Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 5

“A CENTAUROMAQUIA”

Identificación da obra:

• Autor: taller de Fidias

• Localización: métopas do lado sur do


Partenón (Acrópole de Atenas)

• Cronoloxía: 447/445-440 a. C (mediados do s. V a.C)

Contexto histórico-artístico:
A Grecia antiga é considerada o berce da civilización occidental polas súas aportacións á
filosofía, á política, ás artes e á cultura xeral.
A civilización grega (que se desenvolveu entre os ss. VIII e II a.C, desenvolveuse na Península
Balcánica e illas próximas, espallándose por gran parte do Mediterráneo.
Trala victoria sobre os persas tralo final das chamadas Guerras Médicas, a civilización grega
acadaría o seu máximo esplendor nos século V e IV a.C: época Clásica.
A arte grega estaba feita á medida do Home. Buscaba a harmonía, a proporción, a racionalidade
e o equilibro como compoñentes da beleza (de aí a importancia das matemáticas nas súas
construccións e esculturas)
Centrándonos na escultura, esta disciplina artística acadou unha enorme importancia na arte
grega (importantes novidades e avances). Exercería unha gran influencia na escultura dos estilos
artísticos posteriores (na romana, especialmente, e noutros estilos moi posteriores, como o
Renacemento ou o Neoclásico).

Como características xerais da escultura grega destacan: buscaban a beleza baseada na


proporción e no canon (o equilibro das partes, tomando como referencia a medida do pulgar ou da
cabeza), seguíndose, por exemplo, os canon de Policleto ou o de Lisipo, respectivamente; o
naturalismo (Beleza Racional), procurando reproducir a natureza pero como un ideal; o estudo
da anatomía humana (antropocentrismo), cun sutil equilibro entre a beleza física exterior e os
sentimentos.

A escultura grega antiga foi evolucionando, buscando a expresión, o volumen e o movemento,


dende a época arcaica (figuras esquemáticas e ríxidas), ata chegar ao realismo da época clásica
(na que se acadou unha perfección técnica admirable), e rematando coa esaxeración “barroca” do
helenismo.

Outros trazos a destacar son o emprego como materiais do bronce (a maioría dos orixinais que
logo copiaron en pedra os romanos), e da mármore (esta moi axeitada para representar a
anatomía humana). Por outra banda, as esculturas orixinais de mármore estaban policromadas,
efecto que se perdeu co paso do tempo.

Clasificación e comentario da obra:

Trala rixidez, a frontalidade e o pouco naturalismo do período arcaico, na época clásica (séculos
V e IV a.C), acadouse un maior naturalismo (expresións máis logradas, anatomías e roupaxes
mellor traballadas), a sensación de movemento e o dominio pleno da técnica escultórica. Neste
sentido, o período Clásico sería para a escultura (como na arquitectura), a Idade de Ouro da
arte grega. Os principais escultores da época clásica foron Mirón, Polícleto e Fidias no s. V a.C,
e Lisipo, Praxíteles e Scopas no s. IV a.C.

Neste caso estamos, como se indicou ao principio deste comentario, ante unha obra moi
coñecida da escultura clásica grega, as métopas do lado sur do Partenón. Recordemos que este
templo estaba íntegramente adicado á deusa protectora da cidade, homenaxe que se completou
(ademais da xigantesca estatua do interior) cos relevos escultóricos que decoraban
orixinariamente o edificio. Así, os frontóns representaban dous acontecementos importantes da
historia de Atenea (o seu nacemento da cabeza de Zeus, no frontón oriental, e a súa desputa con
Poseidón para conseguir o dominio do Ática, no frontón occidental). É dicir, nas zonas máis
elevadas do templo as historias están protagonizadas polos deuses e a medida que
descendemos, os temas humanízanse.
Deste xeito, nas 92 métopas dos catro lados do Partenón representáronse temas como a loita
dos gregos contra os centauros (sur), contra as amazonas (oeste), contra os xigantes ou titáns
(leste) e contra os troyanos (norte). Por último, no friso interno do Partenón, rodeando os muros
da cella, representouse unha escena moi coñecida polos atenienses, xa que esta cerimonia
repetíase cada catro anos, a procesión da Panateneas (a entrega á deusa dun rico peplo tecido e
bordado polas doncelas da cidade).

