Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 7

Tema 4

Desmantelando o relevo
As augas continentais en acción
As augas continentais son todas aquelas que se atopan sobre a superficie dos continentes
ou no seu subsolo.

1- As augas continentais superficiais en acción


Cando a auga da choiva cae sobre a superficie da Terra e non se infiltra pode esvarar
percorrendo unha determinada zona. Estas augas non encauzadas chámanse augas
enxurradas e, se discorren sobre materiais arxilosos, adoitan formar sucos que dan lugar a
formas erosivas denominadas cárcavas. Se estas cárcavas se desenvolven en zonas amplas,
estas zonas denomínanse terras malas.
Ás veces, na zona onde se dá este tipo de erosión existe alternancia de capas de materiais
con distinta competencia: pode que unha capa máis competente estea apoiada sobre unha
capa máis branda. Neste caso, a erosión actuará de xeito máis eficiente sobre a capa máis
branda, que é a inferior, quedando a capa máis competente a modo de resalte sobre unha
columna constituída pola capa máis branda. Esta estrutura chámase cheminea de fadas e
ten o aspecto que se mostra a continuación:

Habitualmente, estas enxurradas pasan a estar canalizadas a través de torrentes ou de ríos.

Os torrentes
Os torrentes son cursos de auga intermitentes, é dicir a canle pola que discorren só leva
auga en determinadas ocasións. Porén, cando a auga discorre por eles, adoita facelo de
súpeto e cunha gran capacidade erosiva. Se se constrúe sobre eles, poden producirse
efectos devastadores nunha crecida do caudal. Nos torrentes diferéncianse 3 partes:
Cunca de recepción: Sitúase na parte alta, onde predomina a erosión xerada polas augas
das choivas. Adoita ter cárcavas.

Canal de desaugadoiro: Canle estreito e profundo onde predomina o transporte dos


detritos mobilizados na cunca de recepción.
Cono de dexección: Parte baixa do torrente onde se depositan os sedimentos
transportados polo torrente.

Así, nos torrentes danse os procesos xeolóxicos externos de erosión, transporte e


sedimentación.

Os ríos
Os ríos son correntes de auga que discorren por unha canle de xeito permanente. Os
procesos sedimentarios que se dan neles son distintos segundo o tramo do río no que nos
atopemos.

Así, distinguimos:

Curso alto. Como as augas neste tramo teñen moita enerxía predomina a erosión do
substrato rochoso, xerándose ladeiras con pendentes moi abruptas. Os vales deste tramo
adoitan ter perfil en forma de “V”. Un exemplo son os canóns do Sil.

Se o substrato que atravesan é moi competente fórmanse canles moi estreitas de paredes
case verticais e moi profundas, como as gorxas ou as fouces. O termo canón adoita utilizarse
para denominar gorxas máis amplas. Os desniveis existentes ao longo do curso fluvial xeran
rápidos, fervenzas ou cataratas, segundo sexan as súas dimensións.

Unha forma erosiva moi característica dos cursos altos dos ríos son os pilancóns ou
marmitas de xigante, depresións circulares que se forman pola erosión producida por
fragmentos rochosos xirando de xeito circular repetidamente sobre a mesma zona rochosa.
Curso medio. A enerxía da auga é máis baixa, polo que predomina o transporte. Neste
tramo comeza o depósito de materiais e a canle adopta forma de meandro. Nos meandros
altérnase a erosión coa sedimentación e, ás veces, a canle cambia lixeiramente de
traxectoria deixando fragmentos de meandro abandonado que adoitan albergar pequenas
lagoas.
O perfil do val neste tramo adoita ter fondo chá e forma de artesa. Un exemplo é o meandro
da Cubela, en Ribas de Sil.

Toda a zona chá que atravesa a canle do río e o seu arredor chámase chaira de inundación.
En épocas de crecida do caudal, a auga tende a ocupar esta terra chá. Tendo en conta isto,
nos plans de ordenación do territorio regúlanse os usos máis axeitados para as distintas
zonas das chairas de inundación.

Curso baixo. A enerxía da auga xa non é suficiente para transportar carga e prodúcese o
depósito de todos os sedimentos que portaba, xerando deltas ou esteiros.
-Deltas: prodúcense cando ríos caudalosos desembocan en mares tranquilos. Neste caso, as
correntes mariñas non teñen a enerxía suficiente para mobilizar os materiais depositados e
danse grandes acumulacións de sedimentos nas desembocaduras en forma de letra grega
delta “Δ” , de aí o seu nome. A auga discorre por pequenas canles superficiais que atravesan
estes depósitos. Un exemplo é o delta do Ebro.
-Esteiros: xéranse cando os ríos desembocan en mares ou océanos con fortes correntes ou
ondadas. Os sedimentos que son transportados ata esta parte baixa do curso fluvial son
rapidamente distribuídos polas augas mariñas. Podemos destacar a desembocadura do río
Miño no océano Atlántico.

