Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 16

TEMA 4.

ARTE PRERROMÁNICA
4.1- INTRODUCIÓN.
4.2- A ARTE VISIGODA NA PENÍNSULA IBÉRICA
4.3- ARTE ASTURIANA
4.4- A ARTE MOZÁRABE
4.1 INTRODUCIÓN

Na metade occidental de Europa, a arte evoluciona dunha maneira singular a partir


da caída do imperio romano. A irrupción dos pobos bárbaros e o extraordinario peso
da Igrexa católica irán derivando as novas obras cara unha nova linguaxe lonxe da
tradición clásica. Ao primeiro tratarase dunha arte de formas dispersas nunha
Europa dividida, para ir acadando un grado de coincidencia internacional que dará
lugar aos dous grandes movementos artísticos cristiáns do mundo medieval: o
Románico e o Gótico.

A división do Imperio romano por Teodosio vai producir a ruptura da unidade


cultural do mundo antigo. A crise do mundo romano viña xestándose dende o século
III e conducira ao asentamento dos xermanos na zona occidental do Imperio dando
lugar á aparición dun horizonte cultural fragmentado con manifestacións moi
distintas en cada zona.

Coñécese co nome de arte prerrománica as manifestacións artísticas desenvoltas


dende o século V ao XI por estes pobos bárbaros asentados nas antigas provincias
do Imperio Romano de Occidente.

A arte prerrománica poderíamos definila como unha arte que conxugou: a herdanza
clásica grecorromana, a achega cristiá, o influxo oriental a través de Bizancio e os
elementos decorativos dos pobos bárbaros.

A arte prerrománica a nivel europeo ten interesantes representacións: ostrogodos,


merovinxios, carolinxios...

1
Na Península Ibérica, no século V, instaláronse os visigodos. Que consolidaron a
súa presenza tras vencer aos suevos no ano 585. Posteriormente, no ano 589,
implantaron o catolicismo no III Concilio de Toledo. A invasión dos musulmáns no
ano 711 puxo fin ao Reino Visigodo. Durante a Reconquista da península formáronse
novos reinos cristiáns, o primeiro deles foi o de Asturias. Os reis asturianos Afonso
I, Afonso II e Ramiro I consolidaron o reino e mandaron construír un gran número
de pequenas igrexas.

A partir do século X, a ocupación musulmá da Península Ibérica, xunto ao


fenómeno posterior da Reconquista, tivo como consecuencia o nacemento da
chamada arte mozárabe. Esta nova arte é nacida froito da convivencia entre
musulmáns e cristiáns.

Existen algunhas características comúns que responden a unha situación común


de crise e de destrución das estruturas artísticas: ausencia case total de escultura,
edificios de pequenas dimensións, con aparellos de pouca calidade. Escasean as
cubertas cupuladas e abovedadas, as xanelas son tamén escasas e de pequenas
dimensións debido ás insuficiencias técnicas dos arquitectos, etc.. Todo elo, non
obstante xeneralizando moito xa que hai algún caso de programas escultóricos
(como o de San pedro da Nave), de mestría na construción de bóvedas (arquitectura
mozárabe e asturiana) ou de magníficas fiestras (Santa María do Naranco).

4.2- A ARTE VISIGODA NA PENÍNSULA IBÉRICA.

Tralas invasións dos pobos xermánicos e a caída do Imperio Romano de Occidente


no ano 476, xurdiron reinos independentes nos antigos territorios imperiais.

Os visigodos aséntanse nas fronteiras do Imperio Romano no século III, xunto ao


Danubio. Avanzan cara o interior do imperio no século V ao aumentar a presión nas
fronteiras polo avance doutros pobos bárbaros coma os hunos. No ano 507
aséntanse definitivamente na Península situando a súa capital en Toledo. O longo
2
contacto cos romanos fai que os visigodos sexan un pobo moi romanizado, incluso
cristián, que asume a dirección de Hispania trala disolución definitiva do imperio. A
fin do Reino Visigodo ven marcada pola invasión dos musulmáns dende o norte de
África no 711 e a conquista de case a totalidade da Península.

