Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 11

A expansión imperialista.

A Gran
Guerra.
Dende 1870, os países occidentais experimentaron unha nova fase expansiva ligada á
Segunda Revolución Industrial e ao Imperialismo. As disputas entre as potencias industrializadas
derivadas da procura de mercados seguros e da expansión imperialista contribuíron a crear o tenso
escenario no que se produciu o estoupido da Primeira Guerra Mundial.

O imperialismo.
Entre 1870 e 1914, as potencias europeas (Reino Unido, Francia, Alemania, Italia, Países
Baixos, Bélxica…) máis os EE.UU. e o Xapón protagonizaron un proceso de expansión territorial
que afectou a amplas rexións de África, Asia e Oceanía denominado imperialismo. Impuxeron o
seu dominio político, militar e administrativo sobre estes territorios e sometéronos a unha
intensa explotación económica.

Os factores explicativos.
A rápida expansión territorial e económica das potencias industrializadas foi posibilitada e
favorecida por circunstancias de diversa índole.
Os intereses económicos.
As economías capitalistas requirían de mercados seguros onde investir máis rendiblemente
os seus excedentes de capital, asegurarse a subministración de certos recursos (materias primas,
fontes de enerxía, alimentos) e exportar os seus produtos manufacturados.
Os avances tecnolóxicos.
As melloras no armamento acontecidas nas últimas décadas do século XIX (cartucho
metálico, rifle de repetición, metralladora, canoneira…) proporcionaron unha esmagadora
superioridade militar aos exércitos dos países industrializados sobre as poboacións indíxenas.
A revolución dos transportes (expansión do ferrocarril e da navegación a vapor) e das
comunicacións (telégrafo, teléfono, radio) facilitaron a explotación económica e o control militar e
administrativo de territorios afastados.
Os avances médicos na loita contra as enfermidades tropicais (a quinina contra a malaria,
p.e.) reduciron os problemas que representaban para os europeos o asentamento nestes
territorios.
Os factores sociais.
A expansión imperialista podía proporcionar espazos para asentar o excedente demográfico
e amortecer a conflitividade social. Ademais, para algúns sectores (funcionarios, militares), as
colonias proporcionaban posibilidades de promoción impensables nas metrópoles.
Os factores políticos.
A expansión territorial obedeceu ás necesidades estratéxicas das grandes potencias:
seguridade, control de rutas marítimas, acceso a mares abertos…Por exemplo, Gran Bretaña
ampliaría os seus dominios en Asia para protexer a xoia do seu imperio, a India, fronte a potenciais
rivais.
O prestixio internacional dun país asociouse aos éxitos na expansión exterior. Francia, tras a
derrota na guerra fronte a Prusia (1871), intensificou a súa acción colonial en África e Asia.
Alemaña e Italia consideraron a posesión dun imperio colonial como un medio para facer valer a
súa presencia no concerto internacional.
Todo isto xerou unha competencia entre os países industrializados por ampliar os seus
dominios.
Tamén a actuación de certos grupos políticos e empresariais, a través da prensa e de grupos
de presión, influíu sobre os gobernos, os parlamentos e a opinión pública en favor da expansión
exterior.
A xustificación ideolóxica.
Diversas correntes (racismo biolóxico, socialdarwinismo) contribuíron a espallar a idea da
superioridade das nacións industrializadas, que tiñan non só a obriga senón tamén e o deber de
dominar e civilizar ás poboacións sumidas na barbarie. Mentes, o espírito misioneiro das igrexas
cristiáns contribuía a xustificar o dominio sobre pagáns e infieis.
As sociedades científicas e xeográficas promoveron o descubrimento de novos territorios,
formas de vida e riquezas, e alentaron a curiosidade o interese por elas. Neste sentido tamén sería
importante o papel da literatura de aventuras (Kipling, Verne, Salgari), moi popular dende finais do
século XIX.

O reparto imperialista do mundo.


Ata 1870, a presenza europea en Asia e África limitábase na meirande parte dos casos a uns
poucos enclaves costeiros. En 1914, os territorios baixo control directo das potencias imperialistas
representaban máis do 80% da superficie mundial.
As disputas entre as potencias imperialistas.
