Comentarios Textos Colonizacións H Antiga P Ibérica

You might also like

Download as pdf or txt
Download as pdf or txt
You are on page 1of 9

Historia Antiga da Península Ibérica

Grao en Historia. USC. Curso 2017-2018

ALUMNO: GONZÁLEZ LÓPEZ, ANTONIO GRUPO: 1-B

TESTEMUÑOS LITERARIOS DAS COLONIZACIÓNS


- COMENTARIO -

Unha das fontes de información coas que contamos para ilustrar os tempos das
presenzas coloniais de fenicios (e púnicos ou cartaxineses logo) e gregos na Península
Ibérica entre os séculos VIII e III a.C. son os testemuños literarios que autores gregos e
romanos nos deixaron. Durante bastante tempo, dende que se iniciaran no século XIX
os estudos sobre a Antigüidade peninsular, estes testemuños literarios eran considerados
como a fonte principal de coñecemento desta etapa, pois houbo que agardar a que
avanzase a investigación arqueolóxica para poder contrastar o que dicían as fontes co
que dicía o rexistro material e, deste xeito, poder avaliar mellor a información. Noutra
orde de cousas, os avances da crítica literaria destes textos e do coñecemento do
imaxinario antigo dentro do cal os temos que comprender, son factores indispensables a
considerar para realizar este labor de avaliación da información que nos proveen. Tendo
isto en conta como punto básico de partida, a continuación procede o comentario de
diversos fragmentos de distintos autores que, a modo de exemplos, serven para dar
conta do tipo de informacións que tratamos á hora de intentar reconstruír o proceso
histórico de colonizacións de fenicios, púnicos e gregos no Sur e no Levante da
Península Ibérica en época prerromana, que en liñas xerais enmarcamos entre os séculos
VIII e III a.C. (dende a colonización fenicia ata a Segunda Guerra Púnica, que marca o
inicio da presenza romana).

O primeiro documento obxecto deste comentario é un pequeno fragmento


atribuído a Salustio (Gaio Salustio Crispo) historiador e político romano que viviu entre
os anos 86 e 34 a.C., autor de obras como a Conxuración de Catilina (De Catilina
coniuratione), a Guerra de Iugurta (Bellum Iugurthinum) e as Historias (Historiae), que
narraban a historia de Roma comprendida entre os anos 78 e 67 a.C. O fragmento que
aquí comentamos pertence á Guerra de Iugurta, con ocasión da mención que fai sobre a
fundación de Hipona, Hadrumento, Leptis e outras cidades no Norte de África por parte
dos fenicios. Aparte da mención en si, o significativo do fragmento, o que resulta máis
interesante, é a explicación das causas ou motivos polos que os fenicios fundaron estas
colonias, concretamente «unha parte por remediar o exceso de poboación da súa patria e
outra por ambición de poder, atraéndose á plebe e outros elementos desexosos de
cambiar a súa situación». Estanos presentando, por un lado, as causas ou motivos: a) o
exceso de poboación na metrópole (Fenicia, ou Tiro en concreto como gran promotora),
que provocaría un desequilibrio entre poboación e recursos (clásico desequilibrio
malthusiano); e b) a ambición de poder, da que se derivaría unha política expansionista.
Por outra parte, fala tamén da estratexia política que as autoridades promotoras das

1
empresas colonizadoras terían levado a cabo para lograr os seus obxectivos, e consistiría
esta estratexia en procurar unha opinión pública favorable, o apoio popular (da plebe), e
en especial en conseguir apoios de sectores sociais que buscasen obter beneficios desa
política (aínda que, se facemos caso do que o sentido común nos poida dicir,
probablemente fosen eses «elementos desexosos de cambiar a súa situación» os que
favorecesen unha hipotética política de colonizacións; entón serían quizais máis ben xa
adeptos á causa que apoios que tivesen que procurar...). Así conseguirían os medios ou
recursos humanos necesarios para a colonización.