Dende o punto de vista relixioso eran arianos (herexía de Arrio, que negaba a
divindade de Cristo), pero no III Concilio de Toledo (589) Recaredo converteuse ao
catolicismo, lográndose así a unificación relixiosa.

Características xerais da arte hispanovisigoda.

Como os visigodos son un pobo nómade teñen escasa tradición artística. A súa
tradición baséase só en pequenos obxectos de fácil transporte como armas ou
xoias, decoradas a base de motivos xeométricos, ou vexetais e animais.

Esta escaseza fai que adopten a tradición clásica que van coñecendo a medida
que contactan co Imperio romano. Imitan as técnicas construtivas (columnas, ordes
clásicas, arcos, bóvedas...) e os tipos de edificios (basílicas), aínda que cun dominio
técnico moi inferior.

A influencia bizantina (debido ao asentamento deste pobo na Península no século


VI) maniféstase na adopción ocasional de igrexas de planta de cruz grega cubertas
con varias cúpulas.

Utilizan a pedra en perpiaños ben labrados.

Os muros son grosos, xa que exercen unha función sustentante, pois carecen de
contrafortes, polo que se abren poucos vans.

As cubertas son planas ou abovedadas, de canón ou aresta.

Empregan arcos de ferradura tanto con función sustentante como decorativa,


sostidos por columnas con capiteis de inspiración corintia aínda que máis
simplificados e cun cimacio enriba.

3
Plantas basilicais ou cruciformes con espazos moi compartimentados, pouco
diáfanos, con varias salas de pequeno tamaño, de funcións pouco coñecidas

A decoración apréciase en capiteis e frisos, esculpidos en pedra, con temas


xeométricos, vexetais ou incluso figurados, de temática relixiosa como en San Pedro
da Nave ou en Quintanilla das Viñas. Con talla a bisel, moi plana, de aspecto tosco,
pouco naturalismo (sen interese na perspectiva, volume, proporción, etc.) e a
adaptación ao marco pouco conseguida.

San Pedro da Nave

Edificio: Igrexa de San Pedro da Nave. Tipoloxía: Igrexa.


Estilo: Hispanovisigodo Cronoloxía: segunda metade do século VII.
Localización: El Campillo (Zamora)

A planta é de cruz grega inscrita nun rectángulo. Xera un espazo compartimentado


moi afastado da concepción basilical paleocristiá, pero con precedentes na
arquitectura bizantina. No exterior tradúcese nun harmónico xogo de volumes coas
naves a diferentes alturas, o ciborio destacado e a ábsida rectangular con dúas
cámaras laterais nun nivel máis baixo. O aparello é de boa calidade, superior ao de
Santa Comba de Bande. No interior, as pedras de cantería, grandes e ben talladas
lembran aos aparellos romanos. Un trazo de interese, existente noutras igrexas da
época, é a presenza dunha cámara sobre a ábsida. O máis orixinal da igrexa é a
existencia dun programa escultórico complexo que se desenvolve en bases, capiteis
e un friso mural. A temática aludiría á Salvación recorrendo a temas do Antigo
Testamento (Sacrificio de Isaac, Daniel entre os leóns) habituais dende a época
4
paleocristiá polo seu carácter de antetipos ou prefiguracións de Cristo na cruz ou na
resurrección.

A técnica da talla é en reserva (só dous planos: fondo e figuración, con total
ausencia de modelado) e a realización é bastante ruda con grandes desproporcións
e dificultade para reproducir as túnicas que aparecían no sarcófago paleocristiá que
probablemente serviu de modelo. Nos cimacios e no friso que percorre o muro
aparecen roleos (vexetais estilizados que se enrolan formando círculos) en eles
figuras de animais (pavos, grullas), palmetas, acios de uvas, etc. Unha temática que
alude ao paraíso terreal.