2- As augas subterráneas en acción


Ás veces, a auga de choiva mesturada co CO2 atmosférico introdúcese no subsolo a través
de fendas ou gretas. Se os materiais nos que se introduce son solubles pode producirse
carstificación, que implica a disolución do substrato rochoso.

O substrato soluble que máis sofre este tipo de modelado é o calcario, pero tamén pode
producirse en xesos e dolomías.

Este modelado pode ser exocárstico ou endocárstico:


Modelado exocárstico
A disolución do substrato rochoso pode producirse na superficie, xerando sucos e
acanaladuras chamados lapiaces e lenares, ou grandes depresións circulares chamadas
dolinas.
Modelado endocárstico
As galerías son condutos horizontais que percorren o subsolo. Se a amplitude destas
galerías aumenta, pasan a ser cavernas ou covas.
No interior de galerías e cavernas fórmanse espeleotemas, que poden ser:
Estalactitas: fórmanse pola precipitación de carbonato cálcico a partir de filtracións de
auga que caen do teito. Semellan “gotas de rocha calcaria” colgadas.
Estalagmitas: xéranse por acumulación de carbonato cálcico precipitado no chan de
covas e galerías, medrando de abaixo a arriba.
Columnas: prodúcense pola unión dunha estalactita que crece dende o teito ata que se
atopa cunha estalagmita que medra dende o chan enfrontada coa primeira.
Cando un pozo vertical comunica a superficie exterior cunha galería ou cunha caverna recibe
o nome de sima.

3- Os acuíferos
Cando a permeabilidade do terreo o permite, a auga da choiva infíltranse no subsolo e pode
xerar acuíferos. Os acuíferos son acumulacións subterráneas de auga que constitúen a nosa
maior reserva de auga doce. Para que unha capa sirva para acumular auga, a súa
permeabilidade ten que ser alta. Ademais, a capa subxacente debe estar constituída por un
substrato impermeable, que se denomina nivel de base.

As augas oceánicas en acción


Aínda que o vento tamén actúa, o mar é o principal axente xeolóxico externo que modela o
relevo litoral. Diferenciamos tres compoñentes do axente xeolóxico mariño:

As correntes oceánicas.
As mareas.
As ondadas.
Existen varios factores que condicionan a forma na que o mar actúa sobre os materiais
litorais, como poden ser:

-A litoloxía e a pendente das costas.


-A disposición e a orientación do litoral respecto ás mareas, as correntes mariñas e as
ondadas.
A interacción destes factores fará que en cada zona predomine a erosión, o transporte ou a
sedimentación, formándose modelados característicos, como os que se resumen a
continuación:

No modelado do litoral atopamos:

Formas erosivas
A erosión é o proceso xeolóxico externo predominante na súa formación.

Cando as ondadas baten con forza nos cantís producen abrasión na súa parte inferior,
xerando socavacións. Se estes ocos chegan a ser o suficientemente grandes, o cantil
derrúbase e prodúcese o retroceso da liña de costa cara ao continente. A superficie máis ou
menos chá que se xera cara ao mar denomínase plataforma de abrasión. Sobre ela poden
quedar os fragmentos rochosos derruídos do antigo cantil. Se a plataforma de abrasión
sofre unha elevación respecto ao nivel do mar pasa a denominarse rasa costeira.

Como consecuencia deste retroceso do litoral, preto da costa adoitan resistir á erosión arcos
rochosos que máis adiante poden converterse en illotes ou estacas.

Neste tipo de ambiente é moi frecuente que se produza erosión alveolar pola disgregación
das rochas pola haloclastia axudada pola abrasión mariña.