As conflitos derivados da expansión colonial resolvéronse en moitos casos pola vía
diplomática, ben mediante acordos bilaterais, ben mediante reunións multilaterais. Este foi o
caso da Conferencia de Berlín de 1885, convocada polo chanceler alemán Otto von Bismarck para
tratar sobre o reparto de África. A ela concorreron os representantes das potencias europeas máis
EE.UU. e o Imperio otomán, que acordaron:
• A prohibición da trata de negros.
• A liberdade de comercio e navegación polos ríos Níxer e Congo.
• O establecemento do Estado Libre do Congo baixo a autoridade de Leopoldo II de Bélxica.
• A introdución do principio de ocupación efectiva dun territorio para recoñecer o seu
dominio.
Ás veces, para evitar o enfrontamento directo, as potencias imperialistas acordaron manter a
independencia dalgúns Estados entre as súa áreas de dominio. Son os chamados Estados-colchón:
Etiopía (entre as posesións británicas de Francia, Gran Bretaña e Italia en África Oriental), Persia e
Afganistán (entre a India británica e os dominios rusos en Asia Central), Siam (entre os dominios
británicos e franceses no sueste asiático).
A partir de 1890, a escaseza de territorios dispoñibles e a incorporación de novas potencias
(Alemaña, Italia, EE.UU., Xapón) fixeron máis frecuentes e virulentos os choques. Algúns como o
incidente de Faxoda entre Francia e o Reino Unido (1898) puideron resolverse diplomaticamente,
outros acabaron en enfrontamentos bélicos: a guerra hispano-norteamericana por Cuba, Puerto
Rico e Filipinas (1898); o conflito anglo-bóer en Suráfrica (1898-1902); a guerra ruso-xaponesa no
Extremo Oriente (1904-1905)...
Os imperios coloniais.
Gran Bretaña.
A colonia británica máis importante foi a India. Asegurar as rutas marítimas cara ela esixiu
consolidar a presenza en Suráfrica e, tras a construción do canal de Súez, controlar Exipto.
Protexela requiriu ampliar os dominios no sur de Asia (Paquistán, Birmania). Para garantir o acceso
aos mercados chineses eran fundamentais os enclaves en Singapur e Hong-Kong.
En África avanzou cara o norte dende Suráfrica mais a pretensión de establecer un eixo O
Cabo-O Cairo foi frustrada pola presencia alemá en Tanganica.
O Imperio británico incluíu, ademais, os dominios de Canadá e Oceanía (Australia, Nova
Zelandia).
Francia.
Dende as primeiras posicións en Alxeria e Senegal, Francia obtivo importantes ganancias
territoriais no norte, oeste e centro do continente africano. No leste engadiría posesións en
Somalia, Madagascar e outras illas do Índico.
En Asia, os franceses ocuparon Indochina, o que lles garantiu tamén unha vía de penetración
no mercado chinés.
Rusia.
Durante o século XIX converteuse nun gran imperio continental euroasiático coa
incorporación do Cáucaso, Asia central e Siberia.
Alemania.
O Segundo Reich chegou tarde ao reparto colonial e houbo de conformarse coa ocupación
dalgúns territorios libres en África (Togo, Camerún, Namibia, Tanganica) e Oceanía.
Italia.
O reino de Italia incorporouse tamén tarde. Tras anexionarse Somalia e Eritrea fracasou no
intento de conquistar Etiopía (1896). En 1912, tras derrotar ao Imperio otomán, comezou a
ocupación de Libia.
Bélxica.
O Estado Libre do Congo foi un dominio persoal do rei Leopoldo II dende a Conferencia de
Berlín (1885) ata a súa incorporación oficial ao Estado belga (1908).
Portugal.
O país veciño puido manter, non sen dificultades, a súa tradicional presenza en África
(Angola, Mozambique, Cabo Verde) e Asia (India, Timor leste).
España.
Os restos do imperio ultramariño español (Cuba, Puerto Rico, Filipinas) perdéronse tras a
guerra contra os EE.UU. (1898). A derrota acrecentou o interese polo continente africano, onde a
presenza española se limitou ao norte de Marrocos, o Sahara occidental e Guinea Ecuatorial.
Estados Unidos.
Tras derrotar a España en 1898 ocupou Filipinas e Puerto Rico e controlou Cuba,
formalmente independente dende 1902. Ampliou tamén os seus dominios no Pacífico (Hawaii).