O fragmento, como está extraído dunha obra máis extensa, aparece cortado e non
nos dá unha referencia cronolóxica que poidamos tomar para ver cando dicían que se
fundaran esas colonias. Pero, á vista do contido, esta indeterminación non é o máis
importante do fragmento. O realmente interesante é considerar, como adoita acontecer á
hora de analizar un relato histórico (da época que for), ata que punto o autor se ve
condicionado polo seu contexto inmediato á hora de realizar o seu relato dos feitos do
pasado. E, neste caso, o sesgo do presentismo parece ser bastante importante.
Detectámolo no vocabulario («plebe») e no razoamento que fai, no discurso que
defende. Explica as causas da colonización dende a óptica dun romano do século I a.C.,
nun momento en que a Roma republicana xa viviu momentos de tensión (intentos de
reforma agraria, guerras civís, etc.): os políticos romanos eran conscientes da
necesidade de «atraerse á plebe» e, máis aínda, tiñan a «ambición de poder» sempre
presente, pois era o que movía en maior medida os cambios políticos que se producían.
E, case que nin que dicir ten, que a experiencia do imperialismo romano está
determinando tamén o discurso. Así pois, o presente que vive Salustio fai que traslade
esa visión do funcionamento da política a unha situación, a de Tiro, Fenicia e a
colonización da cunca do Mediterráneo, que non necesariamente se ten que parangonar
coa da Roma do século I a.C. A isto hai que engadir outras consideracións, comezando
pola distancia temporal que separa ó autor dos feitos que refire, e polo que deducimos
que se ten que apoiar necesariamente en informacións de autores anteriores, os cales
non temos que supoñer que coñecesen mellor o tema do que falaban ca Salustio. Por
outra parte, o recurso á explicación do exceso de poboación como causa do impulso
colonizador, que é verosímil e non temos por que descartala, non deixa de lembrarnos
ao caso da colonización grega, da cal xa os autores gregos referían a stenochoria
(literalmente, «estreiteza de terras», escaseza de terras) como causa principal. Así pois,
poden ser varias as analoxías que Salustio fai. Finalmente, outra das informacións que
nos dá é a de que as colonias citadas (Hipona, Hadrumento e Leptis) «prosperando en
breve tempo, foron unhas fortalezas e outras gloria da súa metrópole», o cal dá conta do
éxito da colonización. Como non nos dá datas, non sería necesario traer aquí o contraste
das datas que nos dá a arqueoloxía para estes establecementos; non obstante, é
interesante referir que os autores antigos manexaban datas remotas para a fundación de
diferentes cidades (para o século XII a.C., cara ó 1100 a.C. para Utica e Leptis Magna,
por exemplo), cadrando as respectivas fundacións dentro dos relatos tradicionais sobre
as orixes do mundo coñecido que remontaban a tempos heroicos, nos que marcaba un
fito fundamental a Guerra de Troia, á que máis adiante teremos que facer referencia. As
historias dos antigos, polo tanto, non as podemos desmarcar de ningún xeito do
imaxinario mitolóxico que compartían gregos e romanos. A arqueoloxía, pola súa parte,
dános datas máis recentes para a fundación dos establecementos coloniais, sendo os
niveis máis antigos do século IX a.C. ou posteriores.

