Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 9

UNIDADE 7: ESPAÑA NA PRIMEIRA METADE DO SÉCULO XX

7.1. As causas da crise da Restauración


- O reinado de Afonso XII.
- A rexencia de María Cristina de Habsburgo.
- O reinado constitucional de Afonso XIII.
7.2. A ditadura de Primo de Rivera
- Directorio militar.
- Directorio civil.
- Fin da monarquía.
7.3. A Segunda República española
- Bienio reformista. A República de esquerdas (abril 1931 - novembro 1933).
- Bienio rectificador de dereitas (novembro 1933 - febreiro 1936).
- A Fronte Popular (febreiro 1936 - xullo 1936).
7.4. A Guerra Civil: causas, desenvolvemento e consecuencias.

7.1. AS CAUSAS DA CRISE DA RESTAURACIÓN


Entre 1875 e 1923, o réxime político de España coñécese como réxime da Restauración
borbónica, vixente no reinado de Afonso XII (1875-1885), a rexencia de María Cristina de
Habsburgo (1885-1902) e o período constitucional de Afonso XIII (1902-1923).

O REINADO DE AFONSO XII.


Tras o pronunciamiento do xeneral Martínez Campos que puxo fin á Primeira República, foi
restaurada a monarquía con Afonso XII de Borbón, fillo de Isabel II. O seu goberno
caracterizouse por:
- A pacificación do reino, derrotando aos carlistas e aos rebeldes de Cuba.
- Novas bases políticas baseadas no turnismo entre o Partido Conservador de Antonio
Cánovas e o Partido Liberal de Sagasta baseado na manipulación das eleccións.
Recorrían ao fraude electoral e aos caciques locais que buscaban os votos para os
candidatos oficiais.

A REXENCIA DE MARÍA CRISTINA DE HABSBURGO


En 1885 morreu Afonso XII e exerce a rexencia a súa nai, María Cristina. Deste período
cómpre destacar:
- A consolidación da quenda pacífica de mutuo acordo (pacto do Pardo).
- O desenvolvemento das organizacións obreiras, tanto das socialistas (PSOE, UXT)
con maior implantación en Madrid, País Vasco e Asturias, como das anarquistas, con
predominio en Cataluña e Andalucía. Tamén se produciron numerosos atentados
anarquistas, entre eles o asasinato de Cánovas en 1897.
- O desastre de 1898 ocasionou a perda de Cuba e Filipinas como consecuencia da
derrota na guerra contra EEUU, que as ocupou temporalmente. Desaparecía así o
imperio colonial español. O desastre orixinou unha corrente intelectual de forte
crítica ao sistema e aos males do país coñecida como rexeneracionismo, na que
destacou o aragonés Joaquín Costa.
- O inicio dos movementos rexionalistas e nacionalistas periféricos que en Cataluña,
País Vasco e Galicia reivindicaban o recoñecemento das súas particularidades
lingüísticas e políticas.

O REINADO CONSTITUCIONAL DE AFONSO XIII


Desde a súa maioría de idade en 1902 e ata 1923 reinou Afonso XIII de acordo cos
principios da Constitución de 1876. En 1923 un golpe de Estado dirixido polo xeneral Primo
de Rivera, e consentido polo rei, estableceu a ditadura. No seu reinado destacan os
seguintes aspectos:
- Incremento do papel do exército na vida pública, ademais das constantes
intervencións do monarca nos asuntos políticos e militares, moitas veces pouco
afortunadas.
- División e disputas internas nos partidos políticos que se alternaban no poder.
- Incremento das forzas opositoras: Nas cidades, os republicanos e os socialistas
gañaban posicións, pero as leis electorais facían que o seu papel fose mínimo. En
1910 sae elixido o primeiro deputado socialista, Pablo Iglesias, fundador do PSOE e
da UXT. En 1921 naceu un novo partido, o Partido Comunista.
- O deterioro do sistema, a crecente forza da oposición, o desenvolvemento da
industrialización, a pobreza dos obreiros e xornaleiros, favoreceron o aumento das
protestas e das folgas que foron reprimidas con dureza. A tensión política acadou
extrema gravidade en:
a) A Semana Tráxica de Barcelona en 1909, provocada polo envío de tropas a
Marrocas, situación que orixinou un forte descontento popular (queima de
conventos polo apoio da Igrexa á Coroa e ao sistema vixente) e unha folga
xeral contra o goberno que foi reprimida polo exército.
b) A crise xeral de 1917 que consistiu nunha folga revolucionaria convocada
pola UXT e o PSOE co obxectivo de derrocar o réxime vixente. O goberno
reaccionou cunha forte represión levada a cabo pola Garda Civil e o exército,
novamente.
- O desastre da guerra de Marrocos: a partir de 1904, España conseguiu o
recoñecemento internacional para ocupar o norte de Marrocos. As dificultades do
terreo e a resistencia da poboación fixeron a ocupación lenta e difícil. A crise máis
grave aconteceu en 1921, cando as tropas marroquís derrotaron ás tropas
españolas en Annual, perecendo a maioría dos soldados e perdéndose todo o
territorio ata entón ocupado (desastre de Annual).
En 1923, ante as crecentes críticas contra a monarquía e o exército, o xeneral Primo de
Rivera deu un golpe de Estado que contou coa aprobación do rei, poñendo así fin ao réxime
da Restauración.

