Claves T.2. - o Sector Primario.

You might also like

Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 6

TEMA 2.- O SECTOR PRIMARIO.

O SECTOR PRIMARIO comprende as actividades económicas dedicadas a obter recursos directamente da


natureza, como a agricultura, a gandería, a explotación forestal e a pesca.
Para entender onde se desenvolven as tres primeiras actividades (agricultura, gandería e explotación
forestal) debemos diferenciar entre o espazo agrario e o espazo rural:
-O ESPAZO AGRARIO inclúe só o territorio concreto onde se practican as actividades agrarias.
Comprende, polo tanto, as terras cultivadas, os pastos, as praderías e os bosques.

-O ESPAZO RURAL inclúe todo o espazo «non urbano», é dicir, todo o que non é cidade.
Comprende, polo tanto, o espazo agrario e todas aquelas terras onde se instalan outras
actividades que ata hai pouco eran máis propias da cidade, como zonas de ocio, centros
comerciais, urbanizacións, fábricas, etc.

*AS ACTIVIDADES AGRARIAS.


Dentro do sector primario son maioritarias as actividades agrarias, que inclúen a agricultura, a gandería e
a explotación forestal.

-A AGRICULTURA dedícase ao cultivo da terra para obter vexetais. Proporciona alimentos para as
persoas (trigo, produtos de horta), forraxes para o gando (millo, alfalfa) e materias primas para a
industria (liño).

-A GANDERÍA dedícase á cría de animais para o seu aproveitamento polos seres humanos. Esta
actividade proporciona alimentos (carne, leite, ovos), fertilizante, materias primas para a industria
(coiro, la) e, en certos casos, forza de traballo.

-A EXPLOTACIÓN FORESTAL consiste no aproveitamento dos bosques. Proporciona alimentos


(froitos, cogomelos) e materias primas para certas industrias (moble, papel).

A POBOACIÓN AGRARIA
As actividades agrarias presentan grandes contrastes entre países:
 Nos PAÍSES MÁIS ATRASADOS, as actividades agrarias son maioritarias, e adoitan empregar
máis do 50 % da poboación e achegan máis do 10 % da riqueza nacional. Nalgúns países,
localizados sobre todo na África subsahariana, estas actividades ocupan a máis do 80 % da
poboación e proporcionan máis do 50 % da riqueza.

1
 Nos PAÍSES MÁIS AVANZADOS, en cambio, as actividades agrarias son minoritarias, xa que
ocupan a menos do 10 % das persoas e representan unha escasa proporción na riqueza dos
países. Xeralmente, menos do 4 % do Produto Interior Bruto (PIB).

A PAISAXE AGRARIA
Os sistemas de cultivo son os procedementos empregados polos agricultores para obter os produtos
agrarios, e con eles configúrase a paisaxe agraria. Adoitan clasificarse atendendo a distintos criterios:
 A VARIEDADE DE CULTIVOS. Fálase de monocultivo cando as parcelas se dedican a un só tipo de
cultivo, e de policultivo cando se dedican a varios.

 A AUGA QUE RECIBEN AS PLANTAS. Os cultivos son de secaño se reciben só a auga de chuvia; ou
de regadío, se o agricultor lles achega auga adicional procedente de ríos, pozos ou fontes. O regadío
require cuantiosos investimentos en infraestruturas por parte dos agricultores; isto explica que,
especialmente nas zonas secas, se limite a cultivos que alcanzan un alto valor no mercado.

 O MODO DE OCUPACIÓN DO SOLO. Pode darse o cultivo continuo da terra, sen deixala descansar;
ou a rotación, consistente na sucesión regular de cultivos nas parcelas.

 O APROVEITAMENTO DA TERRA. A agricultura pode ser intensiva, se a terra se aproveita ao


máximo empregando tecnoloxías modernas (sementes seleccionadas, abonos químicos, maquinaria
de última xeración); ou extensiva, que emprega grandes extensións de terreo. Tamén busca
maximizar a produción, pero respectando o medio ambiente. Presenta unha menor tecnificación
que a intensiva, así como un menor consumo de enerxía.

OS TIPOS DE AGRICULTURA
A AGRICULTURA TRADICIONAL utiliza unha tecnoloxía atrasada e emprega moito traballo e man de obra.
A produción é escasa e destínase ao autoconsumo. Este tipo de agricultura é propia de espazos con baixo
nivel de desenvolvemento de África, o sueste asiático e América Latina.

 A AGRICULTURA ITINERANTE OU DE ROZAS. A paisaxe agraria está formada por parcelas


irregulares, abertas no bosque tras «rozar» ou cortar as árbores e queimalas xunto á maleza. Nelas
practícase un policultivo de cereais e outros produtos destinados ao autoconsumo, como sorgo,
paínzo, millo, mandioca, iñame ou batata. O solo cultívase de forma continua, polo que se esgota
en dous ou tres anos. Entón, o agricultor trasládase a outro lugar e repite o proceso.

 A AGRICULTURA EXTENSIVA DE SECAÑO. A paisaxe agraria componse de hortas e follas de cultivo.


