Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 65

2.

As plantas

1
Para co
Para comezar

Por que pensas que as abellas ou as formigas son tan importantes para as
plantas?

Que función ten a flor da roseira? E a raíz dunha pereira?

Que cres que lles acontecería a algunhas plantas se non houbera luz solar?
Sobrevivirían? E os animais?

As plantas
As plantas foron dos primeiros seres vivos que habitaron o medio terrestre.
Actualmente, coñecemos máis dun millón de especies e aínda quedan moitos tipos por
descubrir.

Son alimento para moitos seres vivos, axudan a reducir a contaminación e son a
materia prima de moitos obxectos empregados no noso día a día.

Nesta unidade aprenderemos máis destes complexos seres vivos.

2
O ouro
O ouro vermello

Na cociña de países como a India,


Marrocos, Irán, España ou
Turquía hai infinidade de pratos
que teñen esa cor amarela tan
característica: arroces, patacas,
mariscos, sopas... Estas receitas
están condimentadas cunha

especia que se vende en po ou en febras e que ten unha cor vermella moi intensa: o
azafrán.

Este aderezo úsase desde hai uns 3.500 anos. Os gregos e os exipcios xa o
empregaban para cociñar, tratar enfermidades ou para levar a cabo cerimonias
relixiosas.

Na actualidade é coñecido como o ouro vermello porque é un dos materiais máis


caros do mundo. De feito, un quilo de azafrán custa en España uns 1.500 euros.

Para reflexionar

1. De onde pensas que pode vir o azafrán? Será unha parte dunha árbore,
dun fento ou dunha flor?

3
2. Por que pensas que o azafrán pode ser tan caro?

3. Na túa despensa atopas outras especias moi ricas utilizadas para facer
infusións ou salsas. Acórdaste dalgunha? Para que se utilizan?

4. Onde podemos atopar esas especias dentro da natureza? Compara as


respostas cos teus compañeiros para coñecer especias empregadas en
países diferentes.

4
5. Estes son algúns exemplos. Saberías dicir a que parte da planta
pertence cada unha? Busca na Internet imaxes de cada unha das especias
para responder.

Mostaza:

Canela:

Poexo:

Vainilla:

Améndoa:

Ao longo desta unidade poderás desvelar o segredo da orixe do ouro vermello.

5
Caracte
Características das
plantas

Se miras pola fiestra da túa aula ou saes á rúa verás centos de plantas: un arbusto,
unha árbore, fentos, musgo... Todos eles son diferentes tipos de plantas e cobren as
súas necesidades vitais grazas a funcións específicas de cada unha das súas partes.

As principais partes das plantas


Raíz
É a parte que está baixo terra. As súas
funcións son:

Ancorar a planta ao solo.

Obter auga e sales minerais


(zume bruto).

Talo
É a parte que permite que a planta se
sosteña de pé.

A súa función principal é o transporte:

Do zume bruto (auga e sales


minerais) das raíces ás follas.

Do zume elaborado (alimento)


6
das follas a todo o resto da
planta.

Pode ter múltiples cores e grosores e ser


visible ou estar baixo terra. Un tronco é
un talo, pero tamén o son os bulbos ou
os tubérculos.

Raíz (1); talo (2); follas (3).

Follas
Son os órganos encargados de facer a fotosíntese, que é o proceso polo que captan
dióxido de carbono do aire e o xuntan co zume bruto (auga e sales minerais) e coa
enerxía da luz do Sol. Deste xeito, transfórmano no alimento para a planta (zume
elaborado) e liberan osíxeno ao aire.

A parte superior da folla chámase face e a inferior envés. É nesta última onde se
atopan os estomas, uns poros que permiten que se produza o intercambio de gases
entre a planta e o aire.

Vasos condutores
Son os tubos que percorren o interior da planta polas follas, talo e raíces. Hai dous
tipos de condutos:

7
Vasos leñosos: que conectan as raíces coas follas transportando o zume bruto.

Vasos liberianos: que unen as follas coas outras partes da planta


transportando o zume elaborado.

Sabías que...?
A pataca, a cenoria, o ravo, a remolacha… son produtos que utilizamos na nosa alimentación.
Algúns poden cocerse e outros tómanse crus, en ensaladas, cun pouquiño de aceite...

Na natureza todos eles medran baixo terra: son as raíces das plantas das que proveñen. A que
nunca pensaches que unha raíz puidera estar tan rica?

Tipos de plantas
Algunhas plantas, ademais de raíz, talo e follas, tamén teñen froitos, sementes e
flores. Isto fai que poidamos clasificalas en dous grandes grupos: plantas con flores e
plantas sen flores.