Formas deposicionais
Na súa formación predomina o depósito de sedimentos. Nas zonas máis protexidas da
costa adoita a predominar o depósito dos fragmentos derrubados dos cantís ou dos
sedimentos transportados polos ríos, formándose acumulacións de sedimentos como:

As praias fórmanse por acumulación de sedimentos xunto ao litoral. En función da


enerxía das ondadas poden ser areosas ou de coios. Algúns exemplos son o areal de
Carnota ou o coído de Cuño.
As barras son acumulacións de area alongadas separadas do litoral e normalmente
paralelas a el.
As frechas son barras unidas ao litoral por un dos seus extremos.
Os tómbolos consisten na acumulación de area que une un illote ou unha illa co litoral,
como o tómbolo da Lanzada.
As lagoas costeiras nacen pola acumulación de auga de salinidade variable que está
separada do mar por unha barra sedimentaria unida ao litoral polos dous extremos. A
auga das lagoas ten contacto constante coa auga mariña a través dun ou varios condutos
que se abren na barra e tamén recibe aportes fluviais. As albufeiras poden considerarse
un tipo de lagoa costeira.
As marismas son acumulacións de auga doce preto da costa que nas preamares reciben
aportes de auga salgada, como as marismas do Guadalquivir.
As rías son desembocaduras fluviais que foron invadidas polo mar, ben polo
afundimento tectónico da costa ou ben polo ascenso do nivel do mar. Dentro destas
grandes estruturas das rías, poden recoñecerse moitas das formas de modelado litoral
descritas como praias, barras ou cantís.

Por outra banda, o vento tamén funciona como axente xeolóxico externo no litoral. De feito,
é o responsable da formación das dunas móbiles, como o caso do complexo dunar de
Corrubedo.

O xeo en acción
O xeo glaciar é un axente xeolóxico externo que xera formas do relevo moi características. Fórmase pola
compactación de neve precipitada.
Diferéncianse dous tipos de glaciares:
-Os glaciares de casquete
Grandes masas de xeo situados nos polos terrestres. O único que aflora na superficie
terrestre dos casquetes polares é o xeo glaciar.
-Os glaciares de val
Masas de xeo situadas en vales de alta montaña. Neles, pódese observar o modelado glaciar
do terreo.

Formas erosivas
Na súa formación predomina a erosión. Falamos dos circos, as aristas, os horn e as estrías
glaciares.
-Circo
Val de límites escarpados onde se acumulan grandes volumes de xeo, chamados linguas
glaciares. O perfil dos vales glaciares ten forma de “U”.
-Lingua glaciar

Formas deposicionais
-Morena
Depósito xerado pola acumulación de materiais angulosos de distintos tamaños. A base do
xeo glaciar arranca fragmentos rochosos do val e arrástraos. Cando o xeo se derrete,
fórmanse amoreamentos de todos os fragmentos que transportaba no seu seo. Segundo a
zona da lingua na que se formen, denomínanse morenas laterais (se están aos lados da
lingua glaciar), morena central (se se atopa no medio) e morena frontal ou terminal (se se
forma na zona máis afastada da lingua).

O vento en acción
O modelado eólico é o representativo das zonas áridas, aínda que nelas tamén intervén
esporadicamente a auga torrencial, xerando por exemplo uadis ou ramblas.

As seguintes condicións favorecen a xeración do modelado eólico:


A aridez do terreo.
A ausencia de vexetación.
A presenza de correntes de aire.
O vento anticiclónico formado nestas zonas xira de xeito circular e xera formas de modelado
características, que se dispoñen de xeito máis ou menos concéntrico, como as que a
continuación se describen:
Formas erosivas
As formas erosivas do modelado árido xéranse pola erosión que exerce o vento nesa zona.
Destacan as seguintes:
-Monte illa
Zona rochosa situada nunha terra chá. En torno a este substrato rochoso que resiste á
erosión do vento, sitúanse os fragmentos rochosos arrincados del.
-Deflación
-Abrasión
Erosión ou desgaste que produce o vento cando vai cargado de areas e impacta contra o
substrato rochoso. Preto do chan esta acción adoita ser máis intensa, polo que é frecuente
que se formen rochas funxiformes nas que a parte baixa sofre maior abrasión que a alta.

Formas deposicionais
Na súa formación predomina o depósito de sedimentos. Máis aló do deserto pedregoso,
adoita predominar o depósito dos materiais mobilizados polo vento, formándose
acumulacións de sedimentos:
-Dunas
Formadas por acumulación de sedimentos. As zonas amplas cubertas por dunas
denomínanse deserto areoso ou ERG. Adoitan dispoñerse de xeito concéntrico en torno ao
REG. Estas formas sedimentarias tamén se forman no modelado litoral.
-Loess
Máis aló do ERG, o vento ten moi pouca intensidade e só pode arrastrar sedimentos moi
finos de tamaño limo. Cando o vento perde toda a súa capacidade de carga, os limos que
transportaba deposítanse formando acumulacións de sedimentos moi finos de cor
amarelenta, denominados loess. Adoitan ser terras moi fértiles.

You might also like