Igrexa de Santa Comba de Bande (Ourense, principios do século VII)

Edificio: Igrexa de Santa Comba de Bande. Tipoloxía: Igrexa.


Estilo: Hispanovisigodo Cronoloxía: século VII.
Localización: Bande (Ourense)

A antiga Gallaecia romana, ocupada polos suevos ata o 585, incorpórase á órbita
visigoda da man de Leovixildo. A pesar da súa situación excéntrica con respecto ás
capitais visigodas (Mérida e despois Toledo) consérvanse aquí algúns edificios
notables como San Fructuoso de Montelios (Braga, Portugal) ou Santa Comba de
Bande, construída a principios do século VII e restaurada no 872, quizais por
artistas mozárabes.

O edificio, probablemente a igrexa dun antigo mosteiro, presenta unha clara


contradición entre a coidada disposición da planta e a suave gradación dos volumes

5
en altura, coa pobreza da execución e a sobriedade decorativa. Asemella que se
tratase dun proxecto dun arquitecto de primeira fila, executado por un mestre de
obras e uns canteiros con escasa preparación.

A planta orixinal era de cruz grega con cámaras laterais na cabeceira –como en
San Pedro da Nave- e coa ábsida destacada. Existen seis dependencias anexas á
planta principal, todas cadradas: dúas nos lados do pórtico, con acceso desde o
mesmo; outras dúas pegadas a elas e aos brazos da cruz, con acceso desde o
cruceiro, e outras dúas na zona da cabeceira, con entrada desde a nave central. De
todas elas, na actualidade só se conserva unha, a do lado norte da cabeceira. Sobre
a súa función, admítese que as conectadas ao pórtico servirían de refuxio de
peregrinos, mentres que as outras catro, conectadas co interior do templo, serían
celas para os monxes.

O interior, a pesar da súa sinxeleza, resulta moi fermoso polo partido que o
arquitecto soubo sacar da diferenza de alturas, con xanelas a distintos niveis que
dan unha iluminación matizada.

A decoración interior limítase ás impostas con sogueados e acios de uva e outros


motivos vexetais.

As bóvedas que cobren a igrexa son de canón construídas en ladrillo de tipo


romano, salvo o cruceiro que se cobre con bóveda de aresta sostida por catro arcos
de ferradura. Presenta unha fiestra en cada un dos lados.

Aínda que as bóvedas de aresta son de tradición romana sorprende a súa aparición
nun edificio visigodo (é o único caso coñecido) polo que podería ser dunha época
posterior (século IX??)

O arco triunfal de ferradura que da acceso ao altar maior, apóiase sobre catro
columnas pareadas de fuste liso, dúas delas teñen capiteis reutilizados de época do
baixo imperio romano, de tipo corintio, e outros dous de factura visigótica.

6
4.3- ARTE ASTURIANA

A invasión islámica non conseguiu ocupar completamente o territorio peninsular.


Pequenos núcleos de resistencia fixéronse fortes nas montañas do norte tanto en
Asturias como en Navarra e pouco máis tarde no resto dos territorios ao norte do
Douro. No caso asturiano, os descendentes de Pelayo (batalla de Covadonga 722?)
fundaron unha monarquía que, aínda que con altibaixos, conseguiu aglutinar aos
elementos contrarios á presenza musulmá considerándose eles os lexítimos
sucesores da monarquía visigoda.

A arte prerrománica asturiana desenvolveuse na franxa noroeste da Península (a


actual Asturias, Cantabria e Galicia). Vai a ter gran transcendencia xa que é
considerada o máis claro precedente da arte románica. Cronoloxicamente abarcaría
dende o século VIII (batalla de Covadonga no ano 722) ao século X (traslado da
capital do reino dende de Oviedo á León no ano 910).

Características xerais da arte asturiana.

A arte asturiana é unha arte áulica, tanto no civil como no relixioso. A monarquía
foi o seu principal promotor.