8
Anxiospermas: laranxeira (1); ximnospermas: piñeiro (2);
fento (3); carriza (4).

Plantas con flores


As papoulas, as margaridas ou o xasmín son plantas con flor, pero os castiñeiros ou os
piñeiros, que son árbores, tamén teñen flores. Todos eles reprodúcense mediante as
sementes. Segundo onde se atope a semente, clasificamos as plantas en dous tipos:

Anxiospermas: son as plantas que teñen froito e as sementes están dentro


del. Exemplos: magnolia, roseira, aciñeira, olmo, carballo, xirasol, nogueira…

Ximnospermas: estas plantas non teñen froito polo que as sementes non
están recubertas. Exemplos: piñeiro, ciprés, teixo, alerce, cedro…

Plantas sen flores


Estas plantas reprodúcense mediante esporas, xa que non teñen sementes. Neste
grupo atopamos dous grandes tipos:

Musgo ou carriza: non


ten vasos condutores e
polo tanto non posúe
verdadeiras raíces nin
follas. Isto fai que
precisen vivir en
ambientes moi húmidos.
Un exemplo de musgo é a
coñecida co nome de la do
pobre.

Fento: ten vasos


condutores e por iso
posúe raíces e follas. O O fento real (Osmunda regalis)
fento aguia ou a cola de é un exemplo de fento.
cabalo son exemplos de
fentos.

9
Actividades

1. Forma grupos cos teus compañeiros e pensade nos tipos de produtos,


hortalizas e verduras que consumides habitualmente. Intentade identificar dous
que proveñan das follas da planta, dous que proveñan do talo e dous que
proveñan da raíz. Poñédeos en común co resto dos grupos.

Cales xa coñeciades? Cales son completamente novos para vós? De que


zonas ou países proveñen? Como se preparan?

2. O teu profesor levará á aula diferentes tipos de plantas ou partes de plantas: con
flores, sen flores, ximnospermas e anxiospermas.

Formade grupos de traballo e intentade identificar cada unha das plantas


que vos ensine: nome e características. O reto estará en que só poderedes
empregar o tacto e o olfacto. O voso profesor taparavos os ollos!

Poñede en común as vosas indagacións co resto dos grupos. Soubestes


identificar todas as plantas? Con que dificultades vos atopastes?

10
Na práctica
Seguramente no teu barrio haxa unha floraría con centos de plantas diferentes, xa que as
plantas, ademais de cumprir unha función natural, teñen unha función social moi importante.
En moitas culturas empréganse para regalar, como símbolo de alegría, afecto ou comprensión.

A continuación propoñémosche a seguinte actividade:

1. Escolle a floraría que máis che guste e concerta unha entrevista co seu empregado ou
empregada.

2. Acude á cita cun caderno e un lapis.

3. Pídelle ao empregado que che mostre plantas sen flor e con flor.

4. Escolle dúas de cada tipo.

Coa súa axuda responde a estas preguntas:

As que non teñen flor, son fentos ou carrizas?

As que teñen flor, son anxiospermas ou ximnospermas?

Podes identificar as partes das plantas? E das follas (en caso de que as teñan)? Toma
fotografías de cada unha das partes e fai un documento no ordenador onde recollas
esas fotografías e indiques as partes das plantas.

Solicítalle ao empregado ou empregada máis información sobre cada unha das plantas
escollidas e busca na Internet máis datos.

11
Un reto antes de seguir
O azafrán é unha parte dunha planta pertencente ao grupo das anxiospermas.

12
Nutrici
Nutrición das plantas

Como sabemos, a nutrición dos seres vivos consta de dúas etapas: a alimentación e a
obtención de enerxía.

Alimentación das plantas


Unha das características que fai que as plantas sexan únicas é que son capaces de
fabricar o seu propio alimento. A diferenza de nós, non necesitan alimentarse doutros
seres vivos. A alimentación das plantas ten catro fases.

13
1. Creación de zume bruto; 2. Absorción de dióxido de
carbono; 3. Creación do zume elaborado mediante a
fotosíntese; 4. Distribución do zume elaborado.

Estas son as fases do proceso de alimentación:

1. Absorción de auga e sales minerais mediante as raíces. A combinación destes


compoñentes chámase zume bruto. Este líquido sobe cara ás follas por medio
dos vasos leñosos.

2. Absorción de dióxido de carbono do aire a través dos estomas que se atopan


nas follas.

3. Realización da fotosíntese. A fotosíntese ten lugar nas follas grazas a unha


substancia de cor verde chamada clorofila. Mediante a clorofila, as plantas
captan a luz solar que lles permite combinar o dióxido de carbono co zume
bruto (a mestura da auga e dos sales minerais) para formar o zume elaborado,
o alimento da planta. Durante este proceso despréndese osíxeno.