Pero o imperialismo estadounidense. caracterizáronse, máis que pola posesión de extensas
colonias, pola dependencia económica á que someteu a moitos países de América central e o
Caribe, complementa con intervencións militares na área cando os seus intereses se vían
comprometidos.
Xapón.
Convertido nunha potencia industrial e militar, o Xapón Meixí procurou ampliar o seu
territorio no Extremo Oriente. Enfrontouse ao decadente Imperio chinés e conquistou Formosa
(1895). Tras derrotar a Rusia en 1905, puido ocupar Corea e facer valer os seus intereses en
Manchuria.
A administración dos imperios coloniais.
O control político-administrativo dos dominios das potencias imperialista revestiu diversas
formas:
• Administración directa (as colonias propiamente ditas): o territorio da colonia é
considerado parte da metrópole e é administrado polos representantes desta. Os colonos
gozan dos mesmos dereitos que os cidadáns da metrópole e os indíxenas son
considerados súbditos sen ningún dereito.
• Administración indirecta: os territorios manteñen estruturas administrativas propias
baixo a supervisión dos representantes da metrópole. Esta administración indirecta
responde a diferentes fórmulas:
◦ Protectorados: a potencia colonial controla a defensa, a política exterior e a explotación
dos principais recursos económicos do país colonizado mentres que as autoridades
nativas se ocupan dos asuntos internos. Esta foi a opción escollida polo Reino Unido en
boa parte da India e Exipto ou por Francia en Marrocos e Túnez.
◦ Dominios: os territorios son dotados pola metrópole de institucións de goberno propias
cun elevado grao de autogoberno agás no tocante á defensa e ás relacións exteriores.
As chamadas colonias de poboamento branco británicas (Canadá, Suráfrica, Australia,
Nova Zelandia) responderon a este modelo.
◦ Concesións: trátase de territorios pertencentes a un país formalmente independente
nos que as potencias imperialistas obtiñan grandes privilexios comerciais. Esta foi unha
opción habitual no Imperio chinés.

Os efectos da expansión imperialista.


O imperialismo tivo un forte impacto en diversos eidos tanto sobre o territorio e as
poboacións dominadas como sobre as súas metrópoles.
Consecuencias demográficas.
Aínda que a meirande parte da emigración europea entre finais do século XIX e comezos do
século XX tivo como destino o continente americano, singularmente os EE.UU., as colonias,
especialmente as situadas en áreas de clima temperado (Canadá, Suráfrica, Australia, Nova
Zelandia, Alxeria), recibiron importantes continxentes de poboación europea.
Nalgunhas rexións extraeuropeas, a difusión das enfermidades levadas polos europeos e o
maltrato a que foi sometida a poboación nativa (traslados forzosos, pésimas condicións de traballo,
masacres) provocou un serio retroceso demográfico. No Estado Libre do Congo, a explotación
particularmente cruel da man de obra indíxena provocou, segundo algunhas estimacións, uns
10.000.000 vítimas.
Noutros lugares, a redución da mortalidade derivada da introdución dos avances da medicina
occidental e o mantemento de elevadas taxas de natalidade provocaron un aumento
desequilibrado da poboación. A explotación colonial agravou en moitos casos o efecto das malas
colleitas. A Gran Fame do sur da India (1877-1878) provocou 5.500.000 mortos mentres as
autoridades británicas permitían a exportación de gran.
Consecuencias económicas.
As potencias imperialistas explotaron no seu beneficicio e ao menor custo posible os
recursos dos territorios colonizados provocando a completa dislocación da súa economía.
Impúxose unha economía extractiva baseada na agricultura de plantación orientada ao
monocultivo (cacao, caucho, café, té, etc.) e na explotación mineira (ouro, diamantes, petróleo).
As poboacións nativas foron desposuídas das súas terras e convertéronse en man de obra barata
en condicións próximas á escravitude. Mentres, as manufacturas locais arruinábanse ante a
competencia dos produtos fabrís procedentes das metrópoles.
As potencias imperialistas promoveron a construción de infraestruturas de transporte
(portos, ferrocarrís, estradas) en función das necesidades desa economía extractiva e dos seus
intereses xeoestratéxicos, non para articular e desenvolver os territorios colonizados.
