser xéneros de cultivo máis ben anecdótico. Esta
situación prolongarase durante as dúas primeiras décadas e neste contexto, o labor dos escritores
vinculados ás Irmandades pode valorarse como un revulsivo que abre o camiño para un segundo renacer.
Ramón Cabanillas encabeza a listaxe seguido de Noriega Varela e, en menor medida, doutros autores coma
Francisca Herrera Garrido ou Xerardo López Limeses.
Todos eles teñen en común o feito de viviren os mesmos acontecementos históricos e sociais que padeceu a
Galizsa do século XX : o agrarismo, movemento do campesiñado galego organizado arredor de Solidaridad
Gallega e Acción Gallega que pedía a abolición dos foros; a emigración que supuxo un estancamento
demográfico importante; as Irmandades da Fala ligadas á aparición do nacionalismo que fomentaron o uso
e o coñecemento do idioma; o Partido Galeguista que conseguiu a aprobación do Estatuto de Autonomía
do 36.

Noriega Varela
Escritor amante das tradicións, defensor do legado dos devanceiros, estivo en contra da ideoloxía das
Irmandades e tamén do nacionalismo. Tampouco admitía o proxecto de estandarización da lingua. A súa
obra máis salientable é Do ermo, publicada primeiramente co título As montañesas.
Na poesía de Noriega Varela hai dous estratos que se superpoñen:

1. O primeiro enmárcase na liña do ruralismo costumista decimonónico e correspóndese coa obra


escrita entre 1895 e 1913, influenciada pola Rosalía de Cantares gallegos. A temática redúcese á
descrición paisaxística e a glosar con graza a ruda vida dos campesinos da montaña luguesa, os seus
costumes festivos, etc.
2. Un segundo estrato está composto polos poemas de influencia modernista que revelan a lectura de
Rubén Darío, Teixeira de Pascoaes etc, así como dos clásicos latinos. Noriega abandona o realismo
labrego para elaborar unha poesía culta que segue tomando como motivo as paisaxes montañesas.
Convértese no poeta das pequenas cousas (os vermes, as flores, as folerpas…) cunha actitude de
atracción polo humilde e polo desamparado. O franciscanismo é a manifestación externa da
profunda relixiosidade do autor que o leva a ver na natureza unha certa simboloxía das virtudes
cristiás: a humildade, a pobreza…

Trazos da súa obra:


• Neovirxilianismo ou paisaxismo humanista (descrición da paisaxe con estilo e linguaxe cultas).
• Franciscanismo : provén do frade San Francisco de Asis que defendía o voto da pobreza, da
humildade e a adoración da natureza. Destaca na poesía de Noriega o gusto polas cousas humildes
ou pequenas da natureza.
• Panteísmo : se Deus é omnipresente tamén está na natureza . Na adoración a calquera elemento
natural vai implícita a adoración a Deus.
• locus amoenus do ermo (lugar estéril, infecundo) da montaña e o beatus ille que gaba a vida
retirada do campo.
• Humanizacións, sufixo –iño e paralelismos propios da literatura popular.
Ramón Cabanillas
Cabanillas é o escritor galego máis importante do período que vai desde o Rexurdimento até a Xeración
Nós. O seu nome aparece vinculado aos principais acontecementos históricos e culturais do primeiro terzo
so século XX (agrarismo, nacionalismo, Irmandades, Seminario de Estudos Galegos, Revista Nós, A nosa
terra ).
A súa obra supón a asimilación dos modelos poéticos do XIX (os temas sociais de Curros, a liña intimista de
Rosalía e o ton épico de Pondal) e tamén a súa superación xa que incorpora elementos das novas correntes
literarias coma o modernismo ou o saudosismo portugués de Teixeira de Pascoaes. A obra de Cabanillas é
de difícil clasificación dada a súa diversidade e amplitude debida en parte á lonxevidade do autor (1876-
1959). Na evolución literaria do poeta cambadés adoitánse distinguir catro etapas:

