Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 31

6.

Moito máis lonxe

1
Ler e escibir / Escoitar e falar

Antes da lectura, reflexionamos!


Hai moitas maneiras de facer amizades, algo que non sempre é doado. Ás veces, por timidez ou
pola precaución natural ante as novidades, é un proceso lento; noutras ocasións, a conexión é
instantánea.

De calquera maneira, é importante achegarse ás persoas sen prexuízos, sen dar por sentado
como son ou o que poden pensar de nós. Por outra parte, tamén é importante a imaxe que
queiramos proxectar cara aos demais. Na actualidade, coa consolidación das novas tecnoloxías,
a identidade virtual (sempre alegre, sempre decidida, sempre disposta...) pode «disfrazar» un
pouco a nosa personalidade real. Cómpre non esquecer que as relacións exixen respecto,
empatía, cariño, amabilidade e, por suposto, sacrificio.

E ti, que calidades valoras máis nas túas amizades? Éche fácil faceres amigos ou amigas?

2
Escoita e le:

A nai de Isla achegou as dúas amigas ata a casa de Anxo facendo case o mesmo
percorrido que adoitaba facer el en autobús. Durante o camiño, sentiron a forza que
irradiaba toda a costa.

Tan pronto baixaron do coche, un golpe de vento levou ata elas o recendo do mar. [...]
A brisa transportaba por toda a avenida o ritmo da música que soaba dentro da casa.

O portal estaba aberto. Camiñaron polo xardín ata a porta principal e chamaron ao
timbre. As dúas pensaban que sería Anxo o que lles abriría, pero non foi así.

—As que faltaban —rosmou Carballo con expresión de desgusto.

Fitounas uns segundos desde a porta con aires de superioridade, deulle un grolo ao

3
vaso que levaba na man e volveu ao interior da casa sen dirixirlles unha palabra. A Isla
nin se lle pasara pola cabeza que aquel bardallas podía estar na festa. Por un
momento entráronlle ganas de dar media volta e marchar.

Mar percibiu a súa preocupación e pediulle que se esquecese del. Foran á festa para
divertirse, non para amargarse. Fíxolle prometer que non ía pensar máis nel o resto da
noite.

No interior da casa había unha chea de rapaces do instituto. Non paraban de cruzarse
con caras familiares por cada recuncho. Atoparon a Anxo no salón, cambiando a
música no seu ordenador. Cando as viu, iluminóuselle a cara.

Estiveron un anaco falando con el. Ata que unha rapaza foi preguntarlle se podían
montar unha pequena pista de baile no medio do salón. Isla e Mar botaron unha man
para facer espazo, axudando a mover unha mesa e unhas cadeiras. A xente animouse
e empezou a acercarse. Minutos despois, unha chea de adolescentes movíase ao ritmo
da música.

Elas as dúas estiveron bailando durante máis de media hora. [...] Entón, alguén
tropezou con Isla con toda a intención, botándolle unha bebida enteira por riba. Ela
púxose moi nerviosa cando viu que se trataba da irmá de Carballo.

—Perdoa, tía —disimulou Emilia poñendo cara de sorpresa—. Que torpe estou!

4
—Ti de que vas? —preguntoulle Mar, incomodada.

—Muller, calquera pode dar un mal paso —contestoulle Emilia con retranca. [...]

—Veña, xa está —Anxo colleu a Isla pola cintura—. Imos fóra tomar o fresco —díxolle
ao oído.

—Iso, sácama de diante! —berrou Emilia con moi malos modos.

—Cala a boca —interpúxose Mar—. Que por esta noite xa te luciches bastante.

Anxo levou a Isla ao xardín. Parecíalle que o mellor era separalas, para evitar que a
cousa fose a máis.

—Esa tía é amiga túa? —preguntoulle ela.

—Ca, ho! Nin sequera estaba invitada á festa. Sempre está armando lea. Pero Carballo
apareceu con ela e non me pareceu ben deixalos de porta para fóra.

No xardín ía frío. Isla empezou a tremer tan pronto saíron.