Deste xeito, a expansión imperialista contribuíu a configurar un mercado mundial baseado
no intercambio desigual entre o centro (as potencias industrializadas), que subministraba capital,
tecnoloxía, man de obra cualificada e produtos manufacturados, e a periferia (os territorios
colonizados) que aportaba materias primas, alimentos e man de obra barata.
Consecuencias sociais.
A dominación imperialista provocou a desarticulación das sociedades tradicionais. No seu
lugar conformouse unha sociedade dual, que separaba á minoría privilexiada de orixe
metropolitana (comerciantes, terratenentes, administradores, militares) da maioría nativa,
privada de todo dereito.
Consecuencias culturais.
O dominio imperialista provocou tamén unha grave crise nas culturas autóctonas, sometidas
a un proceso brutal de aculturación. A administración colonial, as institucións educativas e as
misións cristiás impuxeron a relixión e as linguas das metrópoles ameazando ás tradicións culturais
autóctonas. Contribuíron tamén a formación dunha elite indíxena occidentalizada. Algúns dos
seus membros abrazarían ideas liberais, nacionalistas ou socialistas e terían un papel destacado na
loita contra os poderes coloniais.
Consecuencias políticas.
Para as poboacións sometidas, a dominación occidental un trazado artificial das fronteiras
en función dos intereses e acordos entre as potencias imperialistas que non tivo en conta as
diferenzas preexistentes. Ademais, as potencias imperialistas fomentaron e aproveitaron as
disputas entre os diferentes grupos étnico-culturais para asentar o seu poder. Isto xeraría graves
conflitos tras a descolonización.
Por outra banda, os conflitos entre as grandes potencias derivados da expansión imperialista
ían contribuír ao aumento da tensión internacional, especialmente dende 1890.
Xa no seu tempo, o imperialismo foi obxecto de crítica. Nos países europeos, sectores da
esquerda liberal e socialista cuestionaron os fundamentos ideolóxicos e os trazos da dominación
occidental. Nos territorios colonizados, a reacción dos sometidos desencadeou violentas revoltas,
sempre brutalmente reprimidas, e deu orixe a algunas organizacións políticas, como o Congreso
Nacional Indio (1885).
A Gran Guerra (1914-1918).
A Gran Guerra condicionou o devir histórico de todo o século XX. Trastocou a orde política,
económica e social de Europa e o seu problemático remate contribuíu a crear as condicións que
farían posible un escenario aínda máis destrutivo, o da Segunda Guerra Mundial. Moitos
problemas internacionais do presente teñen a súa orixe naquel conflito.

As orixes do conflito.
A crecente tensión internacional dende 1890 creou as condicións que fixeron posible un
enfrontamento armado que acabou implicando a tódalas grandes potencias. As razóns dela son
múltiples:
As rivalidades económicas.
A emerxencia das novas potencias industriais da Segunda Revolución Industrial (EE.UU.,
Alemaña e Xapón) ameazaba a hexemonía comercial e colonial do Reino Unido e Francia. A
procura de mercados exteriores seguros alentaba as disputas entre os Estados.
A exaltación nacionalista.
Os nacionalismos tiveron un papel ideolóxico moi importante na definición das rivalidades
entre os Estados. En Francia, a perda de Alsacia e Lorena na guerra franco-prusiana (1870-1871)
alimentou as ansias de desquite. En Alemaña, os influentes círculos panxermanistas reivindicaban
a unificación de tódolos alemáns dentro dun mesmo Estado. En Italia, os irredentistas
consideraban inacabada a unificación mentres non fosen incorporados os territorios de fala
italiana sometidos ao Imperio Austro-Húngaro. En Rusia, os paneslavistas reivindicaban o papel
do Imperio dos tsares entre os pobos eslavos do leste de Europa.
Ao mesmo tempo, os Estados plurinacionais, como os Imperios ruso, austro-húngaro e
otomán, estaban sometidos a fortes tensións internas. Especialmente complexa era a situación do
de Austria-Hungría, un complexo mosaico étnico-cultural (alemáns, maxiares, checos, eslovacos,
italianos, romaneses, polacos, eslovenos, serbios, croatas, bosnios, ucraínos...). Nos Balcáns, as
pretensións de Serbia, reino que aspiraba a incorporar á poboación serbia e mesmo aos restantes
pobos sudeslavos (eslovenos, croatas, bosnios), ameazaban a integridade do Imperio.
