Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 1

TEMAS SOCIOLINGÜÍSTICA 2º BACHARELATO

TEMA 6. O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas


fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística.

Coa chegada da democracia mudou o marco político. Instaurouse o estado


autonómico, plasmado na aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, no que se recolle o
galego como lingua propia de Galicia e a súa oficialidade. Con este amparo legal comeza a súa
expansión a aqueles ámbitos dos que fora expulsado ou aos que lle fora negado o acceso na
ditadura: administración, ensino, igrexa, empresa privada, mundo da cultura, medios de
comunicación, etc. A partir da década dos 70 desenvolveuse na Universidade un amplo labor
de investigación filolóxica que fixo medrar o grao de coñecemento do idioma e posibilitou a
elaboración dun estándar, imprescindible para a actualización e difusión da lingua. Pero pese
a todo isto, a situación social da lingua dista moito de ser a dunha lingua normalizada.

É evidente, pois, que nos últimos tempos se teñen dado avances cualitativos e
cuantitativos na situación do galego, pero tamén atopamos indicadores sociolingüísticos
negativos que pasamos a analizar.

O indicador negativo máis importante é o proceso de perda de falantes de lingua inicial


galega a prol do castelán, castelanización que é maior segundo nos aproximamos ás xeracións
máis novas, aos hábitats caracterizados como máis urbanos, ás clases sociais máis elevadas e
ás persoas con maior nivel de estudos. A este indicador negativo vense sumar a timidez con
que avanza o proceso de normalización lingüística, motivada en parte por unha moi discutíbel
eficacia institucional, e en parte pola falta dunha sensibilidade lingüística xeneralizada.
Podemos ademais constatar a escasa penetración do galego nos usos públicos desenvolvidos
ou promovidos por axentes de titularidade privada.

Con todo, xunto a estes factores encontrámonos con outros que denotan un avance na
recuperación social da lingua. Nin que dicir ten que, en comparación coas fases precedentes
do idioma, o galego incrementou a súa presenza na vida pública. Tampouco podemos
esquecer o salto cualitativo que supuxo, como xa dixemos, a oficialización da lingua, coa
conseguinte entrada do galego no mundo da educación, e o incremento do seu emprego nos
medios de comunicación de masas. Estas e outras causas, entre as que salienta a proliferación
de colectivos que defenden a normalización (Mesa pola Normalización Lingüística., Pais e nais
polo ensino en galego, Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística., Mocidade
pola Normalización Lingüística, Fundación Galicia-Empresa, AS-PG, etc.), están provocando nos
últimos tempos unha mudanza positiva importante nos códigos de valorización social da
lingua, coas transformacións derivadas no comportamento lingüístico dos galegos e das
galegas. Mais, a pesar de todo, estes factores non conseguen vencer aínda a tendencia
asimilatoria que testemuñan os indicadores negativos anteriormente apuntados.

En resumo, pese á evidente e substancial mellora do marco legal e institucional, a


situación social da lingua galega dista moito de ser a dunha lingua normalizada. Avanza
lentamente o seu uso en ámbitos cultos e formais, pero retrocede rapidamente alí onde se
mantivo firme dende sempre: o mundo rural e mariñeiro e as clases vilegas e urbanas máis
desfavorecidas. O mundo dos medios de comunicación, o do ensino, o comercial e empresarial
son claramente partidarios do castelán. Así, o labor dos intelectuais e grupos políticos e
culturais comprometidos co galego non é quen de contrarrestar os efectos negativos sobre a
saúde da lingua.

You might also like