—Estás xeada! —díxolle el—. Non me estraña. Tes o vestido mollado. Ven comigo —
pediulle.

Levouna ao seu cuarto e deulle un pantalón da súa nai e un xersei. A rapaza foi ao
baño para mudarse de roupa. Sacou o vestido, secouse cunha toalla e puxo as roupas
da nai de Anxo. O pantalón quedáballe enorme. E o xersei tampouco a favorecía
demasiado. Cando se viu no espello, entráronlle ganas de botarse a chorar. [...] Anxo
estaba no corredor, agardando por ela.

—Estás guapa —díxolle cando saíu—. Ata con roupa da miña nai!

—Anxo, nunca che dixeron que mentes fatal?

El agasallouna cun sorriso, colleuna da man e levouna ao seu cuarto. [...] Aquela noite
había lúa chea. Isla asomouse á fiestra e buscou a Xúpiter. En canto pousou a mirada
no ceo, sentiuse lixeiramente reconfortada.

—Que lúa máis bonita, verdade? —dixo el—. Está enorme!

—A lúa é a nosa veciña máis cercana no espazo. Por iso parece tan grande. Pero, en
realidade, é diminuta se a comparamos co sol. O universo está cheo de cousas
fermosas. Escoitaches falar das Pléiades? —Isla falaba sen desviar a mirada do ceo—. É
un cúmulo de estrelas que está a catrocentos anos luz de distancia, en dirección á

5
constelación de Tauro. É
alucinante, semella unha
burbulla de po brillante
nadando no espazo.

Anxo colleuna pola cintura


e mirouna en fite. Retiroulle
con coidado un mechón de
cabelo que lle caía diante
dos ollos. Ela continuou
falando para non deixarlle
nin un só oco ao silencio.

—Tamén lle chaman o


cúmulo das Sete Irmás.
Segundo a mitoloxía, o rei
Atlas tiña sete fillas. Todas
foron conducidas ata o ceo
co mesmo brillo. Pero
Merope, unha delas,
cometeu o erro de
namorarse dun mortal e
casou con el provocando
que a súa estrela
palidecese. [...]

El estaba fascinado e non o


podía disimular.

—Tes algo especial, Isla —


confesoulle nun murmurio.

Logo acariñoulle o cabelo suavemente. Nese instante, a ela empezaron a tremerlle as


pernas. Intuía o que estaba a piques de suceder.

Ledicia Costas, O corazón de Xúpiter, Xerais, 2013.

6
Léxico
A hiperonimia e a hiponimia

A hiperonimia establece unha relación de xerarquía semántica entre palabras na que o


significado dunha (o hiperónimo) é máis xeral e, por tanto, inclúe o das demais (os
hipónimos).

Velaquí un caso de hiperonimia, onde o termo máis xeral, isto é, o hiperónimo


(animal) inclúe todos os demais termos, que serán os seus hipónimos:

animal (hiperónimo) ⇔ peixe (hipónimo)


⇔vaca (hipónimo)
⇔tigre (hipónimo)
⇔ pita do monte (hipónimo)
⇔ caramuxo (hipónimo)
[...]

A hiponimia é, tamén, unha relación de xerarquía semántica entre palabras na que o


significado dunha (o hipónimo), por ser máis específico, se inclúe no doutra (o hiperónimo).

Polo xeral, un hiperónimo adoita ter máis dun hipónimo. Desta maneira, a relación
que se establece entre hipónimos dun mesmo hiperónimo denomínase cohiponimia.
Todos eles serán, na súa relación de oposición, cohipónimos entre si.

7
laranxa (cohipónimo) ⇔ froita (hiperónimo)

mazá (cohipónimo)

limón (cohipónimo)

pexego (cohipónimo)

ameixa (cohipónimo)

A holonimia e a meronimia
A holonimia e a meronimia son dúas relacións semánticas estreitamente vinculadas entre si,
que se caracterizan por presentar unha relación de «parte-todo».