A paz armada (1890-1914).
Tras a demisión de Bismarck 1890, o káiser Guillerme II optou por unha política exterior máis
arriscada cá do chanceller de ferro. Alemaña debía asumir un papel internacional acorde co seu
potencial económico. Isto esixía controlar novos mercados, crear un extenso imperio colonial e
dotarse dunha poderosa mariña de guerra para defendelos. As ambicións alemás suscitaron o
receo doutras potencias e orixinaron á formación de dous bloques de potencias enfrontados:
Alemaña, Austria-Hungría e Italia renovaron a Tripla Alianza, constituída en 1882; Francia, Rusia e
o Reino Unido constituíron a Tripla Entente en 1907.
Desencadeouse unha febril carreira de armamentos: incrementáronse os orzamentos
militares, aumentouse o tamaño dos exércitos, os arsenais militares foron modernizados e
ampliados (canóns, acoirazados, submariños, etc.), os plans de guerra foron postos a punto. Non
debe estrañar que o período 1890-1914 fose coñecido como a paz armada.
Os conflitos prebélicos.
A crecente tensión internacional estourou nunha serie de conflitos localizados nos primeiros
anos do século XX que tiveron como escenario o norte de África e os Balcáns.
• O norte de África. As pretensións francesas sobre Marrocos foron rexeitadas por
Guillerme II, quen, en apoio dos intereses comerciais alemáns, manifestouse a favor da
independencia do reino. Mentres, Gran Bretaña desexaba garantías de seguridade no
Estreito de Gibraltar e España aspiraba a facer valer os seus tradicionais dereitos na
rexión. As dúas crises marroquinas (1905, 1906) obrigaron a convocar unha reunión
internacional, a Conferencia de Algeciras (1906). Os acordos nela tomados permitiron a
Francia reforzar reforzar a súa presencia no territorio, orixe do protectorado hispano-
francés sobre Marrocos. En compensación, Alemaña recibiu parte do Camerún francés. A
alianza entre Francia e o Reino Unido saíu reforzada.
• Os Balcáns. Ante o debilitamento do Imperio otomán, Austria-Hungría tratou de
acrecentar a súa presencia na rexión e expandirse pola costa do Adriático. Rusia pretendía
mellorar as condicións do seu acceso ao Mediterráneo mentres apoiaba aos eslavos. Os
pequenos Estados balcánicos (Grecia, Bulgaria, Serbia, Montenegro) aspiraban a ampliar
os seus territorios a costa dos otománs.
A rexión foi escenario de varias crises internacionais entre 1908 e 1913 que puxeron a
proba as diplomacias europeas e contribuíron a reforzar as alianzas militares. En 1908, o
Imperio austro-húngaro anexionou Bosnia e Hercegovina. As guerras balcánicas (1912,
1913) reduciron o territorio otomán en Europa á mínima expresión e acabaron reforzando
o reino de Serbia, aliado de Rusia e rival de Austria-Hungría. Italia aproveitou para
arrebatar Libia e as illas do Dodecaneso aos otománs.
O estourido da Gran Guerra: a crise do verán de 1914.
O 28 de xuño de 1914, o arquiduque Francisco Fernando, herdeiro do trono austro-húngaro,
e a súa esposa foron asasinados en Saraievo (Bosnia) por un estudante serbo-bosnio, Gavrilo
Prinzip, que pertencía á grupo nacionalista Nova Bosnia, ligado á Man Negra, unha organización
secreta con lazos con axentes do servizo secreto serbio.
Os gobernantes austríacos debateron longamente sobre a resposta. Finalmente impúxose a
liña dura. Contando co apoio de Alemaña, o goberno imperial mandou un ultimato ao goberno
serbio. Este rexeitou algunha das esixencias e Austria-Hungría declaroulle a guerra (28 de xullo).
Rusia iniciou a súa mobilización militar e Alemaña respondeulle coa declaración de guerra. Entón,
Francia decretou a mobilización xeral. Alemaña declarou a guerra a Francia e iniciou a invasión de
Bélxica. Finalmente, o 4 de agosto de 1914, o Reino Unido, como garante da independencia de
Bélxica, declarou a guerra a Alemaña.