4. O zume elaborado, producido nas follas, viaxa por toda a planta a través dos
vasos liberianos.

Sabías que...?
Algunhas especies de plantas, como a venus atrapamoscas (Dionaea muscipula), inclúen na súa
dieta certas especies de insectos. Estas plantas atraen os insectos cun néctar oloroso e, cando os
“capturan”, producen uns xugos dixestivos para dixerilos. Estas plantas complementan así a
pobreza do chan onde habitan cos nutrientes procedentes dos insectos que atrapan.

Obtención de enerxía
14
Como todos os seres vivos, as plantas tamén necesitan enerxía para poder vivir.
Obtéñena por medio da respiración. Pero, que ocorre durante a respiración? As
plantas toman osíxeno do aire e mestúrano cos nutrientes para producir a enerxía.
Durante este proceso despréndese dióxido de carbono.

Actividades

1. A pesar de que o dióxido de carbono é fundamental para o


desenvolvemento da vida, a contaminación ambiental, producida polos
nosos coches e fábricas, eleva os niveis naturais de dióxido de carbono. Isto
provoca efectos negativos nos nosos ecosistemas, un aumento do efecto
invernadoiro, que se relaciona co quecemento global da Terra.

Nalgunhas zonas da Terra, o ser humano está destruíndo bosques


enteiros de árbores. Como pode afectar esta destrución de bosques aos
nosos ecosistemas? A resposta está relacionada co proceso da
fotosíntese.

Na práctica 15
Na práctica
A continuación propoñémosche un experimento para que o realices na túa casa. Esta actividade
permitirache observar, de primeira man, un dos procesos que estudiaches neste apartado.
Faino coa axuda dun adulto, extrae conclusións e responde ás preguntas.

Materiais necesarios

Un apio con talo e follas; tinta chinesa; colorante vexetal vermello (ou azul) ou acuarela; un
coitelo; un vaso con auga.

Pasos

1. Corta un anaco do talo do teu apio.

2. Mestura, en partes iguais, a auga coa tinta ou o líquido que escolleras para tinguila.

3. Verte a mestura nun vaso.

4. Pon o apio dentro do vaso.

5. Deixa pasar un día ou dous e corta o talo do apio á metade.

6. Analiza os cambios sufridos.

Conclusións

Antes de extraer as conclusións, explica os pasos que seguiches para desenvolver o


experimento. Conta como conseguiches os materiais, quen che axudou, as complicacións que
tiveches durante todo o proceso... Explica a túa reacción cando viches o que lle pasou ao apio.

Agora, responde a estas preguntas:

Que lle ocorreu ao talo do apio? E ás súas follas?

Que cres que demostra este experimento nos talos? E nas follas? Utiliza os termos que
aprendiches na unidade para explicalo.

Saberías explicar como continúa o proceso na natureza?

Se che gustou esta actividade podes facer o mesmo cun caravel branco.

16
17
A repro
A reprodución sexual:
plantas con flores

As plantas son seres vivos e como tales nacen, medran, reprodúcense e morren. Agora
que xa sabes como se nutren as plantas, vexamos as características da súa
reprodución, dos mecanismos que utilizan para xerar descendentes.

As plantas reprodúcense de dúas formas: sexual e asexualmente.

18
Partes da flor
Na maioría das plantas, a reprodución sexual ten lugar nas flores. Ou sexa, as flores
son os órganos reprodutores que teñen os gametos masculinos e femininos.

Os gametos femininos ou óvulos son producidos no pistilo. O pistilo está


formado polos óvulos, o ovario, o estilo e o estigma. Este último é a parte
superior do pistilo e o que recibe o pole.

Os gametos masculinos ou pole son producidos nos estames.

Estas flores son coñecidas co nome de flores hermafroditas. Ademais, as flores están
formadas polo cáliz e a corola.

A corola é o conxunto de follas de cores (pétalos) que atraen aos insectos e


que protexen os órganos encargados da reprodución.

O cáliz é o conxunto de follas verdes (sépalos). Tamén ten unha función


protectora.

Partes da flor.

19
Un reto antes de seguir
O azafrán é unha parte da flor dunha especie chamada Crocus sativus. A flor é lila pero as febras
do azafrán son vermellas. Pero, de que parte da flor se trata concretamente? Son os estigmas
do pistilo.

Xa sabemos parte do segredo!

Imaxina agora a cantidade de flores que se necesitarán para facer un quilo de azafrán...
Aproximadamente, precísanse 85.000 plantas! Esta é unha das razóns polas que é tan caro. Pero
hai máis...