Dáse meronimia, por exemplo, entre as seguintes palabras:

perna → corpo
garfo → louza

Xa que logo, as palabras perna e garfo son, respectivamente, merónimos das palabras corpo e
louza, as cales remiten a un «todo» que as inclúe como «partes» constituíntes. Corpo e louza
son, por tanto, os holónimos.

Le o seguinte texto e contesta as preguntas:

Hai agora tres semanas que veu ao noso colexio, xusto cando empezaba o curso. É
certo que eu xa o coñecía de antes e, desde entón, tiñámonos visto, de vez en cando,
nalgunha que outra festa, pero á parte diso non estiveramos en contacto. Cando
agora o volvín ver, sentín un frechazo.

O que pasa é que el simplemente non reacciona.

8
Ata o de agora intenteino
con sorrisos, acenos e
abordaxes, pero non me
percibe en absoluto.

Non lle falta amabilidade,


non, todo o contrario, pero
é, sobre todo, terriblemente
sereno. Ao mellor é que ten
moza.

—Nina, ti cres que ten


moza?

—Non sei. É xeitoso.

Claro, se non, tampouco o


tería elixido. Ten pelo louro
e rizado, así unha desas
melenas salvaxes e ollos
moi, pero que moi
brillantes, parecen amoras
molladas pola chuvia. O que
pasa é que non me mira
nunca con eles. Prefire
estar a mirar todo e nada, como soñando, sempre parece ter a mente noutro lado.
Ademais, só leva roupa totalmente extravagante, cun toque persoal. Dá a sensación,
ao mesmo tempo, de interesante e natural. Non o tipo vaqueiros-calcetíns-de-
deportes-tenis como os outros nachos.

Jan é algo especial.

Teño ximnasia, arte e bioloxía con el, tres materias onde está moi preto de min. Como
non se ha poder facer nada?

—O importante é non renderse! —dixera Nina.

Míroa con cara interrogante e inmediatamente sabe o que penso. Sorrindo con sorna,
colle un bolígrafo e garabatea estás tola na miña venda.

Solto unha gargallada.

—Síntome realmente xenial —bísbolle.

9
Asente.

—Pero non te pases, Speedy, se non, acabas depre como a última vez.

Cristina Dunker, Normal, diferente, Galaxia, 1999.

10
Educación literaria
O texto literario. Concepto e
xéneros

Un texto literario é aquel que estimula unha serie de emocións na persoa receptora, a través
do uso da palabra con fins estéticos.

Fronte aos textos non literarios, cuxo fin principal é informar, o texto literario adoita
recrear un mundo imaxinario cunha serie de sucesos baseados na ficción. Con todo,
estes sucesos poden estar inspirados en acontecementos, personaxes ou lugares
reais.

Como dixemos, un dos trazos principais do texto literario é o seu poder evocador, co
cal se procura deleitar, isto é, provocar pracer na persoa lectora. Con esta intención
empréganse diferentes recursos: figuras retóricas e de repetición, creacións léxicas
etc.

11
Lembra
A función da literatura relaciónase cunha das principais funcións da linguaxe: a función poética
ou estética, o cal se xustifica co emprego da linguaxe dunha maneira artística. Así, o emisor
canaliza a atención do receptor na beleza e na orixinalidade da súa mensaxe.

Os textos literarios poden clasificarse en tres grandes grupos: narrativa, lírica e drama. Son
estes os tres xéneros literarios principais.

O xénero narrativo é propio dos textos que inclúen a figura dun narrador,
quen conta unha historia ficticia.

Ao xénero lírico pertencen aqueles textos literarios que expresan estados de


ánimo, emocións e sentimentos da persoa emisora. Caracterízanse, adoito,
pola súa brevidade e polo emprego do verso.

O xénero dramático ou teatral comprende textos literarios escritos para


seren representados. Polo xeral, son textos dialogados que presentan a
acción sen a intervención do narrador, senón directamente por medio das
palabras dos personaxes e do seu desenvolvemento na escena.

12
Outros xéneros literarios
Alén dos tres xéneros citados, existen outros que presentan tamén un carácter literario, tendo
en conta a maneira en que se escribe o texto e a súa intención artística:

O ensaio. Posúe carácter didáctico e adoita ser un texto en prosa, non narrativo, en
que o autor ou autora expón a súa opinión sobre un tema determinado.

