UD7. RENOVACIÓN E CRISE DO MUNDO FEUDAl. UD 8. A EUROPA DO GÓTICO (Teoría)

You might also like

Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 13

TEMA 7.

RENOVACIÓN E CRISE DO MUNDO FEUDAL


TEMA 8. A EUROPA DO GÓTICO

Que imos a ver...?

A partir do século XI vanse a producir unha serie de cambios significativos que


van ser característicos da plena Idade Media. Unha época, que perdurou até o século
XIII, en que a prosperidade agrícola e a estabilidade política propiciaron un aumento da
poboación e a reactivación dos intercambios comerciais. Esta bonanza económica estivo
ligada ao renacemento das cidades, que se converteron en centros de cultura e da arte
gótico.
1.Os cambios do século XI

2.O rexurdimento das cidades

3.A cidade como centro económico

4.Cara á fin do feudalismo

5.A cidade como centro cultural

6.A arte gótica: arquitectura

7.A arte gótica: pintura e escultura

1. OS CAMBIOS DO SÉCULO XI
En Europa, os séculos posteriores á fin do Imperio Romano caracterizáronse pola
inestabilidade política, as constantes guerras e a ruralización da sociedade e a
economía. A partir do século XI, iniciouse unha época de relativa paz e maior
estabilidade política que propiciaron as transformacións socioeconómicas.

1.1. O desenvolvemento agrícola

Desde o século XI, unha serie de cambios na agricultura permitiron aumentar a


produción agrícola e, en consecuencia, incrementar a poboación. Á súa vez, o
crecemento demográfico obrigou a ampliar as terras cultivables e aumentar o
rendemento agrícola para poder alimentarse.

Para ampliar o espazo cultivado desenvolveuse:


• A roturación de terras que non estaban destinadas á agricultura, como os
bosques, para transformalas en campos de cultivo.
• A desecación de terras pantanosas, de marismas ou de terras ocupadas polo
mar.

O rendemento das terras aumentou grazas a novos métodos de cultivo, como a


rotación trienal, os fertilizantes ou o regadío na zona mediterránea. E tamén pola
introdución de innovacións técnicas como:
• O arado con rodas e vertedeira. Permitía remover a terra máis fácil e
profundamente; desta maneira, as sementes penetraban máis no solo, co que
tiñan máis humidade, nutrientes e protección.
• Os animais de tiro (bois e cabalos) e de mellores apeiros para eles (colarón,
ferradura metálica). Permitiu acelerar o ritmo de traballo e de transporte.
• Os muíños movidos polo vento ou a auga. Facilitou o labor de moer o gran.
• Ferramentas utilizadas desde época romana pero perfeccionadas polo uso do
ferro: fouces, gadañas etc. Achegaron máis calidade ao traballo.

A rotación trienal

Este novo método de cultivo


distribuía a terra de labor en tres
grandes partes equivalentes, nas que se
ían rotando os cultivos cada ano.

Neste sistema só quedaba en


barbeito (sen cultivar) unha terceira
parte da zona de cultivo, e cada ano dispúñase de dúas colleitas: a colleita de
verán (cereais) e a de inverno (legumes). O ano seguinte debía intercambiarse a
distribución dos cultivos.

1.2. O crecemento da poboación

O aumento da produción agrícola supuxo a existencia de máis produtos e máis


variados, e unha mellor alimentación. Isto favoreceu que a poboación tivese máis
resistencia ás enfermidades; así pois, homes e mulleres vivían máis anos e descendeu a
taxa de mortalidade infantil. En consecuencia, a poboación europea pasou de 40
millóns a case 75 millóns de habitantes entre os séculos XI e finais do XIII.
O crecemento demográfico impulsou aos campesiños a traballar novas terras ou
a repoboar as abandonadas, tanto para alimentarse como para satisfacer o aumento
da demanda de produtos para o comercio que estaba a empezar a revitalizarse. Con
todo, todo isto non foi suficiente, pois había máis campesiños que terras cultivables, o
que orixinou unha elevada emigración ás cidades, que, ademais, estaban lonxe do
control dos señores feudais.

Como vivía a maior parte da poboación?