2
O segundo documento que nos ocupa é un fragmento da célebre Historia
Natural (Historia Naturalis) de Plinio o Vello (Como, 23- baía de Nápoles, 79 d.C.),
que pasou á historia como o naturalista por antonomasia da Antigüidade, e que foi
tamén oficial da administración imperial, comezando como procurador na Narbonense
en época de Vespasiano e rematando como comandante da flota imperial que tiña base
en Miseno, no momento en que se produciu a erupción do Vesubio. A Historia Natural
de Plinio, en trinta e sete libros, pasa por ser a primeira enciclopedia da natureza
concibida como tal, abarcando a descrición do universo e do mundo, o home, os reinos
animal e vexetal coa farmacopea deles derivada, e o reino mineral, con excursos sobre
aspectos variados da organización social e da actividade humana (as artes, etc.). 1 No
fragmento aquí traído en cuestión, Plinio fai referencia ao oppidum de Lixus en
Mauretania, na costa do Norte de África (actual Marrocos) onde «hai tamén unha malva
arbórea», «lugar onde antes estiveron, segundo se di, os hortos das Hespérides a
douscentos pasos do Océano, xunto ao templo de Hércules, que din que é máis antigo ca
o gaditano». Temos, pois, en primeiro lugar, a referencia a un lugar concreto, Lixus,
hoxe xacemento dunha fundación de orixe fenicia que data do século VII a.C., e que
logo pasaría ao dominio cartaxinés, e que sería un posto comercial importante para a
navegación do Atlántico, e que, na época do emperador Claudio, sería un relevante
porto exportador de garum, aceite de oliva e sal. A partir desta referencia concreta dun
lugar xeográfico identificable, no fragmento faise unha relación cun famoso lugar da
xeografía mitolóxica: os hortos das Hespérides, que eran unhas ninfas que coidaban un
xardín idílico de árbores froiteiras ―pertencente á deusa Hera― nun afastado punto do
Extremo Occidente. Plinio sitúao, como outros autores, no Norte de África, pero había
outros, como Estrabón, que o situaban en Tartessos. Dende a xénese do mito ata que se
colonizou e coñeceu en maior detalle esa área xeográfica ignota para os máis antigos,
observamos como aqueles coñecementos xeográficos mitolóxicos non se deixan de
lado, senón que se intentan cadrar coa xeografía real, física, do novo espazo colonizado
e coñecido. Isto, que podemos considerar como unha manifestación da interesante
actitude intelectual que adoptaban aqueles autores (interesante e comprensible en
correspondencia co imaxinario da época), é en esencia a constante que temos que
analizar e non perder de vista á hora de avaliar este tipo de informacións xeográficas e
históricas. Plinio danos incluso unha distancia precisa: «a douscentos pasos do Océano»
e outra referencia importante: «xunto ao templo de Hércules, que din que é máis antigo
ca o gaditano». En Lixus identificáronse varios templos, sendo, segundo sinala
Blázquez, o máis antigo o identificado como Templo H, que estaría consagrado a
Melqart (ou Melkart) e cuxos materiais arqueolóxicos datan dos séculos VII-VI a.C.;
sobre este primitivo templo levantaríase outro, nomeado como Templo F.2 En Cádiz
había outro templo de orixe fenicia consagrado a Melqart que, coma no caso de Lixus,
sería asimilado a Hércules polos grecorromanos. Segundo a tradición, sería fundado no
século XII a.C. (para a fundación mítica de Cádiz manexábase a data do 1104 a.C.), e se
facemos caso do que nos di Plinio, o templo de Lixus podería ser máis antigo (disque...
o autor demostra non ter total seguridade ao respecto). Podería encaixar, dentro do
relato mítico das orixes, ao situar alí o Xardín das Hespérides, tendo en conta de que o
undécimo traballo de Hércules fora roubarlles as mazás. Fóra deste ámbito mitolóxico,

1
PLINIO, Historia Natural, ed. de J. Cantó, I. Gómez Santamaría, S. González Marín e E. Tarriño,
Cátedra, Madrid, 2007, pp. 9-11 (Introdución xeral a cargo de Josefa Cantó).
2
Cfr. BLÁZQUEZ, J. M., «Los templos de Lixus (Mauritania Tingitana) y su relación con los templos de
ciudades semitas representados en las monedas», en VV.AA., Actas del I Congreso Internacional 'El
estrecho de Gibraltar'. Ceuta, 1987, vol. 1: Prehistoria e Historia de la Antigüedad, Ceuta 1988, pp. 529-
561.

3
polo que á arqueoloxía respecta, o templo de Hércules Gaditano ou Herakleion de
Cádiz, orixinariamente templo de Melkart, podémolo remontar ao século VIII a.C., coa
fundación da propia Gadir, acerca da cal di Domingo Plácido que «aparece como centro
organizador do mundo tartésico dende o período orientalizante dende o santuario de
Melkart».3 Se facemos caso do que di este autor, o asentamento sería anterior ao de
Lixus, aínda que, considerando as diferentes interpretacións que poida haber ao respecto
e o diferente nivel da investigación dun e doutro xacemento (dadas as distintas
condicións: Cádiz, cidade habitada; Lixus, xacemento arqueolóxico típico), nada se
pode afirmar de xeito definitivo ou absoluto.