Os libros de viaxes. Son relatos en que o autor ou autora narra as súas aventuras
durante unha viaxe. Comparte moitos vínculos coa crónica histórica, que consiste na
narración de feitos pasados memorables.

A autobiografía. Neste tipo de narracións, o protagonista é o propio autor da obra.

Concepto de linguaxe literaria


Como xa dixemos antes, no texto literario predomina a función poética da linguaxe,
aquela coa que se procura deleitar e crear na persoa receptora (os lectores e as
lectoras) unha sensación de pracer. Grazas á literatura podemos imaxinar os textos
máis fermosos, pois a expresividade da linguaxe non ten límites.

Esta busca da perfección estética aséntase no emprego de certos recursos de estilo,


mediante os cales os textos poden amosar a beleza meirande. Dous son os tipos de
recursos dos cales se adoita botar man na literatura: os recursos de repetición e os
recursos da linguaxe figurada.

13
Os recursos da linguaxe literaria:
recursos de repetición e recursos
da linguaxe figurada

Os recursos de repetición son figuras retóricas baseadas na iteración de palabras, sons ou


estruturas sintácticas.

Velaquí unha mostra dos recursos de repetición máis frecuentes:

A aliteración. Consiste na repetición dun ou varios sons nun mesmo verso


ou grupo de versos ou enunciados.

Repara no efecto que produce a repetición dos sons de c/q, r, d e o no seguinte


fragmento de poema:

Do que queda do riso no recordo:


un eco de elexía na cova do lobo,
un ouvear de lobos en eco,
un ecoar de homes misteriosos que rin.

Xosé M.ª Álvarez Cáccamo, Praia das furnas.

A anáfora. É a repetición dunha ou máis palabras no inicio de dous ou máis


versos.

Como a envexa, a carraxe e a luxuria.


Como o resentimento e a miseria.
Como a peste, a guerra e mais a fame.
Como a lebre perseguida polo can.

Manuel María, O libro das baladas.

O paralelismo. Repetición da mesma estrutura sintáctica en dous ou máis


versos ou oracións.

14
Hoxe fumaremos opio na escaleira
E eu traereiche o sorriso dun león
Para que non te sintas soa
E pararemos os ascensores
Para que os homes morran un anaquiño de vida
E morreremos abrazados
En calquera cabina sen moedas
E botarannos aos charcos
Para que se nos morran os peixes entre os ollos.

Estevo Creus, Poemas da cidade oculta.

O uso da linguaxe figurada procura dotar as palabras dun sentido distinto ao literal.

No noso día a día empregamos adoito estes recursos. Cando lle dicimos a alguén que
«está nas verzas» ou que é «raído como unha manta sen pelo» non pretendemos que
se entenda de maneira literal, senón nun sentido figurado («estar distraído» ou «ser
demasiado atrevido», respectivamente).

Na linguaxe literaria estes recursos empréganse de maneira moi habitual. Velaquí


algúns exemplos:

A metáfora. Identifícanse dúas realidades, outorgándolles unha relación de


semellanza ou equivalencia (A é B).

Mais ve que o meu corazón


é unha rosa de cen follas.

Rosalía de Castro, Follas Novas.

O símil. Establece unha comparación entre dúas realidades, por medio da


conxunción como / coma (A é como B) ou unha expresión equivalente ( semella,
parece...).

O vento e o mar berraban


coma cans adoecidos.

15
Bernardino Graña, Ardentía.

A personificación. Figura que consiste en atribuírlle calidades ou trazos


propios dos seres humanos a animais ou seres non humanos.

Un mércores, que se estaba moi ben na cama, os espertadores puxéronse


antipáticos e os rapaces tiveron que se reincorporar aos seus traballos
escolares.

Fernando Cabeza Quiles, Contos azuis.

16
Para saber máis...
O repertorio de recursos estilísticos é moi amplo e nesta unidade tan só estudaches algúns
deles, probablemente os máis recorrentes.