A maior parte da poboación vivía en aldeas rurais e traballaba duramente
todos os días, aínda con condicións meteorolóxicas adversas, excepto os domingos
e os días de festa.
A dieta consistía basicamente en pan, acompañado de algo de touciño ou
queixo, e, polas noites, cocido (nabos, garavanzos etc). Comían pouca carne ou
peixe, pouca froita e nada de doces, que eran un privilexio das mesas dos nobres.
A pesar do gran crecemento demográfico que se produciu entre os séculos
XI e XIII, na Idade Media a esperanza de vida seguía sendo moi baixa: non
superaba os 35 anos. A maioría dos nenos morrían antes da adolescencia e, xa de
adultos, só unha minoría alcanzaba a vellez.

2. O REXURDIMENTO DAS CIDADES


Durante a Alta Idade Media, as cidades e a vida urbana sufriran un retroceso,
aínda que nunca chegaran a desaparecer por completo. Coas melloras agrícolas, o
aumento da poboación e a reactivación do comercio, as antigas cidades recobraron a
súa importancia e comezaron a crecer, á vez que xurdían outras de novo cuño.

2.1. A aparición dos burgos

A expansión agrícola iniciada no século XI xerou prosperidade económica e


favoreceu os intercambios comerciais nos núcleos urbanos existentes, aínda que
despoboados desde o fin do Imperio Romano. Estes intercambios levábanse a cabo en
mercados xunto aos castelos ou mosteiros dun feudo, ou á beira das pontes,
especialmente se estaban situados nalgunha ruta comercial, unha ruta de
peregrinación como o Camiño de Santiago ou se tiñan porto.
A estes centros acudían os campesiños vender os seus excedentes (cereais,
froitas, carne…) e a comprar artigos de uso cotián elaborados polos artesáns
(ferramentas, cerámica, roupa…).
Ao redor destes mercados creáronse novos barrios de artesáns e comerciantes,
os burgos, que acabaron amurallándose e converténdose en novas cidades; aos seus
habitantes chamóuselles burgueses.
En xeral, as cidades medievais eran pequenas (entre 15 000 e 50 000 habitantes)
e crecían sen planificación, formando unha trama irregular, con rúas estreitas. Carecían
de servizos básicos como a rede de sumidoiros.

2.2. O goberno das cidades


Nun primeiro momento, as cidades dependían dos señores feudais (laicos ou
eclesiásticos) en cuxo territorio se atopaban. Co tempo, moitas lograron que o rei lles
concedese unha carta de privilexios, tamén chamada carta póboa, carta de poboación,
carta de franquía ou foro. Estes privilexios daban liberdade aos burgueses para viaxar,
facer negocios e desenvolver actividades comerciais, ademais de ter propiedades,
herdar ou liberdade para casar.
A burguesía, a cambio dos privilexios, debía pagar impostos ao rei, quen
utilizaba o diñeiro para sufragar as súas loitas contra a nobreza e para aumentar os
seus dominios.

As institucións municipais
Un dos privilexios dos burgueses, liberados xa do dominio feudal, era o
autogoberno. Nun primeiro momento, o goberno da cidade recaeu en comunas ou
asembleas de todos os veciños. Posteriormente, os veciños delegaron o poder nun
concello, formado por representantes da cidade ou concelleiros e presidido por un
alcalde.
Pouco a pouco, os consellos municipais foron quedando en mans das familias
máis ricas de comerciantes e banqueiros, que formaron un novo grupo privilexiado: o
patriciado urbano.

2.3. A cidade medieval


3. A CIDADE COMO CENTRO ECONÓMICO
Entre os séculos XII e XIII, as cidades ou burgos convertéronse en destacados
centros económicos, ao concentrarse nelas moita poboación, actividades artesanais,
actividades comerciais e actividades financeiras.

3.1. A sociedade urbana


O auxe das cidades transformou a sociedade feudal, ao xurdir nelas un novo
grupo social: a burguesía. Caracterizábase por:
• Dedicarse a actividades artesanais, comerciais ou financeiras: artesáns,
comerciantes e banqueiros.
• Ser persoas libres, que non dependían dun señor feudal.
• Basear a súa riqueza no diñeiro que cobraban polo seu traballo, pola venda dos
seus produtos ou polos beneficios dos seus negocios. Non pola posesión das
terras.