As hortas sitúanse próximas ás vivendas e fertilízanse con lixo e fertilizante animal. Isto permite o
cultivo continuo de hortalizas, millo ou feixóns. As terras dos arredores da aldea divídense en follas

2
de cultivo, nas que rotan un cultivo principal (paínzo ou millo), outro complementario (cacahuete
ou tubérculos) e barbeito, onde o gando fertiliza a terra cos seus excrementos. Con este sistema, o
solo non se esgota, o que permite o asentamento permanente da poboación.

 A AGRICULTURA IRRIGADA DE ARROZ. Localízase na zona de clima tropical monzónico do sur e


sueste de Asia, en países como China, Vietnam, Cambodia ou Filipinas. A paisaxe agraria típica é o
arrozal, situado nas chairas aluviais e nos deltas dos ríos. Dedícase ao cultivo do arroz en pequenas
parcelas inundables, separadas por diques. As técnicas de cultivo son moi minuciosas, e este
sistema permite unha produción continua, con dúas ou tres colleitas anuais.

A AGRICULTURA DOS PAÍSES AVANZADOS. É a máis estendida desde a década de 1940, e o seu obxectivo
é a produción en masa de produtos agrícolas. Para conseguilo, usa produtos químicos, fertilizantes
inorgánicos e maquinaria, e aplica os avances da biotecnoloxía, como sementes transxénicas.

 A AGRICULTURA COMERCIAL EUROPEA. Localízase en Europa e emprega os avances tecnolóxicos


(fertilizantes químicos e naturais, herbicidas, pesticidas), a mecanización e os avances científicos
para obter altos rendementos con pouca man de obra. A produción agraria é masiva, e
especialízase nos produtos máis rendibles para a venda no mercado.

 A AGRICULTURA DOS PAÍSES NOVOS. Localízase en América do Norte (EUA e Canadá) e Australia,
nos países que foron colonizados por europeos durante as épocas moderna e contemporánea. A
paisaxe agraria organízase en parcelas de gran tamaño e forma regular, pertencentes a agricultores
moi preparados ou a grandes empresas multinacionais. Nelas cultívanse produtos especializados en
función do clima. O uso de técnicas avanzadas permite unha produción masiva destinada ao
mercado internacional.

 A AGRICULTURA DE PLANTACIÓN. Localízase nas áreas costeiras de clima tropical húmido de


América Central e do Sur, no sueste de Asia, e no golfo de Guinea, en África. A paisaxe agraria
caracterízase por enormes parcelas, dun só cultivo, pertencentes polo xeral a empresas
multinacionais de países desenvolvidos. Nelas cultívanse produtos de gran demanda nos países
ricos, tanto alimenticios (banana, piña, café, cacao, cana de azucre) como industriais (caucho,
algodón, aceite de palma). O uso conxunto de técnicas avanzadas (sementes seleccionadas,
fertilizantes, praguicidas aplicados desde avións, etc.), e de abundante man de obra asalariada,
necesaria para algunhas tarefas, permite unha produción en masa e barata orientada ao mercado
internacional.
A AGRICULTURA ECOLÓXICA utiliza técnicas respectuosas co medio, polo que recorre aos fertilizantes
orgánicos e á rotación de cultivos para evitar o desgaste do solo, e combate as pragas mediante métodos

3
naturais. Estas técnicas requiren máis traballo que a agricultura produtivista e proporcionan unha produción
moderada e máis cara, pero máis variada e de maior calidade. Destínase a un crecente número de
consumidores verdes, dispostos a pagar máis por este tipo de produtos, localizados sobre todo en América
do Norte e en Europa. Os seus cultivos máis representativos son os cereais, o café, a oliveira e o cacao.

*OS SISTEMAS GANDEIROS.


Os sistemas ou procedementos empregados para criar o gando permiten diferenciar entre gandería
intensiva e extensiva.
 Na GANDERÍA INTENSIVA, o gando refúxiase en cortes e aliméntase total ou parcialmente con
pensos. Por iso, esixe elevados investimentos en instalacións, selección de razas, tecnoloxía,
alimentación e coidados veterinarios.

 Na GANDERÍA EXTENSIVA, o gando pasta ao aire libre en grandes extensións. Polo tanto, require
escasos investimentos en man de obra e capital.

Outra maneira de diferenciar os distintos tipos de gandería é empregar os usos e costumes, e así teriamos:

*A GANDERÍA TRADICIONAL
A gandería tradicional é extensiva. En xeral, responde a dous modelos: o nómade e o transhumante.

 Na GANDERÍA NÓMADE, o gando desprázase continuamente en busca de pastos. É característica


de pobos que viven nos bordos dos desertos, como os tuareg do Sahara e os beduínos da Península
arábiga.

 Na GANDERÍA TRANSHUMANTE, o gando desprázase estacionalmente entre pastos de inverno e


de verán. É propia dalgunhas rexións montañosas de América, Asia e o norte de África.

