Inmunidade e o Ollo. O Sistema Inmunitario Innato e o Ollo

You might also like

Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 4

Información sacada de:

Gregory,, M.S. (2010). Innate Immune System and the Eye. En: D.A. Dartt, J.C. Besharse, R. Dana
(eds.). Encyclopedia of the Eye. Elsevier Ltd. ISBN: 9780123741981. pp 439-445.

RESPOSTA INMUNITARIA INNATA PASIVA


BARREIRAS ANATÓMICAS E FÍSICAS
Pálpebras, pestanas e cellas
As cellas e pestanas protexen a superficie ocular do po e de restos estraños. A acción de
pestanexo regular das pálpebras move as bágoas pola superficie ocular, eliminando os patóxenos e
restos estraños.

Película lacrimal
As bágoas forman a segunda barreira, lubricando e protexendo a superficie ocular. Tamén
posúen un potente sistema de defensa que limita o crecemento, a colonización e a supervivencia
dos microorganismos. Contén numerosas proteínas antimicrobianas, incluíndo: lisozima,
lactoferrina, defensinas, IgA segregada e complemento. Moitas destas proteínas antimicrobianas
exprésanse constitutivamente e proporcionan unha protección temperá e de amplo espectro contra
os patóxenos invasores e tamén evitan o crecemento excesivo de bacterias comensais.
Tamén contén mucinas que actúan como unha barreira física contra a penetración dos
patóxenos. En condicións normais, a produción e secreción de mucina polas células caliciformes e
as células epiteliais da córnea é constitutivas. Non obstante, a produción de mucina tamén se pode
inducir mediante receptores tipo Toll (TLR) expresados na superficie das células epiteliais da córnea.

Epitelio corneal
O epitelio da córnea actúa como unha barreira física para a invasión de microorganismos
debido á presenza de unións estreitas intercelulares epiteliais e á rápida renovación das células
epiteliais coa eliminación das capas superficiais do epitelio potencialmente infectado. O epitelio
tamén expresa mucinas de unión á membrana que inhiben a unión bacteriana á superficie epitelial
e producen varios dos factores antimicrobianos que están presentes na película lacrimal ocular.

Cápsula posterior do cristalino


Forma unha barreira física entre os segmentos anterior e posterior do ollo e impide a
propagación de microorganismos desde a cámara anterior á cámara posterior no ollo. O segmento
anterior é moito máis eficiente para limpar bacterias que o segmento posterior. Os estudos suxiren
que a diferenza na capacidade de eliminar os patóxenos na parte anterior e posterior do ollo pode
estar relacionada coa expresión de péptidos antimicrobianos. Unha das principais diferenzas é que
o humor acuoso é continuamente segregado e drenado, mentres que o humor vítreo non.

Epitelio pigmentario da retina


Consiste nunha única capa de células unidas por unións estreitas que se atopan entre os
fotorreceptores da retina neural e a coroide. Cumpre múltiples funcións destinadas a protexer e
manter a saúde da retina neural.
As células do epitelio pigmentario da retina:
- Fagocitan os discos dos segmentos exteriores dos fotorreceptores e reciclan os seus
compoñentes.
- Transportar nutrientes da coroide á retina.
- Absorber a luz.
- Proporcionar propiedades adhesivas para a retina.
- Serven como fonte de citoquinas, quimioquinas e factores de crecemento. E tamén se
comportan como células presentadoras de antíxenos. Por tanto, aínda que o epitelio pigmentario
da retina actúa como unha barreira física para o segmento posterior, tamén é importante para
configurar e regular a resposta inmune adquirida unha vez que se rompeu esta barreira.

BARREIRAS QUÍMICAS
Lisozima
Lisa a parede celular bacteriana.

Fosfolipase segregada A2
Presenta unha potente actividade antibacteriana contra as bacterias Gram-positivas. Similar
á lisozima, lisa as membranas bacterianas hidrolizando o fosfolípido fosfatidilglicerol.

Catelicidina LL-37
É un pequeno péptido cunha potente actividade antimicrobiana contra bacterias Gram-
positivas e Gram-negativas, así como contra algúns virus. A súa actividade microbicida é a través do
bloqueo da síntese de ADN e de proteínas dos patóxenos.

Defensinas
As β-defensinas exprésanse nas células epiteliais que recobren as superficies mucosas como
a córnea. Teñen un amplo espectro de actividade antimicrobiana e son eficaces contra: bacterias
Gram-positivas e Gram-negativas, fungos e virus con envoltura. Ademais, modulan unha variedade
de actividades celulares, incluíndo a quimiotaxe, a proliferación epitelial, a secreción de citoquinas
e a estimulación da liberación de histamina das célula cebadas.

Lactoferrina
É bacteriostática e únese e esgota o ferro da película lacrimal, que é necesario para o
metabolismo e crecemento microbiano. A lactoferrina tamén é bactericida e permeabiliza as
membranas de bacterias Gram-positivas e Gram-negativas. Outras funcións son: inhibe o
desenvolvemento de biopelículas, inhibe a adhesión bacteriana ás células hóspedes, inhibe a
invasión intracelular, amplifica os sinais apoptóticos nas células infectadas e mellora a actividade
bactericida dos neutrófilos.