Distinguíanse, segundo a súa riqueza, en alta burguesía, integrada por grandes


mercadores e banqueiros, ricos e influentes. E pequena burguesía, formada por
artesáns e pequenos comerciantes, que vivían modestamente.
Os nobres e os membros do clero, xunto coa alta burguesía, formaban o
patriciado urbano que controlaba o goberno municipal.
Con todo, a maior parte dos habitantes urbanos eran aprendices dos gremios,
criados, esmoleiros e persoas sen oficio, que vivían de forma humilde ou subsistían
grazas á beneficencia.

A muller na cidade medieval


As mulleres da nobreza e da alta burguesía formábanse e podían xestionar o
seu patrimonio e os seus negocios. Contribuíron ao desenvolvemento da cultura
medieval a través da música e a literatura.
As mulleres artesás colaboraban no negocio familiar. Aprendían o oficio e
vendían os produtos na tenda, pero non podían ser mestras dun gremio. Dependían do
pai ou do marido e só podían rexentar o negocio se enviuvaban.

3.2. As actividades económicas urbanas

A actividade artesanal
O traballo artesanal realizábase en pequenos talleres, situados na propia
vivenda, que se abría á rúa a modo de tenda para vender os produtos que fabricaban.
Cada taller estaba composto por un mestre artesán, os oficiais e os aprendices.
Os artesáns dun mesmo oficio ou oficios relacionados agrupábanse na mesma
rúa e estaban obrigados a asociarse en gremios.

A expansión do comercio
Os núcleos urbanos convertéronse no centro dos intercambios comerciais,
protagonizados por comerciantes e mercadores, nuns edificios denominados lonxas.
Ademais, celebrábanse mercados semanais e feiras, aos que acudían os
comerciantes para intercambiar os seus produtos.
A expansión do comercio viuse favorecida:
• Pola aplicación de novas técnicas comerciais.
• Pola seguridade das rutas terrestres, grazas á estabilidade política.
• Pola crecente intensidade do comercio marítimo, Favorecido polo
desenvolvemento da industria naval, coa construción de barcos con máis
capacidade e máis rápidos. De feito, o comercio terrestre decaeu e creceu o
marítimo.

As grandes rutas comerciais da Baixa Idade Media


Case todas as rutas, terrestres e marítimas, converxían nos dous grandes
centros comerciais e industriais: a rexión de Flandres (Gante, Bruxas…), que á súa
vez destacaba pola súa industria dos panos, e o norte de Italia (Milán, Florencia….).
As novas técnicas comerciais:
• Xeneralizouse o uso da moeda.
• Fixéronse pagamentos a través de letras de cambio: un documento escrito
polo que unha persoa ordena a outra o pagamento dun importe nun prazo
determinado de tempo.
• Apareceron as primeiras sociedades mercantís: varias persoas asinan un
contrato onde acordan poñer en común bens ou diñeiro para realizar unha
actividade comercial que reporte beneficio económico; este beneficio
repártese entre os asinantes segundo os bens ou o diñeiro achegado.

As feiras

As feiras eran mercados extraordinarios que se celebraban periodicamente


nas cidades. Nalgunhas, había feiras semanais, mentres que outras só se
organizaban unha vez ao ano. Levábanse a cabo nunha praza ou rúa céntrica.

4. CARA Á FIN DO FEUDALISMO


A partir do século XIII os pactos feudais foron desaparecendo paulatinamente e
o rei foi ampliando o seu control sobre as persoas e o territorio para formar un reino.

4.1. A consolidación do poder do rei


A nobreza e a Igrexa seguían exercendo unha grande influencia, pero o poder dos
reis aumentou por mor:
• Das relacións de axuda mutua entre a burguesía e a monarquía. Os reis
apoiaron os burgueses ao outorgarlles cartas de privilexios que os liberaban do
señor feudal. A cambio, os burgueses pagaban impostos aos monarcas, que estes
utilizaban para financiar as súas loitas contra os nobres, para imporse.
• Da extensión territorial do dominio monárquico mediante matrimonios,
herdanzas de vasalos sen herdeiros, guerras de conquista ou compras de terras.
• Da recuperación e implantación do dereito romano por parte do rei, que lle
serviu de cobertura moral para gobernar, lexislar e administrar xustiza sobre
todos os habitantes do reino, que eran os seus súbditos.