7.2. A DITADURA DE PRIMO DE RIVERA (1923-1930)


A inestabilidade e incapacidade dos gobernos liberais, os fracasos militares en Marrocos, os
ataques ao rei (considerado parte responsable do desastre de Annual) e o incremento da
conflitividade social (folgas, atentados anarquistas, pistolerismo patronal) foron os motivos
que xustificaron o golpe de Estado de Primo de Rivera.
Inicialmente contou co apoio do rei e dunha ampla aceptación popular, porque se
presentaba como unha medida excepcional e transitoria para solucionar eses problemas. O
seu pensamento era de base ideolóxica católica e conservadora, matizado pola mentalidade
militar de mantemento da orde e pola influencia de Mussolini. As súas medidas populistas e
autoritarias lograron certos éxitos, pero non solucionaron os problemas existentes.
No seu gobierno, diferéncianse dous períodos:
- Directorio militar (1923-1925): un gobierno formado só por militares. As Cortes foron
disoltas, a Constitución de 1876 quedou suspendida. A orde pública foi restablecida
en gran medida grazas á actuación do Somatén (paisanos armados dirixidos por
militares) e da Garda Civil, pero tamén pola represión de calquera reivindicación ou
manifestación considerada contraria ao réxime. O seu maior éxito foi a finalización
da guerra de Marrocos. Pero tivo que enfrontarse á oposición dos intelectuais,
republicanos, anarquistas e comunistas.
- Directorio civil (1925-1930), un gobierno formado mayoritariamente por civís
vinculados á Unión Patriótica (organización cívica de apoio ao novo réxime) e no que
destacou José Calvo Sotelo. Neste período, pretendeu a instauración dun réxime
político, corporativo e autoritario similar ao de Mussolini, cunha Asemblea Nacional
consultiva formada por representantes das distintas corporacións (concellos,
deputacións, sociedades económicas…). Para potenciar o desenvolvemento
económico tomáronse medidas como: proteccionismo arancelario, formación dos
monopolios dos teléfonos (ITT) e combustibles (CAMPSA), construcción de obras
públicas (ferrocarrís, estradas, pantanos e regadíos…).
En Galicia, a Lei de redención de foros (1926) permitiu ao campesiñado rescatar as
rendas forais e quedarse coa propiedade da terra. Pero o intento de manter a
ditadura incremento a oposición, que esixiu a súa abolición; ademais, tamén
numerosos militares se amosaron contrarios ao réxime. A comezos de 1930,
sentíndose sé e sen apoio do exército, Primo de Rivera presentou a súa dimisión ao
monarca.

A FIN DA MONARQUÍA (1930-31)


Tras a dimisión de Primo de Rivera, Afonso XIII encargou ao xeneral Dámaso Berenguer a
formación dun novo goberno que restablecese o sistema político da Constitución de 1876.
Pero a oposición á monarquía e a idea dunha España republicana ía en aumento. En
Galicia, en 1930, no chamado Pacto de Lestrove, creouse a Federación Republicana
Galega, liderada por Casares Quiroga para xuntar esforzos en prol da república. En agosto,
distintas personalidades políticas (republicanos, nacionalistas cataláns, socialistas)
reuníronse e comprometéronse no Pacto de San Sebastián a derrocar a monarquía e
establecer a república.