Lipocalina A
Impide que as bacterias obteñan ferro, un nutriente esencial para a supervivencia dos
microorganismos. Non obstante, a diferenza da lactoferrina, a lipocalina A non se une directamente
ao ferro. A lipocalina A inhibe o sistema de adquisición de ferro dos microbios uníndose e
bloqueando os sideróforos microbianos usados para transportar ferro ás bacterias.
IgA segregada
Aparece en case todos os fluídos corporais: saliva, bágoas, moco intestinal, leite, etc.
Protexe a superficie ocular contra a colonización e a posible invasión de microorganismos
patóxenos, uníndose a eles (neutralización) e facilitando a súa eliminación (opsonización).
No ollo tamén se detecta normalmente na esclera, na córnea, na conxuntiva e no corpo ciliar.

Complemento
Os compoñentes do complemento (como C3 e C4) exprésanse constitutivamente na película
lacrimal e están implicados na quimiotaxe fagocítica, na opsonización e na lise das bacterias. O ollo
é inusual porque hai un baixo nivel constitutivo de complemento activado. Crese que este baixo
nivel de complemento activado proporciona unha vixilancia inmune innata e permite unha rápida
activación do complemento completo tras a invasión de patóxenos.

RESPOSTA INMUNITARIA INNATA ACTIVA


Receptores de recoñecemento de patróns (PRR)
Temos os receptores tipo Toll (TLR) e os receptores tipo NOD (NLR). Os TLR exprésanse na
superficie celular e detectan patóxenos. Os TLR tamén se expresan dentro dos endosomas e
detectan patóxenos que foron endocitados. Pola contra, os NLR exprésanse no citoplasma e
detectan a presenza de moléculas microbianas dentro da célula hóspede.
Os TLR son proteínas transmembrana que recoñecen bacterias, virus, fungos, protozoos e
ligandos endóxenos, como as proteínas de choque térmico ou o fibrinóxeno. A súa activación leva á
expresión de moléculas proinflamatorias, como TNF-α, IL-1 e IL-2. Os TLR están presentes en
neutrófilos, macrófagos, monocitos, células dendríticas e en células epiteliais da pel, tracto
gastrointestinal, tracto respiratorio e tracto uroxenital. Ademais, identificáronse varios TLR no
tecido ocular tanto no segmento anterior como posterior do ollo, incluíndo córnea, iris, corpo ciliar,
coroide e epitelios pigmentario da retina. Sábese que os TLR son necesarios para o inicio da
inmunidade innata no ollo.
Os NLR comprenden unha gran familia de PRR citoplasmáticos que recoñecen bacterias e
sinais de perigo endóxenos como o ácido úrico. Tanto NOD1 como NOD2 exprésanse
constitutivamente dentro do ollo; NOD1 nos segmentos anterior e posterior do ollo e NOD2 só no
segmento anterior. NOD1 e NOD2 recoñecen subcompoñentes específicos do peptidoglicano
bacteriano.
Tamén temos os receptores depuradores (scavenger) que recoñecen unha ampla gama de
ligandos, entre eles recoñecen varios pratróns moleculares asociados a patáoxenos (PAMP) e
patróns moleculares asociados ao dano (DAMP: son moléculas liberadas por células estresadas ou
moribundas que son recoñecidas como sinais de perigo polo sistema inmunitario), o que leva á
eliminación de patóxenos, células apoptóticas, antíxenos autorreactivos ou produtos do estrés
oxidativo.
Por último, temos o receptores do complemento e receptores de inmunoglobulinas.

Complemento
Do mesmo xeito que os PRR, o sistema do complemento actúa como un sistema de vixilancia
inmune innata, detectando os primeiros signos de invasión de patóxenos. O sistema do
complemento tamén pode ser activado directamente por produtos microbianos a través da vía
alternativa e da lectina. O complemento é constitutivamente activo a baixos niveis no ollo. Pénsase
que este é un mecanismo de defensa principal do ollo contra a infección patóxena. Tras a invasión
de patóxenos, o sistema do complemento actívase aínda máis para eliminar a infección mediante a
xeración de factores inflamatorios (C3 e C5a), a quimiotaxe dos fagocitos (C3 e C5a), a opsonización
de células recubertas de anticorpos (C3b) e a lise de bacterias e células infectadas por virus (C8 e
C9).
A maioría dos compoñentes do complemento atópanse nas bágoas e no humor acuoso e no
vítreo. No ollo tamén hai factores que inhiben a activación do complemento, especialmente na
córnea e glándula lacrimal, o que regula a súa actividade para evitar o dano tisular.

Citoquinas, quimioquinas e células efectoras


Unha vez que os patóxenos rompen as barreiras pasivas do ollo e activan os PRR ou o sistema
do complemento, a función principal da inmunidade innata é eliminar o patóxeno invasor o máis
rápido posible. Para conseguir esta inmunidade innata debe: desencadear unha resposta inmune
inmediata, amplificar a resposta, eliminar os patóxenos e activar o sistema adquirido se o patóxeno
non se pode eliminar rapidamente. As citoquinas, as quimioquinas e as moléculas de adhesión
xogan un papel fundamental na regulación de cada unha destas etapas.

You might also like