A arte asturiana funde a tradición visigoda anterior coa influencia da Europa cristiá
(imperio carolinxio), o que se evidencia no gusto polas formas rectilíneas e a
verticalidade do espazo.

O material primordial continúa sendo a pedra en perpiaños grandes e ben


traballados nos esquinais, para reforzar a estrutura, mentres o resto do edificio
constrúese con cachotería (perpiaños máis pequenos, irregulares).

O sistema construtivo anuncia xa os sistemas románicos:

-Grosos muros como elementos sustentantes

-Cubertas con bóvedas de canón con faixóns, que corresponden ao exterior cos
contrafortes.

7
-Arcos de medio punto peraltado, o que aumenta a sensación de verticalidade.
Ocasionalmente úsase o arco de ferradura pero só con función decorativa

O primeiro momento de esplendor artístico desta monarquía prodúcese durante o


reinado de Afonso II (792-842) quen reconstrúe a cidade de Oviedo, que fora
destruída polos árabes, nun intento de convertela na nova Toledo. Desta campaña
construtiva quedan algúns restos como a Cámara Santa da Catedral ou a igrexa de
San Xulián dos Prados (Santullano) nas aforas da cidade.

Igrexa de San Xulián dos Prados (Oviedo primeira metade do século IX). O edificio
é de planta basilical con tres naves separadas por arcos de medio punto sobre
piares e transepto destacado en altura, todo en perpiaño irregular de pequeno
tamaño e con cuberta de madeira (a pesar do neovisigotismo abandónase o arco de
ferradura).
A cabeceira é recta con tres capelas soldadas cubertas con bóvedas de canón.
Sobre a maior, unha curiosa cámara supraabsidal ábrese ó exterior por unha xanela
triplo similar ás que logo se utilizarán, monumentais, en Sta. Mª do Naranco. A
finalidade desta dependencia, que xa vimos en igrexas visigodas como San Pedro
da Nave, é controvertida pero o máis probable é que servise para algún tipo de
práctica ascética ou de penitencia.

O interior da igrexa está cuberto de pinturas ao fresco, nas que se emprega unha
decoración de arquitecturas palacianas e cortinas suspendidas entre columnas, sen
dúbida inspirada nos escenarios da traxedia helenística. Aparecen tamén
numerosas cruces patadas, símbolo da monarquía asturiana. A pesar de se atopar
hoxe bastante estragadas estas pinturas son moi importantes para a Historia da
Arte xa que testemuñan a existencia dunha tradición de pintura mural nas igrexas
dende o mundo romano ata a Idade Media.

Santa María do Naranco (Oviedo, época ramirense, mediados do século IX)


Edificio: Igrexa de Santa María do Naranco. Tipoloxía: Igrexa
Estilo: Prerrománico asturiano
Cronoloxía: mediados do século IX. Localización: Monte Naranco (Oviedo)
8
O prerrománico asturiano alcanza os seus cumios máis altos durante o breve
reinado de Ramiro I (842-850). A principal novidade nesta etapa ramirense é o
abovedamento total do edificio e a aparición de elementos, como as bóvedas de
canón con faixóns, que anticipan en douscentos anos as solucións do románico e
aínda do gótico pola liberdade coa que se abren xanelas que iluminan os edificios
dunha maneira insólita no arte da época prerrománica. A este período pertencen
tres edificios (San Miguel de Lillo, Santa María do Naranco e Santa Cristina de Lena)
obra probablemente dun mesmo arquitecto.

A chamada Igrexa de Santa María do Naranco, situada na ladeira sur do monte do


mesmo nome, nas proximidades de Oviedo, non era no seu orixe unha igrexa senón
un palacete de caza aínda que xa no mesmo século da súa construción foi
convertido en igrexa, función que mantivo ata 1930, ano no que se comezou a
restauración que lle devolveu o seu aspecto primitivo.