7.3. A SEGUNDA REPÚBLICA ESPAÑOLA


A comezón de 1931, un novo goberno, presidido por Juan Bautista Aznar, convocou
eleccións municipais para o 12 de abril que deron triunfo, na maioría das cidades e vilas, ás
candidaturas antimonárquicas. O 14 proclamouse a república e Afonso XIII abandonou
España.
Nela diferéncianse tres períodos, segundo as forzas políticas gobernantes:

- BIENIO REFORMISTA. A REPÚBLICA DE ESQUERDAS (abril 1931 - novembro


1933).
Tras a proclamación da República, o poder foi exercido por un goberno provisional presidido
por Alcalá zamora e formado por republicanos e socialistas. En xuño de 1931 celébranse
eleccións a Cortes constituíntes, que deron de novo o triunfo á alianza gobernante. En
decembro, tras aprobar a Constitución, foi nomeado Alcalá Zamora presidente da República
e Manuel Azaña, xefe dun goberno formado por republicanos de esquerda e socialistas,
quedando fóra os republicanos de dereitas e de centro.
TRANSFORMACIÓN DAS ESTRUTURAS DO ESTADO E A POLÍTICA DE REFORMAS
Iniciadas polo goberno provisional e continuadas polos gobernos de Azaña, puxéronse en
marcha numerosas medidas reformistas coas que se pretendía modernizar a estrutura do
Estado, cambiar as relacións coa Igrexa e mellorar o nivel de vida e cultural da poboación.
Estas reformas afectaban os intereses de grupos acostumados a controlar o poder (
empresarios, terratenientes, militares, eclesiásticos), polo que orixinaron unha forte
oposición, especialmente na cuestión relixiosa. Cómpre destacar:
1. Constitución de 1931: Definía as bases do sistema e da organización territorial:
establecía a soberanía popular, autonomía de municipios e rexións, a separación
entre a Igrexa e o Estado, un amplo recoñecemento de dereitos individuais e sociais
(liberdade de opinión, cultos, asociación, reunión e sindicación, voto feminino,
matrimonio civil, divorcio, dereito á educación e á protección no traballo…) e un
sistema de economía mixta (propiedade privada pero subordinada ao interese
social).
2. Laicismo e limitación do poder da Igrexa: extinción do orzamento do clero,
prohibición ás ordes relixiosas de ensinar e realizar actividades económicas,
expulsión dos xesuítas e secularización dos cemiterios.
3. Reforma do exército: esixindo fidelidade á República, reorganizando as súas
unidades e reducindo o excesivo número de oficiais. Moitos militares se sentiron
molestos. Tamén se creou a Garda de Asalto para controlar a orde pública.
4. Reforma agraria: para aliviar a extrema pobreza en que vivían miles de campesiños.
As leis autorizaban a expropiación de terras, con indemnización, para entregalas aos
campesiños que as estaban traballando, así como cedelas aos xornaleiros, se os
donos non a cultivaban.
5. Reforma educativa: para reducir as elevadas taxas de analfabetismo (30-50%) e
mellorar o nivel cultural. Construíronse numerosas escolas nas que impartir o ensino
primaria obrigatorio, gratuíto e laico.
6. Aprobación da autonomía catalá, que permitiu a Cataluña ter o goberno da
Generalitat desde 1932 presidido por Maciá.

DESGASTE DA COALICIÓN GOBERNAMENTAL


Desde a aprobación da Constitución, a tensión política e social foi en aumento. O goberno
de Azaña tivo que facer fronte, en agosto de 1932, ao intento de golpe de Estado do xeneral
Sanjurjo, apoiado por monárquicos e latifundistas. Os anarquistas realizaron protestas que
foron reprimidas con dureza, destacando a exercida contra os xornaleiros de Casas Viejas
(Cádiz, xaneiro 1933), e que provocou fortes críticas ao goberno.
Paralelamente, produciuse a reorganización das forzas de dereita fundándose, en 1933,
Falanxe Española, por José Antonio Primo de Rivera e a CEDA (Confederación Española
de Dereitas Autónomas), dirixida por José María Gil Robles. Ademais, os republicanos de
Alejandro Lerroux exercían unha dura oposición.
A tensión entre republicanos e socialistas provocou a convocatoria de novas eleccións
xerais para novembro de 1933, as primeiras nas que podían votar as mulleres.

