Download as docx, pdf, or txt
Download as docx, pdf, or txt
You are on page 1of 9

Tema 2.

A caída do Antigo Réxime

Índice:
1. O liberalismo e a Revolución Americana
2. A Revolución Francesa (1789-1804)
3. O Imperio Napoleónico (1804-1815)
4. España: a Guerra da Independencia (1808-1814)
5. A independencia das colonias americanas
6. Arte: o Romanticismo

Aínda que pasou por distintas etapas moi diferentes, durante toda a Idade Moderna
mantívose erguido o Antigo Réxime. É dicir, continuou a monarquía absoluta, a economía de base
agraria e a sociedade estamental. Non obstante, a caída deste sistema era inminente, e estaba a punto
de comezar a Idade Contemporánea, que comeza coa Revolución Francesa (1789) e chega ata os
nosos días, incluíndo as apaixoantes etapas dos séculos XIX e XX1.

1. O liberalismo e a Revolución Americana


Se vos lembrades do tema anterior, no século XVIII desenvolveuse a Ilustración, unha
corrente de pensamento que criticaba o Antigo Réxime e defendía a separación de poderes (según
Montesquieu) e a soberanía nacional (según Rousseau). Estas ideas acabaron orixinando o
liberalismo, unha corrente política que defendía a liberdade dos seus cidadáns (de aí provén a
palabra) e contando coas seguintes características:

 Representación do pobo a través do sufraxio (o voto), rompendo así a monarquía absoluta.


 Separación de poderes, tamén en contra do absolutismo.
 Igualdade de todos os cidadáns ante a lei, indo en contra da sociedade estamental.
 Creación dunha Constitución, un texto onde se localizasen as leis principais do sistema e que
fose aceptado polo pobo2.

Non obstante, este pensamento é o do liberalismo político, xa que tamén se desenvolveu nesta
época o liberalismo económico. Teorizado polo economista Adam Smith (A riqueza das nacións,
1776), esta corrente económica defendía que a economía debía actuar libremente, sen impostos nin
obstáculos de ningún tipo. Así, ía en contra dos gremios e dos impostos aos reis, e asentou as bases
do noso capitalismo actual.

Curiosamente, aínda que estas ideas se crearon en Europa, foi en América onde se levaron a
cabo por primeira vez. Na costa oriental de América do Norte, Inglaterra posuía 13 colonias3. A súa
principal actividade, especialmente nas colonias do sur, era a agricultura en grandes plantacións,
1
Lembrade que hai que saberse as datas das idades da Historia, por favor.
2
Non obstante, tede en conta que estas características tan bonitiñas só se pedían para os homes brancos, de xeito que as
outras razas e as mulleres tardaron moitos máis anos en ir conseguindo estes dereitos fundamentais.
3
Massachusets, New Hampshire, Rhode Island, Conneticut, New York, New Jersey, Pensilvania, Maryland, Delaware,
Virginia, Carolina do Norte, Carolina do Sur e Georgia. Hoxe son 13 estados independentes.
traballadas por escravos negros. Ao ser colonias, a maioría dos beneficios ían parar a Inglaterra, de
xeito que a burguesía americana (descendentes de europeos) comezou a pedir maior poder.
Ademais, os americanos non tiñan ningún tipo de representación no parlamento británico, pero si
tiñan que pagar impostos. Como forma de protesta polos abusivos impostos e polo control absoluto
do comercio, uns comerciantes americanos atacaron un cargamento de té inglés. Este acontecemento
coñécese como o motín do té de Boston.

Isto deu lugar á Guerra da Independencia Americana (1775-1783) entre as colonias e


Inglaterra. En 1776 asinouse a Declaración de Independencia dos Estados Unidos de América, en
Filadelfia. Finalmente, en 1787 aprobouse a Constitución, a primeira da Historia, onde recoñecía
todos os dereitos fundamentais do liberalismo político e económico. George Washington, que foi un
dos principais xenerais da guerra, foi o seu primeiro presidente. Ademais, Francia e España apoiaron
ás colonias, e o noso país recuperou así a illa de Menorca, en posesión británica.

2. A Revolución Francesa (1789-1804)


O acontecemento co que se inicia a Idade Contemporánea chegou nun momento de
mantemento do Antigo Réxime. As súas causas foron, principalmente, as seguintes:

 Auxe da burguesía, xente que pertencía ao Terceiro Estado (o grupo non privilexiado) pero que
se enriquecera grazas ao comercio ou ás finanzas. Eles serán os impulsores da revolución. Esta
foi apoiada polo campesiñado, fartos dos elevados impostos que tiñan que pagar aos propietarios
das terras.
 Ideas da Ilustración, que criticaban o absolutismo e propoñían outro sistema político baseado no
liberalismo.
 Grave crise económica. As malas colleitas e o inmenso gasto do diñeiro público que facía a
monarquía4 creou un enorme malestar social e de protesta.