4.2. As novas institucións

Os monarcas concentraron as tarefas de goberno na súa persoa. Pero ao dominar


rexións cada vez máis extensas, necesitaron apoiarse en novas institucións. Crearon:
• Consellos Reais. Estaban formados por persoas próximas ao rei que lle
axudaban no goberno e na administración do reino. Por exemplo, o Consello de
Facenda, o de Guerra ou o de Tesoureiros.
• Asembleas lexislativas. Reunións do rei con tres estamentos (nobreza, clero e
burguesía) en que se aprobaban as leis, establecíanse impostos e cada
estamento expuña as súas reclamacións. O rei convocaba e presidía a Asemblea,
na que cada estamento tiña un voto. Así pois, a nobreza e o clero continuaron
impoñendo os seus intereses por encima dos burgueses.

4.3. A Igrexa mantén o seu poder

Os reis, para alcanzar poder soberano sobre un territorio e sobre os seus


habitantes, tiveron que enfrontarse á Igrexa e á nobreza. Con todo, a Igrexa conservou
e reforzou a súa influencia en todos os ámbitos e foi a impulsora da educación a través
das universidades. De feito, a Igrexa converteuse nun poder feudal máis e acumulara
numerosos bens e terras. En consecuencia, os cargos eclesiásticos foron moi desexados
polas familias da nobreza.
Neste contexto, os monarcas tentaron controlar a designación de bispos e de
abades, o que provocou a corrupción nas altas esferas do poder eclesiástico:
comprábanse e vendíanse cargos eclesiásticos (simonía), ou se cedían cargos a
familiares (nepotismo).

A finais do século XII houbo unha certa reacción:


• Creáronse as ordes mendicantes (franciscanos, dominicos etc.): ordes relixiosas
que se dedicaban a predicar a pobreza e a dar exemplo dela. Fundaron moitos
conventos nas cidades, onde vivían da esmola.
• Xurdiron as herexías ou doutrinas que poñían en dúbida as concepcións oficiais
da Igrexa. Para perseguir e xulgar estas herexías, o papa creou o Tribunal da
Inquisición (1231).

As Cruzadas

Cando no século XI os musulmáns conquistaron Xerusalén, o papa Urbano II


chamou polos reis cristiáns (1091) para que liberasen Terra Santa. Iniciouse así
unha serie de expedicións militares que duraron case dous séculos, coñecidas
como as Cruzadas, chamadas así pola defensa da cruz, símbolo do cristianismo.

Os cruzados conquistaron Xerusalén e outros territorios do Próximo


Oriente, pero mantivéronos por pouco tempo, xa que o Imperio Turco Otomán
volveunos ocupar no século XIII.
Os motivos para participar nas Cruzadas eran o desexo de servir a Deus,
salvar a alma e liberar Terra Santa. Pero interviñeron outros intereses, como o
desexo de aventura, a posibilidade de obter un botín, o control do comercio por
Oriente e a vontade de acabar co dominio turco no comercio mediterráneo, ou o
afán dos monarcas e do papado de afastar á nobreza de Europa.

As consecuencias das Cruzadas foron:


• Relixiosas: o papado aumentou o seu poder e influencia. Creáronse ordes
militares (monxes-soldado) para defender os lugares conquistados.
• Políticas: conquistouse Xerusalén e creáronse algúns reinos cristiáns en
Palestina que perduraron ata o século XIII.
• Económicas: favoreceu o comercio mediterráneo entre Oriente e
Occidente.
• Culturais: intensificouse o contacto entre as culturas cristiá e islámica.

5. A CIDADE COMO CENTRO CULTURAL


O rexurdir das cidades, a formación dunha próspera burguesía e o contacto con
outras culturas estimularon o desenvolvemento cultural. A partir do século XII, a
cultura pasou dos mosteiros rurais aos núcleos urbanos, onde apareceron novas
institucións, como as universidades. Nesta época producíronse avances científicos e
tecnolóxicos.

5.1. Escolas e universidades


Entre os séculos XI e XII, os mosteiros deixaron de ser os únicos centros de
cultura, e parte da poboación urbana tamén accedeu a ela, aínda que a maioría
continuou sendo analfabeta. Nas cidades instaláronse as escolas urbanas e, máis
tarde, as universidades.