- BIENIO RECTIFICADOR DE DEREITAS (novembro de 1933 - febreiro de 1936).


As eleccións xerais de novembro de 1933 foron gañadas polas forzas de dereitas. O novo
xefe de goberno foi Lerroux, que contou co apoio da CEDA. Este triunfo causou un fondo
malestar entre os republicanos de esquerda e as forzas obreiras, temerosos de que a
República perdese o seu carácter reformista. Neste período destaca:
1. A política rectificadora: paralizando ou desvirtuando as medidas reformistas:
anulación de expropiacións agrarias, obstáculos para aplicar o Estatuto catalán…
ademais concedeuse a amnistía aos implicados no golpe de Estado de Sanjurjo.
Radicalizaranse as esquerdas.
2. A revolución de outubro de 1934. Tivo a súa orixe na crecente dereitización do
réxime. As esquerdas reaccionaron con violencia ante o que consideraban un
ataque ás esencias da Segunda República. O 5 de outubro todo o país quedou
paralizado por unha folga xeral. En Cataluña, a Generalitat sublevouse contra o
Gobierno central, proclamando o Estado catalán dentro da República Federal
Española. En Asturies, as forzas obreiras unidas protagonizaron unha insurrección
armada co obxectivo de lograr o triunfo da revolución social. O Goberno, grazas ao
exército e ás tropas de África mandadas por Franco, conseguiu controlar a situación
(cun tráxico balance: 2000 mortos e 30000 detidos).
3. Desprestixio de Lerroux: A represión vai debilitar Lerroux e o seu partido depende
cada vez máis da CEDA. Dimitirá e son convocadas unhas novas eleccións xerais
en febreiro de 1936. As forzas políticas acudiron agrupadas: as dereitas no Bloque
Nacional e as esquerdas na Fronte Popular.

- FRONTE POPULAR (febreiro de 1936 - xullo de 1936 [abril de 1939])


As eleccións deron triunfo á Fronte Popular, formándose un gobierno con republicanos de
esquerda. Entre os principais feitos destacan:
1. Reinicio das reformas: o goberno decreta unha amnistía que afectou a uns 30.000
presos políticos e restablece as leis anuladas no Bienio anterior. Recuperouse a
política autonomista e iníciase a discusión do estatuto vasco e galego.
2. Aumento da tensión social: anarquistas, comunistas e parte dos socialistas crían
chegado o momento de pór en práctica a esperada revolución social. Pola contra, a
extrema dereita (especialmente a Falanxe, aplicando a lóxica dos puños e pistolas)
enfrontábase coas esquerdas.
3. Conspiración militar: para acabar co gobierno de esquerdas, os grupos
conservadores acudiron ao exército. Baixo a dirección do xeneral Mola, os
conxurados organizaron un plan que consistía en que se sublevase o exército de
África, secundado logo por levantamentos graduados na Península.

A tensión foi máxima a partir do 12 de xullo, cando a extrema dereita asasinou o tenente da
Garda de Asalto José Castillo, como represalia, un grupo de esquerdas de Gardas de
Asalto asasinaron a José Calvo Sotelo. O 17 de xullo de 1936, as tropas do protectorado
español de Marrocos subleváronse contra o goberno da República e ao día seguinte
fixérono na Península. Ao non triunfar por completo, iniciouse a Guerra Civil.

7.4. A GUERRA CIVIL ESPAÑOLA: CAUSAS, DESENVOLVEMENTO E


CONSECUENCIAS.
Para o goberno da Segunda República, a acción dos militares sublevados foi unha rebelión
contra a orde legalemente establecida e contra as reformas da Fronte Popular. Para os
sublevados ou nacionais, foi un Alzamento Nacional para impedir que as medidas
republicanas atentasen contra a súa idea de nación, relixión e propiedade.

A SUBLEVACIÓN MILITAR
Dirixida polo xeneral Mola, comezou o 17 de xullo de 1936 en Melilla. O xeneral Franco
sublevouse en Canarias, pasando rapidamente a África e, desde alí, chegou á Península.
Moitos xefes militares permaneceron leais á República. José Giral, o novo presidente do
goberno entregou armas ás milicias populares.
En Galicia, os militares e gardas civís rebeldes controlaron rapidamente a situación, tras
eliminar as autoridades leais á República.