Proceso de reprodución sexual


Polinización
Como viches, para que se inicie a
reprodución, ten que producirse a unión
entre o gameto feminino (óvulo) e o
masculino (pole).

Nos casos nos que as flores son


hermafroditas, o pole e os
óvulos non nacen á vez. Isto fai
necesario un proceso coñecido
como polinización, para que o
pole da flor dunha planta viaxe
ata o óvulo da flor doutra planta.

Hai plantas que teñen flores


masculinas e flores femininas. É
20
o caso do carballo, por exemplo,
que necesita que o pole viaxe
dunha flor dunha planta que só
ten estames, a unha flor doutra
planta que só ten pistilos.

Proceso de polinización.
O pole é transportado, a maioría das veces, polo vento ou por animais (insectos ou
outras especies) que, ao visitar as diferentes flores, levan pegado o pole nas súas
patas.

Fecundación
A fecundación ten lugar cando, durante a polinización, o pole transportado ata o
pistilo doutra flor alcanza o ovario e alí únese co óvulo. Cando os dous gametos se
xuntan forman a semente.

21
Proceso de fecundación: o gran de pole viaxa polo estilo
ata o óvulo.

Crecemento da semente e do froito


Ao mesmo tempo que nace a semente, o pistilo aumenta de tamaño ata converterse
no froito e as sementes quedan gardadas no seu interior.

Unha vez que as sementes están completamente desenvolvidas, o froito soe caer ao
chan.

22
Proceso do crecemento da semente: 1. O pistilo aumenta
de tamaño; 2. O froito medra, gardando as sementes no
seu interior; 3. Froito completamente desenvolvido.

Xerminación
A xerminación prodúcese cando a semente sae do froito que a rodea e medra ata
converterse nunca planta nova. Isto terá lugar sempre que as condicións da terra e o
clima sexan as adecuadas.

23
Proceso de xerminación: comezan a medrar raíces e follas
ata que se forma unha nova planta.

Actividades

1. A flor da dama de noite só ole durante as horas nocturnas. Que tipo de


polinización terá?

2. O dente de león transforma os seus pétalos amarelos en lixeiros


"pétalos" brancos. Que beneficios pode obter cando a sopramos para
pedir un desexo? Que cres que poden ser eses muíños brancos?
24
3. Algunhas especies de orquídea imitan nas súas flores o olor ou a forma
das femias de certos insectos. Por que cres que o fan?

4. Os insectos polinizan as plantas levando o pole dunha a outra. Pensa


noutros animais que coñezas que se alimenten do néctar das flores.
Que outras especies favorecen a polinización?

5. Agora que xa sabes que os insectos e o vento transportan o pole. Tes


algunha idea de por que as plantas das anteriores actividades actúan
así? É máis, nunca te planteaches que algúns comportamentos
humanos tamén benefician ás plantas durante o proceso de
reprodución?
25
Na práctica
Agora tócache a ti. Neste apartado viches o proceso da reprodución das plantas con flor.
Aprendiches as partes da flor, as funcións de cada unha desas partes e os catro procesos
fundamentais para dar lugar a outra planta: polinización, fecundación, crecemento da semente
e xerminación.

Formade grupos de traballo e organizade as seguintes tarefas. Tede en conta todas as cousas
que hai que facer para que cada un se ocupe de algo e que o reparto do traballo sexa similar.

Debuxar unha flor cos nomes das súas partes.

Debuxar un esquema que represente o proceso de polinización.

Debuxar un esquema que represente o proceso de fecundación.

Debuxar un esquema que represente o proceso de crecemento da semente.

Debuxar un esquema que represente o proceso de xerminación.

Poñede os nomes e os datos que consideredes necesarios en cada debuxo. Facede entre todos

26
un mural cos debuxos e presentádeo ao resto da aula.

27
A repro
A reprodución
das plantas sen flor

As carrizas e os fentos son plantas sen flor e non forman sementes, reprodúcense por
esporas.

As esporas son células reprodutoras que poden xerminar e dar unha nova planta se
as condicións de temperatura e humidade son as axeitadas.

Nas carrizas fórmase un filamento que remata nunha cápsula onde se


producen as esporas.

Nos fentos as esporas fórmanse no envés, a cara inferior das follas, nunhas
estruturas chamadas soros.

28
Proceso de reprodución dun fento: 1. Debaixo das follas
están os soros; 2. Os soros son unhas bolsiñas que
conteñen as esporas; 3. As esporas caen ao chan e fan
unha nova planta.

Actividades

1. Agora que xa coñeces como se reproducen as plantas sen flor, compara


os fentos e a carriza coas anxiospermas e ximnospermas. Que
diferenzas e similitudes atopas?