As escolas urbanas
O desenvolvemento urbano e a mellora das condicións económicas propiciaron
unha maior ilustración entre algúns nobres e burgueses. Fíxose necesaria unha mellor
educación para o bo desenvolvemento dos seus negocios, o que potenciou a creación de
escolas nas cidades, dependentes da Igrexa ou do goberno municipal:
• As escolas catedralicias dependían do bispo. Estaban destinadas,
principalmente, á formación do clero. Todos os seus profesores eran clérigos e a
teoloxía era a principal materia, xunto co estudo das artes liberais: gramática,
retórica, dialéctica, aritmética, xeometría, astronomía e música.
• As escolas municipais foron creadas polo Concello, do cal dependían. Estaban
destinadas especialmente aos fillos dos burgueses. Os alcaldes nomeaban o
director, que seleccionaba os mestres. Impartían, sobre todo, saberes utilitarios:
lectura, escritura, retórica, contabilidade, dereito, medicina etc.
Os estudantes universitarios

Os estudantes universitarios (homes) convertíanse en especialistas dunha


materia. Os estudos facíanse en latín, o que permitía que alumnos e profesores
acudisen ás universidades de calquera cidade europea, sen necesidade de coñecer
o idioma local.

As mulleres foron excluídas dos estudos universitarios. As fillas da


nobreza e da burguesía non tiñan dereito a asistir á universidade, polo que se
educaban nas escolas.

As universidades
A orixe das universidades está nas escolas catedralicias e xorden pola
necesidade dos mestres e estudantes de ter unha maior autonomía da Igrexa. Con este
obxectivo, organizáronse como asociacións, coñecidas como universidades, que eran
independentes do poder do bispo, onde o vínculo que os unía era o traballo intelectual.
Por mor da longa duración dos estudos, só unha minoría da sociedade (nobres e
burgueses ricos) podía asistir á universidade. Os estudantes empezaban cando tiñan
entre 14 e 18 anos. Recibían a súa licenciatura en letras superados os 20 anos, e
dedicaban outros dez a estudar dereito, medicina, teoloxía, contabilidade etc.
As universidades medievais máis prestixiosas foron as de Boloña (1088), Oxford
(1096), París (1150) e Salamanca (1218).

5.2. Avances científicos e tecnolóxicos


Nos séculos XII e XIII foron moi numerosos os progresos científicos e
tecnolóxicos. Moitos deles chegaran a Europa procedentes de Oriente. Os máis
importantes desenvolvéronse nos seguintes campos:
6. A ARTE GÓTICA: ARQUITECTURA
A arte gótica naceu en Francia a mediados do século XII e rapidamente se
expandiu ao resto de Europa; en cada rexión adquiriu características propias. Nalgunhas
zonas perdurou ata o século XVI. A difusión do gótico está ligada ao desenvolvemento
económico e político das cidades, polo que se considera unha arte urbana.

6.1. Tipo de construcións


A arte gótica destaca tanto polas construcións relixiosas como as civís,
impulsadas pola florecente burguesía:
• Arquitectura relixiosa. O edificio máis representativo do gótico é a catedral,
que se converte no símbolo do poder económico da cidade e do prestixio dos
seus habitantes, xa que a súa construción se financiaban coas achegas dos fieis.
Algunhas catedrais importantes son as de Chartres, Reims, Notre Dame e
Amiens, en Francia; Colonia, en Alemaña; Milán, en Italia; León e Burgos, en
España.
• Arquitectura civil. O auxe do mundo urbano manifestouse no gran número de
edificacións civís, como os palacios (residencias de nobres e ricos burgueses), os
concellos (para o goberno da cidade), os hospitais e as lonxas (para os negocios
e o comercio).

Elementos
arquitectónicos
6.2. Características arquitectónicas
En contraposición ao Románico, as construcións góticas presentan estas
características:
• Verticalidade: os edificios tenden á altura co sentido simbólico de ascensión, de
chegar ao ceo.
• Luminosidade: os espazos interiores son moi luminosos e coloristas, polo
predominio dos vans con vidreiras sobre os muros.
• Naturalismo: os elementos escultóricos que decoran o edificio están inspirados
na natureza: follas, animais etc.

