Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 4

O PANTEÓN DE ROMA

Identificación
Título: O Panteón de Roma.
Tipoloxía: Templo ou arquitectura de tipo relixioso dedicado a todos os deuses romanos.
Autoría: Atribúese a Apolodoro de Damasco, un grego que foi o arquitecto oficial de
Traxano. Tamén foi o encargado de urbanizar o Foro de Traxano e de facer as Termas de
Traxano, os Mercados Traxanos ou a Columna de Traxano.
Cronoloxía: 118-125. Construído en tempos de Adriano, reemprazou ó templo
rectangular de Agripa (27 a. C.) como nos recorda a inscrición do friso que figura no
pórtico de entrada (“Marco Agripa, fillo de Lucio, cónsul por terceira vez, o fixo”.
Estilo: romano imperial
Función: O panteón, como o resto de templos romanos, actuaba como casa dos deuses
ós que estaba consagrado, neste caso de todos, algo que provocou que fose construído
con materiais de calidade e gran monumentalidade. O seu interior estaba reservado
exclusivamente ós sacerdotes (incluído o emperador), quen se encargaban do culto,
mentres que o resto da poboación só participaba dende o exterior.
Localización: Campo de Marte en Roma.
Materiais: formigón, granito, ladrillo, pedra pómez, mármore e madeira.
Contexto e evolución histórica da obra
Sendo a súa datación d o século II d. C., a obra pertence ó período do Imperio creado
por Augusto e que,no momento da súa culminación acadara a súa máxima expansión. Nesta etapa,
a última dos tres grandes períodos da historia antiga de Roma (Monarquía, República e
Imperio) establécese un novo sistema político, liderado por un emperador, e se divide o
territorio en provincias para facilitar a súa administración. O Mediterráneo era o Mare
Nostrum, e a unidade do Imperio viña favorecida pola romanización de todas as terras
conquistadas. Pero a partir do s. V, os pobos "bárbaros" do norte de Europa que levaban
séculos tratando de cruzar a fronteira do Imperio, empuxados polos hunos, iniciaron unha
migración na que asediarán o Imperio, ata que no ano 476 Odoacro derroque o
derradeiro emperador e poña fin así ao Imperio romano de Occidente.
A nivel artístico, os romanos recollen influencias do pasado e trazos das zonas
ocupadas: dos gregos toman a idealización pero con maior tendencia ó realismo, as
ordes arquitectónicas e a forma dos templos; de Oriente, o sentido ornamental e do luxo;
dos etruscos, o retrato, o culto ós mortos, o arco de medio punto, o emprego de bóvedas
e a orde toscana.
A este eclecticismo engaden a súa personalidade dominada polo sentido práctico. Fan
unha arte ó servizo do Estado, que serve como propaganda política. De aí vén o
carácter monumental e grandioso das súas obras; a importancia do retrato como
manifestación de poder; a planificación urbanística con cidades creadas ex novo de
plan ortogonal (ó modo dos planos hipodámicos gregos e dos propios campamentos
militares, co cardo, o decumano e o foro) e as grandes obras de enxeñería: acuedutos,
pontes, calzadas, murallas... O gran promotor, máis alá de iniciativas de corporacións
locais ou dalgún patricio, será o Estado, personificado na República, pero sobre todo, no
Emperador, xa que está será a etapa de maior construción e realización de obras
artísticas. Os artistas, moitos deles gregos, eran unha figura anónima e considerábanse
meros artesáns que dominaban certas técnicas manuais.
De todas as artes, será na arquitectura onde Roma mostre a súa maior orixinalidade,
creando achegas como a orde composta (unha mestura da orde xónica e corintia), pero
sobre todo modificando radicalmente a concepción edilicia ó primar a importancia dos
espazos internos, que non existía en Grecia, fronte os volumes externos. Xunto a isto
empregan novos materiais e novas técnicas construtivas no que foi fundamental o
formigón e someten ás construcións ós principios vitruvianos de venustas, firmitas e
utilitas (belo, firme e útil).
Con respecto á historia posterior do Panteón, a comezos do século VII foi transformado
en igrexa, logrando así unha continuada utilización e unha boa conservación ata a
actualidade, aínda que elementos de valor como a cuberta de bronce da cúpula foi
desmantelada e fundida no século XVII para realizar o Baldaquino de San Pedro.
ANÁLISE
O Panteón é o edificio máis grandioso de todo o mundo antigo. Erguíase no fondo dunha
praza porticada que enmarcaba o edificio e ampliaba a súa visión externa afirmando toda
a súa grandiosidade. As proporcións e a estrutura responden á concepción relixiosa
politeísta dos romanos e a función de servir de morada de tódolos deuses (en grego
panteón = todos os deuses), e centralizar nela a gran variedade de cultos que recibían.
En planta diferéncianse tres partes, tamén de distinta altura en alzado: unha pronaos, un
corpo intermedio e a cela circular.
O grandioso pórtico clásico que constitúe a fachada está levantado sobre un basamento
de cinco chanzos dianteiros -hoxe soterrados- e actúa a modo de pronaos. Seguindo os
principios da arquitectura grega, esta parte do edificio mostra unha arquitectura alintelada