OS BANDOS ENFRONTADOS E OS APOIOS RECIBIDOS


- Bando dos sublevados: oficiais intermedios do Exército de Terra e a Garda Civil. A
Igrexa católica, que cualificou como unha cruzada contra o comunistmo. As masas
católicas e conservaodras, así como os pequenos e medianos propietarios agrícolas.
Desde o exterior, os estados fascistas de Alemaña e Italia, ademais da ditadura
portuguesa de Salazar, enviaron gran cantidad de armas e efectivos militares
(Lexión Cóndor alemá, Camisas negras italianas, Viriatos portugueses).
- Bando republicano: maioría dos altos xefes do Exército de Terra e a mariñería, a
Aviación e a Garda de Asalto. As masas obreiras urbanas, os xornaleiros agrícolas e
a pequena burguesía. Do exterior: Francia, de modo escaso e intermitente, e a
Unión Soviética co envío de armas, víveres e especialistas. Cómpre destacar o
apoio das Brigadas Internacionais, uns 60.000 voluntarios procedentes de todo o
mundo que viñeron loitar a España contra o fascismo.

DESENVOLVEMENTO DA GUERRA
A ESPAÑA REPUBLICANA DURANTE A GUERRA
Nas zonas controladas pola República faltou unión, ao tempo que tiñan lugar novas
experiencias políticas e sociais.
a) Fragmentación do poder: a sublevación militar provocou a desorganización das
institucións de goberno, ao tempo que a distribución de armas ao pobo incrementou
o poder das organizacións obreiras. Xurdiron numerosos comités, controlados polas
forzas de esquerda (republicanos, socialistas, anarquistas, comunistas…), que
dominaban unha zona e aplicaban o seu ideario. Os motivos de loita de cada un
deles eran diferentes: uns para defender a República, outros para facer a revolución
social, outros para gañar a guerra ao fascismo e despois facer a revolución. Esta
división debilitou a República.
b) Experiencias no Goberno: nos meses iniciais da guerra, o goberno estivo nas mans
de republicanos de esquerda dirixidos por José Giral. Pero en setembro de 1936 o
Goberno presidido polo socialista Francisco Largo Caballero deu entrada a ministros
comunistas e anarquistas; era a primeira experiencia deste tipo nun país occidental.
Sucedeulle Juan Negrín, apoiado polos comunistas; a pesar da política de
resistencia, non logos impedir a derrota, continuos presidiendo o gobierno da
República no exilio ata 1945.
c) Experiencia de revolución social. En Cataluña moitas fábricas e servizos públicos
quedaron baixo o control da CNT obrigando á Generalitat a decretar a
colectivización das industrias e das grandes propiedades rústicas. Nas zonas
agrarias de Aragón e Andalucía, os campesiños, dirixidos pola CNT, o POUM e a
UXT, aboliron a propiedade privada e colectivizaron as terras.

A ESPAÑA SUBLEVADA
A finais de xullo de 1936, os militares sublevados contra a República organizaron en Burgos
a Xunta de Defensa Nacional para coordinar as operacións baixo un mando único.
- Franco, xefe do Estado: nomeado Xefe do Estado e Xeneralísimo dos Exércitos. A
morte de Sanjurjo (que debía voar desde Portugal, onde estaba exiliado, para dirixir
a sublevación), os seus éxitos logrando a axuda de Hitler e Mussolini.
- O novo Estado nacional: A medida que ía gañando a Guerra, Franco anulou as
reformas e leis republicanas e foi asentando as bases do seu poder. En abril de
1937 fusionou todas as forzas que o apoiaban (falanxistas, requetés, monárquicos)
nunha única formación: Falanxe Tradicionalista e das XONS, converténdose no
Caudillo de España nacional, iniciando unha ditadura que duraría case corenta anos.

CONSECUENCIAS DA GUERRA
- As perdas da guerra: o número de mortos superou o medio millón, aos que hai que
engadir os feridos e mutilados. Ademais miles de persoas marcharon ao exilio.
- A represión: Militares e falanxistas desenvolveron unha represión sistemática de
todas as forzas de esquerda, mediante paseos, fusilamentos e xuízos sumarísimos.
Incautacións de bens e graves condenas de cárcere continuaron durante moitos
anos.

You might also like