Presenta planta rectangular, moi alongada (20 m de largo por 6 de ancho),


articulada en dúas plantas, accesos nos dous lados maiores. Levantada sobre un alto
zócolo, para compensar as irregularidades do terreo, destaca a gran
desenvolvemento vertical do edificio, común a outros do mesmo estilo.

O piso inferior dividido en tres espazos, o central de maior tamaño, posiblemente


utilizado como oratorio palatino, está cuberto por unha bóveda de canón reforzada
con arcos de faixa que parten dun zócalo que percorre todo o perímetro

9
O segundo andar repite a distribución inferior, pero a dobre altura, con dous
miradoiros a xeito de miradoiros nos extremos e unha gran sala central. O acceso
realízase por unha escaleira exterior de dobre derrama situada no centro do lado
Norte, un dos lados maiores do rectángulo, e pórtico. O espazo central, denominada
Salón Real ou Aula Rexia, foi sen dúbida o epicentro do edificio. A longa bóveda de
canón, en toba, vai reforzada por arcos faixóns que levan o peso ata o muro
perimetral, moito máis groso na planta baixa.O empuxe vai contrarrestado no
exterior por potentes e estreitos contrafortes correspondentes con cada tramo. Nas
enxutas dos arcos aparecen medallóns, enmarcados co motivo da soga,
representando temas cinexéticos, xinetes, soldados e animais. A talla é moi ruda e o
relevo plano, indicio a falta de tradición plástica. Especulouse cun posible orixe
oriental (persa sasánida) para os modelos xa que os medallóns presentan claras
similitudes con pratos de prata sasánidas e tecidos persas.

Igualmente sorprendentes resultan as dúas balconadas, que se converteron na


imaxe característica e máis fermosa do monumento. Abren á sala central a través de
tres portas alinteladas baixo arcos de medio punto peraltados, sendo a central algo
máis ancha e alta cás laterais.

Os seus vans, moi amplos, divídense en tres grandes arcadas de medio punto
peraltado, sendo tamén a central máis ancha e alta cás laterais. Apoian os arcos en
columnas sogueadas e capiteis de tradición corintia.

Fronte á arquitectura da época de Afonso II, que reservaba as bóvedas para o


pequeno espazo das capelas da cabeceira, a arquitectura ramirense supón un
formidable avance aínda que sen solución de continuidade. As novidades do
arquitecto de Ramiro I non callaron e hai que agardar ó século XI para que
reaparezan, agora chegadas de Francia, as bóvedas de canón con faixóns e en xeral
as cubricións abovedadas e cupuladas. Ó mesmo período, e probablemente ó
mesmo arquitecto, pertencen a próxima igrexa de S. Miguel de Lillo e a de Sta.
Cristina de Lena. En ambas aparecen as mesmas solucións para a cubrición
(bóvedas de canón con faixóns sobre ménsulas), idéntico uso dos contrafortes e
10
unha similar utilización do espazo. Todas elas son características excepcionais no
contexto do prerrománico o que fixo pensar a algúns historiadores na intervención
dun arquitecto foráneo (probablemente de orixe oriental) xa que os únicos paralelos
contemporáneos atópanse na arquitectura da Armenia bizantina.

Santa María do Naranco é un dos máis importantes edificios da arte prerrománica.


O seus sistema de contrarrestos, coa división da bóveda en tramos mediante arcos
de faixóns e a utilización de contrafortes no exterior, anticipa a arquitectura
románica que se estenderá por todo o continente europeo.

4.4- A ARTE MOZÁRABE. Arte de repoboación. Século X.

A invasión musulmá ocupou boa parte da Península pero non toda a poboación se
converteu á nova fe. Moitos cristiáns seguiron practicando a súa relixión,
construíndo igrexas e realizando unha arte que, inevitablemente, viuse influída pola
arte dos ocupantes musulmáns.