29
2. Non botas de menos algunha especie? Os fungos e as algas, por exemplo?
Pois non terías que botalos de menos porque non son plantas. Investiga
algo máis sobre os fungos e as algas e compara os datos atopados coas
características das plantas. En que se diferencian? En que se
asemellan?

30
Na práctica
A carriza foi a primeira colonizadora da terra. Vive en ambientes moi húmidos e non ten follas
nin raíces. Os fentos, en cambio, teñen raíces e follas. Investiga algo máis sobre estas dúas
plantas.

Realiza unha ficha para cada unha delas na que inclúas as características e as curiosidades. Fai
un documento no ordenador e inclúe imaxes da Internet para ilustrar cada tipo.

31
A repro
A reprodución asexual

A reprodución asexual dáse en plantas


cando unha parte delas se divide. Este
fragmento desenvólvese ata converterse
nunha planta que é idéntica ao seu
proxenitor, é dicir, non inclúe unha
modificación xenética. Este tipo de
reprodución pode darse en plantas que
tamén teñen capacidade para
reproducirse sexualmente.

Pensa, por exemplo, na cebola que


botamos nas ensaladas. Como a atopas
na natureza? Debaixo da terra, non? E
algunha vez viches o que hai no pé dun
narciso ou un tulipán? Estes dous tipos Narciso co bulbo á vista.
de plantas reprodúcense mediante
bulbos, un tipo de reprodución asexual.
Vexámolos todos.

Bulbos
Están situados entre as raíces e o talo. É un órgano subterráneo formado por escamas
e que contén os nutrientes. Cando se enterra, fai medrar unha nova especie desa
planta. Exemplos: allo, cebola, narciso, tulipán, xacinto...

Tubérculos
Son órganos subterráneos que gardan nutrientes e dos que medran certas plantas.
Exemplos: pataca, cenoria, remolacha...

32
Rizomas
Son talos que medran baixo terra de forma horizontal e dos que xorden novas plantas.
Exemplos: xenxibre, lirio, cana de río...

Gallos
Son fragmentos das plantas que se separan e se plantan na terra para facer medrar
outra planta. Exemplos: xeranio, hortensias, oliveira...

Barbados
Os barbados son talos que tamén medran horizontalmente e que dan lugar a raíces
das que medran outras plantas. Exemplos: amorodos, trevos, fita...

Bulbos (1); tubérculos (2); rizomas (3); gallos (4);


barbados (5).

Actividades

1. En que se diferencia a reprodución do xeranio e da pataca? Por medio

33
de que obteñen descendentes? En que se parecen?

2. En que se diferencia a reprodución do xenxibre e da cenoria? En que se


parecen? Compara a reprodución destas plantas coa da maceira.

Na práctica
Pasear polos parques das nosas cidades é un verdadeiro espectáculo. Normalmente, sempre
camiñamos distraídos e, ás veces, a vexetación que nos rodea pasa desapercibida.
Propoñémosche agora un paseo polo teu parque, campo ou bosque preferido. Convértete nun
34
investigador e observa todas as especies que están ao teu arredor.

Realiza as seguintes actividades:

Escolle unha zona na que vexas que hai unha gran variedade de plantas.

Coa axuda dun adulto, de debuxos ou fotografías, identifica os nomes de todas as


plantas. Podes acudir a Internet para conseguir os nomes de todas elas. Buscando
fotografías de plantas poderás atopar o nome das túas.

Recoñece o tipo de reprodución que ten cada planta.

Fai una táboa como esta no teu caderno e complétaa.

35
Número de
Tipo de No Característic Curiosidad
plantas
reprodución me as es
atopadas

Reprodución
asexual

Reprodución
sexual
con flor

Reprodución
sexual
sen flor

36
37
A relac
A relación coa contorna

As cores granates no outono, as flores na primavera, as plantas que temos na cociña


que medran cara á fiestra, as plantas que pechan as súas flores durante a noite, o
movemento dos xirasoles...

Todos estes comportamentos mostran as relacións que as plantas teñen co clima e co


espazo que as rodea. As plantas, igual que os animais, tamén se relacionan coa
contorna. Son capaces de detectar cambios, ou estímulos, na contorna e elaborar
respostas axeitadas a eles.

O movemento dos xirasoles é un exemplo dunha planta


que se relaciona coa contorna a través dos seus
movementos pero, saberías dicir por que?
38
Sabías que...?
Os xirasoles moven as súas follas e flores en dirección ao sol. Este tipo de movemento coñécese
co nome de heliotropismo e facilita a fotosíntese. Mira este vídeo do proceso gravado cunha
técnica chamada time lapse, que nos permite apreciar de xeito acelerado movementos que
normalmente se producen con moita lentitude.

