Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 2

O DISCÓBOLO DE MIRÓN

CATALOGACIÓN
Identificación: Discóbolo, escultura exenta ou de vulto redondo a tamaño natural, que representa un atleta
no momento de disporse a lanzar o disco.
Autoría: O seu autor é Mirón, broncista de recoñecida fama, foi condiscípulo de Policleto e Fidias. Realizou
moitas outras obras, especializándose na representación de atletas e na plasmación do movemento.
Cronoloxía: 460 a.C., século V a.C.
Estilo: Grego clásico. Pertence ó período clásico, séculos V e IV a.C., entre o fin das guerras médicas e a
morte de Alexandre Magno no 323 a.C., máis exactamente ó clasicismo pleno da segunda metade do s. V
a.C., que coincide co goberno de Pericles quen encargou a reconstrución e embelecemento de toda a rocha
sagrada despois da súa destrución polo exército persa de Xerxes no 479 a.C..
Tema: deportivo, o ideal anatómico atlético.
Localización: Museo Nazionale Romano (Roma).
Material: Orixinalmente era unha obra en bronce realizada en partes por fundición coa técnica da cera
perdida, pezas que logo se ensamblaban por soldadura. Ese orixinal non chegou ata nosoutros pero
coñecémolo polas copias romanas, varias en mármore e outra en bronce.
CONTEXTO
O nacemento da cultura e da arte gregas tivo lugar nos séculos IX e VIII a.C., despois do afundimento da
civilización cretomicénica e da invasión do Peloponeso polos Dorios. Neste período inicial recuperouse o
comercio e colonizáronse territorios no extremo occidental do Mediterráneo.
No século VII a.C. o contacto coas culturas exipcia e mesopotámica provocou a eclosión da arquitectura e
da escultura gregas. No século V a.C., tras a vitoria contra os persas nas Guerras Médicas (499-479 a.C.)
iníciase un período de autonomía cultural e artística con epicentro na próspera Atenas de Pericles, e
alcanzouse o máximo esplendor da arte grega.
Desaparecida a ameaza persa a arrogancia ateniense fai que o resto de polis ou cidades-estado
independentes inicien as Guerras do Peloponeso (431-404 a.C.), loitas internas que levaron a decadencia
económica as polis gregas. No século IV a.C. esta situación é aproveitada polos macedonios que, liderados
por Filipo II e posteriormente polo seu fillo Alexandre Magno, unificaron todas as polis gregas e
conquistaron os dominios do Imperio Persa.
A súbita morte de Alexandre Magno, no ano 323 a.C., fragmentou o imperio macedonio en varios reinos, e
a cultura da antiga Grecia trasladouse cara a Oriente, onde floreceron novas cidades como Pérgamo e
Alexandría. Estes reinos orientais reflectiron nas súas creacións artísticas a sólida cultura grega e a
influencia grega chegará ata o século I a.C. cando Roma consegue o dominio de todo o Mediterráneo e
absorbe parte da cultura grega.
Se a base artística está na arte prehelénica de Creta e Micenas, Grecia aporta o antropocentrismo (“o
home é a medida de todas as cousas” dixo o filósofo Protágoras), o pensamento crítico como principio
reitor do saber e a consecución da beleza ideal por medio da proporción, o equilibrio e a harmonía.
No campo da escultura está presente a influencia exipcia nas primeiras esculturas, pero desde aí os
escultores avanzan na procura do movemento, da expresión de sentimentos, da beleza por medio da
idealización (a beleza é medida, proporción e harmonía) e do volume. Os principais escultores dista etapa
son Fidias, Mirón e Policleto.

ANÁLISE
Na peza orixinal de bronce conseguíase soster a figura sen empregar ningún tipo de soporte. En cambio, a
copia que estamos a analizar, foi realizada en mármore, por iso a necesidade do apoio en forma de árbore.
O Discóbolo é a imaxe dun atleta mozo, Xacinto, convertido en heroe por morrer ó facer o lanzamento nuns
xogos dedicados ao deus Apolo, pero en modo algún se corresponde co seu retrato, mais ben é a
materialización do home perfecto, unha figura simbólica, en definitiva o HOME. A elección dun atleta como
tema escultórico principal non é estraña. Na época, ademais das divindades, os atletas, que gozaban de
gran fama, eran presentados como modelo de beleza ideal. Como atleta vai nu e como heroe tamén os pés
están descalzos, recorda pois os kuros arcaicos pero a partir desta semellanza ningunha outra os conecta,
pois rompe os principios básicos de frontalidade e rixidez da escultura arcaica e reflicte a inquietude do
artista por mostrar o movemento, é dicir, movemento fronte a repouso. Visto de perfil, o corpo describe un
“S” que compón a figura de arriba a abaixo e que se combina co arco que describen os brazos estendidos.
A disposición é moi atrevida. O autor escolle o instante previo ó lanzamento, un instante fugaz cando o
atleta co disco na man dereita o impulsa cara a atrás, para voltealo de contado con rápidos xiros. No
instante seguinte dará un paso adiante e deixará saír o disco. Os músculos están tensos, preparados para a
acción, o movemento está contido ó tempo que o rostro expresa máxima concentración. O corpo inclínase
e apoia firmemente no chan a planta do pe dereito e as dedas do esquerdo. Da elección do momento
deriva a composición. Unha composición complexa, aberta, marcada por unha curva en espiral, ou zigzag,
que vai do brazo dereito á perna do mesmo lado, contrapesada polas liñas quebradas de brazos e pernas
coas que logra a estabilidade. O equilibrio compositivo ven dado pola disposición de dous arcos simétricos:
un desde a man dereita pasando polos ombreiros e a man esquerda ata o pe esquerdo apoiado no chan
sobre as dedas; o outro parte da cabeza pasa polo torso e prolongase ata o pe dereito afirmado
plenamente no chan. A habilidade de Mirón para equilibrar a composición é evidente. Esta ordenación das
liñas en movemento denomínase rhytmos.
Todo isto elimina a frontalidade e multiplica os puntos de vista aínda existindo unha visión principal que é a
única que posibilita a percepción plena da obra, de feito a parte posterior amosa un costado en curva que
pouco aporta. Pervive pois unha certa bidimensionalidade da escultura non liberada totalmente do seu
carácter de relevo. A anatomía está moi traballada, marca fielmente todos os músculos en tensión que
participan no exercicio atlético, se ben con sobriedade e quizá cunha musculatura un tanto plana, pero con
detalles de gran realismo como as dedas dobrada ó apoiarse no chan ou a tensión muscular do ombreiro
dereito e a cadeira. A esfericidade da cabeza responde ó ideal de forma xeométrica perfecta para a parte
máis nobre do home: a esfera. O cabelo ordenase nun peiteado de pequenos e pouco voluminosos
guechos, algo xeometrizados pero tratados de xeito realista. Pola súa banda, o rostro de corte oval non
amosa expresión algunha (hieratismo), está nunha actitude seria, sen o antigo sorriso arcaico, serea e
desconectada do esforzo que supón a acción, algo habitual no clasicismo que busca o equilibrio harmónico
entre interior e exterior. Apuntar que o orixinal en bronce coa luz que esvaecería sobre as súas superficies
daría uns resultados que as copias non aportan. En síntese, á herdanza do pasado Mirón (con influencia dos
vasos de cerámica pintados) engade apuntes novidosos: maior complexidade compositiva, maior
naturalismo, reinterpretación da temática, conquista do movemento, equilibrio emocional, proporción a
través do canon e a harmonía.

You might also like