Entre os séculos X e XI desenvolveuse a arte mozárabe como consecuencia das


relacións entre as comunidades cristiás e os novos dominadores musulmáns. O
nome de mozárabe aplicábase aos cristiáns que vivían en territorio musulmán. Pero
tamén designa as comunidades cristiás que fuxiron do dominio musulmán a causa
das persecucións relixiosas e se refuxiaron ao norte do Douro e no curso alto do
Ebro. Estas zonas son repoboadas con axudas de familias cristiás, que recibían dos
seus respectivos monarcas cartas de repartición de terras e dereitos de
repoboación.

Este arte aparece en Galicia, norte de Portugal, León, norte de Castela, norte de
Aragón e Cataluña.

Xa que moitas das obras cualificadas de “mozárabes” leváronse acabo en territorio


cristián recuperado aos musulmáns podemos falar de “arte de repoboación”, aínda
que non debemos desdeñar o compoñente mozárabe, e dicir, a influencia do islam.

11
A principal característica da arte mozárabe é a fusión de todos os elementos
culturais presentes neste momento na península: musulmáns, visigodos, orientais...
dando lugar a un estilo orixinal.

Non hai unha grande unidade en canto a tipoloxías arquitectónicas pois recorren a
plantas basilicais, de cruz grega, cuadrangulares, etc.

Os materiais varían e van de cachotería, ladrillos e perpiaños mellor ou peor


traballados.

Predominan as igrexas de pequeno tamaño, con espazos moi compartimentados,


con pequenas cámaras adosadas de formas rectangulares, a distintas alturas e con
diferentes cubertas

A influencia musulmá apréciase no gusto polas formas curvas, tanto en planta


como en alzado, o que é un signo distintivo da arquitectura visigoda e asturiana.

Abunda o arco de ferradura, máis pechado que o visigodo, por influencia musulmá,
e con alfiz.

Da arte asturiana recollen o uso de contrafortes.

O exterior é moi compacto, con poucos vans. Organízase pola xustaposición de


volumes cúbicos a diferentes alturas, e sen portada destacada. Cubertas de dobre
vertente con aleiros moi sobresaíntes sostidos por modillóns de rolos.

San Miguel da Escalada: ten planta basilical, con tres naves separadas por arcos de
ferradura. Ten iconostase no cruceiro (é unha estrutura que separa o presbiterio da
nave, co obxecto de ocultar ó sacerdote durante a consagración) Ten tres capelas na
cabeceira, cadradas no exterior, con forma de ferradura no interior, cubertos de
bóvedas gallonadas.

12
Igrexa de San Miguel de Celanova (Ourense, 2ª metade so S. X)
Edificio: Igrexa de San Miguel de Celanova Tipoloxía: Igrexa.
Estilo: mozárabe Cronoloxía: século X. Localización: Celanova (Ourense)

É a pesar das súas pequenas dimensións, o mellor expoñente da arquitectura


galega do século X. Atópase no xardín do noviciado do Mosteiro de Celanova.

A súa superficie (menos de 22 metros cadrados) e a súa altura (non alcanza os 6


metros) non son propios dunha igrexa monacal, quizais fose un oratorio privado ou
unha construción funeraria, en relación coa figura de San Rosendo. San Rosendo
(907-977) foi unha das personaxes máis importantes da Galicia do século X,
emparentado cos reis leoneses, foi bispo de Mondoñedo e Santiago e fundou o
mosteiro de Celanova do que chegaría a ser abade e no que se retirou nos seus
últimos días.

13
A pesar do seu reducido tamaño, a calidade construtiva é excepcional. O aparello é
de cantería asentada en seco (a óso) aínda que disposto de forma non totalmente
regular.

Non presenta a máis habitual planta basilical da arte mozárabe. Poderíamos


definilo como unha sucesión de unidades, de espazos compartimentados. Esta
fragmentación impídenos abarcar a totalidade do espazo dunha ollada. Domina pois
unha configuración xeométrica común da arquitectura mozárabe: a formulación
xeométrica tanto en planta coma en alzado.