Achegámosche tamén outros que tamén has ir coñecendo a través das túas lecturas:

A antítese. Dáse cando nun verso ou enunciado se opoñen dúas palabras, expresións
ou conceptos con significado oposto.

Se os que xacen dentro non poden saír,


e os que viven fóra non queren entrar,
estes rexos muros que coutan as campas
son un monumento da idiotez humán.

Celso Emilio Ferreiro, Ceminterio privado.

A hipérbole. Consiste na exaxeración das accións ou calidades dunha persoa, animal


ou cousa.

Os Espíritos Mariños sorriron silenciosamente ao coñecer os pensamentos de Nemiña;


eles sabían da importancia do ferreiro, e por que el e só el fora quen de fraguar unha
espada invencible.

X. H. Rivadulla Corcón, A balada de Roi Nemiña.

Escoita e le os dous poemas que aparecen a continuación. Despois, responde as


preguntas:

17
CAMIÑO LONGO

Camiño, camiño longo,


camiño da miña vida,
escuro e triste de noite,
e triste e escuro de día...
camiño longo
da miña vida!

Vereda*, vereda torta


en duras laxes aberta,
arrodeada de toxos,
crebada polas lameiras...
vereda torta,
ti onde me levas!

Camiño, camiño longo.


A choiva, a neve e as silvas
enchéronme de friaxe,
cubríronme de feridas...
camiño longo
da miña vida!

Vereda, vereda fonda


de fontes tristes, sin* ágoa*;
sin carballos que den* sombra,
nin chouzas que den pousada...
vereda fonda
ti cando acabas!

*palabras non normativas

Ramón Cabanillas, en Os nosos versos, Xerais, 2003.

18
MES DE XANEIRO

Mes de xaneiro. Vai frío.


Tremen as arbres* espidas.
A lúa chove no río.

As sombras das bidueiras,


nos vellos camiños, baixan
beber a lúa ás poceiras.

Alá no meu corazón


ruxe* a represa de lúa
dos muíños da emoción.

—Ai quen puidera afogar


o corazón dolorido
na represa do luar!

*palabras non normativas

Aquilino Iglesia Alvariño, en Os nosos versos, Xerais, 2003.

19
Funcionamento da lingua
Os sintagmas

Un sintagma é unha palabra ou un conxunto de palabras que forma unha unidade.

Repara nos seguintes exemplos:

Nos casos anteriores, que representan diferentes clases de sintagmas, existe unha
palabra principal, o núcleo (N), que é o elemento imprescindible do sintagma ( vida,
alta, preto, dorme). Sen estas palabras, cadanseu sintagma carecería de sentido.
Ademais, a maioría dos sintagmas contén, alén do núcleo, outras palabras como
artigos, adxectivos determinativos e cualificativos, adverbios... que funcionan como
determinantes (D) ou modificadores (M).

Segundo a categoría gramatical á que pertence o núcleo, o sintagma pode clasificarse


en:

20
SINTAGMA NÚCLEO EXEMPLO

Nominal (SN) Substantivo / Pronome a leira

Verbal (SV) Verbo cea tarde

Adxectival (S Adx) Adxectivo demasiado feble

case nunca

Como estudaremos
despois, o S Adv pode
levar un adverbio en
Adverbial (S Adv) Adverbio
función de núcleo,
acompañado por
outro(s), en función de
modificador.

21
O sintagma preposicional
Nalgúns casos, o sintagma vai precedido por unha preposición (normalmente a, de, en, por ou
con). Denomínase sintagma preposicional:

Un sintagma preposicional está formado por unha preposición ou unha locución


preposicional (cara a, xunto a/de...), que desenvolve a función de relator (R), seguida doutro
sintagma, o termo (T), que pode ser nominal, adxectival ou adverbial:

O sintagma nominal e o sintagma


verbal

O sintagma nominal (SN) ten como núcleo un nome, un pronome ou unha palabra
substantivada.