Ante a mala situación do país, en 1789, o rei francés Luis XVI reuniu en Versalles aos
Estados Xerais, unha asamblea consultiva que representaba aos tres estamentos (nobreza, clero e
Terceiro Estado). Como cada estamento tiña o mesmo peso, a nobreza e o clero sempre lle deron a
razón ao rei. Así, os membros do Terceiro Estado (todos eles burgueses) formaron unha Asamblea
Nacional e, no xuramento do xogo de pelota, xuraron permanecer unidos ata crear unha
constitución. Finalmente, o 14 de xullo de 1789, o pobo de París tomou a Bastilla, cárcere e armería
da cidade. Normalmente, esta data tómase para marcar o inicio da revolución. Aínda que os
burgueses foron os que aportaron as ideas e o liderazgo, as revoltas foron realizadas físicamente por
campesiños e por traballadores das cidades, chamados “sans-culottes”.

1ª Etapa: a monarquía constitucional (1789-1792)

Unha vez demostrado o poder popular, o Antigo Réxime foi abolido, creándose a
Declaración Universal dos Dereitos do Home e do Cidadán, na que se recoñecía a todos os
franceses como “cidadáns” iguais e non como “súbditos” do rei. Finalmente, en 1791 promulgouse
a I Constitución Francesa, que recoñecía os dereitos elementais do liberalismo (separación de
4
Luis XVI e, sobre todo, a súa muller María Antonieta, foron famosos polos gastos desmesurados das súas festas en
Versalles e de todos os seus caprichos, dende o vestuario ata ás comidas.
poderes, soberanía nacional, sufraxio, etc.). A forma de goberno sería a da monarquía
constitucional ou parlamentaria. Nesta época aprobáronse medidas elementais do liberalismo
como a abolición do feudalismo, a abolición dos gremios, a obriga de pagar impostos para nobres e
cregos, ou separar completamente a Igrexa do Estado.

Os reis de Francia, que continuaban no trono, non aceptaron estes cambios e buscaron apoio
no exterior. Austria organizou un exército que chegou a invadir Francia e a familia real francesa
intentou fuxir do país. Preto da fronteira, os reis foron detidos no pobo de Varennes, en 1791.
Posteriormente, foron xulgados por traición, pois pretendían abandonar ao seu pobo e rexeitar o seu
mandato. Este acontecemento abriu a segunda etapa da Revolución.

2ª Etapa: a República social ou o goberno da Convención (1792-1794)

A traición do rei afectou moito ás clases máis populares, que se fixeron co poder en París. Os
reis foron detidos e proclamouse, por primeira vez na Historia de Francia, unha República, é dicir,
un Estado sen rei. Pero entre os políticos republicanos había dúas tendencias elementais:

 Os xirondinos: republicanos moderados.


 Os xacobinos: republicanos máis extremistas que pedían a execución do rei.

Foron estes grupos os que accederon ao poder ao gañar as eleccións de 1792, proclamando a
república e abolindo a figura do rei. Baixo o goberno dos xacobinos, Luis XVI foi xulgado e
executado na guillota en 1793. Pouco tempo despois, tamén rodou a cabeza da raíña María
Antonieta5.

Os xacobinos foron dirixidos por Maximiliem Robespierre, un político que acabou


acaparando todos os poderes e implantando unha ditadura na súa persoa. Durante o seu goberno,
promulgouse unha nova constitución (agora republicana) e certas medidas que beneficiaron ás clases
máis populares. Non obstante, tamén se iniciou unha persecución sistemática contra políticos e
cidadáns sospeitosos de non coincidir co pensamento do goberno. Este periodo, coñecido como O
terror, contonou cunhas 50.000 execucións a guillotina, a maioría delas na cidade de París. Tamén
chegou a ilegalizarse o cristianismo e ata a cambiarse o calendario para que a xente non soubera
cando realizar as celebracións relixiosas. Robespierre foi perdendo os apoios e, en xullo de 1794, foi
detido e guillotinado, xunto coa maioría dos seus seguidores.