En terceiro lugar, temos un texto de Veleio Patérculo (19 a.C. - 31 d.C.),


historiador romano que viviu durante os principados de Augusto e Tiberio e que
desempeñou diversos cargos na administración romana (tribuno militar, prefecto,
cuestor, etc.). A súa obra foi un compendio da historia de Roma que abranguía dende a
dispersión dos gregos tralo asedio de Troia ata a morte de Livia Drusila, terceira muller
de Augusto, no 29 a.C. No texto que aquí nos ocupa, Veleio Patérculo danos as
principais referencias cronolóxicas que manexaban os antigos á hora de reconstruír o
relato tradicional sobre as orixes do mundo que eles coñecían, situando a fundación das
principais cidades mediterráneas en relación con grandes fitos, aos que fai referencia xa
ao comezo do fragmento: «cara ó octoxésimo ano despois de tomada Troia, centésimo
vixésimo despois que Hércules abandonara aos deuses...». Considerando agora as
distintas datas nas que os antigos situaban a Guerra de Troia, temos por unha banda a
Eratóstenes, que a sitúa entre os anos 1194 e 1184 a.C.; por outro lado a Estrabón, que a
sitúa cara ó 1250 a.C., e tamén o testemuño epigráfico do Marmor Parium ou Crónica
de Paros, que abarca unha cronoloxía de eventos lendarios, políticos e culturais
importantes sucedidos no mundo grego dende o 1581 a.C. (fundación mítica de Atenas
polo rei Cécrope) ata o século III a.C., e que situaría o citado conflito entre os anos
1218 e 1209 ou 1208 a.C. A cronoloxía que segue Veleio Patérculo é a de Eratóstenes, e
facendo o sinxelo cálculo, teríamos, en relación á Guerra de Troia, o relato duns feitos
sucedidos no ano 1104 a.C.

Os feitos en cuestión dos que nos dá conta son os seguintes: a invasión doria
(suposto movemento de xentes que explicaría un fenómeno de substitución dialectal e
certas descontinuidades culturais que se aprecian no rexistro arqueolóxico, pero cuxa
historicidade non está demostrada), que nese relato das orixes remotas sería o «regreso
dos Heráclidas», a descendencia de Heracles ou Hércules, e que tería como
consecuencia a expulsión da descendencia de Pélops ou Pélope (uns destes
descendentes eran os célebres Atridas); estamos, polo tanto, ante unha explicación
lendaria ou mitolóxica do acontecemento histórico que coñecemos como colapso do
mundo micénico. Neste caso, as datas do relato tradicional parecen coincidir ou
corresponderse bastante coas datas que nos dá a arqueoloxía, e que sitúa o final do
período denominado Heládico Recente cara ó 1100 a.C. Polo tanto, algo de
verosimilitude pode haber. O autor continúa dicindo que tras esa dispersión dos
peloponesios, estes «fundaron Mégara nos límites áticos, entre as cidades de Corinto e
Atenas», no golfo de Exina. A tradición fala de Mégara como cidade doria, de maneira
que esta referencia pode corresponderse en certa medida cunha realidade histórica. Non
cabe, pois, negarlle visos de historicidade a este dato concreto, se ben isto non nos
exime de cotexar con outras fontes e co rexistro arqueolóxico. Seguidamente no texto, e

3
PLÁCIDO, D., Hispania Antigua, Crítica-Marcial Pons, Madrid, 2009, pp. 3-4.

4
sendo a parte que aquí máis nos interesa, Veleio Patérculo dinos o seguinte: «Neste
tempo tamén, a armada tiria, a máis poderosa do mar, no último recuncho de Hispania,
termo extremo do noso mundo nunha illa rodeada polo Océano, separada do continente
por un angosto estreito, fundou Gades. Poucos anos despois Utica foi fundada en África
polos mesmos». En primeiro lugar, estanos referido a Tiro como unha potencia mariña,
coma unha das míticas talasocracias deses tempos, o cal dá conta da súa prosperidade e
da magnitude que podía ter a presenza dos fenicios no Mediterráneo. En segundo lugar
dinos, e isto pode reforzar a idea anterior, que chegaron ao extremo do mundo coñecido
e fundaron alí a Gades, Gadir en fenicio, e ademais danos o emprazamento da mesma:
nunha illa rodeada polo Océano (polo tanto, no Atlántico, alén do Estreito de Xibraltar
ou Columnas de Hércules) e separada do continente por un angosto estreito, dándonos
así un dato sobre a xeografía ou xeomorfoloxía do lugar naquel momento, que variou,
pasando de ser as Illas Gadeiras a ser a península de Cádiz, polos procesos de recheo
que se produciron ao longo dos anos debidos a diversos factores naturais e antrópicos.
Finalmente, dinos que poucos anos despois os mesmos tirios fundaron Utica ou Útica,
para cuxa fundación mítica Plinio dá a data de 1101 a.C. Porén, os indicios
arqueolóxicos adiantan a fundación a como moi pronto o século IX a.C., mentres que
para Cádiz a cronoloxía da ocupación máis antiga séguenos situando no século VIII a.C.
Non obstante o desfase cronolóxico existente entre tradición literaria e evidencia
arqueolóxica, podemos concluír, por canto levamos referido acerca deste fragmento, que
o testemuño de Veleio Patérculo non deixa de ser un dos máis interesantes e valiosos
para o estudo destes feitos afastados no tempo.