Substantivo. Acostuma ser a categoría gramatical que desenvolve a función


de núcleo do sintagma: unha elección exquisita, o xute desviado do futbolista...

Pronome. Xa que esta categoría pode desenvolver as mesmas funcións que o


substantivo, tamén pode ser o núcleo do SN: elas tres, este de aquí...

Palabra substantivada. Ás veces, unha palabra pode adoptar as funcións do

22
substantivo. É o caso dos adxectivos (precedidos do artigo o/a) e os
infinitivos: a grande, aparentar [non vale de nada]...

Como xa dixemos, o núcleo do sintagma nominal pode ir acompañado por unha serie
de complementos:

Determinantes (D). Desenvolven esta función os artigos e os adxectivos


determinativos: a saia, eses regatos, os teus amigos, dezaseis anos...

Modificadores (M). Os adxectivos cualificativos e os sintagmas


preposicionais modifican o núcleo do sintagma nominal: a selva amazónica, o
pucho de Xiao...

Aposicións (Ap). Poden ser substantivos ou sintagmas nominais: o río Miño;


Castelao, polifacético artista rianxeiro, tivo de exiliarse en Bos Aires...

O sintagma verbal (SV) presenta un verbo como núcleo.

O sintagma verbal pode ter como núcleo un verbo en forma persoal ou unha
perífrase verbal:

Ademais, o núcleo do SV pode aparecer só ou acompañado por outros complementos:

Un sintagma nominal (SN): Come os grelos.

Un sintagma adxectival (S Adx): Semella durmida.

Un sintagma adverbial (S Adv): Vivimos lonxe.

Un sintagma preposicional (S Prep): Veñen de Sarria.

23
O sintagma adxectival e o sintagma
adverbial

O sintagma adxectival (S Adx) é aquel cuxo núcleo é un adxectivo.

Como noutros sintagmas, o núcleo do sintagma adxectival pode ir acompañado de


dous tipos de modificadores:

Un adverbio de cantidade: moi segura.

Un sintagma preposicional: levados pola cobiza.

O sintagma adverbial (S Adv) presenta un adverbio na función de núcleo.

Como no sintagma adxectival, o núcleo do sintagma adverbial pode aparecer con


algúns modificadores. Esta función pódena desenvolver:

Outro adverbio: case gratis.

Un sintagma preposicional: arriba de todo.

Le o seguinte texto e contesta as preguntas:

Xa debían de ser máis alá das doce da noite, e a Area aínda non a viña visitar Pedro
Chosco. Estaba demasiado excitada coa visita de Ricardo. Neses momentos, o avó

24
estaba a preparar algún remedio caseiro na adega, e ela alí, na cama, por mandato de
súa nai.

Ricardo e o avó apenas cearan. Un petisco de pan e un pouquiño de queixo. Tiñan


présa por arranxar o asunto que se traían entre mans, por iso desapareceran axiña da
cociña. A Area non a deixaron levantar da mesa, e fixéronlle acabar toda a cea, con
sobremesa incluída, para logo mandala á cama sen despedirse sequera do avó.

Na casa de Area, as boas noites seguían un ritual.

Despedíase da nai primeiro, e logo do avó.

Con este gastaba un par de


minutos xogando, e rindo,
que sempre remataban
coas mans do avó
rodeándolle as fazulas
mentres pechaba os ollos.

A nena imaxinaba que o avó


lle estaba facendo entrega
dos seus poderes aos
poucos, para que cando el
fose moi maior, puidese
preparar todas as
apócemas que o vello
coñecía.

Cunha sensación de paz


ben grande, bulía para a
cama, acubillándose baixo
as sabas. Seu pai pasaba
entón polo seu cuarto para arroupala, e asegurarse de que nin un só refacho de aire
podería franquear o muro feito de mantas que lle caían enriba.

De aí a quedar durmida, non pasaban nin cinco minutos.

María Canosa, Druídas, Edicións Embora, 2014.

25
Ortografía
A escrita do s e o x
A letra ese (s) representa sempre o mesmo son (o de cousa, sinal...). Porén, a letra xe
(x) pode representar diferentes sons, dependendo do contexto:

Nas palabras patrimoniais pronúnciase /ʃ/, como en Muxía, eixe, curuxa...