O conflito austro-serbio converterase nunha guerra europea.

As magnitudes do conflito.
Ningunha enfrontamento bélico anterior acadara a escala, o custo humano e material nin o
nivel de devastación que tivo a Gran Guerra. Foi unha guerra total.
A extensión xeográfica.
A Gran Guerra foi, en gran medida, un conflito europeo. Europeas foron as súas orixes,
europeas as principais potencias implicadas, europeas as principais frontes de combate. Pero
axiña superou estes límites: os combates desenvolvéronse tamén nos océanos, nas colonias e, no
Próximo Oriente. As potencias imperialistas mobilizaron os recursos humanos e materiais das súas
colonias. Moitos países extraeuropeos -moi especialmente os EE.UU- acabaron intervindo nel. Por
iso, a Gran Guerra, foi tamén o primeiro conflito mundial.
Duración e evolución.
A guerra, que inicialmente se supoñía breve, acabou durando máis de catro anos. No seu
desenvolvemento distínguense habitualmente catro fases:
 A guerra de movementos (1914). Na fronte occidental, os exércitos alemáns atacaron
Francia, invadindo Bélxica e Luxemburgo, coa esperanza de obter unha rápida vitoria e
poder concentrar axiña tódalas súas forzas contra Rusia. En setembro de 1914, as tropas
xermanas estaban a 40 km. de París. Porén, o exército francés, apoiado polos británicos,
puido detelas na batalla do Marne.
Na fronte oriental, a ofensiva rusa foi freada na batalla de Tannenberg. Nos Balcáns, o
ataque austríaco a Serbia non tivo éxito.
 A guerra de posicións (1915-1916). As frontes estabilizáronse e as tropas cavaron
trincheiras para protexerse. As defensas impuxéronse claramente. Calquera intento de
gañarlle territorio ao inimigo estaba condenado ao fracaso despois de enormes perdas. As
ofensivas acababan en longas, devastadoras e inútiles batallas como as de Verdún (máis
de 770.000 baixas con preto de 300.000 mortos e desaparecidos) e do Somme (máis de
1.200.000 baixas con máis de 310.000 caídos).
Dadas as inmensas perdas cumpría buscar novos aliados: ao bando das chamadas
potencias centrais (Alemaña, Austria-Hungría) sumáronse o Imperio otomán (1914) e
Bulgaria (1915); ao dos aliados (Francia, Reino Unido, Rusia, Serbia, Montenegro) e
incorporáronse Italia (1915), Portugal, Romanía, Grecia (1916), os EE.UU. (1917), etc.
 A crise de 1917. As penalidades da guerra, tanto na fronte como na retagarda, provocaron
en 1917 unha graves problemas en moitos dos países belixerantes (motíns, desercións,
protestas, folgas, etc.). En Rusia, a situación conduciría ao triunfo da revolución
bolxevique en novembro de 1917. O novo goberno revolucionario asinou un armisticio
coas potencias centrais e retirouse da guerra (paz de Brest-Litovsk).
Por outra banda, a guerra submariña total decretada por Alemaña, decidiu finalmente aos
EE.UU. a intervir no conflito en prol dos aliados en abril de 1917.
 A fin da guerra (1918). Tratando de anticiparse á chegada do groso das forzas
estadounidenses a Europa, Alemaña intentou unha última ofensiva en Francia, secundada
por Austria-Hungría no norte de Italia. Os ataques foron contidos e os aliados lanzaron
vitoriosa contraofensivas en tódalas frontes.
Bulgaria, o Imperio otomán e Austria-Hungría solicitaron aos aliados a paz. En Alemaña, as
revoltas estendéronse no exército, na mariña e na retagarda. A situación era insostible.
Mesmo o belicoso alto mando militar alemán recomendou ao káiser Guillerme II o
armisticio. A situación revolucionaria precipitou os acontecementos. O káiser renunciou e
proclamouse a República. O 11 de novembro de 1918, asinábase o armisticio que puña
fin ás hostilidades.
Novas armas. Vellas tácticas?
O nivel de violencia e devastación que caracterizaron a Gran Guerra foi posible pola
aplicación dos adiantos tecnolóxicos asociados á Segunda Revolución Industrial, que posibilitaron
a aparición de novas armas e a súa produción en serie a unha escala antes descoñecida.