Un cuarto documento que se relaciona cos anteriores e que, por non incorrer en
repeticións innecesarias imos referir brevemente, é a referencia que nos dá Plinio sobre
o templo de Apolo en Utica, «onde as vigas de cedro numídico duran tal como foron
postas no principio desta cidade hai mil cento setenta e oito anos», cita que nos dá a
data antes sinalada na que el situaba a fundación de Utica. Supoñendo que escribira iso
no 79 d.C., ano da súa morte, facendo a conta resúltanos a cifra antes sinalada. Por outra
banda, e por moito prestixio que tivera a madeira dos bosques de Numidia, podemos ser
altamente escépticos á hora de crer que durasen tanto tempo incólumes as vigas do
templo, a non ser que fose tratada esa madeira con algún produto milagroso que
descoñezamos... Tamén podemos considerar que a esaxeración ou hipérbole é un
recurso literario ao que poucos autores se resistiron a acudir ao longo da historia.

Continuando con esta revista a algúns testemuños literarios significativos acerca


da colonización fenicia do Mediterráneo e para o caso concreto da Península Ibérica,
temos a achega de Estrabón no libro III da súa Xeografía, dedicado a Iberia. Estrabón,
celebérrimo xeógrafo grego que viviu no cambio de era (ca. 64/63 a.C. - 19/24 d.C.), na
época coñecida como a Pax Romana ou Pax Augusta, viaxou por boa parte da terra
coñecida daquel momento (ecumene), o cal lle permitiu, xunto ao recurso a outros
autores anteriores, realizar descricións detalladas do mundo do seu tempo. Non
obstante, non puido chegar a visitar tódolos lugares dos que falou na súa obra, e tal é o
caso da Península Ibérica, cuxo retrato tivo que facer a través do que dicían dela
terceiros autores, como o tamén xeógrafo Posidonio (ca. 135 - 51 a.C.). A Xeografía de
Estrabón dátase entre os anos 29 a.C. e 7 d.C., pois entre eles tería realizado o seu
periplo. No fragmento que agora corresponde abordar (III, 5, 5) fala da fundación e do
entorno de Gadira ou Gadeira (nome que os gregos daban á Gadir fenicia ou Gades
romano, Cádiz), sen dar referencias cronolóxicas, pero si narrando brevemente as
vicisitudes dos fenicios á hora de fundar un establecemento na zona, e dando as

5
referencias xeográficas esenciais para a súa localización e así mesmo para a relación dos
acontecementos que precederon á consumación do acto fundacional.

Comeza apelando ao que «recordan os gaditanos» para falar das expedicións


previas á fundación da cidade, sendo a causa das mesmas «certo oráculo que segundo
eles lles foi dado aos tirios ordenándolles enviar unha colonia ás Columnas de
Heracles». Esta referencia ao designio dun oráculo non deixa de lembrarnos a outras
historias dos gregos nos que este elemento tiña un papel primordial, e polo tanto
podemos sospeitar que aquí Estrabón quizais nos está dando unha visión demasiado
helenocéntrica (o helenocentrismo non era vicio unicamente seu, senón que é doado de
detectar na maioría dos autores gregos e incluso romanos). Continúa narrando o que
sucedeu nesa primeira expedición dos que «foron enviados para inspeccionar», e con
este dato estanos dando a impresión de que a fundación dunha colonia tiria no Extremo
Occidente formaba parte dunha empresa preparada, en consonancia co que outros
autores nos dicían, caso do primeiro que comentabamos, Salustio, cando falaba das
causas da empresa colonizadora fenicia. O que Estrabón di desta primeira expedición é
que...