3ª Etapa: a República conservadora (1794-1804)

Trala caída de Robespierre, formouse un goberno republicano moi moderado, que pretendeu
manter o sistema parlamentario. Non obstante, a guerra coas potencias europeas continuaba, e pronto
destacou un novísimo xeneral que se converteu nun heroe francés: Napoleón Bonaparte. Este
militar deu un golpe de Estado en 1799 (o golpe de Estado do 18 brumario) e estableceu unha

5
O gran erro dos reis foi intentar fuxir de Francia, pois foron capturados no pobo de Varennes e xulgados por traición.
Polo tanto, o motivo da execución foi a traición de fuxir do país.
ditadura chamada Consulado, pois o poder recaía en 3 cónsules, sendo Napoleón un deles. Así
comeza o periodo final da Revolución Francesa, coa chegada dun dos personaxes máis destacados de
toda a Historia: Napoleón.

3. O Imperio de Napoleón Bonaparte (1804-1815)


En Francia, o século XIX abriuse co final da revolución e o inicio dun periodo moi convulso,
marcado polo liderazgo de Napoleón. Aínda hoxe, hai moitas discusións sobre se foi seguidor ou non
dos principios da revolución. Por un lado, desempeñou un mandato despótico, como líder absoluto
de Francia pero, por outra parte, rachou para sempre coa sociedade estamental e defendeu moitos
principios do liberalismo.

De calquera xeito, en 1804 Napoleón foi nomeado emperador dos franceses, xuntando todos
os poderes na súa persona, e empezando toda unha campaña militar coa intención de dominar a
maior parte de Europa. Ao conxunto de guerras entre Francia e os demais países que se liberaron
neste contexto, coñecémolas como Guerras Napoleónicas. Aínda que foi derrotado polos británicos
en Trafalgar (1805)6, en poucos anos aumentou enormemente o dominio de Francia en Europa,
derrotando a Austria e Rusia (batalla de Austerlitz, 1805) e a Prusia (batalla de Jena, 1806).

Pero Napoleón cometeu dous erros. O primeiro foi a invasión de Rusia, da que saíu
derrotado polo duro inverno. O segundo, foi invadir España, dando comezo a unha guerra na que
tamén foron derrotados os franceses. Tras ser vencido na batalla de Leipzig por unha coalición
europea (Inglaterra, Prusia, Rusia e Austria), foi desterrado á illa de Elba. Logrou escapar e, de
regreso en Francia, intentou recuperar o seu poder, dando orixe a un mandato moi breve chamado o
Imperio dos Cen Días. Non obstante, Napoleón foi definitivamente derrotado na batalla de
Waterloo (1815), e desterrado á
remota illa de Santa Elena, na que
morreu poucos anos despois.

En Europa, as potencias
gañadoras pretenderon restaurar o
Antigo Réxime, facendo como se
nada da Revolución Francesa tivera
ocorrido. Non obstante, as ideas do
liberalismo estaban xa implantadas,
e acabaron dando lugar a un dos
séculos máis convulsos e
revolucionarios de toda a Historia.

6
Lembrade o tema anterior. O rei de España Carlos IV aliouse con Napoleón e, no cabo Trafalgar, tivo lugar un dos
maiores desastres militares do noso país.
4. España: a Guerra da Independencia (1808-1814)
Mentres Napoleón invadía boa parte de Europa, en España reinaba o Borbón Carlos IV, moi
apoiado no seu home de confianza: Manuel Godoy. O inmenso descontento da poboación cara este
rei, con fama de ser moi simple e de estar sometido á súa muller, levou a unha sublevación apoiada
por parte da nobreza e do clero: o motín de Aranxuez. Carlos IV viuse obrigado a abdicar no seu
fillo: Fernando VII.

Poucos meses despois, as tropas francesas cruzaron a fronteira española coa intención de
invadir Portugal, pero aproveitaron a situación para ir asentándose en varias cidades. De forma
paralela, Napoleón mandou reunir na cidade francesa de Baiona tanto a Carlos IV como a Fernando
VII e obrigounos a abdicar. Os documentos de renuncia ao trono que asinaron coñécense como as
Abdicacións de Baiona. Así, Napoleón situou no trono de España ao seu propio irmán: José I7.
Fronte a isto, o 2 de maio8 de 1808, o pobo de Madrid levantouse violentamente contra os soldados
franceses, dando comezou a toda unha revolución que orixinou a Guerra da Independencia (1808-
1814) entre a Francia napoleónica e parte do exército español.

Nesta guerra, España contou coa enorme axuda de Inglaterra, que puxo armas, soldados e a
actuación de grandes militares como o duque de Wellington. A Batalla de Bailén (1808) foi a
primeira derrota de Napoleón en terra. Finalmente, as tropas francesas rendíronse en 1814 e
Napoleón liberou a Fernando VII, que volveu a ser rei de España ata a súa morte en 1833.