O tema das métopas do lado sur: os antigos gregos


utilizaron os mitos e as lendas non so para explicar
o incomprensible, senón que ademais o facían para
lexitimar as súas crenzas. Conscientes da natureza
pasional do Home e da dobre natureza deste
(instinto e paixón fronte a razón e reflexión), os
gregos escolleron en moitos dos seus mitos destacar a
razón sobre os instintos, como na presente
centauromaquia, unha das historias favoritas dos
helenos xunto á Xigantomaquia e a Amazonomaquia.
Os centauros eran seres fabulosos, cunha natureza
mixta, e que podían alternar e conversar cos homes.
Habitantes das montañas, a súa orixe varía segundo
as versión, sendo nunha fillos do Sol e dunha
Oceánida e noutra de Apolo e de Hebe. Para Píndaro,
eran descendentes de Ixion e da nube Nefela, que
tiveran un fillo chamado Centauro, o cal se unira coas eguas de Tesalia, dando así orixe a este
pobo mítico.
Segundo a lenda, unha célebre voda rematou nun tráxico enfrontamento entre os invitados por
un exceso de pasións e de alcohol.
O mito comeza coa voda entre Pirítoo, o rei dos lapitas (habitantes de Tesalia) e a fermosa
Hipodamia/Deidamía. O noivo, Pirítoo, estaba emparentado cos centauros, criaturas híbridas,
metade homes, metade cabalos, que vivían nas montañas, polo que cando aquel organizou a
lista de asistentes ao enlace nupcial, non se esqueceu de invitar aos seus parentes, a pesar da
fama dos centauros de seres salvaxes, testarudos, groseiros e moi agresivos. Ao parecer, os
centauros nunca probaran o viño.
A voda levouse a cabo sen problemas nin incidentes, pero despois de comer e de beber en
abondancia, os centauros estaban completamente bébedos. O centauro Eurito, baixo os efectos
do alcohol, tratou de violar á propia noiva. En castigo, Pirítoo cortoulle as orellas e botouno do
banquete. Despois deste incidente, os demais centauros acudiron a defender a Eurito e tentaron
á súa vez de raptar ás invitadas á festa. Entre os invitados ao evento estaba presente Teseo,
amigo íntimo do noivo, quen non dubidou en responder ás agresións dos centauros,
desembocando a festa nunha sanguenta batalla. Outro dos invitados, Hércules, pelexou co
centauro Neso, o cal raptara á súa esposa Deyanira, deixando o heroe moribundo a aquel.
Despois de varias baixas e feridos, os centauros foron derrotados e expulsados de Tesalia, non
volvéndose a saber deles nunca máis.

O enfrontamento entre
lapitas e centauros era
unha metáfora perfecta
para os gregos á hora de
representar o triunfo da
civilización sobre a
barbarie, un relato mítico
que sería retomado polos
artistas do frontón do
templo de Zeus en
Olimpia e nas métopas do
Partenón para simbolizar
o triunfo dos gregos sobre
os persas no contexto das
guerras médicas.

Este relato mitolóxico sería fonte de inspiración para artistas posteriores como Miguel Anxo no
Renacemento e Rubens no Barroco.

O autor: tradicionalmente, a realización dos relevos das métopas do Partenón atribuíase ao


célebre escultor Fidias, posiblemente nos momentos iniciais da construción do templo.
Hoxe en día, estímase máis acertado considerar que este amplo conxunto (no que apréciase que
non hai unha completa unidade de estilo), sería levado a cabo por diferentes artistas do taller
de Fidias, correspondéndolle a este a supervisión xeral do proxecto. Segundo algúns expertos as
diferenzas estilísticas entre as diferentes métopas deberíanse a que algunhas delas foran
creadas para un proxecto anterior do Partenón e que nunca se levara a cabo. En todo caso, a
centauromaquia é un dos mellores exemplos da escultura ática que floreceu en Atenas a
mediados do século V a.C, e o estilo clásico amosa na presente obra todo o seu esplendor.
A decoración escultórica do Partenón comezou polas métopas. Fidias, como responsable xeral do
proxecto escultórico e decorativo, sabía que debía amosar escenas de mitos lexendarios que
realzaran a virtude e o heroísmo do pobo grego tralas guerras médicas, polo que para
ornamentar as métopas escolleu temas xa traballados na iconografía helénica e que recordaban
as fazañas dos atenienses: a Xigantomaquia, a Amazonomaquia, a Centauromaquia e a
Ilioupersis (a caída de Troya).