Elementos da arquitectura gótica


O material máis utilizado foi a pedra labrada en sillares regulares.
Nas catedrais, o edificio máis característico, a planta adoita ser de cruz latina ou
tamén basilical (sen cruceiro).
Os novos elementos construtivos permitiron construír edificios de grande
altura moi luminosos:
• Arco oxival ou apuntado e a bóveda de crucería como cuberta, composta por
arcos que se cruzan diagonalmente (nervios).
• O peso das bóvedas repartíase entre os alicerces compostos, no interior, e o
arcobotante e o contraforte, no exterior.
• Ventás. En lugar dos grosos muros do Románico con pequenas aberturas,
abríronse grandes ventás con vidreiras que daban luminosidade ao interior dos
edificios.
• Os elementos decorativos son variados: pináculos, tracerías caladas, vidreiras,
rosetóns vidrados, gárgolas, agullas etc.

7. A ARTE GÓTICA: ESCULTURA E PINTURA

A escultura e a pintura góticas continuaron decorando as igrexas e as


catedrais, e a temática seguiu sendo basicamente relixiosa, cunha función didáctica.
Doutra banda, decoráronse os palacios e as mansións da burguesía, polo que se
crearon obras de carácter civil.

7.1. A escultura
Os trazos máis destacados da escultura gótica foron a naturalidade e o
realismo. As figuras eran máis esveltas, menos ríxidas que no Románico, e os
personaxes eran moito máis
humanos, pois mostraban
sentimentos.
Foise abandonando o
simbolismo do Románico
para buscar unha
relixiosidade máis próxima e
amable, coa finalidade de
conmover os fieis. Así, as
representacións de Cristo
crucificado expresaban dor e
sufrimento, e as da Virxe
mostraban sentimentos
maternais cara ao Neno.
As esculturas
situábanse principalmente
nas fachadas: o tímpano
adoitaba acoller a escena principal e as arquivoltas enchíanse de figuras, seguindo a
dirección dos arcos.
Tamén se esculpía nos sepulcros, onde se empregaba o relevo para dar máis
volume ás figuras.
Como no Románico, na escultura seguiron proliferando as tallas realizadas en
madeira policroma, cuxos principais motivos eran Cristo crucificado e a Virxe María.

Vidreiras

As vidreiras góticas, ademais de pechar as grandes ventás, servían de


soporte iconográfico de escenas relixiosas. A transparencia das vidreiras
proporcionou un aumento da iluminación interior, á vez que a luz multicolor
contribuía a crear un ambiente de misticismo e elevación espiritual.

Escultores prestixiosos

Durante o Gótico empezaron a ser recoñecidos os autores das obras


escultóricas. Entre os máis prestixiosos, destacaron Nicola Pisano e Giotto, en
Italia; Claus Sluter, en Francia; Xoán de Liexa, en Inglaterra; e Guillén Sagrera, Gil
de Siloé, Pere Joan e Pere Oller, en España.

7.2. A pintura

A redución dos muros na arquitectura gótica fixo que diminuíse o espazo para as
pinturas murais. Onde antes había frescos, agora abríanse grandes ventás, polo que
xurdiron novos soportes para a pintura:
• Proliferaron os retablos ou pinturas sobre madeira. Adoitaban colocarse detrás
dos altares das igrexas e neles representábanse, en serie, historias ou escenas
relixiosas. Algúns podían alcanzar un gran tamaño.
• Desenvolvéronse as miniaturas, que adornaban os manuscritos. Representaban
escenas da vida cotiá e cada vez se fixeron máis detalladas e coloristas.

Na pintura gótica, as figuras tornáronse progresivamente máis expresivas e


naturais. Ademais, empezaron a debuxarse fondos paisaxísticos e figurativos. Os
temas deixaron de ser só relixiosos para incluír escenas de xentes da época, mostrando
así un maior interese por reflectir a realidade.

Cantigas de Santa María

Cancioneiro relixioso do século XIII, da literatura galego-portuguesa, atribuídas


en parte ao rei Afonso X o Sabio. Trátase de cantigas que relatan milagres nos que
intervén a Virxe María. Conserváronse catro códices onde aparecen algunhas miniaturas
que ilustran os relatos, ademais das notacións musicais.

VOCABULARIO

Excedente: Cantidade de produto que supera as previsións de produción.

Foro: Documento entregado polos monarcas aos burgos en que se lles outorga
autonomía política e económica fronte aos señores feudais. Con estes privilexios, as
cidades quedaban libres do poder dos señores e podían formar un goberno autónomo.

You might also like