...cando estiveron nas proximidades do Estreito de Calpe [Xibraltar],4 crendo que os


promontorios que forman o Estreito eran os límites da terra habitada e da expedición de
Heracles e que constituían o que o oráculo designara co nome de Columnas, detivéronse
nun lugar de acá do Estreito, onde se atopa agora a cidade dos saxitanos [Almuñécar]; e
como queira que, realizando un sacrificio alí non lles resultasen favorables as vítimas,
volvéronse.

As referencias xeográficas que nos dá son fiables. En definitiva, a primeira


expedición non tivo éxito, e atribúe o fracaso a unha causa a miúdo esgrimida polos
gregos e que se basta, pola súa relevancia no imaxinario da época, para explicar o
porqué do fracaso da expedición: fixeron un sacrificio pero non lles saíu ben, así que
tiveron que regresar como viñeran. Tamén aquí fai referencia ao lugar onde estaría Sexi,
hoxe Almuñécar, tamén fundación fenicia, cuxos restos arqueolóxicos máis antigos
están datados no século VIII a.C., coma os de Cádiz.

Segue o relato Estrabón falando dunha segunda expedición na que «os enviados
avanzaron uns mil cincocentos estadios alén do Estreito ata unha illa consagrada a
Heracles situada xunto á cidade de Onoba de Iberia [Huelva], e crendo que estaban alí
as Columnas fixeron un sacrificio ao deus», pero como o sacrificio volveu saír mal,
tiveron que regresar de novo. A referencia a Onoba, en terra de Tartesos, podemos
relacionala cos contactos precoloniais entre fenicios e tartesios que quedaron
evidenciados no rexistro arqueolóxico, e concretamente en Huelva, xa a comezos do
século X a.C. e no IX a.C.5 Tamén cabería valorar o feito de que diga que a illa que
atopan xa está consagrada ao deus Heracles, se temos en conta a asimilación Melkart-
Heracles. A seguinte parte do texto, na que fala da terceira e definitiva expedición (será
casualidade ou terá algo de simbólico o tres para o número de intentos?), xa nos aclara
que fundaron a cidade de Gadira na parte oeste da illa e o templo de Melkart-Hércules

4
A Columna de Calpe é identificada co peñón de Xibraltar.
5
Cfr. MEDEROS MARTÍN, A., «Fenicios en Huelva, en el siglo X a.C., durante el reinado de Hiram I de
Tiro», SPAL, nº. 15, 2006, pp. 167-188; GÓMEZ TOSCANO, F., «Huelva en el año 1000 a.C., un puerto
cosmopolita entre el Atlántico y el Mediterráneo», Gerión, 27, 2009, pp. 33-65; GONZÁLEZ DE
CANALES, F.; SERRANO, L. e LLOMPART, J., «Las evidencias más antiguas de la presencia fenicia en
el Sur de la Península», Mainake, XXVII, 2006, pp. 105-128.

6
na parte oriental. Estrabón remata neste fragmento facendo unha valoración crítica
acerca do que pensaban os diferentes autores sobre estes lugares que nos está situando
no seu mapa, explicando o porqué dos erros que cometen algúns autores anteriores ao
situar un fito xeográfico tan importante como son as Columnas:

Por isto, cren uns que as Columnas son os promontorios do Estreito, outros que Gadira,
e outros que están situadas aínda máis alá de Gadira. Algúns supuxeron que as
Columnas eran Calpe e Abílix, a montaña situada fronte a Calpe en Libia, a cal di
Eratóstenes que se eleva no Metagonio [Cabo Tres Forcas], un pobo nómade; outros,
que eran os illotes próximos a unha e outra montañas, a un dos cales dan o nome de
Hera.

Estrabón non remata dicindo rotundamente cal destas opinións é a correcta (el
fala do Estreito de Calpe, non das Columnas, e por tanto, ao non situalas, dá a impresión
de que as mantén como un lugar cuxo problema de localización non está aínda
resolto...). Polo que nos conta sobre Gadira, parece que admite a identificación das
Columnas con Calpe e Abílix, unha montaña en Iberia e outra en Libia (termo co que
designaba toda África), e para rematar a lista de referencias xeográficas que nos dá,
recorre a un autor anterior, unha autoridade, Eratóstenes.