Movementos das plantas


As plantas poden responder aos cambios da contorna con movementos chamados
nastias e tropismos.

Os tropismos son movementos da planta producidos por un axente externo


(presenza da auga, luz, gravidade...) e que teñen como consecuencia o
crecemento de dita planta. A transformación é lenta e permanente. Un
exemplo de tropismo é a capacidade das árbores para crecer verticalmente
nunha zona onde o terreo está inclinado. Isto ocorre grazas á gravidade.

As nastias son movementos rápidos e reversibles que non teñen como


consecuencia o crecemento da planta. O tulipán realiza nastias cando regula a
apertura das súas follas en relación á temperatura do ambiente.

O clima e as plantas
Ademais dos movementos que describimos antes, as plantas teñen outro tipo de
reaccións relacionadas cos cambios ambientais (horas de luz solar, humidade,
temperaturas...).

39
Actividades

1. Imaxina unha especie de labirinto pechado á luz. No comezo do labirinto hai


terra e unha semente plantada. Ao final do labirinto hai un buratiño polo
que entra a luz. Deixando pasar uns catro ou cinco días, cal cres que foi
a dirección que seguiu a planta ao crecer? De que tipo de movemento
estamos a falar? Pensa noutros exemplos deste tipo.

2. Durante o outono é común ver como as follas dalgunhas árbores van


cambiando as cores verdes a granates, amarelas e vermellas. Ao comezo do
inverno, nalgunhas especies de árbores, esas follas caen. Agora que xa
sabes as funcións das follas e que coñeces o proceso da fotosíntese,
atréveste a averiguar os motivos polos que caen as follas?

40
Na práctica
Ao igual que as plantas se relacionan coa contorna, nós tamén nos relacionamos con elas. As
plantas son moi importantes para o ser humano por dous motivos principais:

Absorben o dióxido de carbono que expulsamos cando respiramos e renovan o osíxeno


do aire.

Son alimento de moitos animais (incluídos nós).

Máis alá da relación "natural", a miúdo, as plantas son especiais para nós por episodios vividos
na nosa vida. Ás veces transfórmanse en agasallos, recordos dalgunha viaxe, paisaxes
preferidas, días entretidos...

Lembras algún episodio especial relacionado coas plantas? Saberías dicir o nome da planta?
Podes describir o recordo e os teus sentimentos. Trata de averiguar que estación do ano era e o
estado no que estaba a planta.

41
Un reto antes de seguir
Como xa vimos, son necesarias moitas plantas para que a produción do azafrán compense
economicamente. Esta é unha das razóns pola que é tan caro.

Por outra banda, a planta do azafrán, do mesmo xeito que toda as plantas, tamén se relaciona
coa contorna polo que o seu estado depende das condicións meteorolóxicas, do sol, das
estacións do ano...

A flor do azafrán recóllese a finais do outubro coas mans, polo que os agricultores teñen que
camiñar agachados durante moitas horas seguidas. Esta recolleita hai que facela nunha semana
e coa alba, antes de que o sol queime a flor.

Despois, os agricultores teñen que extraer coa man, un a un, os estigmas da flor. E, por último,
tóstanse ditos estigmas para que a humidade das primeiras horas da mañá non faga que se
deterioren.

Agora entendes por que o azafrán é tan caro!

42
Ao pec
Ao peche

Que aprendiches?

1. Reflexiona e valora o teu traballo. Que aprendín sobre as partes das


plantas?

2. Reflexiona e valora o teu traballo. Que aprendín sobre a nutrición das


plantas?

43
Reflexiona e valora o teu traballo. Que aprendín sobre a reprodución
3.
sexual?

4. Reflexiona e valora o teu traballo. Que aprendín sobre a reprodución de


carrizas e fentos?

5. Reflexiona e valora o teu traballo. Que aprendín sobre a reprodución


asexual?

6. Reflexiona e valora o teu traballo. Que aprendín da relación das plantas


coa contorna?

44
Avalíate
A continuación, mostrámosche algunhas actividades para avaliarte. Dispós de tres
intentos para superar cada actividade.

7. Relaciona cada parte da planta coa correspondente definición.

Órgano que permite que a planta


Talo non se desprenda da terra. Por
este órgano obtense a auga.

Órgano encargado
Raíz de facer a
fotosíntese.

Órgano encargado de transportar


Folla os compostos entre as
diferentes partes da planta.