Componse de tres espazos aliñados e claramente diferenciados. O primeiro,


rectangular, exerce a función de vestíbulo; un segundo corpo cadrado a modo de
nave e destacando en altura polo ciborio (6 metros) coma se se tratase dun cruceiro;
e a ábsida, de forma cadrada ao exterior e en sección de ferradura no interior,
seguindo o modelo propio das igrexas mozárabes. Neste caso, a forma interior
resulta un arco de ferradura moi pechado, o que fai que semelle máis a un mihrab
dunha mesquita que unha ábsida.

O vestíbulo: nave con entrada lateral, presenta contrafortes prismáticos, tellado a


dúas augas con cornixa saínte e unha fiestra moi pequena con arco de ferradura. O
interior está cuberto por bóveda de canón de ferradura e un arco tamén de ferradura
da acceso ao segundo corpo.

O corpo central de planta cadrada que sobresae ao exterior en forma de cruceiro.


O feito de que este corpo sexa sensiblemente mais ancho que ábsida e vestíbulo
confírelle unha certa sensación de igrexa cruciforme. Posúe contrafortes
prismáticos, pequenas ventás e tellado a catro augas. Chama poderosamente a
atención a amplitude do aleiro a base de laxas de granito sustentadas por modillóns
de oito rolos, decorados con rodas de radios curvos e rosetas. O interior está
cuberto por bóveda de ladrillo de arestas que tamén se apoia en modillóns.

14
A ábsida presenta ao exterior un tellado a dúas augas. O interior, ao que se accede
por un arco de ferradura enmarcado por un alfiz moldurado, ten unha planta de 1,35
metros de diámetro. Este pequenísimo espazo recorda a un mirhab dunha mesquita.

Os tres corpos que compoñen este edificio están abovedados. Úsanse sistemas
diferentes, o que o converte nun auténtico mostrario dos métodos de abovedamento
utilizados nesa época

A bóveda de entrada é de canón en forma de ferradura.

A cámara principal cóbrese cunha bóveda de arestas en ladrillo, que parten dunha
ménsula de rolos. Esta zona está iluminada con catro fiestras a gran altura, que
proporcionan unha excelente iluminación a todo o interior do oratorio.

A ábsida esta cuberta por unha bóveda gallonada

No exterior vemos o fermoso xogo de volumes. O aparello é de grandes bloques


desiguais de granito. Neste exterior apreciamos o uso de contrafortes por influencia
asturiana, e os modillóns de rolos por influencia musulmá. A única porta de entrada
está nun lateral e sobre o lintel da pequena porta de entrada atópase unha
inscrición en latín na que san Rosendo de Dumio honra a memoria do seu irmán
Froila.

Unha característica rechamante é a perfecta orientación desta construción no eixo


leste-oeste, o que se pode comprobar no percorrido la luz solar nos equinoccios,
nos que a luz entra pola diminuta ventá situada no leste, na ábsida, e sae pola outra
situada no oeste

15
Obras (en negriña as que destaca a CIUGA):

San Pedro da Nave (Zamora), Santa María do Naranco (Oviedo), Santa Comba de
Bande e San Miguel de Celanova (Ourense).

Comentario (para entregar): A escoller entre as seguintes obras: Santa María do


Naranco (Oviedo), Santa Comba de Bande ou San Miguel de Celanova (Ourense).

Recorda que debes:

• Catalogar a obra: título, autor, cultura/estilo/movemento, cronoloxía (1 punto


selectividade)

• Analizar o contexto histórico-artístico no que foi realizada (1 punto


selectividade)

• Analizar e xustificar a obra seguindo os enfoques metodolóxicos da Hª da


Arte. Lembrade explicar os aspectos materiais e formais e os trazos estilísticos (2
puntos selectividade)

Definicións (para entregar)

Arco de faixa (arco faixón) Planta de cruz latina

Arco peraltado

Ciborio

Contraforte

Bóveda de aresta

Bóveda de canón

Imposta

Planta de cruz grega

16

You might also like