*****
SEGUNDA PARTE

O segundo grupo de textos obxecto destes comentarios sitúanos nun momento


máis avanzado da presenza colonial, agora de púnicos e gregos, na Península Ibérica.
Pese a que, polos avances da investigación, hai que matizar a visión que as teses
tradicionais daban sobre o século VI a.C., no que o sistema colonial fenicio atravesaría
unha etapa de crise, pois na actualidade parece que se tende a falar máis de
reorganización que de crise, de fin do funcionamento dos circuítos comerciais
tradicionais, baseados dos metais. Autores como Carlos González Wagner e María
Eugenia Aubet aportaron nas últimas décadas visións matizadas do que aconteceu no
século VI a.C., fronte ás teses tradicionais que atribuían os cambios identificados como
signos de crise do sistema colonial fenicio á caída de Tiro fronte ó Imperio Asirio no
573 a.C. e, logo, á suposta emerxencia de Cartago como potencia hexemónica a partir
do I Tratado Roma-Cartago.

O primeiro texto a comentar referido a esta segunda etapa (Doc. 6) resulta un


tanto desconcertante: fala dunha «última colonización de Roma ou como sexa preciso
chamala» da cal «o siciliano Timeo», referido seguramente a Timeo de Tauromenio
(Taormina, ca. 350 a.C. - Siracusa, ca. 260 a.C.), «afirma (usando non sei que canon)
que se produciu á vez que a fundación de Cartago, trinta e oito anos da primeira
Olimpiada». Sen que nestes momentos poidamos saber a que colonización de Roma «ou
como sexa preciso chamala» se refire, o que máis nos interesa é que nos dá a data mítica
de fundación de Cartago, trinta e oito anos despois da primeira Olimpiada, é dicir, trinta
e oito anos despois da tradicional e convencional data do 776 a.C., o cal feito o cálculo
nos sitúa no 814 a.C. Unha vez máis, temos un feito histórico mítico ou lendario situado
en relación a outro fito, como é o da data na que supostamente se celebraron os
primeiros Xogos Olímpicos, e que marca o inicio do calendario olímpico, a primeira
Olimpiada. Xa que o autor do texto fala de Timeo en terceira persoa, e aínda parece
cuestionar a información que dá «usando non sei que canon», non é lóxico atribuírlle a
autoría do texto ao mesmo Timeo.

7
No seguinte texto (Doc. 7), Apiano (ca. 95- ca. 165), historiador romano de orixe
grega, autor dunha Historia Romana que comprendía dende a fundación de Roma ata a
morte de Traxano, dános neste fragmento o relato tradicional sobre a fundación de
Cartago, narrando a lendaria fazaña da raíña Dido, pero dándonos unha data remota,
non acorde coa que daba Timeo do 814 a.C., pero si en correspondencia co relato
romano sobre as orixes que relacionaba, a partir da Guerra de Troia, a romanos con
troianos e cos cartaxineses; relato que, máis que probablemente, se debeu de forxar en
época do enfrontamento contra Cartago, ou máis seguramente despois, a fin de
xustificar o enfrontamento ou as hostilidades habidas entre ambas potencias. Se
tomásemos aquí de novo en consideración as datas que se daban para a captura de Troia
(por exemplo a de Eratóstenes: 1194-1184 a.C.), a fundación de Cartago sería anterior,
cara ó 1230 a.C., século XIII a.C., en todo caso, o cal non pode ser de ningún xeito
validado pola arqueoloxía. Iso si, resulta interesante que diga que foron os fenicios os
que a fundaron, e Apiano dá ademais os nomes dos fundadores: Zoro e Karkhedon, pero
di que os cartaxineses pensan que foi Dido, e iso dálle pé a relatar a argucia da que se
serviu a mesma para poder, segundo a lenda, instalárense os fenicios en territorio
africano: enganounos dicindo que se asentarían no espazo que comprendese unha pel de
touro; ou se non os enganou, eles entenderon mal ou non foron avezados dabondo para
intuír o matiz... «Eles botáronse a rir ante o insignificante da petición fenicia e sentiron
vergoña de negar un favor tan pequeno [...] consentiron en dárllelo e prometérono
mediante xuramento. Os fenicios cortaron a pel en tiras finísimas e colocárona
delimitando o que na actualidade é a acrópole de Cartago», e a esa fortaleza chámaselle
Byrsa.