8. Identifica os grupos aos que pertencen estes tipos de plantas.

45
Anxiospe Ximnospe Fen Carri
rmas rmas tos zas

Maceira

Corno
de Alce

Roseira

Aciñeira

Piñeiro

Xestela

La do
pobre

Nogueir
a

Teixos

Alerce

9. Completa as seguintes oracións.

1. O líquido composto por auga e sales minerais chámase .

2. A é a substancia de cor verde que permite ás plantas


captar a luz solar.

3. A mestura do dióxido de carbono co chámase .

4. Durante a fotosíntese a planta libera ao aire.

5. Coa respiración a planta libera ao aire.


46
10. Escribe cada parte da planta no seu número correspondente.

estames ● cáliz ● pétalos ● óvulos ● pistilo


corola ● estigma ● sépalos

1. 2. 3.

4. 5. 6.

7. 8.

11. Completa as seguintes oracións.

1. Cando o pistilo aumenta de tamaño convértese no

2.
O viaxa dunha flor a outra por medio de
animais ou o vento.

3.
No pistilo da flor está o .

4.
A xerminación ten lugar cando a comeza a
converterse nunha planta nova.

47
5.
Cando o masculino e femenino se xuntan
ocorre a fecundación.

12. Relaciona cada planta co tipo de reprodución asexual que ten.

Amorodo

Xeranio

Cana de río

Tulipán

Cenoria

Xenxibre

Allo

13. Arrastra cada órgano coa imaxe que lle corresponda.

gap gap gap gap gap

tubérculos barbados rizomas

bulbos gallos

48
14. Indica se as seguintes afirmacións son verdadeiras ou falsas.
1. Os vasos leñosos conectan as follas coas outras partes da
planta e os liberianos conectan as raíces coas follas.

Verdadeiro

Falso

2. As plantas expulsan dióxido de carbono durante a fotosíntese


e toman osíxeno durante a respiración.

Verdadeiro

Falso

3. A nova planta que xorde coa reprodución sexual é similar aos


proxenitores.

Verdadeiro

Falso

4. Os gametos masculinos son producidos no pistilo e os


femininos no estame.

Verdadeiro

Falso

5. As carrizas e os fentos reprodúcense mediante esporas.

Verdadeiro

Falso

49
15. Selecciona dous exemplos de nastias.

O tulipán abre ou pecha os seus pétalos en función da


temperatura.

As plantas medran cara á luz.

As raíces das plantas diríxense cara ás zonas máis húmidas.

Algunhas plantas carnívoras pechan as súas follas para atrapar


pequenos insectos.

16. Selecciona a definición de tropismos.

Son movementos rápidos que teñen como consecuencia que a


planta medre.

Son movementos lentos e reversibles que fan que a planta


aumente o seu tamaño.

Son movementos lentos e permanentes vinculados ao


crecemento da planta.

Son movementos rápidos producidos por algún axente externo


como poden ser a luz ou a humidade.

Reforza

17. Relaciona cada grupo de plantas co tipo que as engloba.


Fentos

Plantas con flores

50
Plantas sen flores

Anxiospermas

Plantas con flores

Plantas sen flores

Carrizas

Plantas con flores

Plantas sen flores

Ximnospermas

Plantas con flores

Plantas sen flores

18. Selecciona os procesos que forman parte da nutrición.

Polinización.

Fotosíntese.

Respiración.

Xerminación.

19. Completa o esquema da fotosíntese.

51
gap gap gap

osíxeno zume bruto sales minerais

20. Indica se as seguintes afirmacións son verdadeiras ou falsas.


1. Os fentos e as carrizas reprodúcense por sementes.

Verdadeiro

Falso

2. A reprodución asexual prodúcese por medio dos bulbos,


tubérculos, rizomas, gallos e barbados.

Verdadeiro

Falso

3. As plantas con flor poden reproducirse por esporas.

Verdadeiro

Falso

52
4. As fases da reprodución sexual son: polinización, respiración,
fecundación e xerminación.

Verdadeiro

Falso

21. Selecciona, destas opcións, os tipos de movemento que realizan as


plantas.

Nastias.

Tropismos.

Liberianos.

Climáticos.

Amplía

22. As plantas forman parte da cultura e tradición de moitos países. Son moitos os
mitos e lendas sobre propiedades feiticeiras das raíces ou flores ou da relación
das árbores cos deuses.

Propoñémosche a continuación que investigues sobre as seguintes historias


e que fagas unha redacción sobre algunha delas.

Lenda do baobab.

Árbores feiticeiras do libro O ciprianillo: acivro ou abeleira.

A historia de Narciso na mitoloxía grega.

53
O tomiño na mitoloxía grega.

O carballo en Galicia.

A árbore carnívora "Ya-te-veo".