A mortífera metralladora neutralizou os avances en campo aberto e contribuíu á
inmobilización das frontes. A guerra de trincheiras esixiu novos medios de combate: o eficaz arame
de espiño, os gases tóxicos, o lanzachamas, as granadas de man. A artillería pesada e os
morteiros substituíron ás pezas lixeiras de campaña.
Os primeiros avións de combate e os primeiros tanques resultaron decote máis
impresionantes que eficaces. No mar, os grandes buques de superficie tiveron un papel secundario
no conflito. Pola contra, a acción dos submarinos alemáns afectou seriamente as liñas de
abastecemento aliado.
Fronte ás novidades no armamento, os planes de batalla seguían baseándose en tácticas
obsoletas. Contra toda evidencia, a maioría dos xenerais seguían apegados a idea de que calquera
liña defensiva podía ser rota se eran lanzados contra ela os homes suficientes. Por iso non foron
quen de superar a guerra de posicións.
Guerra total.
Durante os máis de 4 anos que durou o conflito foron mobilizados uns 70.000.000 de
combatentes sometidos a condicións de combate e supervivencia extremas. A situación na
retagarda tampouco foi fácil.
Organizouse unha economía de guerra: tódolos recursos dos países belixerantes foron
postos ao servizo do esforzo bélico. Os produtos de primeira necesidade comezaron a escasear o
que obrigou a introducir as cartillas de racionamento. Ao bloqueo naval aliado sobre as potencias
centrais respondeu Alemaña coa guerra submarina.
Foi unha guerra de propaganda porque os gobernos debían convencer aos cidadáns da
necesidade dos sacrificios esixidos, da xustiza da causa nacional e da maldade dos adversarios.
Non se prescindiu da subversión como medio de combate. Prestouse apoio a aqueles
movementos que puidesen debilitar o esforzo de guerra dos adversarios: así os alemán trataron de
utilizar ao nacionalismo irlandés contra os británicos e aos revolucionarios bolxeviques contra o
Imperio ruso; pola súa parte, os aliados instrumentalizaron aos árabes contra o Imperio otomano e
apoiaron aos nacionalistas checos contra o Imperio austro-húngaro.

A organización da paz: a Conferencia de París.


En xaneiro de 1918, o presidente norteamericano T. W. Wilson expuxo nun discurso ante o
Congreso dos EE.UU. os chamados 14 puntos, que debían ser na súa opinión a base dunha paz
xusta e duradeira: fomento da diplomacia pública, impulso do desarme, liberalización do
comercio mundial, aplicación do principio das nacionalidades, creación dunha liga de nacións que
garantise a paz e a seguridade internacionais, etc.
Entre 1919 e 1920 celebrouse a Conferencia de Paz de París. Nela participaron delegacións
de 32 países pero os Estados derrotados foron excluídos das negociacións. Os principais
protagonistas foron os líderes das catro principais potencias aliadas: o presidente dos EE.UU. (T.
W. Wilson) e os primeiros ministros de Francia (G. Clemenceau), Reino Unido (D. Lloyd George) e
Italia (V. E. Orlando). As duras esixencias francesas respecto a Alemaña non sempre coincidiu coas
posicións máis conciliadoras de Gran Bretaña e EE.UU. Nestas condicións redactáronse os tratados
de paz de Versalles (con Alemaña), Saint Germain (con Austria), Sèvres (co Imperio otomán) e
Neuilly (con Bulgaria).
O Tratado de Versalles (1920) impuxo a Alemaña unhas duras condicións, que pretendían
impedir o seu rexurdimento como gran potencia: declarou a responsabilidade exclusiva de
Alemaña e dos seus aliados no estoupido da guerra, impuxo notables perdas territoriais,
estableceu importantes restricións militares, obrigaba ao pago de cuantiosas reparacións de
guerra, prohibíase a unión con Austria... Estas draconianas condicións xeraron graves problemas
económicos e alentaron un desexo de desquite na poboación alemá que había ser aproveitado
polos grupos ultranacionalistas.