O documento que segue (Doc. 8) relaciónase co anterior, atribúese ao xa citado


Timeo, e trata sobre a figura da raíña Dido de Cartago, tamén coñecida polo nome de
Elisa. Mostra unha versión diferente nalgúns aspectos respecto ó texto de Apiano.
Apiano di que o home de Dido fora asasinado polo rei Pigmalión de Tiro, mentres que
aquí segundo Timeo engade que ela era irmá de Pigmalión. En calquera caso, a morte
do seu marido parece que foi o que a levou a coller as riquezas que tivese e marchar de
Tiro: «fuxiu cuns cantos cidadáns, soportando moitas desgrazas». Dá a sensación de que
se trata dunha especie de exilio. Narra aquí tamén Timeo a historia do suicidio de Dido,
que preferiu autoinflixirse a morte antes que ceder aos desexos que dela tiña o rei
africano.

Deixando de lado Cartago, regresamos á Península Ibérica da man de Estrabón,


autor dos dous últimos textos obxecto destes comentarios (os números 9 e 10). O
primeiro dos dous textos comeza situando Abdera, tras Sexi, como fundación fenicia na
actual costa andaluza mediterránea, para pasar a adentrarse nas montañas de Iberia,
ámbito menos coñecido ca o da costa e en cuxo tratamento observamos, por unha parte,
a confusión ou mestura entre coñecemento xeográfico e coñecemento mitolóxico, que
non podemos disociar completamente, e que aquí se manifesta co recurso á xeografía
homérica e co recurso a outros autores anteriores ou autoridades. Cita tres: Posidonio,
do que xa falamos antes, Artemidoro de Éfeso, xeógrafo que viviu entre os séculos II e I
a.C., e Asclepiades de Mirlea ou Myrlea, historiador, gramático e astrónomo tamén
grego que viviu pola mesma época que Artemidoro, que di Estrabón que «foi mestre de
letras na Turdetania e publicou unha descrición dos seus pobos». Descrición na que,
polo que nos refire a continuación, quixo ver restos da mítica viaxe ou lendario nóstos
de Odiseo e os seus compañeiros (Teucro, Anfíloco) por terras de Iberia, e nos nomes
dalgúns pobos, caso dos helenos do Noroeste. Podemos comprender isto, en parte, pola

8
fascinación que debían de suscitar os poemas homéricos naqueles autores; e por outra,
polo helenocentrismo que lles facía ver lembranzas de presenza grega onde non tiña por
que habelas.

No derradeiro fragmento que aquí vamos comentar, o nº. 10, Estrabón fala dos
establecementos costeiros do Levante, dende as Columnas de Hércules (o Estreito) ata
certo punto hai poucos, pero a partir del aumentan, sendo este documento o que
esencialmente nos fala da colonización grega da costa peninsular, e concretamente
citando varios establecementos gregos: Emporion (actual Ampurias), fundado polos
masaliotas alén dos Pirineos (Marsella, colonia focense) e Rodo, poboado que di que
pertence tamén aos emporitanos «aínda que algúns afirman que é fundación dos
rodios», seguramente inducidos a equívoco polo topónimo. Sobre Emporion, distingue
unha Cidade Antiga situada nunha pequena illa da costa na que vivían antes os
emporitanos, e a cidade da que fala el xa en terra firme, que di que é dobre, dividida por
unha muralla medianeira, e esa situación atribúea a un momento no que viviron alí os
indicetes, aos cales había que separar dos gregos. A arqueoloxía, polo momento, non
puido encaixar estas informacións de Estrabón.

*****

En definitiva, ao detérmonos no comentario de todos estes textos, concluímos


que observamos neles informacións de diverso tipo, que responden a lóxicas ou
imaxinarios distintos e que, en conxunto, nos proporcionan moitas veces en pouco
espazo datos valiosos que non debemos desestimar á hora de tratar de elaborar un relato
verosímil e coherente sobre o pasado antigo.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2017.

Antonio González López


Grupo 1-B

You might also like