*A GANDERÍA DOS PAÍSES AVANZADOS


> A GANDERÍA PRODUTIVISTA busca obter a máxima produción para vendela no mercado. Nuns casos
é intensiva, e, noutros, é extensiva.
-INTENSIVA, cría gando estabulado alimentado con pensos, seleccionado xeneticamente, con
coidados veterinarios e tarefas mecanizadas: control informático da alimentación, muxidura
mecánica, etc.

-EXTENSIVA, cría ao aire libre enormes cantidades de gando; é o caso dos ranchos norteamericanos
e australianos ou das estancias da Pampa e da Patagonia arxentinas.

4
> A GANDERÍA ECOLÓXICA é respectuosa co medio e co benestar animal. Por iso, emprega sistemas
semi-extensivos; non alimenta o gando con pensos; non utiliza a estabulación permanente nin
estimuladores do crecemento, limita ao imprescindible a medicación e cría razas autóctonas. A produción
resultante é moderada e máis cara, pero de alta calidade.

*OS ESPAZOS FORESTAIS.


A superficie forestal da Terra é arredor do 30% da superficie terrestre. Neste amplo espazo, e adaptados
ás distintas condicións climáticas, existen diferentes tipos de bosques.

 Os BOSQUES ECUATORIAIS E TROPICAIS HÚMIDOS localízanse na zona cálida -entre o Trópico de


Cáncer e o de Capricornio-. Están constituídos por árbores altas, de madeira dura, e contan con
moitas especies mesturadas. Por iso, é necesario deforestar enormes superficies para explotar as
especies máis rendibles, como a caoba, o ébano e a teca.

 Os BOSQUES TEMPERADOS esténdense polas latitudes medias -entre o Trópico de Cáncer e o


Círculo Polar Ártico, e entre o Trópico de Capricornio e o Círulo Polar Antártico-. Están compostos
por árbores menos altas, que aparecen reunidas formando masas homoxéneas. As de maior
calidade, como o carballo, a faia ou o castiñeiro, foron moi explotados en épocas pasadas. Na
actualidade, foron substituídos en ocasións por especies non autóctonas de maior rendibilidade
económica, como o piñeiro ou o eucalipto.

 Os BOSQUES BOREAIS OU DE TAIGA crecen nas latitudes altas da zona temperada -zonas de
contacto cos círculos polares-. Son bosques densos constituídos por poucas especies, xeralmente
de madeira branda. Entre elas predominan as coníferas, como o piñeiro, o abeto e o bidueiro.

*A PESCA. A UTILIZACIÓN DO MAR.


A PESCA é a actividade destinada a obter produtos do mar. Proporciónalles alimentos ás persoas, e
materias primas á industria, como conservas, conxelados, aceites, fariñas ou fertilizantes.

As zonas do mar onde a pesca é especialmente abundante reciben o nome de caladoiros. Os caladoiros
máis importantes do mundo localízanse en zonas onde abunda o placto.
Onde ocorre isto?
Pois en áreas con extensas plataformas continentais, como os mares de Xapón e do Norte; nas zonas
percorridas por correntes mariñas frías, como as costas de Terranova, en Canadá, ou en zonas de
confluencia dunha corrente cálida e outra fría, como a costa pacífica americana.

5
OS SISTEMAS DE PESCA
Os sistemas ou procedementos de pesca utilizados na actualidade son moi variados, o que obriga a realizar
varias clasificacións:

 SEGUNDO O LUGAR ONDE SE PRACTICA E A SÚA DURACIÓN, distínguese entre pesca de baixura,
próxima ao litoral e diaria; de altura, afastada da costa e de días ou semanas de duración; e de
grande altura, realizada en mar aberto durante varios meses.

 SEGUNDO O NIVEL DE DESENVOLVEMENTO TECNOLÓXICO DAS EMBARCACIÓNS, pode ser:

− A pesca artesanal utiliza barcos pequenos, tecnoloxía tradicional e escasa man de obra, polo
que a produción é reducida e se destina ao mercado local.

− A pesca industrial utiliza barcos-factoría de gran tamaño, tecnoloxía moderna (radar, sónar)
e numerosa man de obra, polo que a produción é abundante e se destina á comercialización no
mercado nacional ou mundial.

Os PRINCIPAIS PROBLEMAS PESQUEIROS son tres:


1) A sobrepesca, que provoca o esgotamento dos recursos mariños.

2) A contaminación do mar, que deteriora os recursos mariños.

3) A dificultade crecente de acceso aos caladoiros doutros países, tras o recoñecemento, en 1982,
dunha zona exclusiva de pesca de 200 millas náuticas (370 km) fronte á costa de cada país.

As POLÍTICAS PESQUEIRAS dos países e dos organismos internacionais buscan solucións para os problemas
anteriores.
Cales son estas solucións?
Entre elas destacan a prohibición das técnicas de pesca máis daniñas, o establecemento de cotas de
capturas, a implantación de medidas contra a contaminación, a firma de acordos pesqueiros entre países,
e o fomento da acuicultura ou cría en cautividade de peixes, crustáceos e moluscos.

You might also like