1. Etapa de formación ou pregaleguista (1910-1915). Corresponden a esta etapa No desterro (1913) e Vento
mareiro (1915), escritas na emigración cubana cando entra en contacto co ideario agrarista (na Habana
coñece a Basilio Álvarez). A meirande parte dos poemas expresan a nostalxia do desterrado/emigrado que
reconstrúe lugares nativos e paisaxes familiares (na liña da poesía decimonónica). Por outro lado, unha
ducia de textos que denuncian de xeito incendiario os males dos labregos galegos mostrarán a súa voz de
poeta civil. Son os textos máis celebrados nos círculos agraristas e levarán a Cabanillas a ser proclamado o
herdeiro da poesía de Curros.

2. Etapa galeguista (1915-1920). A liña intimista da etapa anterior pasa a un segundo plano para centrarse
no papel de poeta social e pórse ao servizo das ideas das Irmandades da Fala. A este período corresponde
Da terra asoballada (1917), poemario no que adopta un ton didáctico que intenta chamar os galegos a
unha recuperación do orgullo nacional. Galiza, entendida como un conxunto heteroxéneo de grupos sociais
asoballados, convértese na protagonista dos poemas. A denuncia social e o patriotismo lévano a crear unha
poesía visceral e afervoada.

3. Etapa mítica-saudosista ou nacionalista-historicista (1920-1930). Cabanillas, movido polo sentimento de


saudade (influencia do saudosismo potugués de Teixeira de Pascoaes*), reconstrúe o pasado de forma
mítica na procura da “esencia” galega. Destaca a presenza de elementos relixiosos e a alternancia de dous
estilos: grandilocuente na poesía narrativa de Na noite estrelecida e de grande sinxeleza na poesía lírica de
A rosa de cen follas.
Na noite estrelecida está composta por tres sagas nas que recrea a temática medieval da materia de
Bretaña (lendas artúricas) trasladándoas a Galiza A primeira saga, A espada Escalibor relata como Artur
extrae a espada dunha rocha situada na illa de Sálvora e é proclamado rei. A segunda, O Cabaleiro do Santo
Grial fala de como Galaad atopa o Santo Grial no Cebreiro. Finalmente O sono do Rei Arturo, o rei acaba nun
estado de somnolencia agardando ser espertado en tempos futuros. A simboloxía nacionalista de orixe celta
(dolmens, castros), o misticismo e simbolismo relixioso (espada=cruz, Grial=cáliz, Arturo=Mesías redentor…)
, os elementos da estética modernista (sinestesias, adxectivación, sonoridade, efectos cromáticos…) así
como un ton épico e solemne son os trazos máis salientábeis deste texto que pretende a reelaboración do
pasado céltico de Galiza.
A rosa de cen follas é un poemario de temática amorosa e intimista. De influencia rosaliana, é considerado
por algún críticos como o mellor legado de Cabanillas. A esta etapa pertence tamén, entre outras, a traxedia
histórica O Mariscal na que reinterpreta en clave nacionalista o episodio histórico da execución do Mariscal
Pardo de Cela no s. XV cuxa autoría comparte con Villar Ponte.

4. Etapa de posguerra ou segunda madurez (1939-1959). Caracterízase polo afastamento do compromiso


ideolóxico explícito, o intimismo autorreflexivo en liña co pesimismo existencial coetáneo e o predominio de
novo do eu nostálxico. Son exemplos deste período Antífona da cantiga (antoloxía de poemas populares),
Da miña zanfona ou Samos, a súa derradeira obra. Este é un poema didáctico sobre a historia do mosteiro
desa localidade luguesa no que pasou longas tempadas nos seus derradeiros anos.

* saudosismo: corrente literaria que pretendía a recuperación das raíces nacionais. O rescate da memoria colectiva sería capaz de
mobilizar as enerxías dos pobos na procura dun futuro mellor. O sentimento de saudade sería o punto de confluencia entre o
pasado e o futuro.

You might also like