Nos cultismos conserva o valor latino de /ks/, o que presentan palabras como
exame, dióxido, complexo...

Aínda que a tendencia na fala se oriente cara á pronuncia do son /ks/ máis
parecida á do /s/, por ser un son máis cómodo de articular, debemos manter a
diferenza clara e procurar pronunciarmos cada son conforme o estándar da
lingua oral, segundo lle corresponda a cada palabra.

26
Lembra
Cando unha palabra presenta dous x intervocálicos, as normas de ortografía permiten a escrita
do primeiro x como s. Isto acontece en dous casos:

1. O primeiro x ten valor de /ks/ e o segundo, de /ʃ/: osíxeno/oxíxeno, esixir/exixir...

2. Os dous x teñen valor de /ʃ/: asexar/axexar, asexo/axexo...

Así e todo, isto non debería impedir a pronuncia correcta destas palabras. Xa que logo, a opción
máis recomendable sería manter a grafía con dous x en todas as palabras que respondan ao
primeiro dos casos expostos, que veñen sendo a maioría: oxíxeno, exixir, exaxerado...

Ademais, existen algunhas excepcións a esta «licenza» que permiten as normas: axóuxere,
axixilar... (e non *asóuxere, *asixilar...).

Para evitares erros ortográficos, sigue estas indicacións:

Para saber máis...


O topónimo Estremadura escríbese, en galego, con s por ter a súa orixe na palabra estrema
(linde, límite ou fronteira; do latín «Extrema Dorii», isto é, «linde co Douro»).

27
Certas palabras patrimoniais, así como os seus derivados, deben escribirse
con s: escavar, escusa, estraño, estender (mais extensión, extenso...).

Escríbense con x os prefixos latinos:


ex–, que significa «fóra de» (excéntrico) ou «que xa non é» (ex-
directora).

extra–, co significado de «fóra de» (extraterrestre) ou «moi»


(extraordinario).

hexa– ou sex(a)–, que indican «seis» (hexaedro, sexaxenario, sexteto).

Le o seguinte poema e contesta as preguntas:

Abecedarios baleiros
Abecedarios de azar amargurado.
Beixos de baldíos balorentos.
Camposas cansas de cinza cega.
Chairas de chumbo chaguazoso.
Dor de debuxos desfigurados.
Esvaemento de esperanzas ebrias.
Fumes fuxidos de fogaxes fríxidas.
Gándaras de galaxias grises.
Hecatombe de herméticas herdanzas.
Idiomas de idades inaprensibles.
Lentura lene de lánguida laceira.
Mares de macias mágoas mancadas.
Nubes de náufraga nudez.

Outono de olladas orfas.


Poeira de pedra prateada.
Queixume de quietude queda.
Recendos raros de relentos rotos.
Saraiba de sorrisos secos.
Templos temperáns de torpes tentos taponados.
Universos de utopías últimas.
Vales vacíos de vagos vapores vagabundos.
Xardíns xementes de xarope xélido.
Zodiacos de zume zugado que zozobra.

28
Yolanda Castaño, Elevar as pálpebras, en Poetízate, Xerais, 2013.

29
Vocabulario

Apócema
Subs. Preparado ou bebida medicinal, normalmente con base en substancias vexetais
cocidas.

Bardallas
adx. Persoa que fala moito, ás veces de xeito incomprensible ou carente de sentido.

Fazula
subs. Cada unha das partes laterais da cara, debaixo dos ollos, entre o pómulo e o
queixo.

Fitar
vbo. Mirar fixamente.

Nacho
subs. Tipo, individuo, especialmente se é un mozo.

NOTA: Expresión propia do rexistro coloquial, moi característica da zona de Ferrol.


Pódese consultar un breve artigo sobre este tipo de vocabulario propio das xergas
urbanas a partir da sección de Ligazóns.

Petisco
subs. Porción pequena de algo.

Refacho
30
subs. Golpe de vento.

31

You might also like