que contrasta coa cobertura con cúpula da cela interior.
En alzado presenta oito columnas na fronte, octástilo por tanto, e outras dúas nos laterais.
As columnas son de fuste liso monolítico de granito exipcio erixidas sobre basas e
coroadas por capiteis corintios, realizados en mármore branco. O entaboamento mostra
un arquitrabe con tres bandas horizontais, un friso coa inscrición mencionada
anteriormente e unha cornixa saínte. Remata a fachada un tellado exterior a dúas augas
(no interior é plano) que, a súa vez, orixina un frontón cuxo tímpano perdeu os relevos
que o ornamentaban, seguramente esculturas realizadas en bronce. O pórtico carece de
conexión harmónica co resto do edificio.
No corpo intermedio ou interior do pórtico, dúas filas de columnas corintias configuran
tres naves. A central, a máis ancha, conduce ás xigantescas portas de bronce que dan
acceso á cela, mentres que as laterais rematan en dous nichos que albergarían estatuas,
posiblemente de Agripa e de Augusto.
A cela presenta planta circular, símbolo do acollemento ofrecido a tódolos deuses, e
constitúe, sen dúbida, o elemento máis salientable e innovador do edificio. Trátase dun
corpo cilíndrico coroado por unha inmensa cúpula. O conxunto crea a sensación dun
espazo esférico, xa que a altura da cúpula (43 m) é similar ó diámetros da base (31 m). A
espectacularidade deste espazo subliña un cambio conceptual con respecto á
arquitectura grega: por primeira vez na arquitectura clásica ten maior importancia o
interior que o exterior. A suma do trazado circular da planta e a esfericidade da cúpula
centraliza o espazo, xerando unha sensación espacial única chea de harmonía.
O alzado interior cilíndrico conxuga de xeito harmónico a tradicional arquitectura
arquitrabada grega coas liñas abovedadas propias das obras etruscas e romanas. A esta
harmonía responde a división horizontal do muro en dúas partes separadas por un
entaboamento: o nivel inferior do anel con xogo de exedras (alternan nichos
semicirculares e rectangulares separados do recinto central por columnas) e o superior
cun ático que serve de tambor para soportar a cúpula, revestido de estucos. O peso da
cúpula recae sobre arcos de descarga ocultos no muro que desvían os empuxes cara a 8
grosos piares de formigón situados entre os nichos ou exedras trapezoidais e
semicirculares. No pano de muro hai pequenos templetes coroados por
frontóns triangulares e curvos que se van alternando. O chan, pavimentado con
lousas de mármore de distintas cores e facendo debuxos xeométricos, é lixeiramente
convexo para poder evacuar a auga.
Toda a parte «cupulada» presenta casetóns, que provocan fortes contrastes lumínicos
e que ao diminuír radicalmente cara a abertura (óculo) facilitan a percepción da forma
esférica. Para alixeirar o p e s o d a cúpula, esta foi construída con formigón e pedra
pómez, diminuíndo así o seu grosor a medida que se elevaba en altura. Isto permitiu
prescindir da clave de bóveda e abrir no seu lugar un óculo de case 9 m de diámetro,
único punto de entrada de luz e de ventilación. A través del ilumínase o interior e o sol
proxecta un círculo de luz que se move co transcurso do día de forma difusa, tranquila
e suave.
A cúpula, no seu aspecto exterior, perde a imaxe de media esfera pois a parte baixa
queda embutida no muro. Está composta por 7 aneis superpostos orixinariamente
recubertos de placas de bronce, hoxe en día perdidas.
Eses 7 aneis teñen o seu equivalente nas 7 ábsidas q u e c o r o a n a c e l a e q u e
estaban consagradas ás 7 divindades celestes (Sol, Lúa, Mercurio, Venus, Marte,
Xúpiter e Saturno). Xunto a gran cúpula, contribuían a simbolizar a bóveda celeste que,
segundo os romanos, cubría a Terra a modo de cúpula. O óculo central representaba ó
Sol. Desta maneira, o significado do templo xira en torno a unha clara simboloxía
espacial: o círculo representa a harmonía, a perfección, é a bóveda celeste que acolle ás
divindades, e o óculo sería a vía de comunicación entre os dous mundos. Levada á
propaganda imperial, o templo erixiuse como o templo principal do culto imperial, xa que o
emperador era o pontífice máximo da relixión romana e o intermediario entre o ceo
(deuses) e a terra (persoas) que pretendía simbolizar o templo.
En canto ás influencias que se intúen na obra, ademais da relevancia xeral que terá a
antiga Grecia e a civilización etrusca na arquitectura romana, cómpre destacar a dos
tholos micénicos e gregos, así como de certas construcións mesopotámicas para
configurar celas ou espazos sagrados circulares
A transcendencia do Panteón na arquitectura foi enorme, sobre todo, da súa cúpula que
servirá de referencia para obras como Santa Sofía de Constantinopla, pero tamén para a
maior parte das cúpulas renacentistas, barrocas e neoclásicas. Por exemplo, Brunellechi
estudouna para construír a cúpula do Duomo de Florencia, Bramante para facer San
Pietro in Montorio, Michelangelo para a cúpula de San Pedro de Vaticano ou Palladio para
a súa Villa Capra.

You might also like