Tódolos acordos de paz incluían o Pacto da Sociedade de Nacións. Esta organización
internacional inspirada nos 14 puntos de Wilson pretendía promover a paz e a resolución dos
conflitos entre os países por medios pacíficos. Porén, a Sociedade de Nacións resultou pouco
eficaz por diversas razóns: os mecanismos de toma de decisións eran complexos e a organización
non dispoñía de recursos propios para forzar o cumprimento dos seus acordos. Ademáis, os países
derrotados e a Rusia soviética foron inicialmente excluídos e os EE.UU. negáronse a formar parte
dela.

As consecuencias do conflito.
O impacto da guerra foi enorme. Trastocou radicalmente o panorama político, económico e
social de Europa e do mundo.
Consecuencias demográficas.
El custo humano da Gran Guerra foi enorme. Resulta difícil de calcular o número de mortes
provocadas polo conflito. Algunhas estimacións sitúan a cifra de falecidos en preto de 14.000.000:
uns 8.500.000 militares e outros de 5.000.000 civís. Non hai que esquecer que as penalidades da
guerra facilitaron a propagación da epidemia de gripe de 1918, que causou outros 20.000.000
mortos. Deixou tamén uns 20.000.000 de feridos, incluídos 7.500.000 de eivados permanentes.
A redución do número de varóns pola mobilización militar e as baixas en combate provocou
un notable desequilibrio entre a poboación masculina e feminina e un descenso da natalidade.
Calcúlase en 12.000.000 o déficit de nacementos durante o conflito.
Consecuencias económicas.
O guerra provocou graves destrucións materiais (núcleos de poboación, industrias, minas,
campos de cultivo, infraestruturas de transporte), especialmente nas áreas afectadas polos
combates (Bélxica, N. de Francia, NE de Italia, Europa oriental). Significou tamén unha redución
significativa da poboación activa.
O custo directo da guerra foi tamén enorme. Para sufragalo, os Estados tiveron que
endebedarse. Os países aliados puideron pedir préstamos no exterior, especialmente aos EEUU.,
difíciles de devolver. Tras o conflito, os esixiron aos derrotados o pago de cuantiosas reparacións.
As débedas interaliadas e as reparacións de guerra alemás representarían un gravoso lastre
financeiro nas décadas seguintes.
Europa veu reducido o seu peso na economía mundial en favor dos EE.UU. e, en menor
medida, doutros países. Nova York tomaba o relevo de Londres como principal centro financeiro
mundial.
Consecuencias sociais.
A guerra contribuíu a acrecentar as desigualdades sociais. En moitos países, os conflitos
agraváronse e mesmo deron orixe a insurreccións revolucionarias (Rusia, Alemaña, Hungría...).
Ao mesmo tempo, a mobilización masiva dos varóns facilitou a incorporación das mulleres a
postos de traballo que ata entón lles estaban vedados. A masiva presencia feminina no mercado
laboral deu un novo estímulo para que, acabado o conflito, recobrase forza a loita pola
emancipación feminina. En varios Estados, as mulleres conquistaron o dereito ao voto: Alemaña
(1918), EE.UU. (1920), Reino Unido (1928)...
Consecuencias políticas.
A caída dos vellos imperios (Alemaña, Austria-Hungría, Rusia) posibilitou tras a guerra a
expansión da democracia liberal en Europa. Recoñecéronse novos dereitos políticos, incluído o
sufraxio feminino, e sociais. Porén, este triunfo foi efémero. Nos anos 1920, moitas das novas
democracias xa caeran ante o auxe de diferentes formas de autoritarismo político.
Os partidos socialdemócratas e campesiños incrementaron o seu peso político nos
parlamentos e nos gobernos europeos. Xurdiron tamén novas forzas, os partidos comunistas e as
organizacións da dereita autoritaria ultranacionalista, que cuestionaban a democracia política.
O mapa de Europa veuse radicalmente alterado. A crise e desintegración dos vellos imperios
austrohúngaro e ruso deu lugar a novos Estados (Austria, Hungría, Polonia, Checoslovaquia,
Iugoslavia, Finlandia, Letonia, Estonia, Lituania). Os tratados de paz alteraron o trazado das
fronteiras entre numerosos países europeos.
Ademais, as colonias ultramariñas alemás e os dominios otománs no Próximo Oriente foron
repartidos entre os vencedores, singularmente Francia e Gran Bretaña, como mandatos da
Sociedade de Nacións.

You might also like