Características técnicas: unha métopa é unha peza rectangular dun entaboamento dórico e
situada entre dous triglifos. O conxunto de métopas do Partenón rodeaban o entaboamento do
templo. Cada métopa está ocupada por un relevo decorativo que narra episodios históricos ou
mitolóxicos. As dimensións de cada peza é duns 1,35 m de lado.
Comentamos anteriormente que a centauromaquia é unha serie pouco cohesionada, con relevos
completamente distintos entre si e con diferentes calidades, dependendo do autor responsable
en cada caso. En algunhas apréciase un modelado suave, predominando as formas curvas e
transmitindo unha sensación de suavidade; noutras, os relevos son máis prominentes. Debido a
esta variedade, non semella que houbera un proxecto común para as métopas do lado sur, senón
que máis ben os escultores cinguíronse ao esquema básico de representar cada un deles unha
loita entre centauros e lapitas.
Como elementos ou trazos comúns, en todo
caso, hai que recordar que todas as métopas
foron talladas en mármore e, orixinalmente,
estaban policromadas. Todas están
condicionadas polo marco arquitectónico,
cun punto de vista único e frontal e unha
función esencialmente decorativa. En
moitas delas, destaca a sensación de
movemento, cos músculos dos protagonistas
en tensión e xestos que se corresponden á
acción concreta representada (vemos
puñetazos, lapitas agarrando a centauros
polo pescozo ou centauros asindo polos
cabelos aos humanos). As posturas son,
pois, moi variadas, así como os escorzos,
cunha gran riqueza plástica en texturas
(tecidos, corpos, cabelos, vestimentas, peles
de animais…) e un sentido do dinamismo notable. As vestimentas, a través dos seus pliegues,
dotan de movemento e de ritmo á composición. Ditos pliegues están moi marcados, ao igual que
a musculatura dos protagonistas (acentúanse con liñas profundas as divisorias de brazos e
pernas, os pectorais e os torsos, dando lugar a xogos de claroscuro que realzan o volumen das
figuras). No conxunto dos relevos, Fidias e os seus colaboradores desmarcanse da busca da
beleza ideal baseada na proporción, preocupándose máis por atopar unha beleza de tipo
espiritual, onde, incluso no máis violento do combate, os rostros amósanse sereos, controlando
as paixóns.
Vemos que os lapitas figuran nos relevos espidos
(algúns levan unha clámide ou lixeira capa),
levan escudos circulares e fáltanlles as espadas
(hoxe perdidas). No caso das mulleres, moitas
delas levan o típico peplo helénico, con
abondantes pliegues.
Pola súa banda, os centauros, como seres
semisalvaxes, represéntase espidos (aínda que
algúns portan peles de animais).
Os combates entre lapitas e centauros son
amosados de xeito verosímil, baseándose en
guerras reais onde as derrotas se alternaban cos
éxitos. De feito, a loita entre os dous bandos
represéntase difícil, e nalgunhas métopas
podemos ver que os centauros están a piques de derrotar aos humanos. Os antigos gregos
aceptaban e respectaban a superioridade dos seus inimigos, admirando a súa forza e coraxe.
Sen embargo, iso non significa que a arte grega sexa máis realista cá exipcia, por exemplo, xa
que de xeito o período clásico caracterizabase pola serenidade e o ideal nas formas, onde non
había lugar para deformacións nin para a violencia excesiva. Buscando o equilibro entre a
natureza e o ideal, mediante o cal acadouse na época clásica a beleza e a nobreza nos
personaxes, vemos nos relevos das métopas que os centauros (tradicionalmente representados
como seres deformes e grotescos), aparecen humanizados, mitigándose en gran medida a súa
violencia a través da harmonía e o coidado dos aspectos estéticos. Os rostros dos centauros son
amosados como plenamente humanos, sen unha especial ferocidade como lle correspondería a
seres monstruosos. É como se os autores deste impresionante conxunto quixesen decirnos que o
racional e o irracional forman parte, de forma inseparable, da natureza humana.
Por outra banda, os gregos do período clásico podían representar unha cruel e violenta batalla,
como a obra presente, pero sempre dun modo estéticamente bello, transmitindo a través das
escenas unha atmosfera de moralidade e de elevación do valor humano. De feito, ningún dos
centauros aparece morto, aínda que un dos lapitas si aparece abatido.
As métopas do lado sur acadaron cotas moi notables en canto a movemento, ritmo, riqueza
plástica e expresiva, innovacións compositivas ou o emprego da técnica dos “panos mollados”,
antepoñendo a busca da beleza interior ou espiritual á beleza proporcionada, botándose man
dunha gran liberdade creativa (tanto na representación dos personaxes como na composición de
escenas que non se vira ata entón). O tratamento escultórico que vemos nas métopas, por outro
lado, abre o camiño cara un novo tipo de expresión que terá unha gran influencia en autores
clásicos posteriores, como Praxíteles, Lisipo ou Scopas, onde, por un lado, buscarase unha belez
amáis amable e humana, e, pola outra, da expresión do sufrimento humano ou “pathos”.

En conclusión: a pesar do lamentable estado de conservación da maioría das métopas, algunhas


tiveron mellor sorte, conservándose 18 das 32 do lado sur do conxunto da Centauromaquia e
algúns fragmentos dos outros lados do Partenón. Das 18 escenas existentes na actualidade,
unha atópase no mesmo sitio orixinal, outra máis en Atenas, unha no Museo do Louvre de París
e outras 15 no Museo Británico de Londres (formando parte do lote de relevos expoliado por
Elgil a principios do século XIX). Crese que os cristiáns máis fanáticos destruíron as métopas
dos lados leste, oeste e norte, respectando as do lado sur porque os centauros encaixaban na
iconografía cristiá como símbolos do pecado (os excesos, a forza bruta, o adulterio e a metáfora
do home dividido entre o ben e o mal).

You might also like