Por outra parte, durante o desenvolvemento da guerra, tivo lugar un acontecemento


importantísimo. A ausencia dun rei español deixou un baleiro de poder enorme. En 1810, as
Cortes, é dicir, os principais representantes do reino, reuníronse en Cádiz, onde comezaron a
elaboración dunha Constitución. Finalmente, promulgaron a Constitución de 1812, coñecida como
“La Pepa”, a primeira de toda a nosa Historia e que sentou as bases liberais no noso país. Nela,
recoñecíase España como unha monarquía na que o rei compartía o poder coas Cortes, elixidas polos
cidadáns. Tamén se recoñecían moitas medidas liberais y progresistas como as seguintes:

 Soberanía nacional.
 Separación de poderes.
 Igualdade ante a lei.
 Abolición dos gremios.
 Abolición da Inquisición.
 Abolición dos señoríos.
 Dereito a sufraxio.

As Cortes de Cádiz actuaron en nome do rei, xa que Fernando VII atopábase preso en
Francia, pensando que aceptaría a Constitución á súa volta. Non obstante, xa terminada a guerra,
Fernando VII volveu a España, xurou a Constitución e, unha vez no trono, mandouna suprimir e
parou todas as súas reformas. Restaurou a Inquisición, os gremios, os señoríos, os privilexios do

7
A fama que tiña de alcohólico tróuxolle ao pobre José I o moto de “Pepe Botella”. Hoxe sabemos que o do suposto
alcoholismo non era máis que un bulo popular.
8
Goya retratou as consecuencias deste levantamento na pintura “Os fusilamentos do 3 de maio”. Por certo, este día é
festivo na Comunidade de Madrid.
clero e mantivo o poder absoluto. É por iso que, popularmente, pasou a ser coñecido como “o rei
felón” (traidor). Trala súa morte en 1833, o liberalismo foi asentándose lentamente, tendo sempre a
Constitución de Cádiz como un modelo a seguir. Así, Fernando VII foi o último rei absoluto da
Historia de España.

5. A independencia das colonias americanas


Ata o reinado de Fernando VII, case toda América do Sur, coa excepción de Brasil e as
Guayanas, pertencía a España. Como eran colonias, eran territorios que se empregaban como
explotación para enriquecer a metrópole, é dicir, ao reino de España, en Europa. Os crecentes
movementos nacionalistas estiveron protagonizados polas élites criollas, é dicir, de familias ricas
que naceran en América, pero que eran descendentes de colonos españois. As causas deste
movemento foron:

 Aumento da burguesía criolla. Eles tiñan a riqueza pero os españois seguían mandando na
súa política dende a metrópole.
 Ideas do liberalismo. Contaban tamén co recente exemplo de EEUU, antigas colonias
británicas independizadas en 1776.
 O apoio de Inglaterra, que estaba interesada na independencia das colonias para poder
comerciar con elas libremente.

O momento de auxe das independencias americanas foi o baleiro de poder e a ausencia do rei
durante a Guerra da Independencia (1808-1814). Posteriormente, o proceso continuou co retorno
de Fernando VII e a súa negativa a instaurar o liberalismo, suprimindo a Constitución de Cádiz.
Así, os exércitos que se formaron nestas colonias, liderados e financiados polas élites criollas,
tiveron pouca resistencia por parte do exército español.

Houbo dous grandes líderes independentistas, coñecidos como “os libertadores”: o xeneral
San Martín (que orixinou a independencia de Arxentina e Chile) e Simón Bolívar9. Este último tiña
o proxecto duns Estados Unidos de Sudamérica pero enseguida fracasou pola rivalidade entre
territorios. Fundou a Gran Colombia (que posteriormente se separou nos estados de Colombia,
Venezuela, Ecuador e Panamá). Posteriormente, independizáronse Perú, Uruguai, Bolivia e México.
Tratouse dun proceso moi rápido, entre 1808 e 1828 aproximadamente, no que España perdeu o seu
imperio colonial americano. Tan só conservou algúns territorios como a illa de Cuba.

6. Arte: o Romanticismo
O inicio do século XIX foi tremendamente convulso. En poucos anos, a Revolución francesa
enfrontouse ao Antigo Réxime, e foi seguida dun periodo de graves conflitos en Europa: as Guerras
Napoleónicas. Neste momento de inestabilidade, violencia e ansias de liberdade, apareceu un novo
estilo que ía en contra de todas as normas establecidas: o Romanticismo. En liñas xerais, as súas
características10 son as seguintes:

9
O nome deste señor hoxe está presente no nome país de Bolivia e na moeda empregada en Venezuela: o bolívar.
10
Evidentemente, non todas as obras do Romanticismo cumplen con todas estas características, senón que collen só
algunhas delas.
 Ruptura das normas establecidas: non se busca estabilidade, nin armonía, nin simetría.
 Transmítese desorde e movemento.
 Transmite sentimentos de calquera tipo. Esta característica outórgalle o nome de
Romanticismo.
 Gusto pola fantasía, o marabilloso, o exótico e tamén o terrorífico11.
 Gusto polas paisaxes.