No pobo onde naciches, hai algunha lenda relacionada coas plantas? Cóntaa
aos teus compañeiros.

Reto superado!
O azafrán é o estigma, unha parte do pistilo, da flor do Crocus sativus, planta pertencente ao
grupo das anxiospermas.

Esta especia é moi cara por tres razóns principais:

Ao ser unha das partes máis pequenas da flor, para facer un quilo de azafrán,
necesítanse cultivar unhas 85.000 flores.

A recolleita do azafrán é un proceso moi delicado que se fai manualmente de principio a


fin.

As condicións meteorolóxicas e estacionais deben ser óptimas, polo que os prazos que
se manexan para recollelo e tratalo son moi axustados. Se non se cumpriran estes
prazos, a colleita perderíase por completo e iso custaría moitísimos cartos aos
agricultores.

Agora xa sabes todo o que hai detrás dese fío vermello.

Galería de imaxes
54
O ouro vermello: o azafrán

As principais partes das plantas

55
Anxiospermas: laranxeira

Ximnospermas: piñeiro

56
Fento

Carriza

57
Nutrición das plantas

Partes da flor

58
Proceso de polinización

Proceso de fecundación

59
Proceso de xerminación

Tipos de reprodución asexual

60
Glosario

Barbado
Órgano da reprodución asexual, subterráneo, que medra horizontalmente e do que
xorden raíces das que medran outras plantas.

Bulbo
Órgano da reprodución asexual, subterráneo e formado por escamas.

Cáliz
Conxunto de follas verdes que protexe os órganos reprodutores das flores.

Carriza
Planta sen raíces, follas nin flor, duns cinco centímetros e que cobre pedras e chan.

Clorofila
Substancia que se atopa nas follas das plantas e que lles dá esa cor verde tan
característica.

Corola
Conxunto de pétalos, follas de cor, que chama a atención dos insectos.

Envés
Parte inferior dunha folla.

Espora
Célula reprodutora de plantas sen flor, como as carrizas e os fentos.

Estame 61
Estame
Órgano que produce os gametos masculinos ou o pole.

Estomas
Poros das follas que fan que os gases pasen do aire á planta.

Face
Parte superior dunha folla.

Fento
Planta sen flor e con follas longas, moi frecuente en lugares moi húmidos.

Fotosíntese
Parte do proceso de alimentación da planta. Durante a fotosíntese, as plantas captan a
luz solar por medio da clorofila das follas e mesturan o dióxido de carbono co zume
bruto. Así forman o zume elaborado, que serve de alimento para as plantas.

Gallo
Fragmentos dunha planta que se separan para obter outras plantas.

Nastias
Son movementos das plantas, rápidos e reversibles, que non ocasionan o crecemento
de dita planta.

Pistilo
Órgano que produce os gametos femininos ou óvulos.

Plantas anxiospermas
Plantas nas que a semente está dentro dun froito.

Plantas ximnospermas
62
Plantas ximnospermas
Plantas nas que a semente non está recuberta cun froito.

Rizoma
Órgano da reprodución asexual, subterráneo, que medra horizontalmente e do que
xorden plantas como o xenxibre.

Tropismos
Son movementos das plantas, lentos e permanentes, ocasionados por un estímulo
externo (humidade, gravidade, luz...) e que fan medrar dita planta.

Tubérculo
Órgano da reprodución asexual, subterráneo e do que medran plantas como a
pataca.

63
Ligazóns
espazoAbalar
http://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/

Nastias na Mimosa Pudica


https://www.youtube.com/watch?v=rHxzDo5kJe8

Nastias na Venus Atrapamoscas


https://www.youtube.com/watch?v=rnotkwCDiVM

Noticia de 'El País' sobre un mofo extinguido


http://sociedad.elpais.com/sociedad/2014/03/17/actualidad/1395070565_193311.html

64
Créditos
Netex Knowledge Factory S.A. 2022

Contidos licenciados para o proxecto e-dixgal.

Todos os dereitos reservados. Non está permitida a reprodución total ou parcial desta
publicación nin o seu tratamento informático, nin a transmisión de ningunha forma ou
por calquera medio, xa sexa electrónico, mecánico, por rexistro ou outros medios, sen
o permiso previo e por escrito dos titulares do copyright.

Os titulares non se responsabilizan da persistencia ou da exactitude dos enderezos


URL dos sitios web de terceiros mencionados nesta publicación, nin garante que estes
contidos se manteñan, sexan precisos ou axeitados.

Autora dos contidos: María Jesús Blanco Vázquez.

Cuarta edición: setembro de 2022.

ISBN : 978-84-18513-00-8

65

You might also like