Eu Non Son Neofalante

You might also like

Download as docx, pdf, or txt
Download as docx, pdf, or txt
You are on page 1of 2

Eu non son neofalante

É curioso, a maioría de xente que me coñece pensa que son neofalante. Certo é que na fala
(e nas publicacións de facebook, que vén sendo o mesmo) tendo a castelanizar toda
palabra que se me pon por diante, pero a miña impresión é a contraria: as persoas
neofalantes teñen un vocabulario moito máis normativo -chamémoslle correcto- que as que
temos o galego como lingua materna. Estou xeralizando, por suposto.

Eu son de Ourense. Ourense cidade. Nin sequera das aforas. Ourense, Ourense. Cando ía
ao súper coa miña nai, que imaxino que lle diría as típicas paridas como “Mamá,
cómprasme este chocolate? Gústame moito”, as señoras (si, señoras, porque nos ’80
poucos homes se vían no súper, e hoxe tres cuartos do mesmo) calificábanme como
graciosa. Que graciosa era eu, falando esa lingua tan estranxeira e exótica: o galego na
Galiza!

Pouco despois comecei o cole. Alí aprendín que naquel sitio se falaba un idioma que eu xa
entendía porque llo escoitaba ás persoas que non eran da miña familia: o castelán.
Compañeiras, compañeiros, profesoras e profesores. Alí falábase español ao 100% e eu
tiña que falalo tamén, porque non escoitara a ninguén expresarse na lingua que eu
aprendera. Así que como boa nena, uninme como unha ovelliña a aquel bilingüismo
harmónico e puxen o meu graíño de area para deixar morrer o meu idioma: o galego.
Reservábao para a familia e para quen se dirixía a min en galego. O castelán para a escola
e para o resto da miña vida social.

E así foi como cheguei a facer a carreira en Santiago e fun á manifestación por aquel
famoso decreto. O marabilloso decreto, o trilingüismo harmónico, non é? E despois de toda
unha vida sendo bilingüe (real, bilingüe real), asusteime e decateime de que non bastaba
con falar galego coa familia e con quen mo falaba. Que non quería ser eu quen contribuíse
á morte do noso idioma, da máxima expresión da nosa rica cultura. Así que decidín non
volver ter unha conversa en castelán. Polo menos na Galiza.

Fixen todas as exposicións, exames e traballos da carreira en galego, enfrontándome a


peticións de compañeiras e compañeiros como te importaría hablar en castellano para que
te entienda mejor? contestando cun rotundo non e seguindo. Síntoo moito, pero unha vez
comprometida, xa non ía dar marcha atrás. No ámbito social foi aínda moito máis difícil.
Moitas amigas e amigos que sabían de sobra que eu falaba galego na casa soltaron
comentarios do tipo jaja ¿qué haces hablando gallego? ou que a mí no me hables el
gallego, que lo hablas como muy del que se habla en la escuela, hablas raro y se nota que
no es natural, solo deberían hablarlo los de los pueblos, que ellos saben. Nótése todo o
prexuízo que ten sobre todo esta última frase. Nin que dicir ten que co tempo só quedaron
na miña vida os que tomaron a miña falsa transición, que só consistiu en deixar de falar un
idioma, con naturalidade e sen atacarme.

Unha vez fun tomar algo cunha cantante que acababa de entrar nun dos grupos onde toco.
Cando viu que estaba nun grupo folk no que case todo o mundo falaba en galego, comezou
a falar tamén en galego con nós. Estabamos sentadas nunha terraza, no parque de San
Lázaro. O camarero coñecíaa e púxose a falar con ela, con varios pretéritos perfectos
fermosísimos como ¿lo vistes? e varios imperativos deliciosos con erre pedirme la
consumición cuando queráis. Cando a rapaza se dirixiu a min, “Olga, ti que queres tomar?
Eu vou pedir unha coca-cola”, el comezou a rirse na súa cara, preguntándolle que facía
falando galego, se non o sabía falar. Que non o sabe falar?

Se este tipo de escarnios sociais lle pasan a unha persoa coma min, que non tiña ningunha
inseguridade na miña fluidez co galego por ser a miña lingua materna, ou a esta cantante,
que simplemente se dirixiu a min en galego pero fala castelán con case todo o mundo…
Que será entón das persoas que decidan ser neofalantes e monolingües? Canta merda
terán que aturar? Sabede que nunca seremos xs que falamos galego quenes vos
xulguemos.

A min paréceme perfecto que cadaquén fale o que lle pete, pero non confundamos as
cousas, porque non é o galego o idioma que “impoñen” en Galicia, non. Se así fose, e
parafraseando ao noso presidentísimo, o saberiamos falar e o saberiamos escribir
perfectamente (cita de Alberto Núñez Feijoo, ex-presidente da Xunta de Galicia).

Olga Brañas, Nós diario (17/02/2018), adaptación

Expoña a súa opinión sobre o que supón ser neofalante nunha comunidade como
Galicia: indica as causas posibles, as consecuencias e poña exemplos de prexuízos
lingüísticos que coñeza cara as persoas que toman a decisión de mudar a súa lingua.
(extensión aprox. 250 palabras)

You might also like