Trátase dun estilo que estivo presente na música, na arquitectura ou na literatura, pero
especialmente na pintura. O español Francisco de Goya foi un dos autores que o creou. Realizou
varios grabados (chamados “Caprichos”) nos que daba renda solta á súa imaxinación. Pero foi trala
Guerra da Independencia onde creou as súas obras mestras: A carga dos mamelucos e Os
fusilamentos do 3 de maio. Neles, representa sentimentos e violencia, algo moi afastado das normas
do neoclasicismo ás que estaba afeito. Posteriormente, na súa vellez, pintou as paredes da súa casa
con escenas verdadeiramente tétricas e tenebrosas, que reciben o nome de “pinturas negras”. Entre
elas, destaca a de Saturno devorando ao seu fillo12.

O Romanticismo estendeuse por toda Europa, pero son moitos os autores que ven en Goya o
seu iniciador. En Francia, o epicentro da revolución, os sentimentos desatáronse en pinturas como A
liberdade guiando ao pobo (de Eugene Delacroix) ou O naufraxio da Medusa (de Géricault). En
Inglaterra, un país moito máis estable política e socialmente, desenvolveuse o gusto pola paisaxe,
destacando O carro de feo (de John Constable) ou Chuvia, vapor e velocidade (de William
Turner). Tamén destacou en Prusia Caspar David Friedrich, con obras como Camiñante fronte mar
de néboa, ou o Mar de xeo.

11
De feito, será na literatura do Romanticismo cando se poñan de moda as novelas de terror, destacando clásicos como
Drácula ou Frankenstein.
12
Lembra que Goya foi pintor da Corte de Carlos III, de Carlos IV e do mesmísimo Fernando VII. Tivo unha mala
relación persoal co monarca, e as súas simpatías co liberalismo levárono a ter que fuxir a Francia, onde morreu.
Comentarios de texto
Artigo 1. Os homes nacen e permanecen libres e iguais en dereitos. As distincións sociais só poden
fundarse na utilidade común.

Artigo 2. A finalidade de calquera asociación política é a protección dos dereitos naturais e


imprescindibles do home. Tales dereitos son a liberdade, a propiedade, a seguridade e a resistencia á
opresión.

Artigo 3. O principio de toda a Soberanía reside esencialmente na Nación (…).

Artigo 6. A lei é a expresión da vontade xeral. Todos os cidadáns teñen dereito a contribuír á súa
elaboración, persoalmente ou a través dos seus Representantes. Debe ser a mesma para
todos(…). Todos os cidadáns poden ser presentarse e ser elixidos para calquera dignidade, cargo ou
emprego público (…) sen outra distinción que as súas virtudes ou aptitudes.

Declaración Universal dos dereitos do home e do cidadán

A pesar de todas as calumnias, non teño medo á miña fama. Levo cincuenta batallas campais, a
maioría das cales gañei. Estruturei e levei a cabo un código de leis que levará o meu nome ata a máis
afastada posteridade. Erguinme da nada para ser o monarca máis poderoso do mundo. Europa estaba
aos meus pés. Sempre fun da opinión de que a soberanía reside no pobo. De feito, o goberno imperial
era unha especie de república. O meu lema era: a profesión está aberta aos intelixentes, sen distinción
de nacemento nin de fortuna, e é por este sistema igualitario polo que me odia tanto a oligarquía.
Diarios de Napoleón Bonaparte. Santa Helena. 1817.

Art1. A nación española é a unión de todos os españois de ambos hemisferios.


Art. 3. A soberanía de España reside na nación, e a esta pertence o dereito de establecer as súas leis
fundementais.
Art 12. A relixión da nación española é e será perpetuamente a católica, apostólica e romana, única e
verdadeira.
Art 14. O tipo de goberno da nación española é a monarquía moderada e hereditaria.
Art 15. A potestade de facer as leis reside nas Cortes (representación da vontade popular) e no rei.
Art 16. A potestade de executar as leis reside nas Cortes e no rei.
Art 34. Para a elección dos deputados ás Cortes celebraranse eleccións por parroquias en cada
provincia de España.
Art 371. Todos os españois teñen liberdade de escribir, imprimir e publicar as súas ideas políticas.
Constitución Española de 1812.

You might also like